A Coruña: curso de verán Literatura e espazo urbano: ‘Os libros arden mal’, de Manuel Rivas, do 11 ao 15 de xullo

O curso Literatura e espazo urbano: ‘Os libros arden mal‘, de Manuel Rivas, celébrase do luns 11 ao venres 15 de xullo na Reitoría da Universidade da Coruña, Casa Museo Casares Quiroga e Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, organizado pola Universidade da Coruña, a Fundación Vicente Risco e a colaboración do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, centrándose na análise da presenza da cidade da Coruña a partir dunha obra literaria, neste caso: Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Como obxectivo final do curso, o alumnado terá que elaborar propostas para roteiros e/ou unidades didácticas que teñan esa obra como referente e punto de partida. Estas propostas serán presentadas ao Concello da Coruña para a súa publicación e difusión. No primeiro día, despois dunha breve introdución á obra realizada polo propio autor, Manuel Rivas, explicarase o plano de traballo para o que se distribuirá o alumnado en catro grupos pequenos (máximo 10 persoas). Cada grupo estará tutorizado por un/unha profesor/a que será quen lle dea as indicacións pertinentes para guiar o seu traballo durante o curso. Este traballo terá unha primeira fase a partir das sesións (teóricas e prácticas) que se levarán a cabo nos talleres multidisciplinares, cada un deles dirixido por un/unha docente pertencente a diferentes ámbitos do coñecemento (arquitectura, urbanismo, socioloxía e arte); a segunda fase do traballo consistirá na elaboración, sempre guiada polos/as profesores/as tutores/as, de materiais didácticos sobre a cidade da Coruña creados a partir da novela de Manuel Rivas, que serán entregados á Concellaría de Cultura para a súa difusión e utilización no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
Nota: Sería necesario que o alumnado lese a obra antes do comezo do curso, polo que a obra se entregará (na Oficina de cursos da UDC) como agasallo ao formalizar a matrícula -para un máximo de 36 alumnos- (toda a información sobre este proceso aquí).
* RELACIÓN DE TUTORAS/ES:
– 2 profesoras-tutoras: María dos Anxos González Refoxo e Mercedes Queixas Zas.
– 2 profesores-tutores: José Alfeirán e Luis Martínez-Risco Daviña.
Os/as catro son profesores/as de Ensino Secundario, con recoñecida experiencia na elaboración de unidades didácticas e outros materiais para o ensino e a difusión do noso patrimonio cultural.
* RELACIÓN DE PROFESORES/AS DOS OBRADOIROS MULTIDISCIPLINARES:
– Arquitectura: Pablo Gallego Picard (Arquitecto e profesor da UDC).
– Arte: Xosefa Cerviño Lago (Catedrática de Historia e prof. Asociada na UDC).
– Socioloxía: Xosé Leira López (Profesor Titular de Socioloxía na UDC).
– Urbanismo: María José Piñeira (Profesora Asociada na USC).

PROGRAMA DO CURSO

Luns 11 de xullo
MAÑÁ [Reitoría: sala de xuntas do Consello de Goberno]
– 10:00 h. Recepción de asistentes.
– 10:30-11:00 h. Inauguración polas autoridades académicas e institucionais.
– 11:15-12:15 h. Conferencia inaugural a cargo de Manuel Rivas: O autor fala da súa obra [título por definir].
– 12:30-13:30 h. Presentación do plano de traballo e organización dos grupos.
TARDE
– 16:30-20:30 h. Traballo de campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña].

Martes 12 xullo
MAÑÁ

– 10:00-14:00 h. Traballo de campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
– 16:30-20:30 h. Posta en común co/a tutor/a.

Mércores 13 xullo
MAÑÁ

– 10:00-14:00 h. Traballo de Campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
– 16:30-20:30 h. Posta en común co/a tutor/a.

Xoves 14 xullo
MAÑÁ

– 10:00-14:00 h. Traballo de Campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
– 16:30-20:30 h. Traballo co/a tutor/a. Posta en común con correccións.

Venres 15 xullo
MAÑÁ [Filoloxía]
– 10:00-14:00 h. Posta a punto das propostas co/a tutor/a. Elaboración final das diversas propostas de materiais didácticos para seren entregadas a Concellaría de Cultura para o seu uso no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
TARDE [Casa Casares Quiroga]
– 17:00-19:00 h. Presentación pública das diversas propostas de publicación elaboradas para seren entregadas a Concellaría de Cultura para o seu uso no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
– 19:00-20:00 h: Conferencia de clausura a cargo de Javier Gómez Montero: O conxuro anamnésico de ‘Os libros arden mal’.
– 20:00-20:15 h. Clausura do curso polas autoridades académicas e institucionais.
– 20:30-22:00 h. Concerto de clausura.

