Memoria da Chaira Enteira, en memoria de Manuel María, o xoves 8 de setembro

O xoves 8 de setembro terá lugar na Terra Chá a homenaxe Memoria da Chaira Enteira, en memoria Manuel María, co seguinte programa:

14:30 h. Xantar no Río Ladra de Rábade (hai que se apuntar previamente no teléfono 646413890. Custa 20 euros).
16:30 h. Recital de poesía en Penas de Rodas (os participantes deberán levar algún texto preparado).
18:00 h. Pregaria no Cemiterio de Outeiro de Rei arredor de Manuel María, coa palabra de Xosé Vázquez Pintor (quen queira pode ler un texto, e debe levar unha flor para depositar na honra e memoria de Manuel María).
– Posteriormente, na Carballeira de Santa Isabel: Rito da navalla, que se entregará a David Otero, e recital musical da poesía de Manuel María por Miro Casabella, Antón Valcarce, Tino Baz e Mini e Mero.

Arteixo: presentación do libro inédito Galiza, de Manuel María

O mércores 29 de decembro, a partir das 20:00 h., no Centro Cívico Cultural de Arteixo, terá lugar a presentación do libro Galiza, ensaio inédito de Manuel María. No acto, organizado pola Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Monte da Estrela, participan Aniceto P. Nunes, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Marica Campo, Saleta Goi e Alberte Ansede, e aproveitarase para presentar tamén o proxecto da Casa Museo do autor chairego.

Santiago: presentación de Galiza, ensaio inédito de Manuel María

O martes 14 de decembro, a partir das 20:00 h., no local da Asociación Cultural O Galo (San Miguel dos Agros, 5, esquina Praza San Martiño Pinario) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Galiza, ensaio inédito de Manuel María. No acto, organizado pola Fundación Manuel María e A. C. O Galo, participan Uxía Senlle, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Cobas e Alberte Ansede, e aproveitarase para presentar tamén o proxecto da Casa Museo do autor chairego.

A Coruña: homenaxe a Manuel María en Monte Alto

Dentro das Festas do barrio de Monte Alto, organizadas pola Asociación de Veciños, onde viviu os seus últimos anos na Coruña Manuel María, este sábado 11 a partir das 12:00 h. celébrase unha homenaxe popular ao poeta, que inclúe o descubrimento dunha placa conmemorativa e un recitado de poemas ao pé da casa onde estivo vivindo (na rúa Javier Fonte, 1).

Rábade e Outeiro de Rei: actos de homenaxe a Manuel María

Baixo o título Memoria da chaira enteira, a Irmandade Manuel María celebrará o vindeiro 8 de setembro en Penas de Rodas -cerca de Rábade- a homenaxe ao poeta chairego, falecido no 2004. A homenaxe, que comeza 17:00 h., coincide coa axilización dos trámites para constituír a Fundación Manuel María, que terá a súa sede na Terra Chá, na mesma casa onde nacera no 1929. A deputación de Lugo e concellos como o de Monforte, onde pasou parte da súa vida, están directamente involucrados neste proxecto, presentado xa en distintas cidades de Galicia pola súa viúva, Saleta Goi. En Penas de Rodas, distintos poetas recitarán versos de Manuel María como limiar da ofrenda floral, ás 18:00, no cemiterio de Outeiro de Rei, onde está enterrado. Alí, ademais dunhas palabras de lembranza que pronunciará Valentín Arias, haberá tamén unha lectura de textos.
Posteriormente, ás 19:00, na Carballeira de Santa Isabel, realizarase un ritual no que unha personalidade vinculada ao autor de Muiñeiro de brétemas recibe a Navalla de Manuel, coa que cortará o queixo e o pan que comerán os asistentes, este ano acompañados por viño da Ribeira Sacra. A primeira persoa en recibir a ración é, sempre, Saleta Goi. Noutras ocasións, a navalla recaeu, entre outros, en Alfonso Blanco Torrado, Xulio Xiz, Camilo Torres ou Darío Xohán Cabana. Neste último acto, que se celebra nas proximidades da casa natal, participarán Mini e Mero, Miro Casabella e Tino Baz.