Xosé de Cea gaña IV Premio de Novela da Galicia Rural con “Nacional 547”

Desde Galaxia:
“No día de onte reunido telematicamente o xurado da IV Edición do Premio de Novela da Galicia Rural convocado Concello de San Xoán de Río, co apoio e patrocinio da Secretaria Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, composto por Tania Vázquez García, Armando Requeixo Cuba, Óscar Reboiras Loureiro, Alba Gil Vicente, Marcos Calveiro e, como secretario en nome do concello de San Xoán de Río, con voz pero sen voto, Miguel García-Fernández, acordou por maioría de votos conceder o premio a obra presentada baixo o título Nacional 547.
Unha vez aberta a plica resultou da autoría de Xosé de Cea, nado en Barcelona en 1970, quen exerce a escrita en diversos ámbitos como poesía, narrativa e xornalismo. (…)
En palabras do propio autor Xosé de Cea, “Nacional 547, máis que unha estrada, é a vea aberta pola que se desangra en hemorraxias de arela e frustración a vida dun adolescente na Palas de Rei dos anos oitenta. O mozo retorna dende Barcelona cos seus pais a unha vila rural que para el será un territorio de exilio cuxas coordenadas lle resultan incomprensibles. Atoutiñante e desorientado, irá descifrando a existencia na procura de redención grazas aos códigos achados na amizade e na traizón, no sexo e no desamor, nas drogas, na violencia, na soidade, na literatura, no rock… Un relato iniciático adubado con pornografía, heavy metal e Goma 2 que non deixará indiferente a ninguén.””

Luís Rei Núñez faise co II Premio Álvaro Cunqueiro de Novela coa súa obra Elas dúas

Daniel Landesa gaña o VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro con ‘Nenapinguín’

Desde Galaxia:
“Na Pobra do Caramiñal, a 19 de decembro de 2025, reunido o xurado do VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos, conformado por Encarna Pego, vicepresidenta da Asociación Cultural Barbantia, Óscar Reboiras, gañador da anterior edición, e Marcos Calveiro, en representación da Editorial Galaxia, acordouse conceder por unanimidade o premio á obra presentada baixo o título Nenapinguín.
Unha vez aberta a plica, a obra resultou ser da autoría de Daniel Landesa (Vigo, 1976), narrador infantil e xuvenil e poeta, con ampla traxectoria literaria.
O xurado destaca da obra gañadora a súa calidade literaria e unha trama protagonizada por nenos que padecen diversas enfermidades, tratada cun enfoque que fuxe do sentimentalismo e do melodrama, incorporando notas de humor e diversión, malia a situación que viven os protagonistas. Trátase dunha obra apta para un abanico moi amplo do público infantil, que interpela directamente á intelixencia e á sensibilidade do lectorado.
Daniel Landesa é escritor galego, licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, con traxectoria consolidada na poesía, a narrativa e a literatura infantil e xuvenil. (…)”