Arquivos da etiqueta: Manuel Álvarez Torneiro
Cuestionario Proust: Modesto Fraga
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Modesto Fraga:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia, a perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sen dúbida, a lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Principalmente tres cousas: comprensión, lealdade e xenerosidade.
4.– A súa principal eiva?
– Son bastante testudo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Estar coa familia, escribir, ler, aprender cada día cousas novas…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pechar algún día a cuadratura do meu círculo vital. Seguindo os consellos do poeta cubano José Martí, xa escribín o libro, xa plantei a árbore…, así que agora ese ideal de felicidade está cada vez máis preto. Haberá que poñerse…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder ás persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ser alguén que tivese o suficiente poder para lograr unha sociedade máis xusta e humanitaria, sen discriminacións nin abusos.
9.– En que país desexaría vivir?
– Vivo felizmente no país dos meus ancestros, Galicia, e síntome orgulloso de pertencer a unha resistente estirpe milenaria. “Eles somos nós”, que diría o poeta Anxo Angueira.
10.– A súa cor favorita?
– Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O caravel, polo que representa simbolicamente para os dereitos e liberdades.
12.– O paxaro que prefire?
– De neno encantábanme os verderolos, os xirís de cabeza negra, os xílgaros. Hoxe en día gústanme todos.
13.– A súa devoción na prosa?
– Xosé Neira Vilas, Manuel Rivas, Gabriel García Márquez, Agustín Fernández Paz e moitos máis….
14.– E na poesía?
– É imposible nomealos todos: Miguel Hernández, Pablo Neruda, Quevedo, Cabanillas, Méndez Ferrín, Manuel Álvarez Torneiro, Xavier Seoane, Rafa Villar, Olga Novo…
15.– Un libro?
– Vou dicir cinco: El rayo que no cesa, Cien años de soledad, Memorias dun neno labrego, Con pólvora e magnolias, Non hai noite tan longa.
16.– Un heroe de ficción?
– Asterix.
17.– Unha heroína?
– Penélope.
18.– A súa música favorita?
– Berrogüetto, Luar na Lubre, ACadaCanto, Sés, Joaquín Sabina e os grandes da música clásica: Puccini, Bach…
19.– Na pintura?
– Velázquez, Miró, Picasso. Dos nosos, Urbano Lugrís, Isaac Díaz Pardo, Quessada, Nolo Suárez…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As mulleres deste país (labregas, viúvas de vivos e mortos…) que, contra vento e marea, foron quen de saír adiante, malia as adversidades.
21.– O seu nome favorito?
– Rosalía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A intolerancia, a soberbia.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia, o abuso de poder, as ditaduras.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Stalin e Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter a capacidade de comprender todas as linguas do mundo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na casa, rodeado dos meus seres queridos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A felicidade. Son moi feliz e afortunado coa vida que teño.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– En ocasións, o mal xenio, o “pronto” dalgunhas persoas.
30.– Un lema na súa vida?
– O esforzo sempre ten a súa recompensa.”
A cerdeira de Xabier P. DoCampo xa medra na Chaira
Desde Sermos Galiza (foto dese mesmo medio), tamén en Praza:
“Con só sete meses Xabier P. DoCampo, nado en Rábade, foi vivir a Castro de Ribeiras de Lea de onde se sitúan as súas lembranzas da infancia, o tempo de máis importancia vital para o escritor. En Castro de Ribeiras de Lea, na Terra Chá, orixínase tamén a súa traxectoria literaria, nos relatos escoitados a seu pai e nos versos e contos que a nai transmitía á pé da súa máquina de coser, onde o cativo Xabier pasaba un feixe de horas. A ese espazo é onde Xabier P. DoCampo escolleu ir para recibir a homenaxe O escritor na súa Terra que este sábado día 21 lle tributou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. “O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia”, dixo o escritor, referíndose tamén á herdanza recibida dos seus pais en forma de literatura oral.
En Castro plantou Xabier P. DoCampo unha cerdeira, a súa árbore preferida, en especial, no seu tempo florido e tamén a árbore que lembra da infancia, cando soñaba poñerse debaixo das súas ponlas a apañar as primeiras cereixas. En Castro inaugurou tamén unha avenida que leva xa o nome do escritor e recibiu a letra E, na forma de escultura de Silverio Rivas. Na Casa da Cultura recibiu o escritor o agarimo dos seus, dos compañeiros e compañeiras das letras que partillaron a memoria de infancia de Xabier P. DoCampo e, en especial, do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e do escritor e amigo Agustín Fernández Paz, encargado da laudatio da homenaxe.
En dez mandamentos resumiu Fernández Paz o labor de Xabier P. DoCampo que vai desde unha traxectoria literaria recoñecida até un papel fundamental nos movementos de renovación pedagóxica e de moito compromiso en multitude de iniciativas e plataformas creadas para promover a normalización lingüística. Ademais, bo cociñeiro e excelente amigo co que compartiu, entre outras cousas, moitas películas vistas ao tempo, afección que tamén os une. Compañeiro da que Xabier P. DoCampo definiu como a xeración que volveu a “soñar o país”, Agustín Fernández Paz utilizou o plural para lamentar que agora lles tocara “ver que doado é derrubar todo o que levou tantos anos erguer”.
