Marín: presentación de Beleza vermella, de Arantza Portabales

O 18 de outubro ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Marín (Avenida de Ourense, 6), preséntase Beleza vermella, de Arantza Portabales, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Malores Villanueva, María Ramallo, Itzíar Álvarez, Susana Pedreira, Antón Sobral e Ramón Rozas.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 6 de xullo

O 6 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Falando de libros con… Elba Pedrosa e Selina Otero. Modera Malores Villanueva. Sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
18:00 h. Tito Pérez asina O latexar do barrio, publicado por Do Peirao, na caseta de Nobel.
18:30 h. Brinca vai! De aquí para acolá, con Paco Nogueiras.
19:00 h. Sinatura de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka, na caseta de Libros para soñar.
20:00 h. Presentación de Sulagar o soño, de Montserrat Villar González, publicado por Lastura. Participa Carlos Da Aira.

Unha novela coral e rebelde permite a Xosé Ricardo Losada gañar o II Premio Viadutos de Novela

Desde Fervenzas Literarias:
“Reunido nas dependencias municipais de Redondela, o xurado do II Premio Viadutos de Novela decidiu declarar gañadora a obra A casa xunto ao volcán que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Xosé Ricardo Losada.
O xurado, composto polas escritoras Iolanda Zúñiga e Anna R. Figueiredo (gañadora da pasada edición), a xornalista María Jesús Argibay, a profesora Patricia Arias Chachero, a editora Malores Villanueva, e técnica de Xuventude Sonsoles Lores, como secretaria con voz e sen voto, salientou “destaca a fortaleza dunha voz feminina en construción que evoluciona ao longo do relato na busca da súa identidade”.
En A casa xunto ao volcán, a través da voz dunha adolescente, o autor móstranos o pensamento crítico dunha sociedade na que a filosofía pode e debe ter un papel relevante e necesario. Ponse en valor a importancia do ensino como axente creador de persoas íntegras e libres.
A novela ten unha estrutura tripartita e ben deseñada que condiciona un texto áxil, de doada lectura e fondo pouso.
Xosé Ricardo Losada logra ademais unha voz feminina plenamente crible e sorprendente. A casa xunto ao volcán é unha novela coral e rebelde que invita a cuestionarse a orde social establecida e a unha mesma.
O II Premio Viadutos de Novela está convocado polo Concello de Redondela, a través da súa Concellería de Xuventude, e conta coa colaboración da editorial Galaxia. A casa xunto ao volcán será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da editorial Galaxia.”

Tabela dos libros. Maio de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes do mes, chega a nova Tabela dos libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”