Arquivos da etiqueta: Mercedes Queixas
Coñécense as obras gañadoras do II Certame de microrrelatos convocado por Punto.gal e a Real Academia Galega
Desde
a Real Academia Galega:
“”A fiestra” é historia gañadora do primeiro premio na modalidade de adultos do II Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. A súa autora, Jessica Rodríguez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, só precisou 85 palabras para crear o impactante relato que abre a publicación dixital que xunta os nove textos gañadores da convocatoria, á que concorreron preto de medio milleiro de propostas. Os galardóns foron entregados na tarde de onte no salón de actos da RAG, onde a logopedista e as demais persoas galardoadas foron convidadas a ler cadansúa narración, dispoñibles nesta ligazón. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, Manuel González, agradeceron a súa participación e a de todas as persoas que concursaron nun certame que ten como obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital.
Alén da publicación na Rede dos microrrelatos, o concurso inclúe diferentes premios de perfil tecnolóxico, desde un MacBook Air a libros electrónicos e, no caso dos primeiros e segundos premios de cada categoría, un dominio .gal gratuíto durante un ano. Os premios contan ademais coa colaboración da revista Luzes, onde tamén se publicarán os nove relatos galardoados.
Víctor F. Freixanes salientou que a irmandade entre a Academia e PuntoGal na convocatoria desde concurso é un exemplo de que o compromiso da RAG se estende alén do coidado e a actualización permanente do idioma. “Hai que traballar tamén para que lingua sexa un vehículo de modernidade, para vivir na contemporaneidade e nas novas tecnoloxías da información e a comunicación”, expresou. “Se algunha razón ten de ser .gal, é a de reforzar a nosa identidade no mundo. Querémoslles dicir a todas as persoas cando abren un dominio .gal, sexa nos Estados Unidos, no Brasil, na Arxentina, no Xapón, na India, que existe unha lingua galega, unha cultura galega”, engadiu Manuel González.
Xunto aos responsables de ambas as institucións, na entrega dos premios tamén participaron a académica correspondente Mercedes Queixas e o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, todos eles membros do xurado. Darío Janeiro animou os gañadores a seguir creando en lingua galega e a facelo desde os seus propios dominios .gal e a escritora agradeceulles a todos os concursantes “o inmenso pracer da lectura”. Mercedes Queixas quixo recoñecer ademais o “labor mediador” das persoas que convidaron a escribir e a mostrar, especialmente nas categorías de infantil e xuvenil.
O primeiro premio na modalidade xuvenil foi para o relato “Cacería nocturna”, do coruñés Óscar Fernández Freire, alumno de bacharelato do Colexio Eirís. A súa é unha historia de 116 palabras que non é o que parece e que consegue arrincar un sorriso final. Claudia Martínez Asenjo, alumna de sexto de primaria do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela, mereceu pola súa parte o primeiro premio da modalidade de infantil por “O valor dos nomes”, 192 palabras sobre a importancia de lles dar na infancia nome propio a aquelas cousas que máis se aprecian.
Na modalidade de adultos, o segundo premio foi para “A primeira palabra”, un texto que mira o futuro da lingua con optimismo asinado pola química e divulgadora científica Ángela Arnosa Prieto, veciña de Naraío (San Sadurniño) de 22 anos; e o terceiro foi para Eduardo Cameselle Iglesias, vigués de 75 anos e enxeñeiro técnico xubilado, por “Black Friday”, unha historia que denuncia as traxedias vitais que se repiten arredor da chamada inmigración irregular.
Martina Lois Cuns, estudante de bacharelato do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, mereceu o segundo premio na modalidade de xuvenil por “Un día máis”, apenas 83 palabras que colocan o lector desde a primeira persoa na pel dunha vítima de abusos sexuais; e Cristina Fojo Rubio, alumna do bacharelato do Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña, gañou o terceiro con “O amigo mar”, un drama con final feliz.
O xurado tamén distinguiu co segundo e o terceiro premio da modalidade de infantil os relatos “A fada Every”, de Alba Díaz Mera, alumna de sexto de primaria do CEIP A Gándara de Narón; e “O can enxesado”, de Pablo Mirás Sánchez, estudante do mesmo curso no CEIP de Rebordáns de Tui.”
A Coruña: Ferrados de Letras 2019
Fallo do Certame de Microrrelatos Día do Libro 2019
“O 7 de maio de 2019, fanse públicos os premios do Certame de Microrrelatos organizado polo Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ, con motivo da celebración do Día do Libro 2019.
O xurado, que estivo formado, por:
– Armando Requeixo, escritor e crítico literario.
– Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG.
– Ánxela Gracián, escritora e tradutora.
– Martiño Maseda, poeta e administrador de Culturalia GZ (con voz e sen voto).
– Patricia Teijeiro, concelleira de Educación e Participación Cidadá (con voz e sen voto).
Determinou os seguintes premios:
– CATEGORÍA INFANTIL:
1º PREMIO para Nerea Villar Ferreiro polo microrrelato A historia da Pravia.
2º PREMIO para África Montenegro Leal polo microrrelato O paraugas máxico.
3º PREMIO para María Otero Díaz polo micorrelato Un ancián feliz.
– CATEGORÍA XUVENIL:
1º PREMIO para Mariña Maceiras Segovia polo microrrelato Perspectiva.
