Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo González, Premios Xerais 2017

“Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 3 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIVª edición do Premio Xerais de Novela, a IXª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron trescentas persoas, entre as que se atopaban representantes das asociacións profesionais do sector do libro, escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que A banda dos cueiros se ocupou do apartado musical, lembrando con agarimo a figura do escritor Agustín Fernández Paz, a quen Xerais dedicou estes Premios Xerais 2017. Sinalou, despois, a importancia da continuidade dende hai tres décadas destes premios, nos que nesta edición de 2017 participaron 96 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A seguir, a tradutora Isabel Soto presentou Un mundo de palabras, onde se recollen os traballos de Agustín Fernández Paz sobre o libro e o fomento da lectura. Como editora literaria deste libro, Isabel Soto sinalou que «nesta obra de Agustín Fernández Paz cúmprese á perfección o principio de que a lectura e a escritura son as dúas caras dunha mesma moeda, e de que todo escritor, antes de selo, é un lector.» (…)
O profesor e divulgador científico, Xurxo Mariño, autor de Terra. Ciencia, aventura e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (Xerais, 2017), actuou como mantedor literario da velada. No seu discurso, titulado «A pedra negra», defendeu a convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como compoñentes dunha única cultura, reivindicando tanto o coñecemento humanístico para os como o coñecemento experimental para artistas, poetas e novelistas.
O xurado da XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 35 obras, formado por María C. Alonso Seisdedos (licenciada en Filoloxía Hispánica e tradutora), Ana Domínguez Santomé (directora do CEIP Carlos Casares de Nigrán e adestradora de ximnasia rítmica), Mª del Carmen Ferreira Boo (doutora en Filoloxía Galega e profesora de lingua e literatura castelá no ensino secundario), Carlos González Rodríguez (libreiro na libraría Wells de Cangas), Lucía Cobo (ilustradora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Fígaro», «Leriana», «Po estelar» e «Max».
Despois da súa última deliberación, acordou declarar por maioría como gañadora a obra presentada baixo o lema «Fígaro», que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Canosa corresponde ao título «Muriel».
María Canosa confesou que «Muriel naceu da necesidade de dar voz á sinxeleza e complexidade simultánea de espir os sentimentos, ao calado, expresado en voz baixa. Do mesmo xeito que fala o amor, a ledicia e a tristura. Con Muriel quixera destacar tamén a combinación de fraxilidade e fortaleza dos que están tocados pola sensibilidade, os mesmos que se atreven a soñar e pintar un horizonte de cores. A amizade e unha sinxela botella de leite une a todos e cada un dos protagonistas, de diferentes xeracións e tamén entre humanos e animais. Non pretendo unha obra moralista, porque quero que os lectores gocen, como gozaba eu cando lía de pequena, converténdome en protagonista das historias. Mais quixera afondar na xustiza e a honestidade de maneira natural. A historia enfíase por medio da intriga, da curiosidade que esperta no protagonista, e envólvese de maxia e fantasía.»
O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras, formado por Xabier Campos Villar (profesor de lingua e literatura no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa e autor de libros de texto), Mar Montenegro Prado (profesora de lingua e literatura no IES Politécnico de Vigo), Yaiza Peixoto Sánchez (profesora de educación infantil no CEIP Serra-Vincios de Gondomar e Vicepresidenta de Espazo Lectura), Inés Fernández Prieto (alumna de 1º de bacharelato no IES Otero Pedrayo de Ourense), Manuel Loureiro Giráldez (alumno de 2º da ESO do IES Auga da Laxe de Gondomar e membro do Comando Le de Espazo Lectura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Belinfante», «Ceiba de Luz» e «NS».
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Ceiba de Luz», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Manuel Lourenzo González e corresponde ao título «Ceiba de Luz».
Manuel Lourenzo González explicou que «a historia de Ceiba de Luz é a dunha expedición arqueolóxica formada por dezaoito persoas, estudantes e especialistas de distintos ámbitos, que emprende unha viaxe por unha rexión inexplorada da Amazonía peruana á procura dos restos dunha primitiva cultura. Mais algúns dos seus membros teñen obxectivos propios, que van da cobiza pirata duns ao delirio místico doutros, o que converterá a viaxe, nun medio descoñecido e moitas veces inhóspito, nunha mera loita pola supervivencia.»
«Ceiba de Luz é unha novela que encaixa no canon do relato de aventuras no eido da experiencia científica, polo que acae perfectamente ao universo de Verne que lle dá nome ao premio, cunha trama marcada pola intriga policial e cun achegamento ao fantástico lovecraftiano. Asemade, dexérgase un retrato da condición humana en situacións límite lonxe do paraugas protector da civilización.»
O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 42 obras, formado por Ana González Liste (xornalista), Marcos Lorenzo (xestor cultural), Diana Pastoriza (profesora de inglés da EOI e asesora TIC no CAFI), Lois Pérez Díaz (mestre e contador de historias),Afra Torrado (poeta e estudante de Belas Artes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Bennu», «Caridad Verdet» e «Os días felices de Benvido Seixas».
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Bennu», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Santiago Lopo e corresponde ao título «A arte de trobar».
Santiago Lopo declarou cando coñeceu que fora premiado que «A arte de trobar é unha novela que acontece no século XIII. Nela, unha troupe de artistas procedentes de Galicia percorre os camiños dunha Europa inmersa en duras loitas de poder. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galaico-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Realizada con sumo rigor histórico, a obra posúe unha trama con grandes doses de intriga e constitúe un vibrante fresco desta nosa historia, escrita en follas de pergamiño á beira do mar.»
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Consellaría de Cultura e Educación na celebración da cerimonia. Agradeceu o traballo das persoas do xurado e parabenizou á gañadora e gañadores que expresan o dinamismo e a vontade de renovación constante da literatura galega.”

Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do martes 6

O martes 6 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 16:00 a 22:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

17:30 h. Concerto-presentación do libro-cd Fantasía coas palabras do grupo Papi e mami, publicado en Galaxia. No acto estarán acompañados pola súa editora, Malores Villanueva.
18:30 h. Paula Carballeira e Xoana Almar: Volcán. O cabalo salvaxe da illa de Sálvora.
19:00 h. Diego Ameixeiras. “Lendo a Dashiell Hammett”
19:00 h. Ana Cabaleiro asina exemplares de Sapos e Sereas (Galaxia).
20:00 h. Presentación de Cando cae a luz, de María Canosa, editada por Urco, e Corredora, de María Reimóndez, publicada por Xerais.

“Cando cae a luz”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Sega:
“Quen dixo que escribir fose fácil? Realmente moitísima xente –que non escribe, claro, mesmo que lé pouco – pensa iso e dío, que é aínda máis grave. Daquela, que don, se cremos nos dons ou na mística inspiración e non no traballo duro ou no oficio, ten María Canosa (Cee, 1978) para publicar durante o ano 2016 seis libros individuais e outro en colaboración con Concha Blanco? E, céntrandonos no que nos ocupa, Cando cae a luz (Urco, 2016), que é o que a leva a deixar por un intre a literatura infantoxuvenil, na que se move con delicada paixón, para levarnos ao terreo do terror psicolóxico?
Gustaríame facer unha puntualización: escribir empregando o medo ou o humor, requiren dunha experiencia especial e tamén dunha solidariedade maior cxs lectorxs, dunha empatía para xogar xuntxs, para que haxa unha confianza mútua, empatía para que a cousa funcione. Na escrita humorística hai unha doada caducidade se o humor non é intelixente e universal: se a referencia na que se basea o chiste desaparece, xa non é actual, a graza e o riso murchan e o libro desínflase convertíndose nun pelexo fláccido de algo que un día foi.
Algo semellante ocorre coa escrita de terror. Non é doado meter e atrapar xs lectorxs nunha historia e provocarlles unha sacodida literal que xs lance fóra do libro e xs desacougue até o punto de seguir a pensar ao rematar a lectura. O relato de terror debería crear un sistema de ecos, de ondas centrífugas, de sacodidas; tras da última liña lida o arreguizo debe seguir zoando no cerebro ou físicamente nalgún recanto do corpo.
O mesmo que ocorre na narrativa erótica é precisa unha provocación a través da indución e unha consecución que vén da seducción. Pura propiedade asociativa. Ou pura álxebra, se o que buscamos é despexar o x. (…)”

