Desde
Galicia Hoxe:
“O Concello de Ames ten preparado un acto literario-musical para o día anterior ao das Letras Galegas, o xoves 16 de maio. Neste acto actuará a Escola Municipal de Música de Ames e entregaranse os premios do X Certame Literario e do V Certame Intercentros Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 20:00 horas. Tal e como se establecen nas bases hoxe publícanse os gañadores do Certame Literario Concello de Ames. Nesta edición o xurado encargado de elixir os premiados/as estivo composto pola escritora amesá, Mariña Pérez Rei, o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Antonio López Silva, e o escritor e crítico literario, Armando Requeixo Cuba. (…)
Na terceira e última categoría de narrativa, dirixida ás persoas maiores de 18 anos, o primeiro posto foi para o compostelán Mario Caneiro Ameneiros coa peza Un bolso “chic”. (…)”
Arquivos da etiqueta: Mariña Pérez Rei
Mariña Pérez Rei, Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo
Desde
Sermos Galiza:
“O xurado do premio valorou, entre outras cousas, que O sotaque de Aurelia, de Mariña Pérez Rei ten capacidade de incidencia en públicos amplos e variados ademais da calidade da súa escrita e o abordar un tema de actualidade como foi o despoxo de Aurelia Rei.
Narradora e poeta, Mariña Pérez Rei gañou con anterioridade premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Lueiro Rei ou o Avilés de Taramancos. Entre as súas obras atópanse os poemarios Fanerógama, Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante ou Paquidermo, mentres en narrativa escribiu Canícula, Costa Necrópole ou Contrapicados.
O premio será entregado o mércores día 15 de maio nun acto púbico no Pazo da Cultura de Carballo que contará coa actuación de Carlos Blanco. Presentáronse 46 textos que foron escollidos por un xurado composto por Belén Puñal, Carlos Callón, Xurxo Chapela e Nel Vidal.
Santiago: recital Picaversos, Lunáticos
O
martes 11 de decembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Lunáticos, coa participación de Mariña Pérez Rei, Ana Gorria e Xesús Ron. A entrada custa 2 euros.
A Coruña: actividades destacadas do xoves 2 na Feira do Libro
Continúa
a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do xoves 2 de agosto son:
– 18:00 h.: Antonio Piñeiro asinará exemplares da súa novela As fiandeiras, publicado en Galaxia. Paula Carballeira fará o propio co seu libro O principio, publicado en Kalandraka. Posteriormente levará a cabo unha sesión de contacontos.
– 19:00 h.: Presentación do libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación, de Carlos Arias e Mariña Pérez Rei, publicado pola editorial Bubela. Xunto cos autores do libro, participarán no acto Yolanda Castaño, Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval.
– 20:00 h.: Conversa de dous músicos de Berrogüetto con Francisco Castro arredor da súa biografía musical Berrogüetto. O pulso da terra, publicado en Galaxia.
– 21:00 h.: Presentación da tradución de Illuminations/Iluminacións, de Arthur Rimbaud, obra de Xoán Abeleira. No acto participan, xunto ao tradutor, François Davo e Manuel Rivas.
Bertamiráns, Ames: presentación de Contrapicados, de Mariña Pérez Rei
Parlamento das Letras: Mariña Pérez Rei
Entrevista
de Armando Requeixo a Mariña Pérez Rei, no blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– Mariña Pérez Rei: Creo que hai que enmarcalo nun proceso global que afecta a outras literaturas. Vese afectado por circunstancias que compartimos con outras linguas. Ten que ver con todo o que rodea o mundo da literatura: a aparición do libro electrónico, a crise económica, a crise de valores, escaso hábito de traballo e dedicación á lectura, a impaciencia, a présa por publicar, a sobrevaloración do inmediato, o desexo de acadar o éxito, o mercantilismo… Creo que sería fundamental que se reestruturase o mercado do libro. Esa calma obraría como un filtro. Todos teremos que reinventarnos, digo: libreiros, editores, lectores, autores… Por outra banda, creo que aínda que no caso do galego se arrastran dificultades de publicación ou de mercado, e aínda que o panorama vén marcado de raíz pola situación da nosa lingua, non se debería poñer en práctica unha literatura utilitaria, carente de orixinalidade. Tampouco determinar a nosa presenza no ámbito literario con valores cuantitativos e non pola súa relevancia como creación artística. Que importa se se publicaron tantos libros? Eu prefiro que se publiquen algúns libros determinantes. E se non é así, teremos que dicilo e asumilo, tampouco pasa nada. Boto en falta maior comunicación con outras literaturas peninsulares, a portuguesa, a éuscara, catalá… unha integración colectiva e unha conexión a nivel máis persoal; dígoo como experiencia enriquecedora a pé de terra, non estou a falar de actos institucionais para facer a foto de familia. Finalmente , gustaríame que houbese máis estudo crítico e unha boa formación da nosa crítica, e non me refiro a opinión, recensións, difusión etc., iso xa existe, senón estudo e contextualización nun marco máis amplo, mesmo a nivel internacional. (…)”.
Santiago: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación
O
xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, na Fundación Granell (Praza do Toural, s/n) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Xunto a eles, intervirán Mariña Pérez Rei, Iria González e Carlos Arias.
A Coruña: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación
O
xoves 20 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala de prensa da Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24), preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Ademais dos coordinadores da publicación, intervirá Mariña Pérez Rei e proxectarase unha videocreación poética de catro minutos de duración, obra de de Cristina Ferreiro Real. O acompañamento musical corre a cargo de Brais Morán (guitarra).
Antonio Piñeiro gaña o Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos, con A dama fulxente
“O
escritor e profesor ribeirense Antonio Piñeiro (1962) gañou a décima edición do Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e organiza o IES Virxe do Mar pola súa obra A dama fulxente. O xurado -formado polas escritoras e profesoras Mariña Pérez Rei –gañadora da anterior edición do premio-, Mercedes Queixas e Vanesa Oliveira, elixiu por “unanimidade” o texto de Antonio Piñeiro entre os 14 orixinais presentados.
Centrado nos albores da Revolución Francesa, A dama fulxente narra a viaxe de curación de Anne Geneviève a través do Camiño de Santiago até Noia. O xurado salientou “a mestría narrativa” do autor mais a súa “linguaxe precisa e evocadora que busca a sorpresa dende o primeiro parágrafo”. A forza “suxestiva” do relato deixa no padal do lector “as ganas de continuar indagando sobre esta convulsa etapa histórica” que rematou coa decapitación de Luis XIV. O xurado destacou tamén a presenza dun salto temporal no relato que “crea dous ambientes temporais na obra e o lector ten que fiar un co outro”. Na súa opinión, o final da obra resulta “imprevisible” e axuda a crear un “halo de misterio ao redor da dicotomía entre ciencia e fe” e que tamén fai referencia “ás intrigas propias da época por alcanzar poder e vanagloria na Corte”. O galardón está dotado con tres mil euros, unha escultura do artista Alfonso Costa e a publicación do relato en Toxosoutos, nunha edición que irá acompañada polas ilustracións de Pío Costa. No acto, celebrado onte na casa de cultura noiesa, tamén participaron o concelleiro en funcións de Facenda, Lino García e Xavier Castro, profesor e secretario do xurado”. Vía Galicia Hoxe.
