Entregados os Premios da Crítica Galicia 2015

Premios da Crítica Galicia 2015 1Premios da Crítica Galicia 2015 2Premios da Crítica Galicia 2015 3Premios da Crítica Galicia 2015 4

Tabela dos Libros de outubro de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:

“IN MEMORIAM MANUEL RODRÍGUEZ ALONSO

Esta Tabela dos Libros é especial, pois non só dá a coñecer os volumes que Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas, senón porque é tamén a primeira que sae á luz sen termos entre nós o compañeiro Manuel Rodríguez Alonso. A el queremos dedicarlla, na lembranza e recoñecemento máis afectuosos.”

2015_outubro_tabela

Manoel Rodríguez Alonso, in memoriam, por Xosé Vázquez Pintor

ArtigoXosé Vázquez Pintor de Xosé Vázquez Pintor en Sermos Galiza:
Bouvard e Pécuchet? Nese camiño aberto que percorre as luces da palabra vai de sempre silandeiro o rebusque dos albores. E os ollares son así do alén de cada día en obra e as tantas outras noites de suceso. A lus do candil cadra paseniña de noso, tal é o agarimo do silencio para namorar a escrita. E son así de seu as avenidas do fulgor e das faíscas que choutan, repenican, locen e asubían obra en marcha, aínda non feita e rematada. Sábeno de perto as matrias e as estimas. E así, tal data de hoxe ou de mañá, alguén que nos quere agradecer de luz e de por sempre, arrisca un aturuxo no brado do silencio e medra axiña canda nós outro namoro de obrador nas amencidas que axexan na procura o sorriso do Sol, ese aloumiño das esferas.
Caro amigo, Manoel Rodríguez Alonso, crítico aberto ás avenidas literarias de Galiza que soubemos tanto recoller de agradecidos na túa luz de madrugueiro en moitas légoas que traspasa a noite e sempre abrocha de volta a luz dos anos e dos días na agra aberta da mau que ti nos dás cabo de lonxe, en sempre cama un colo. Velaquí estás de autente. E aquel sorriso na flor da túa páxina que sabes tanto ler, servir e namorar a prol do tempo e do fulgor na Nosa Lingua. Contigo.”

Palabras tabelas para Manuel Rodríguez Alonso (falecido o 22 de setembro)

DesdeManuel Rodríguez Alonso Criticalia, de Armando Requeixo:
O martes 22 de setembro fóisenos o amigo e colega Manuel Rodríguez Alonso. O seu reloxo deixouno apenas nos 63 e fíxoo en Madrid, onde vivía dende hai ben anos, lonxe da súa Groba natal, nas terras de Ribadavia. A que non fala roubóunolo tras semanas de hospitalización por mor dun mal que non quixo deixalo na nosa compaña e que nos virou orfo o ámago.
Os seus compañeiros da Tabela dos Libros, que o benqueriamos e admirabamos, desexamos ofrendarlle unhas palabras de garimosa lembranza en humilde e improvisada homenaxe.
Manuel: saudiña onde esteas e velaí vai o canto merlo dos teus amigos.

Despedida silenciosa. Inma Otero Varela
A identidade fascinada de Antonio Piñeiro é a obra da que se ocupa Manuel Rodríguez Alonso na derradeira entrada do seu blogue, Bouvard e Pécuchet, hai escasamente dous meses. Lido agora semella unha despedida silenciosa. Para alén do evocativo do título, todo o que alí se di retrata ben a quen o escribe. Discreto, lúcido, minucioso, afable poderían ser algúns dos adxectivos que cadran ben co crítico e a persoa, para min descuberta recente. Poucas ocasións temos as persoas que traballamos nisto da crítica de partillar experiencias colectivas que perduren no tempo, sen máis interese que a ilusión de facer comunidade do (co) que nos gusta. A Tabela dos Libros creou ese espazo onde os compañeiros andabamos en zapatillas sen perder a responsabilidade dos zocos do traballo. Vai ser difícil reestruturar a casa. Tampouco será doado substituír o obreiro. Os seus textos non se limitaban, como tendemos ben veces as que nos dedicamos a estes traballos, ao despece estritamente literario e académico das obras. Sempre ían máis alá para tentar escaravellar no seu tempo, nas semellanzas e diverxencias con outros produtos culturais e ideolóxicos coetáneos sen perder de vista o posicionamento no curso da historia. Interpretar non é só deconstruír mais tampouco é só describir. Ou iso debía pensar Manuel xa que sempre incluía nas súas críticas a valoración ponderada que move á reflexión, ao desexo de entender os porqués de quen escribe e de quen le. Fondura, na súa vida e no seu pensamento, para vencer un dos males que, nas súas palabras, caracteriza hoxe en día parte da nosa identidade fascinada: a “sensación de banalidade ou ata de baldeiro”.