Obradoiro/Santillana desembarca na literatura infantil e xuvenil co selo Oqueleo

Desde Cultura Galega:
“Un total de 22 títulos, dos cales 16 son de autores galegos, compoñen o importante desembarco co que se presenta o novo selo literario Oqueleo. A editorial Santillana, a través da súa filial galega Obradoiro está detrás desta proposta de literatura infantil e xuvenil, que conta con coleccións irmás en español (Loqueleo, nada en 2015), catalán (Jollibre) e, en breve, éuscaro (Begiko). Segundo explicou Ana Guerra, responsable de Obradoiro, a colección “era necesaria, xa que non contabamos cun proxecto literario forte” para estas idades, ao estar as editoras centradas no ámbito educativo. A colección conta con 5 liñas, a primeira delas orientada para lectores a partir de seis anos e última, xuvenil, pensada para os que teñen catorce ou máis.
A partir da primeira semana de abril estarán dispoñibles os primeiros quinte títulos, e na segunda quincena do mes, outros 7. Neses lanzamentos iniciais atópanse versións en galego de clásicos como Matilda de Roald Dahl, Momo e A historia interminable de Michael Ende ou tres volumes da serie O Nicosaliño de Sempé e Goscinny. Canda a eles, unha nutrida presenza de autores do país fai parte desta estrea, con nomes como Xabier P. DoCampo, Paula Carballeira, María Canosa, Jaureguizar, Xavier Estévez, Héctor Cajaraville ou Kike Gómez entre outros. Polo momento non está prevista a tradución das obras dos creadores do país a outras linguas da colección. (…)”

“O cuarto de María Canosa”

Artigo de María Canosa para A Sega:
“Non subín aínda as persianas. Intúo que fóra vai frío e tamén hai luz, mais eu mantéñome nesta sorte de burbulla illada, ás escuras, en silencio. É cedo. Pero hoxe quero escribir. Un texto. Este texto. Este pequeno texto. Por iso me erguín cando o frío nos pés ameazaba con agasallarme unha catarreira máis. Deixei a cativa na cama, na miña cama, tapada. Durmida nunha placidez admirable. Pasou unha mala noite, eu unha peor.
Non me mirei sequera no espello, vin directamente aquí, á mesa da sala, que habilitei como lugar de escrita esta tempada. Porque xa non teño ese lugar, o lugar, e, ás veces, tampouco teño escrita. Ou si. Non material, pero… as historias, as palabras andan sempre aboiando en min, no meu interior.
Eu fun, ou son, unha muller viaxeira, nai, pluriempregada, parada de longa duración, traballadora por conta propia e allea. Ao longo da vida pasei por diferentes etapas, diferentes lugares, diferentes espazos. O único que permaneceu foi a teima de observar, cazar historias, inventalas, soñalas… Podo imaxinarlle unha vida a calquera persoa que cruce pola rúa e esa é a miña escrita, construír ese mundo especial e excepcional para esa persoa que se volveu personaxe. Claro que, ás veces, non chega a materializarse nunha presada de letras escritas. Porque… Onde escribo? Cando? Como?
Escribo en cadernos, tamén no ordenador. Prefiro, sen dúbida, a escrita a man. Pero… por que? Quizais porque os podo levar no bolso, no coche, no peto do abrigo… e, se saco cinco minutos, é sinxelo facer anotacións nunha cafetaría, no banco do parque, apoiada no cadro de mando do coche. Ás veces séntome a esta mesa, tamén na que teño arriba, no meu cuarto propio, onde o frío de inverno non me axuda a estar, ou na grande que hai abaixo… Teño un cuarto de meu aquí, na casa paterna, onde vivo agora. Mais no que é a nosa casa, vai ser complicado atopar espazo. Cando vivimos en Ourense, non o tiña, e mais escribín igualmente.
Ás veces pregúntome por que esa teima de seguir dándolle ao lapis. Escribir é unha opción moi solitaria. Non o feito da escrita en si, que tamén, eu refírome á soidade da profesión. Para comezar, porque moi poucos o entenden como tal. Escribir, desde fóra, parece unha distracción, un divertimento. Desde o meu interior, un acto de fe, de compromiso, de amor. (…)”

María Canosa publica Cando cae a luz

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A escritora María Canosa visita o ‘Zigzag Diario’ para falar do seu libro Cando cae a luz, que acaba de publicar coa editorial Urco. Trátase de trece relatos curtos en que a autora se introduce na temática de terror, levándoa a situacións e escenarios cotiás. María Canosa sinala a influencia de Ánxel Fole neste libro (…). Pode accederse á entrevista aquí.”

