As dunas xunta por primeira vez a Manuel Lourenzo e Quico Cadaval

Hoxe venres 6 de marzo estréase no Salón Teatro de Santiago de Compostela a obra As dunas, produción do Centro Dramático Galego que supón a primeira colaboración do dramaturgo Manuel Lourenzo co director Quico Cadaval. Compoñen o elenco da obra Paula Buján López, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manolo Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, “Mos”, Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. As dunas poderá verse en Santiago ao longo do mes de marzo e logo iniciará unha xira que a levará por O Barco, A Coruña, Vigo, Tui, Vilagarcía, Ourense, Narón e Ferrol.

Sinopse: Nunha nave industrial en desuso, na Mariña luguesa, son convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio, o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes para animar a inauguración do free spa “As dunas”, un moderno balneario musical que terá como destinatarios a “amantes de praceres prolongados” e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por “todo tipo de refinados praceres do corpo”. Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.

Celanova: I Encontros de poesía nova

En Celanova (Casa dos poetas, Celanova), entre o 18 e o 19 de xullo do 2008, terán lugar os primeiros ENCONTROS DE POESÍA NOVA, no contexto do centenario de Manuel Curros Enríquez.
Entre os participantes figuran César Antonio Molina, Luis Alberto de Cuenca, José Antonio de Ory, Miguel Anxo Fernán-Vello, Helena de Carlos, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Baldo Ramos, Paulino Vázquez, Cecilia Quílez, Berta Dávila, José Ramón Trujillo, Emilio Ruiz Barrachina, José Manuel Lucía Megías, Justo Bolekia, Javier Pérez Vazo, Basilio Rodrígez Cañada e Xosé Luis Méndez Ferrín. O encontro finalizará co espectáculo poético-musical QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR, sobre a obra poética de M. Curros Enríquez, pola Compañía teatral Casahamlet e con dirección de Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.

Acto conmemorativo do centenario do himno

A Concellaría de Cultura da Coruña organiza o programa do acto conmemorativo do centenario do noso himno. Será o 20 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Rosalía de Castro. Intervirán, entre outros, no acto Manuel Lourenzo e Manuel Ferreiro.

A AELG entrega a súa “Letra E” ao dramaturgo Manuel Lourenzo

“Os actos de homenaxe, que nos levarán a este val da Mariña de Lugo, terán lugar o domingo 8 de xullo, a partir das 11:30 da mañá e conforme o programa de actos que se pode ver aquí. […] A filosofía da homenaxe é a de honrar escritores e escritoras cunha dilatada carreira literaria que suscite o consenso de todos en canto á súa valía. Quere ser unha homenaxe que goce da presenza do homenaxeado/a contando coa súa implicación persoal durante a organización. Busca tamén a complicidade dos veciños e autoridades locais da que o escritor/a considera a súa terra, neste caso o Val do Valadouro, que abarca os concellos de Alfoz e O Valadouro.” (AELG)

Esta semana na A. C. Alexandre Bóveda…

O martes 8 e o xoves 10 terá lugar un curso intensivo de galego intitulado “Por un modelo digno de lingua”, de 20:00 a 22:00 horas no salón de actos da asociación, a cargo dos profesores Xosé Ramón
Freixeiro e Xosé M. Sánchez Rei.
O venres 11 presentarase o libro A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral, de Carlos Biscainho, con Francisco Pillado, Manuel Lourenzo e Dores Sánchez Alegre. Será ás 20:30 horas no local da asociación.