Adagio por outono, de Modesto Fraga, por Miro Villar

DesdeMiro Villar o blog de Miro Villar, Crebas:
“Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recoller unha versión do texto que proferín no lanzamento do libro de poemas Adagio por outono de Modesto Fraga, o domingo 14 na Feira do Libro de Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Adagio por outono, de Modesto Fraga
A XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados, reafirmou a sólida bagaxe poética de Modesto Fraga (Fisterra, 1974) ao laurear o seu Adagio por outono, que chega dezanove anos despois da súa entrada no noso sistema literario. (…)
Esta apelación ao pasado non é gratuíta, pois o poeta arestora con moito máis oficio e cunha voz máis madura, retorna ao cultivo dos metros clásicos cos que se dera a coñecer, nomeadamente os sonetos. De feito Adagio por outono, que prologa Teresa Seara de maneira fulcral, está conformado por 35 sonetos divididos en tres partes e un intermezzo denominado «Pórtico» de catro poemas en verso libre, mais onde sobrancean hendecasílabos, heptasílabos e pentasílabos.
Non é de estrañar esta escolla porque o libro, que recolle nunha dobre páxina unha reprodución dos músicos no Pórtico da Gloria (século XII) e unha folla de carballo na portada, pretende realizar outra actualización dos principios literarios do Dolce Stil Novo, escola poética toscana da segunda metade do século XIII na que sobrancearon Guido Cavalcanti, Dante Alighieri, e moito despois Francesco Petrarca no seu Canzoniere, quen influíron en moitas épocas e literaturas posteriores.
Entre nós hai un bo número de poetas «dolcestilnovistas», aínda que salienta Darío Xohán Cabana, quen non só publicou varios libros con sonetos ao modo petrarquista, poñamos por caso o fermoso Amor e tempo liso (1987), senón que foi o excelente e premiado tradutor dos autores citados e doutras voces daquela época na Antoloxía do Doce Estilo Novo (Galaxia, 2004). (…)”

Cee: actividade literaria destacada na Feira do Libro para o domingo 14

OFeira do Libro Cee 2016 domingo 14 de agosto finaliza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), organizada polo Concello de Cee, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa:

O acto terá lugar no Museo Fernando Blanco:
12:30 h. Presentación de Adagio por outono, de Modesto Fraga, publicado por Alvarellos Editora. No acto estará acompañado por Miro Villar.

13880208_10155114281929418_4553107232664584116_n

Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do venres 12

OFeira do Libro Cee 2016 venres 12 de agosto continúa a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), organizada polo Concello de Cee, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Os actos terán lugar no Museo Fernando Blanco:
12:30 h. Presentación de 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, coordinado por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, publicado por Biblos. Xunto aos coordinadores, participan Xesús Rábade Paredes, Modesto Fraga, Rocío Blanco, Alexandre Nerium e Viki Rivadulla.
20:00 Presentación de O anxo negro, de Manuel Gago, publicado por Xerais. No acto estará acompañado por Salvador Mosteyrín.
20:45 h. Rocío Leira presenta Obituario, editado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Presenta Suso Bahamonde.

Carral: entrega do premio do XIX Certame Concello de Carral a Modesto Fraga e presentación de Soño e vértice, de Eva Veiga

13256262_1765184330379895_299546784784121852_n

Modesto Fraga gaña o XIX Certame de poesía Concello de Carral

DesdeModesto Fraga o Concello de Carral:
Modesto Fraga, coa súa obra Devalar sen pel resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta a alta calidade dos traballos presentados, preseleccionando unha decena de orixinais, dos que calquera podería ser premiado. Da obra seleccionada, salienta o xurado, que é un traballo redondo, que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos. Citando a Lezama Lima, o xurado indica que este poemario “ten a abundancia xusta”.
O xurado do concurso estivo formado por Carmen Caramés, Armando Requeixo e Luciano Rodríguez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 54 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. (…)
O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2016. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Soño e vértice, de Eva Veiga.”

Modesto Fraga: “A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía”

Entrevista Modesto Fragade Carlos Loureiro a Modesto Fraga en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E neste espazo vai nacer un grupo literario que adoita aparecer en letras maiúsculas na nosa literatura contemporánea: o “Batallón Literario da Costa da Morte” conformado por xoves plumas nadas nos anos sesenta e setenta -se exceptuamos á mestra Marilar, claro-… Que supuxo para ti este novo faro desta costa, neste caso un faro literario?
– Modesto Fraga (MF): A aparición do BLCM a comezos da década dos 90 supuxo unha boa oportunidade de dar a coñecer as nosas inquedanzas, pero non só desde o punto de vista literario –que tamén- senón como acción directa impulsada por un movemento cultural cívico comprometido coa sociedade na que nos tocou vivir (reivindicación da nosa lingua, restauración e dignificación da Memoria Histórica, promoción e difusión das novas voces da literatura galega, etc). (…)
– NG: Os premios adoitan marchar da man de Modesto Fraga… É esta a fonte necesaria para a publicación da nosa poesía? Pode o virtual axudar na expansión e universalización da nosa poesía?
– MF: Sempre concibín os premios literarios coma unha plataforma útil para dar a coñecer novas voces e para facilitar novos discursos se queremos pulsar a situación que vive o noso sistema literario. Non todos os premios literarios son xustos á hora de emitiren nos seus ditames, pero iso non significa que estean amañados ou que non constitúan unha ferramenta axeitada para posibilitar a aparicións de novos autores e autoras. No meu caso, recoñezo que sempre tiven boa fortuna neste aspecto e non me podo queixar do recoñecemento obtido ao longo destes anos. Por outra banda, é evidente que no mundo global no que vivimos os novos soportes dixitais xogan un papel determinante no que atinxe á difusión da creación literaria e, ademais, posibilitan, pola súa inmediatez, que cheguen a un número de lectores e lectoras certamente elevado. (…)
– NG: Realmente a poesía é para ti “o gran milagre do mundo” tal e como reza nunha obra colectiva na que participaches ou simplemente é a mostra da sensibilidade e compromiso do poeta co seu mundo, consigo mesmo…?
– MF: Eses versos fermosísimos de Luís Pimentel reflicten, ao meu entender, a meirande mostra de amor do poeta para cos valores do Humanismo. En síntese, o verdadeiro poder da poesía radica na súa función social, mais tamén na súa humanidade capaz de facer sentir ou de “dicir o que non se pode dicir”, en palabras de José Hierro. Ese -e non outro- é o grande milagre da poesía. (…)
– NG: Dicía Vicente Aleixandre que “a poesía ten que ser humana; se non é humana, non é poesía”. Estás de acordo con isto o máis ben optas por certo vangardismo?
– MF: Estou absolutamente de acordo con esa reflexión do grande poeta Vicente Aleixandre. A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía. (…)”