O cubil das letras de… María Canosa

Desde Lermos.gal:
“Por sorte ou por desgraza, mudei de vivenda abondas veces. Así é difícil definir de maneira permanente un lugar propio para a escrita. Incluso na mesma casa utilicei diferentes recunchos onde poder escribir en función da época, necesidades ou opcións.
O caso é que non podería quedar cun curruncho de escrita predilecto, porque cada un deles ten o seu momento, o seu sentido, dando vida a historias que, unha vez que saen á luz, xa se apoderan dunha querenza que é imposible obviar.
Así pois, busquei o denominador común deses lugares nos que sento a pensar, imaxinar, soñar, crear… escribir. Polas noites non me importa que sexa un acubillo pequecho, sen máis ca unha mesa e unha luz cálida, co silencio por compañeiro. Ás veces prendo candeas… as lapas van e veñen, como as ideas, as palabras. Polo día busco unha ventá, a luz natural, desviar a vista e atopar branco, azul, verde… A chuvia repenicando nos cristais…
Como tamén carezo de horario estrito, ás veces escribo no coche, mentres agardo por algo ou alguén, a que sexa a hora exacta. Tamén nos bares que me seducen. No lugar onde toque pasar a fin de semana…
Traslado o meu cubil alá onde vou. Nel sempre preciso un caderno máis un lapis ou un bolígrafo. Cadernos grandes e pequenos, grosos e finos, preferentemente coas páxinas totalmente brancas. Aí quedan manuscritas as ideas, algunha palabra, esa luz da candea que dá orixe a unha historia… incluso pode que escriba todo o texto nel.
O meu recuncho está, por iso, no papel.”

Taboleiro do libro galego (decembro 2016-xaneiro 2017), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí as novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas nalgunhas librarías galegas ao longo dos meses de decembro de 2016 e xaneiro de 2017. Nesta ocasión, a información subministrárona un total de doce librarías. Grazas, pois, a Cartabón, Casa del Libro de Vigo, Cronopios, Andel, Lila de Lilith, Suévia, Biblos, Librouro, Moito Conto, Trama, Miranda e Libros para Soñar.

NARRATIVA
1º-. Dolores Redondo, Todo isto che darei (tradución Dolores Torres), Xerais.
2º-. Antón Riveiro Coello, A ferida do vento, Galaxia.
3º-. Manuel Esteban, A ira dos mansos, Xerais.
4º-. Daniel Asorey, Nordeste, Galaxia.
5º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
6º-. Patrick Ness, Un monstro vén a verme (tradución de Xesús Fraga), Kalandraka.
7º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
8º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
9º-. María Canosa, Cando cae a luz, Urco.
10º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia.
11º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.

POESÍA
1º-. Marilar Aleixandre, Desescribindo, Apiario.
2º-. Manuel Antonio, De catro a catro (manuscrito inédito), (edición de Anxo Tarrío), Alvarellos.
3º-. VV.AA., No seu despregar, Apiario.
4º-. Paula Carballeira, Nunca mascotas, Galaxia.
5º-. Marga Tojo, Últimos bruídos, Positivas.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Ana Torres Jack, Máis aló do azul e do rosa, Galaxia.
2º-. Jorge Mira-María Canosa, A que altura está o ceo?, Alvarellos.
3º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.

XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Héctor Cajaraville, Quen dá a quenda?, Xerais.
3º-. David Pérez Iglesias, Todo o tempo do mundo, Xerais.
4º-. Iria Misa, Xa non estou aquí, Xerais.
5º-. Carlos Meixide, Cans, autoedición.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. María Canosa, Rubicundo, Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Iago López, Macus Romero, O cociñeiro Martiño, Xerais.
2º-. María Lado, Rosalía de Castro, Urco.
3º-. Xosé Ballesteros, Marco Somà, Os tres porquiños, Kalandraka.

LIBROS CD-DVD
1º-. VV.AA., Aire. Maria Fumaça, Galaxia.
2º-. Miguel Ángel Alonso, Luz Beloso, Mel, unha mosca agradecida, Nova Galicia.
3º-. Migallas, Canta connosco, Kalandraka.
4º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
5º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Jacobo Fernández, Marcopola 4. Avoa power, Xerais.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
4º-. Fermín Solís, Así é Santiago, El Patito Editorial.