A Coruña: charla Achegándonos a Lois Pereiro, con María do Cebreiro e Manuel Rivas

O luns 23 de maio, ás 18:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus de Elviña) da Universidade da Coruña, terá lugar a charla Achegándonos a Lois Pereiro, dentro do ciclo Celebrando as letras, organizado pola comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Nela intervirán a poeta e profesora de Teoría da Literatura María do Cebreiro e o escritor e xornalista Manuel Rivas.

VENTO LOIS o 12 de maio

A seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 20:00 h.: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro… Se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición: “quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (por exemplo)”.

Na web de Lois Pereiro habilítase un espazo para anotar as iniciativas de cada localidade, e así organizar xente, propostas e esforzos. As dúbidas ao enderezo oficial loispereiro2011@gmail.com.

PROPOSTA DE ESCALETA VENTO LOIS (12 de maio de 2011)

1. LECTURA DO MANIFESTO LOISISTA:
Loita, furia, humor… Amén!
Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio zombie de Microsoft mental.
¿E de que parte estaba eu? Da parte dos que intenten dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita (unha historia da infamia que xa non nos permite ser inxenuos) continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós.
Se alguén non o sabía xa é que estaba cego: non queremos ter amos.
Pode que xa nos atopemos a poucos metros da nosa extinción, pero o sentido do humor pervivirá sempre, e o sentido crítico deixa un rastro detrás, con mans, sen elas, cos miolos no cranio ou espallados polo chan. Volveremos á terra, e aos outros elementos primordiais. Como dicía Zeca Afonso: “Camaradas de armas dos catro elementos!…”
Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, “porque me peta e quero e dáme a gaña…”. Moitas culturas crúzanse no meu espírito e no meu corazón non hai fronteiras. Ninguén me impediu nunca ser máis crítico e sarcástico co que eu sinto máis meu, propio e herdado.
Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo… e nada máis.
Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis.
Sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos, como a estratexia humilde e provocadora de Bartleby, o gris e lúcido escribente de Melville, que para non someterse sen máis ás ordes arbitrarias, dicía simplemente, sen ira, pero teimosamente: “Preferiría non facelo”.
A reflexión, as ideas, a creación ou as palabras. A arte e a cultura é sempre o que me salva da tentación da morte e me anima a reiniciar.
A verdadeira poesía nunca minte, por ferinte que sexa. Quen crea algo sen intencións perversas é inocente da súa posible perversión. Bernhard, Beckett, Cioran, Genet, Celan, Valente, Shopenhauer, Pound, Carver, Poe… tiñan razón, temos razón. E tiñan razón Yeats, Dylan Thomas, Eliot, Joyce, Homero, Dante… temos razón tamén a un tempo, como todos os atormentados ou felices pintores da Beleza e das tebras que cohabitan comigo o meu cerebro, discutindo sen pausa dentro da miña alma…
E a verdade é que “na miña vida nunca vin máis que tolos e enfermos” (Bernhard); que “Morrer é ben doado; vivir é o difícil” (Maiakowski) e tamén que “Vivir é fácil. Arduo sobrevivir ao vivido” (Valente).
O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande.
A dor, a escuridade, o mal tamén existen por nós e contra nós, pero axudan a que a beleza e o pracer sexan aínda máis brillantes. Por iso non debemos evitar, para aforrarnos sufrimento, a parte máis escura en cada cousa, porque produce a lucidez e o horror de seu coñecemento.
Aprender é unha vitoria. Dubidar é unha loita continua, e a Crítica nunca hai que desterrala.
Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco e ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa.
Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Amén.

(Escolma de Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, de Lois Pereiro)

2. RECITAL: lectura participativa de poemas de Lois.
3. INTERVENCIÓNS: lectura de textos e mensaxes a/sobre Lois.
4. MÚSICA & OUTROS: cancións en directo ou gravadas, escenificacións, performances…

