Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (e VI)

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Acto literario e musical. Actuación de Aldaolado e presentación de autoras-es participantes (III):

Acto literario e musical. Recital de Manuel Rivas:

Acto literario e musical. Recital de Xavier Seoane:

Acto literario e musical. Recital de Rafa Vilar:

Ferrol: Semana de Poesía Salvaxe 2019, actos destacados para o 24 e 25 de abril

A Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol chega á súa XII edición con estas actividades destacadas dentro do seu programa para os 24 e 25 de abril:

24 de abril
18:00 h. Kiosko da Música (Cantón de Molíns): Proclama poético-política. Con Guillermo Ferrández, Víctor M. Díez, Quico Cadaval, Antón Cortizas e Karlotti, rematando con recital de poetas locais.

25 de abril
12:00 h. Mercado da Magdalena e no Mercado de Caranza. Poesía en carne viva. Con Eva Xanín, Myriam Nibouche, Víctor M. Díez, karlotti, Moraima, Kostoya, Xurxo Souto, Eli Zeta e Cris de la Maza.
18:30 h. Ateneo Ferrolán. A palavra encarnada. Con Sandra Santos e Raquel Lima.
20:30 h. Teatro Jofre. Nuno Júdice e Manuel Rivas, con Eugenia Sanmartín.

A poesía de Manuel Rivas, Lupe Gómez ou María do Cebreiro, traducida ao inglés

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A poesía galega avanza na súa difusión internacional. Libros de María do Cebreiro, Manuel Rivas, Lupe Gómez e Yolanda Castaño verán luz en inglés nos vindeiros meses.
Camuflaxe (Chan da Pólvora, 2017) foi a reaparición de Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) logo de seis anos sen publicar. Novo estadio na súa contundente e singular obra poética, obtivo gran recoñecemento das lectoras e da crítica. Non por acaso recibiu o premio da Asociación Galega da Crítica 2018. A canadiana Erín Moure encargouse da tradución inglesa e o volume inaugurará o selo estadounidense Circumference Books, centrado na tradución de poesía.
Shearsman Books, con sede en Bristol, é unha das principais editoriais do xénero en Gran Bretaña. Este ano publicará tres poetas galegas. O deserto (Apiario, 2015), de María do Cebreiro (Compostela, 1976) e no seu día premio da Crítica, e A segunda lingua (Pen Clube, 2014, premio Abanca), de Yolanda Castaño (Compostela, 1977), terán versión do tradutor e poeta irlandés Keith Payne.
A Manuel Rivas (A Coruña, 1957) tamén o traducirá unha irlandesa, a poeta Lorna Shaugnessy que xa se ocupara de facelo con A desaparición da neve (Alfaguara, 2009). Desta volta será A boca da terra (Xerais, 2015).
Non só a poesía viaxará máis alá do campo literario galego. A editorial Small Stations, dirixida por Jonathan Dunne e Tsevetanka Elenkova, anuncia a publicación, ao longo do que queda de 2019, de cinco títulos, segundo informa o portal Galician Literature da Dorección Xeral de Políticas Culturais da Xunta.
Serán de Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) –Tristes armas (Xerais, 1994)-, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) –A Cabeza de Medusa (Galaxia, 2008)-, Elena Gallego (Teruel, 1969) –Dragal IV: A estirpe do dragón (Xerais, 2015)-, Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1955) –Pensa nao (Xerais, 1999) e Paco Martín (Lugo, 1940) –Das cousas de Ramón Lamote (SM, 1985).”

Compostela: programación da Semana da novela negra

Pontevedra: Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita, os 15 e 16 de marzo

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita é unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que terá lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Con esta actividade preténdese reflexionar, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos.

PROGRAMA

Venres 15 de marzo no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.

Tarde

16:30 Mesa redonda. Liberdades civís e dereitos nacionais. Moderador: Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).
– Relatoras-es: Carme Adán (ensaísta e filósofa), Laura Mintegi (narradora vasca) e Clàudia Pujol (novelista e historiadora catalá, da directiva do Òmnium Cultural).

18:30 Mesa redonda. Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Moderadora: Mercedes Queixas (secretaria xeral da AELG).
– Relatoras-es: Joan Elies Adell Pitarch (poeta, tradutor, filólogo e director da Institució de les Lletres Catalanes), Ana Luísa Amaral (poeta portuguesa) e Suso de Toro (narrador e ensaísta).

Sábado 16 de marzo

Mañá. Pazo da Cultura. Seminarios 2 e 3. (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.).

10:30 a 12:00. Grupo de traballo Feminismos. Identidades. Coordinadora: Marta Dacosta.
– Relatoras-es: Daniel Asorey, María Reimóndez e Antía Yáñez.

10:30 a 12:00. Grupo de traballo Desposesión da terra e da identidade. As migracións de hoxe. A emigración galega no século XXI. Coordinador: Xoán Carlos Domínguez Alberte.
– Relatoras-es: Ana Acuña, Vicente Araguas e Afonso Becerra. Incluiranse comunicacións escritas de varias persoas residentes fóra de Galiza, para completar a perspectiva deste grupo de traballo (María Alonso Alonso e Helena Miguélez-Carballeira).

12:30 a 14:00. Grupo de traballo Lingua e patrimonio cultural. Papel do/a creador/a na sociedade actual e exercicio de dereitos nacionais. Coordinador: Antonio Reigosa.
– Relatoras-es: Pilar García Negro, David Otero e Diana Varela Puñal.

12:30 a 14:00. Grupo de traballo Cultura, medios de comunicación e poderes. A literatura e a creación/expresión literaria como ferramenta construtora dunha sociedade libre. Coordinadora: Rosalía Fernández Rial.
– Relatoras-es: Manuel Bragado, Camilo Franco e Ana Romaní.

Tarde. Teatro Principal (Rúa Paio Gómez Chariño, 6). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.

17:00 a 19:00 Lectura e debate das achegas das mesas e grupos de traballo anteriores. Cesáreo Sánchez, Mercedes Queixas, e as/os coordinadoras/es dos grupos de traballo da mañá.

19:30 Acto literario e musical. Con Xosé María Álvarez Cáccamo, Tamara Andrés, Marica Campo, Berta Dávila, Estíbaliz Espinosa, Antonio García Teijeiro, Antía Otero, Eli Ríos, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Rafa Vilar. Conducen: Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado).

Manuel Rivas e Craig Patterson, galardoados do Premio Ostana de escrita en lingua materna

Desde Praza:
Manuel Rivas e Craig Patterson veñen de ser recoñecidos co Premio Ostana de escrita en lingua materna, un galardón que todos os anos entregan a vila de Ostana (no norte de Italia) e a Asociación Cultural Chambra d’Oc e que destaca autores e autoras en linguas minorizadas.
Nesta undécima edición Rivas foi galardoado co Premio Internacional, e Patterson co Premio á Mellor Tradución.Ademais, Til Stegmann (EUROCOM -Intercompresione lingue europee) recibiu o Premio Especial, Gerard Zucchetto o Premio en Lingua Occitana, Marcelo Martinessi (Guaranì – Paraguay) o Premio de Cinema, Franca Masu (catalán alguerés) o Premio de Música, e Dariya Martynova – Neseni (Even – Siberia) o Premio para escritores/as mozos/as.
Os galardóns comezaron a entregarse no ano 2008 e esta é a súa undécima edición. Na súa primeira edición Alfredo Conde foi galardoado co Premio Internacional, sendo este o único recoñecemento que ata agora fora para un galego. (…)”