Palabras insuficientes para lembrar un amigo. Francisco Martínez Bouzas
Unha voz amiga acaba de informarme do pasamento de Manuel Rodríguez Alonso, compañeiro nas tarefas da Tabela dos Libros. Entre a incredulidade e o abraio, saen da miña mente e do meu corazón estas palabras: non tiven a fortuna de coñecelo persoalmente, mais, ao longo destes últimos anos, antes xa de colaborarmos os dous nesta xeira de seleccionar e facer públicas as nosas preferencias como lectores e críticos, admirei o labor de Manuel Rodríguez Alonso como rigoroso, acertado e independente comentador e analista dos libros galegos, traballos que lía con pracer na súa bitácora de crítica literaria Bouvard e Pécuchet. Un traballo escrupuloso de lectura e relectura de novidades das nosas letras e de reflexión serena, á marxe de urxencias, de camarillas e amiguismos, dalgunhas obras esenciais das nosas letras.
Os seus xuízos independentes, as súas valoracións argumentadas ficarán para min como un seguro vieiro polo que camiñar. Esta é a homenaxe que as miñas modestas palabras lle tributan ao intelectual, ao profesor, ao crítico e, sobre todo, á persoa honesta e apaixonada coas letras de noso que nestas datas nos acaba de deixar, entre a incredulidade de todos, tamén daqueles que, sen coñecelo, nos consideramos os seus amigos e admiradores.

O pan compartido. Montse Pena Presas
Non nos coñeciamos persoalmente mais eramos compañeiros. Compañeirxs, dxs que comparten o pan. O noso pan era algo especial, pois tamén daba boa mantenza e tiña a forma e a silueta dun libro. A nosa mesa eran estas páxinas, as do blog Criticalia, nas que o profesor e investigador Armando Requeixo nos convidara a sentar. E alí todos os meses, tranquilamente, cinco compañeirxs partillabamos lecturas e opinións case sen falar, cómplices e ocorrentes. Eles e ela quizais non o saiban, mais dende hai tres anos (estabamos agora a piques de cumprilos), miro curiosa –case como unha nena que quere saber máis e máis- e mesmo inqueda as súas escollas. “Coincidirán coas miñas? Descubriranme algo que eu non sei? Que me perdín este mes?” Se o fago, se corro lixeira a ver cales son non só as tres obras máis valoradas, senón tamén as escollas persoais de cada un deles, é sobre todo porque admiro e valoro o seu traballo, porque quero, sempre, seguir aprendendo. En realidade, porque é un luxo que me deixen tomar do seu pan.
Con Manuel (Manolo, noméabano os e as súas amigas) pasábame o mesmo. Lembro a primeira vez que coincidimos na mesa hai xa máis de dez anos: eu era unha moza que viña de rematar a carreira e que comezara a colaborar no Cartafol dos libros de Vieiros, que naquel entón levaba Moisés Barcia. El era xa un profesor consolidado, que por ignorancia descoñecera ata daquela, mais que cada vez que lía unha das súas críticas me sorprendía dobremente. Por unha banda, porque ás veces eran verdadeiras clases de galego, sempre atento aos usos correctos da lingua. Pola outra, polo destemido que era. Coido que nunca lera alguén que se expresara con aquela liberdade, con aquelas ás. A crítica en Galicia foi sempre, e aínda o é, un desexo que esvara entre o que se cre que se quere e o que de verdade se quere. No seu caso, ambos vértices foron sempre coincidentes. Coherencia, disque lle chaman.
Este mes, por primeira vez, fomos catro. Foi unha sorte de rara premonición (ás veces non só nas novelas hai sinais que marcan o que vai ocorrer) e sei que nos inquedou a todos e todas. En realidade, esquecemos que na vida, ao igual que na ficción, o tempo do discurso non adoita coincidir co tempo da historia. A historia, neste caso, hase encargar de superar o discurso. Ás túas compañeiras e compañeiros, quédanos un consolo: alí enriba, Manuel, seica o pan sabe mellor e tamén ten a forma dun libro.