VENTOS CONFIRMADOS

  • LIMOGES: No Instituto Léonard Limosin, ás 10:00 horas, os alumnos de último ano lerán poemas diante unha pequena exposición con fotos, poemas e debuxos no hall do recreo. E, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Municipal Jean Moulin, actuación do grupo VACARM (Voyager avec les cheminots amoureux de la résonance des mots = Viaxar cos ferroviarios namorados da resonancia das palabras).
  • MONFORTE: O xoves 12 ás 12:00 h. todos os centros de ensino da vila pararán para realizar lecturas de Lois Pereiro. Ás  20:00 h. no Salón de actos do Centro do Viño terá lugar un recital aberto sobre textos de Lois.
  • NOIA: Os dous institutos da vila sacarán un grupo de alumnos/as á rúa e con xices irán pintando os versos de Lois por toda a vila, para que todo o mundo o poida ler, entre as 12:45 e as 14:35 horas. Trátase dunha iniciativa do EDLG do IES Campo de San Alberto a quen se une o IES Virxe do Mar e que realizaremos coa colaboración do Concello de Noia. Os versos permanecerán nas rúas de Noia ata que as inclemencias do tempo e as pegadas dos transeúntes os vaian levando.
  • MADRID: Galego en Madrid-Espazo das Linguas Ibéricas (proxecto da Xunta de Galicia, Universidad de Alcalá, Instituto Cervantes …) organiza un acto que terá lugar entre as 18:00 e as 21:00 h. no Instituto Homeopático y Hospital San José (Rúa Eloy Gonzalo 3-5). Comezará coa lectura do Manifesto Loisista, seguirá co coloquio Lois Pereiro entre Galicia e Madrid, con María Xesús Nogueira e Luis Luna, continuará cun recital dos estudantes do curso de galego e poetas convidados, e finalizará con arte, música e comida dos propios alumnos.
  • SANTIAGO: A partir das 19:00 h. no Local Sociocultural da Caramoniña, na cima do parque de Bonaval, terá lugar a acción sentimental Aclamación a Pereiro, concerto do Leo, lectura do Manifesto Loisista por Paco Macías, organizado polo Concello de Santiago de Compostela.
  • SADA: Ás 19:00 h., no Centro Municipal da Xuventude de Sada: lectura dun guión biográfico sobre Lois intercalado con poemas do mesmo (as lecturas serán realizadas por integrantes da Asociación, alumnos dos centros de ensino e todo aquel que esta interesado) e posterior lectura de textos de autores locais en galego e/ou sobre a lingua. Organizado polo Concello e a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.
  • SARRIA: Ás 20:00 h. na Casa da Cultura lectura de poemas de Lois Pereiro.
  • FENE: A partir das 20:00 h. no Casino de Perlío haberá un recital VENTO LOIS a cargo dos e das participantes do obradoiro literario que se desenvolve cada venres, desde hai 10 anos, na Biblioteca Municipal (Museo do Humor). Leranse poemas de lois e mais poemas propios na súa homenaxe.
  • BERGONDO: Ás 20:00 h. no Edificio da Senra, o grupo Eolo Teatro estrea Recitalois, baixo a dirección de Willy Eter.
  • GONDOMAR: A partir das 20:00 h. a Asociación Espazo Lectura celebrará unha lectura de poemas de Lois Pereiro na Cafetaría Rañolas (Rúa Otero Pedrayo, 3), precedida por Gonzalo Navaza, quen lerá o Manifesto Loisista.
  • CARBALLO: Ás 20:00 h., no Pazo da Cultura, lectura do Manifesto Loisista; presentación do libro Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mercedes Queixas, coa participación da autora e de Francisco Pillado; e lectura compartida de textos e poemas de Lois Pereiro. Organizado pola A. C. Lumieira e a colaboración da Editorial Laiovento e o Concello de Carballo.
  • VIGO: Ás 12:00, no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, o grupo de investigación GAELT (Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía) do Departamento de Filoloxía Galega e Latina organiza un recital de poemas de Lois Pereiro e traducións ao inglés, alemán, francés e catalán, proxección de vídeos e música sobre Lois e unha conferencia de Manuel Forcadela, xunto á presentación do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, monográfico Lois Pereiro publicado en Xerais, e elaborado polo GAELT baixo a coordinación de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez. Ás 17:00 h., no Conservatorio Superior de Música (Monte do Castro, s/n.), acto de homenaxe con poemas de Lois e música de David Bellas, por profesores e alumnado da Escola Superior de Arte Dramática e do Conservatorio. A partir das 20:00 h., inauguración da exposición Lois Pereiro. Lírica Punk, no Verbum (Avenida de Samil, 17), onde Ramón Nicolás lerá o Manifesto Loisista e Marcos Calveiro recitará poemas de Lois.