Malia ese pesimismo compartido, a intervención de Xabier P. DoCampo transmitiu a súa vontade vital de revolta da que tanto saben quen o coñecen e quen sigue a súa traxectoria pública de compromiso permanente co país, a lingua e a cultura. “Ningún esforzo é inútil na defensa da nosa lingua”, dixo, nun discurso que comezou referíndose a súa infancia, evocada pola Chaira como territorio literario creado por Manuel María -segundo defende- e como territorio vital que remite aos seus primeiros anos, ao tempo do neno da escola rural que se ía facer escritor empurrado pola lingua e as historias que escoitou naquela terra. O amor á lingua, á nación e a vida presidiron a emocionante intervención do escritor que volveu e levou canda el á República das Letras a Castro de Ribeiras de Sil onde xa medra unha cerdeira que formará parte da paisaxe da Chaira.
Acompañaron no acto a Xabier P. DoCampo entre outros e outras Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Miranda, Manuel Bragado, Álvarez Torneiro, Marta Dacosta, Saleta Goi, David Otero, Xoán Costa, Paco Martín, Celia Torres, Mini e Mero, Carlos Negro, Marica Campo, Carme Pérez Sanjulián, Antón Cortizas ou Mercedes Queixas. Do mundo da política asistiron tamén o responsábel de cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro e as deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán ademais dos alcaldes de Rábade, onde naceu o escritor, e o de Castro de Rei que desexou que da cerdeira naceran tantas cereixas como libros escribiu e escribirá Xabier P. DoCampo. O escritor desexou que foran os merlos os que se aproveitaran do gorentoso froito.”
Compostela: presentación de Onde nunca é mañá, de Manuel Álvarez Torneiro e Estrela do norte, de Luís Rei Núñez
Manuel Álvarez Torneiro: “Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas”
Entrevista a Manuel Álvarez Torneiro en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Vivir na Coruña Tardaches moito en publicar -pasados os 50 anos- pero en pouco tempo fuches quen de artellar unha obra moi ampla, con moitos títulos e moi persoal…
– Manuel Álvarez Torneiro (MAT): Si que tardei, tanto que eu pensei que xa non publicaba, que quedaría todo no silencio absoluto. Pero unha cousa é escribir e outra publicar. Se non publicas parece que non traballas, escribes e metes no caixón. Cando eu comecei a publicar abrín o caixón, miraba o que valía e o que non. Non todo o que fas é bo, eu teño moito poema feito que non me atrevería a publicar. Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas. A min interesábame publicar por non desperdiciar o traballo que tiña feito, tiña ganas de dicir algo. Presenteime a premios de poesía como o Esquío ou os Premios de Poesía Miguel González Garcés -gañou ambos en dúas ocasións- máis que pola recompensa en metálico, porque a obra do gañador sería publicada. E así foron saíndo os libros. Non chamei ás portas de ningunha editorial. (…)
– VNC: Música e poesía adoitan ter unha relación moi íntima na túa obra, e esta non é menos…
– MAT: Para min a música é todo. A arte das artes. Pero é curioso que nunca escribo escoitando música, téñoa gravada dentro de min. Neste sentido son moi selectivo, amigo do clásico, Schubert que é un constante na miña obra, Mozart, Beethoven…
– VNC: Os teus versos son claros, abertos, pero ao tempo profundos. Cales foron as túas referencias?
– MAT: Mira, hai xente que ten a menos as influencias que ten. Paréceme unha falta de humildade tremenda. O que hai que ter é influencias boas, non malas. Eu bebín moito de Pablo Neruda, é meu mestre, el foi quen me destetou e mostrou o que era a poesía. Tamén de César Vallejo aprendín moitísimo. Non podemos esquecer tampouco os clásicos, non se pode saltar o baleiro sen máis, deles aprendín a expresión, a medida do verso, a profundidade, a transcendencia que pode ter un poema… A xeración poética do 27 foi magnífica. Todos estes autores chegábanme porque falaban do meu tempo, do meu entorno e da realidade que eu vivía. (…)”
A Coruña: recital de Manuel Álvarez Torneiro e Adonis no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
9 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Manuel Álvarez Torneiro e o poeta sirio Adonis. Máis información aquí: Folleto Di(n)versos xuño 2014.
A Coruña: presentación de Onde nunca é mañá, de Manuel Álvarez Torneiro
O poeta Manuel Álvarez Torneiro presenta Onde nunca é mañá
Tabela dos Libros de maio, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega outra volta a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boa lectura!»
Taboleiro do libro galego (XXII), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a cuarta entrega deste 2014 do Taboleiro do libro galego, que recolle, segundo os datos obtidos de doce librarías consultadas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes de abril. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Librouro, Suévia, Carricanta, Casa do Libro (Vigo), Cartabón, O Pontillón, Andel, Aira das Letras, Paz, Trama, Abrente e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
3º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais.
4º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Edicións Xerais.
5º-. Nunha presa de terra, de Paco Castro, Laiovento.
POESÍA
1º-. Moda galega reloaded, de María Reimóndez, Positivas.
2º-. Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, Edicións Xerais.
3º-. Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, Galaxia.
4º-. Ningún amante saber conducir, de Rosalía Fernández Rial, Positivas.
5º-. Onde nunca é mañá, de Manuel Álvarez Torneiro, Faktoría K.
ENSAIO-TEATRO
1º-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
2º-. Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, Através.
3º-. Vida e obra de Xosé María Díaz Castro, de Armando Requeixo, Galaxia.
4º-. Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña, Edicións Xerais.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Ámote, Leo A. Estación de tránsito, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
2º-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
3º-. As meigas de Lupa, de María Solar, Edicións Xerais.
4º-. Dragal III, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, de David Aceituno e debuxos de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Na cociña de noite, de Maurice Sendak (tradución de X. M. González), Kalandraka.
4º-. A bolsa da pita, de María Luísa Mosquera, Primera Persona.
LIBROS CD-DVD
1º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.
3º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
3º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
OUTROS
1º-. Luzes, nº 5, abril 2014.”