O lector impenitente. Armando Requeixo
Hai veces en que a vida se empeña en demostrarche que a tristura non ten límites, que todo pode ser e non ser coa mesma facilidade coa que os primeiros ventiños de setembro cobran a presa da folla outoniza e velaíña.
Así me lañou a desaparición do compañeiro e amigo Manuel Rodríguez Alonso. E fiquei coa desacougante sensación de que deixamos sen dar cabo á costura de moitas fías, abondos proxectos, soños que compartiamos e que arelabamos poder concretar algún día, aventuras que xa non serán, ou si, pero serán diferentes porque non estará el para vivilas ao meu carón, ao noso carón.
Manuel era un dos lectores máis incansables que coñecín. Un portento de tenacidade e criterio, sempre disposto a deitar a ollada crítica sobre os máis diversos textos, sen refugar xénero ningún, interesado por igual nas novidades e nas recuperacións de obras doutrora.
Consagrou a vida á transmisión dun saber fondo do que se nutriu, con moito ben, o seu alumnado da UNED en Madrid, tamén aqueles que aprenderon as verbas de noso nos dicionarios que elaborou, nos estudos e monografías que asinou, na historia da literatura que nos legou. Pero, sobre todo, Manuel foi un colega de andainas críticas ao que lembraremos pola súa insubornable independencia, pola autenticidade das súas propostas lectoras, animadas decote polo mesmo devezo: ser unha estrela polar para a guía do mariñeiro lector nas súas intrépidas navegacións polo proceloso océano editorial.
A familia e os amigos sabemos, amais, que Manuel era un profesional xeneroso, sempre presto a axudar cando se requiría o seu concurso, desprendido para achegar a súa participación naqueles proxectos nos que era solicitado. Era, tamén, atento e cordial, bo conversador e moi observador, feliz na memoria e lúcido na reflexión.
Alí onde case ninguén se atrevía, Manuel era abandeirado. Nada nin ninguén coartaban o seu xuízo. Vivía entregue a unha única causa: a da lectura honesta, transparente, esencial.
Os que o benqueriamos sentimos agora o peso da canga da orfandade. Non poderemos informarnos puntualmente do que paga a pena ler no seu Bouvard e Pecuchet, tampouco saberemos das súas escollas na Tabela dos Libros desta casa, onde o seu parecer era tan apreciado e admirado polos que camiñamos, de mans dadas, sempre á súa beira.
Manuel: lelles aos de por alá arriba libros dos nosos escritores. E lembra darlles o teu consello, que sexan guiadiños e que te escoiten atentamente, que han de aprender a ver na letra o que só os espíritos sagaces coma o teu saben descubrir.”

Data de entrega e composición do xurado dos Premios da Crítica Galicia 2015

OFundación dos Premios Crítica Galicia sábado 7 de novembro de 2015 celebrarase a cerimonia de anuncio do ditame da XXXVIIIª edición dos Premios da Crítica Galicia que, a partir das 14:00 horas, terá lugar no decurso dun xantar no Hotel Os Escudos (Avenida Atlántida 106, Vigo).

A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das sete modalidades:

Creación literaria: Xavier Senín, secretaría, Fundación Premios da Critica Galicia; Xosé María Lema Suárez, escritor, gañador da edición anterior; Eulalia Agrelo, crítica, presidenta de ELOS; Carme Vidal, xornalista cultural, Sermos Galiza; María Xesús Fernández, crítica; Manuel Rodríguez Alonso, crítico e Chus Nogueira, crítica, presidenta da Asociación da Crítica Galega.