  • RIBEIRA: Ás 20:00 horas, organizado polo Grupo Pinche en colaboración co IES Leliadoura e o Departamento de EF dese centro, o VENTO LOIS zoará desde diversos bares e tabernas baixo o principio “Se mahoma nom vem a montanha, imos levar a montanha a mahoma ainda que seja a caldeiros!”. Os locais serán: Capitán Morgan, A Caverna, Albatros, Ateneo Valle Inclán (Bar Plaza) e A Taberna do Riaso.
  • FERROL: A partir das 20:00 horas,  organizado polo Ateneo Ferrolán, en colaboración co Concello, no Cantón de Molíns (Praza da Constitución): letras colgadas en globos simbolizando o Manifesto Loisista, e que serán botadas ao VENTO, Lectura do Manifesto polo presidente do Ateneo, reparto do mesmo o público asistente na rúa e lectura de poemas.
  • LALÍN: Ás 20:30 h. no IES Ramón Aller, lectura do Manifesto e despois conferencia de Antón Losada, co título: Que foi da Galicia de Lois?. Organizados por A. C. O Naranxo e Queremos Galego Deza.
  • OURENSE: A partir das 20:30 horas, representación de Mundo Lois na Sala Principal do Auditorio Municipal. Ás 12:00 horas funcións escolares para o segundo ciclo da ESO e Bacharelato. Ás 18:00 h., na Livraria Torga, presentación do libro-cd-dvd Oito cancións para oito poemas de Lois Pereiro, coa lectura do Manifesto Loisista e dos oito poemas que forman o traballo, a cargo de Alexandro González, Lino Braxe e Roi Maceda, iniciando a exposición de 9 ilustracións de Pedro Villarejo na mesma libraría até o 10 de xuño. Ás 20:00 horas,  a veciñanza da Ponte Canedo (Ourense) súmase cun acto no Centro Cívico da Ponte (Rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43), consistente na lectura do Manifesto Loisista, a proxección do vídeo Declaración, a lectura de poemas do autor a cargo de veciñas e veciños do barrio, xunto á interpretación dunha peza de Bach en directo. Tamén haberá actividades infantís que gardan relación con Lois Pereiro.
  • A CORUÑA: Ás 21:00 h. no Antigo Cárcere Provincial, concerto en homenaxe a Lois de Ulträqäns e Loretta Martin, e recital de Cesáreo Sánchez Iglesias, Xulio López Valcárcel e Antía Otero, nun acto presentado por Manuel Rivas e Xurxo Souto. Ás 19:30 h., no FNAC, Chelo Suárez aproveitará a presentación do seu libro As horas rotas para ler poemas seus en homenaxe a Lois, mentres que, a esa mesma hora, 20:00, no salón de actos da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ‘Fantoches Baj’ representará o espectáculo Poesía última de Lois Pereiro; e no Museo de Belas Artes lerase o Manifesto Loisista, proxectaranse varios videopoemas de Pedro Ramos sobre a obra de Lois, e haberá un recital coa participación de Andrés Ibáñez, Olga Patiño, Tiago Acosta, Juan García e Uxía Vázquez. Previamente, a partir das 12:30 horas, o Centro de F. P. Tomás Barros (rúa Ramón María Aller, 10 entrechán), nun acto aberto á participación de quen se queira achegar, lerase o Manifesto Loisista, seguido dunha lectura de poemas de Lois a cargo do alumnado, unha breve brisa biográfica do autor e un furacán musical de melodías domésticas.
  • BETANZOS: Ás 20:30 horas, a  A. C. Eira Vella desenvolverá a homenaxe a Lois coa participación de alumnado do IES Francisco Aguiar lendo poemas  de Lois (percorrerán o propio día 12, de 10:30 a 12:30 h., o casco histórico de Betanzos para capturaren imaxes baixo a inspiración duns poucos textos escollidos da obra de Lois, vinculando a imaxe coa letra) e a proxección dun vídeo do Equipo de Normalización Lingüística do CEIP Vales Villamarín coas voces dos nenos e nenas contando a vida e obra de Lois. A xente de Eira Vella tamén lerá o manifesto e recitará algún poema ou texto.
  • BUEU: Ás 20:30 horas, recital con poesía e música de e sobre Lois no Bar Aturuxo (Rúa Pazos Fontenla, 59).
  • TUI: A partir das 20:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal, lectura do Manifesto Loisista, recital de poemas e música ao vivo.
  • ARTEIXO: Ás 20:30 horas, no Café Concerto Bata de Guata (Rúa Xeneral Mosquera Palleiro, 2, xunto ao paseo fluvial), lectura de poemas e música a cargo de Cántigas da Terra, Tati Mancebo e Antón Borrazás.
  • CANGAS: A partir das 22:00 horas, no Pub Canis Lupus (Rúa Ferrol, 22), lectura do manifiesto Loisista e a continuación audición colectiva do CD dos poemas de Lois. Recita O Leo, con música de Alfonso Camarero.
  • PARÍS: O VENTO LOIS chegará o venres 13 de maio de 18:00 a 20:00 h. na sala 1.3 do Instituto Cervantes de París, xa que non foi posible organizalo o día 12. Lerase Manifesto Loisista, recitaranse e comentaranse poemas del, e visionaranse vídeos e imaxes súas, escoitando a súa autobiografía e poemas musicados. Os actos están organizados polo Centro de Estudos Galegos.

