Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do mércores 12

OAgosto cultural Cee mércores 12 de agosto continúa a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

12:30 h. Concha Blanco presenta O balcón do meu universo, publicado por Embora. No acto estará acompañada por Xosé María Lema Suárez.
13:15 h. Presentación de Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte II. Comarca de Fisterra e concellos de Mazaricos e Carnota, de Manuel Vilar Álvarez, publicado por SEMESCOM, nun acto onde participa tamén Xosé María Lema Suárez.
20:00 h. Presentación de O becho que quería comer a avoa, de Rocío Leira, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Marilar Aleixandre.
20:30 h. Presentación de 50 anos de historia do fútbol da Costa (1964-2014), de Xosé María Lema Suárez e Xosé María Rei Lema, acompañados no acto por Víctor M. Castiñeira Castro.
21:00 h. Presentación de Rubicundo, de María Canosa, publicado en Xerais. Presenta o acto Santiago Garrido.

Crónica da conmemoración do 50 aniversario da morte de Gonzalo López Abente

Desde a Fundación Gonzalo López Abente:
“A transcendente figura do poeta Gonzalo López Abente para os muxiáns e para o conxunto da cultura galega, foi homenaxeada no 50 aniversario da súa morte, que tivo lugar o 23 de xullo de 1963. Os acto xa empezaran o sábado día 13, cunha exposición de pintura de Viki Rivadulla, e a estrea da composición musical de Miguel Brotóns, baseada no poema de Abente, O meu mar. O sábado día 20 a Fundación Gonzalo López Abente, organizadora do evento, celebrou un plenario, no que tomaron posesións como novos patróns, Xosé María Lema en representación da Real Academia Galega, ademais de José Enrique Benlloch e Xosé Luís Méndez Ferrín, ambos titulo persoal.
Despois do plenario os patróns e numerosos veciños de Muxía acudiron ao cemiterio para facer unha ofrenda floral na tumba de Gonzalo López Abente, onde falou o historiador Manolo Vilar sobre os acontecementos do enterro de López Abente, e os poetas Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, deron lectura a textos de escritores coetáneos de López Abente sobre o seu falecemento.
Xa no Salón de Actos do Voluntariado continuaron os actos, que se iniciaron coa actuación das Pandeireteiras de Muxía, e a continuación presentouse o volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente, na que interviñeron Felix Porto, presidente da Fundación e Alcalde de Muxía, que deu lectura un texto enviado por Méndez Ferrín desculpando a súa ausencia e loando a figura de López Abente, de quen se manifesta entusiasta lector dende moi novo. Interviñeron tamén X. H. Rivadulla Corcón, que falou do significado da obra de Abente para as xentes de Muxía, como está feita a partir dun sentimento moi muxián, e de como a figura do poeta e a súa obra son a día de hoxe un dos símbolos identitarios máis relevantes de Muxía. Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, editora da obra conxuntamente coa Fundación, falou da importancia que ten para a cultura galega contar coa obra de López Abente recollida integramente no volume que presentaban, e por último Miro Villar, editor literario da Poesía Completa, falou dos criterios da edición e de como para el supoñía, esta edición, cumprir un soño longamente agardado, e lembrou como chegou á obra de López Abente, descubrindo un poeta dunha alta calidade literaria e lingüística.
Despois desta presentación tocou a quenda da entrega do Iº premio de Poesía Gonzalo López Abente, que foi entregado a Daniel Salgado polo seu libro Dos tempos sombrizos (Diario). Interviñeron, de novo Félix Porto, e a continuación Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, que editará o libro premiado, que falou da importancia dos premios para a poesía galega. A continuación Marilar Aleixandre falou en nome do xurado, lendo a acta do premio, e comentando as claves da obra premiada. A Daniel Salgado entregáronlle o premio, Arturo Suárez, tesoureiro da Fundación, e Viki Rivadulla, que ademais de secretaria da Fundación e do xurado, é a autora da escultura que se lle entregou ao premiado conxuntamente coa dotación económica.
A continuación tivo lugar a doazón que os pintores, Xervasio Sar, e Nolo Suárez, fixeron de sendos cadros á Fundación, como agasallo a xeito de homenaxe persoal á figura de López Abente.
E o broche final foi a estrea dunha peza musical baseada no poema de Abente A pedra da Barca musicado por Charo Vázquez Freire, directora da Coral Virxe da Barca, que interpretou a peza musical.”

Muxía: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 21 de xuño, ás 21:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Muxía, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, participan, xunto ao autor, Félix Porto, Manuel Vilar Álvarez e Alexandre Nerium.

Muxía: actos arredor do Día das Letras Galegas

A Fundación López Abente organiza os seguintes actos arredor do Día das Letras Galegas:

Xoves 17 de maio. A partir das 12:00 horas: Homenaxe a López Abente. Os actos comezarán cunha ofrenda floral diante do monumento ao poeta, acompañada das intervencións de Félix Porto e Xesús Sambade. Logo X. H. Rivadulla Corcón lerá un texto de Abente sobre a lingua galega. A continuación os participantes desprazaranse ata a casa na que viviu López Abente, para inaugurar unha lousa conmemorativa, coa intervención de Xan Fernández e lectura de poema a cargo de Viki Rivadulla; finalmente os actos continuarán no Cabo da Grixa, lugar de nacemento do poeta muxián; alí descobrerase unha placa co texto no que o propio Abente fai mención ao seu nacemento neste lugar da vila. Intervirán no peche dos actos Manuel Vilar e Rosalía Fernández Rial, facendo a lectura do poema dedicado ao cruceiro do Cabo da Grixa.

Venres 18 de maio, ás 18:45 horas: na Biblioteca Municipal de Muxía, presentación do libro Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, de Xan Fernández e Rosalía Fernández Rial.

Carballo: presentación de libros sobre a Costa da Morte

O venres 25 de novembro, a partir das 17:00 horas, na Librería Brañas (Gran Vía, 79) de Carballo, preséntanse as súas cinco últimas publicacións, enfocadas á divulgación do patrimonio cultural da Costa da Morte, do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte:
O hórreo atlántico e fisterrán. Cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza, de Xosé María Lema e Carlos F. Concheiro.
Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte, de Xosé María Rei Lema.
Textos literarios sobre a Costa da Morte, de Xosé María Rei Lema.
Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte, de Xosé María Lema e Eva María López Añón.
Romarías da Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera e Manuel Vilar Álvarez.
Vía Que pasa na Costa.