Investigación: Afonso Vazquez Monxardín, secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia; Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático UDC, gañador da edición anterior; Jesús de Juana López, catedrático UDV; Manuel González González, catedrático USC; Xosé Benito Reza, enxeñeiro forestal; María Edita de Lorenzo Rodríguez, catedrática da UDV e Aida Fernández Ríos, oceanógrafa, Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo.

Iniciativas Culturais: Antón Sobral, secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia; Mercedes Rosón, Subdirectora da área de Cultura da USC; Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputacion de Lugo; Francisco Porto, xestor cultural, director de Latamuda; Belén Fortes, xestora cultural; Xabier Límia, activista cultural e Ana Isabel Vázquez, activista cultural.

Música: Marcos Lorenzo Gallego, secretaría, Fundación Premios da Critica Galicia; Anxo Pintos, músico, membro de Berrogüetto, gañador da edición anterior; Belén Bermejo, empresaria musical Sirgo torcendo; Antonio Borrazás, director de programación sala Capitol; Marían Fernández Álvarez, xestora cultura, O Cable Inglés; Bieito Romero, músico, membro de Luar na lubre e Tito Lesende, xornalista musical e responsable de comunicación de SGAE.

Artes Plásticas: Charo Portela, secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia; Antón Pulido, pintor, gañador da edición anterior; David Pintor, ilustrador; Manuel Gallego Jorreto, arquitecto; Paula Gómez del Valle, fotógrafa; Paula Mariño Pazo, comisaria de exposicións e profesora e Emilia Guimeráns, escultora e ceramista.

Artes Escénicas e Audiovisuais: Camilo Franco, secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia; Luis Patiño, director de cine, gañador da edición anterior; Belén Pichel, presidenta de Escena Galega; Manuel Xestoso, crítico; Ángel Suanzes, xornalista de cine TVG; Montse Dopico, xornalista cultural e Tamara Canosa, actriz.

Cultura gastronómica: Ernesto S. Pombo, secretaría, Fundación Premios da Crítica; Artur Yuste. Grupo Cuevas, gañador da edición anterior; Delfina Cendón, hosteleira; Xavier R. Baixeras, escritor; Beatriz Sotelo, cociñeira d’ A Estación de Cambre; Luis Paadín, sumiller e Lidia Folgar, nutricionista.

Como establece a base sétima «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados antes do 30 de setembro de 2015. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.»

A este teor as propostas poderán ser dirixidas ás secretarías de cada unha das modalidades:

Creación literaria: Xavier Senín Fernández, xaviersenin@gmail.com

Investigación: Afonso Vázquez Monxardín, monxardin@gmail.com

Iniciativas Culturais: Antón Sobral Iglesias, sobraliglesiasanton@gmail.com

Música: Marcos Lorenzo Gallego, marcos.lorenzo.gallego@gmail.com

Artes Plásticas: Charo Portela Yáñez, charoportela@hotmail.com

Artes Escénicas e Audiovisuais: Camilo Franco: camilofrancoiglesias@gmail.com

Cultura Gastronómica: Ernesto Sánchez Pombo, espombo@yahoo.es

As propostas tamén poden ser dirixidas a: premiosdacriticagalicia@gmail.com
Para calquera información relacionada cos Premios da Crítica Galicia poden contactar con:

Bieito Ledo Cabido, presidente, 667 64 79 06
Manuel Bragado, secretario, 609 16 99 70″

Tabela dos Libros de xuño de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste curso. Nela danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Retomarase a andaina nos primeiros do mes de setembro. Boas vacacións e felices lecturas!”

2015_xuño_tabela

Tabela dos Libros de maio de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2015_maio_tabela

Tabela dos Libros de abril de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

abril_tabela_2015

Tabela dos Libros de marzo de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada comezo de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2015_marzo_tabela

Tabela dos Libros de febreiro de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada comezo de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2015_febreiro_tabela