Edición facsimilar, con estudo crítico, da revista Loia, polo Consello da Cultura Galega

Os catro números da revista Loia, que acolleu os primeiros textos de Lois Pereiro, saen á luz agora nunha edición facsimilar da man do Consello da Cultura Galega. A institución segue así a súa tradición de homenaxear con este tipo de publicacións os protagonistas do Día das Letras. A edición inclúe un estudo crítico da revista coordinado por Xosé Manuel Pereiro no que se poden atopar artigos del mesmo, Ramón Villares, Helena González, Antón Patiño e Manuel Rivas. A edición completa está dispoñible na rede para a libre descarga.

Premios AELG 2011

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2011, fallados na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que premian as mellores obras editadas en 2010 nas modalidades de:

  • Literatura Infanto-xuvenil: O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro.
  • Mellor Traxectoria en Xornalismo Cultural: Ramón Nicolás.
  • Ensaio: O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.
  • Tradución: Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (de Herta Müller).
  • Teatro: Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo.
  • Mellor Blog Literario: O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.
  • Narrativa: Todo é silencio, de Manuel Rivas.
  • Poesía: Estremas, de Ana Romaní.
  • Alén destas categorías, entregáronse outros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Institución Cultural que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano foi para a Fundación Penzol, por ser un proxecto de país, creado para permanecer e dar ás novas xeracións o noso legado cultural, e que chanta  as súas raíces na necesidade de crear unha biblioteca e un centro de documentación e de estudos da nosa lingua e da nosa literatura. A Fundación Penzol leva achegado ao longo de case que medio cento de anos froitos xenerosos  e necesarios á cultura do noso país, pois o seu carácter aberto acolle a todos os investigadores e investigadores que aos poucos van deitando a necesaria luz sobre a historia cultural de noso.
  • E mais o Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
  • Recollido en Xornal, Galicia Hoxe, Faro de Vigo, La Opinión, A Nosa Terra, Xerais, Cultura Galega e Fervenzas Literarias.

    Santiago, 30 de abril: Acto nacional pola lingua convocado pola Plataforma Queremos Galego

    “Todo está xa en marcha para o vindeiro sábado 30 de abril vivirmos, a partir das 19:30 h. na compostelá Sala Capitol, unha gran festa colectiva en favor da nosa lingua e da nosa cultura. Un ACTO NACIONAL POLA LINGUA co que desde a Plataforma Queremos Galego desexamos amosar que a nosa é unha lingua viva, con forza e con futuro, malia os ataques recibidos polo actual goberno da Xunta de Galiza, do cal se fan estes días precisamente o seu segundo aniversario.
    Desde Queremos Galego convidámosvos desde xa a que, se outros compromisos non volo impediren, nos acompañedes o día 30, a partir das sete e media, na Sala Capitol, nun acto onde palabras e sons na nosa lingua propia unirán toda a súa potencia para reclamarmos unha vez máis os nosos dereitos lingüísticos. Presentado e conducido polo polifacético creador e humorista Xosé Lois González “O Carrabouxo”, combinarase a música de Ugia Pedreira, Roi Casal e a súa banda, Miro Casabella e Roberto Sobrado coa palabra de Ernesto Chao, actual presidente de Escena Galega; Manuel Rivas; Teresa Moure; Pilar García Negro; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); e Carlos Callón.
    As entradas ao acto teñen un prezo simbólico de 5 euros, que se destinará integramente a axudar economicamente á Plataforma Queremos Galego para que poida continuar coas súas actividades. Na páxina web da plataforma está xa operativo un sistema de reserva de entradas, que podedes retirar na propia billeteira da Sala Capitol o propio día 30 a partir das 19:00 h. No mesmo sitio, na sección de materiais, podedes descargar baners publicitarios da iniciativa en diferentes tamaños para pórdes en páxinas, blogues, etc.
    Esta gran festa da nosa lingua será ademais o punto de partida para a gran mobilización expansiva que desde Queremos Galego estamos a impulsar para o vindeiro 17 de maio, para a cal desde xa vos emprazamos e da que axiña daremos máis detalles.
    Agardándomos desde xa a vosa presenza, recibide unha moi forte aperta pola lingua.”