2º PREMIO para Nee Barros Fernández polo microrrelato Relax-acción.
3º PREMIO para Sandra Rodríguez Macía polo microrrelato A pantasma.
– CATEGORÍA ADULTOS:
1º PREMIO para Patricia Torrado Queiruga polo microrrelato Da estirpe ágrafa.
2º PREMIO para Raquel Fernández Fernández polo microrrelato Silencio.
3º PREMIO para Beatriz López Dorado polo micorrelato Polo recheo ao forno.
A entrega de premios será o venres día 10 de maio de 2019 ás 20: 00 horas na Casa da Cultura de Vilalba.”
Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (III)
O
Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
Presentación das conclusións das mesas redondas e grupos de traballo:
Debate sobre as conclusións das mesas redondas e grupos de traballo:
Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (II)
O
Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Presentación, por Mercedes Queixas Zas:
Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Joan Elies Adell i Pitarch:
Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Ana Luísa Amaral:
Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Suso de Toro:
Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Debate:
Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía 2019 (e III)
O
acto central do Día de Rosalía 2019, tivo lugar o domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Interpretación musical da Coral da A. C. Solfa, Ofrenda floral e Interpretación do Himno Galego:
Pontevedra: Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita, os 15 e 16 de marzo
O
Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita é unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que terá lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.
Con esta actividade preténdese reflexionar, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos.
PROGRAMA
Venres 15 de marzo no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.
Tarde
16:30 Mesa redonda. Liberdades civís e dereitos nacionais. Moderador: Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).
– Relatoras-es: Carme Adán (ensaísta e filósofa), Laura Mintegi (narradora vasca) e Clàudia Pujol (novelista e historiadora catalá, da directiva do Òmnium Cultural).
18:30 Mesa redonda. Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Moderadora: Mercedes Queixas (secretaria xeral da AELG).
– Relatoras-es: Joan Elies Adell Pitarch (poeta, tradutor, filólogo e director da Institució de les Lletres Catalanes), Ana Luísa Amaral (poeta portuguesa) e Suso de Toro (narrador e ensaísta).
Sábado 16 de marzo
Mañá. Pazo da Cultura. Seminarios 2 e 3. (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.).
10:30 a 12:00. Grupo de traballo Feminismos. Identidades. Coordinadora: Marta Dacosta.
– Relatoras-es: Daniel Asorey, María Reimóndez e Antía Yáñez.
10:30 a 12:00. Grupo de traballo Desposesión da terra e da identidade. As migracións de hoxe. A emigración galega no século XXI. Coordinador: Xoán Carlos Domínguez Alberte.
– Relatoras-es: Ana Acuña, Vicente Araguas e Afonso Becerra. Incluiranse comunicacións escritas de varias persoas residentes fóra de Galiza, para completar a perspectiva deste grupo de traballo (María Alonso Alonso e Helena Miguélez-Carballeira).
12:30 a 14:00. Grupo de traballo Lingua e patrimonio cultural. Papel do/a creador/a na sociedade actual e exercicio de dereitos nacionais. Coordinador: Antonio Reigosa.
– Relatoras-es: Pilar García Negro, David Otero e Diana Varela Puñal.
12:30 a 14:00. Grupo de traballo Cultura, medios de comunicación e poderes. A literatura e a creación/expresión literaria como ferramenta construtora dunha sociedade libre. Coordinadora: Rosalía Fernández Rial.
– Relatoras-es: Manuel Bragado, Camilo Franco e Ana Romaní.
Tarde. Teatro Principal (Rúa Paio Gómez Chariño, 6). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.
17:00 a 19:00 Lectura e debate das achegas das mesas e grupos de traballo anteriores. Cesáreo Sánchez, Mercedes Queixas, e as/os coordinadoras/es dos grupos de traballo da mañá.
19:30 Acto literario e musical. Con Xosé María Álvarez Cáccamo, Tamara Andrés, Marica Campo, Berta Dávila, Estíbaliz Espinosa, Antonio García Teijeiro, Antía Otero, Eli Ríos, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Rafa Vilar. Conducen: Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado).
Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2019
Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2019 no Panteón de Galegos Ilustres, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
A Coruña: presentación da colección Muller(es) de palabra
O
28 de febreiro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos, 16-18, 1º), preséntase a colección Muller(es) de palabra, coas relatoras: Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG e Encarna Otero, profesora e estudosa da vida e obra de moitas mulleres.
Neste caso, ábrese a colección con tres mulleres de pensamento, obra e acción que traballaron polo progreso, a igualdade e unha sociedade máis xusta.
Mercedes Romero Abella. Tiña 29 anos, nai de dous fillos pequenos e foi violada e torturada. Cortáronlle os peitos, antes de ser asasinada.
Elvira Bao, mestra no hospital de Oza e activa militante do galeguismo e membro da Agrupación Republicana Femenina da Coruña desde a súa constitución en 1933, editora xunto co seu home Bernardino Varela do que moi probablemente sexa o primeiro libro para crianzas, aquel Contos pra nenos de 1921.
María Miramontes unha muller que non foi mestra, foi costureira… mais non se pode falar de escolas e de ensino sen falar de María Miramontes, animadora e impulsora das escolas de ensino galego e das editoriais Lar e Nós. Ela representa como ninguén esa mocidade curiosa e con vontade de saber.








