Paseos pola Pontevedra literaria. Maio e xuño 2018

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Maio e xuño 2018, son unha da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

Para inscribirse nestes paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 21 de maio.
A inscrición por orde de chegada ao correo electrónico.
As prazas son limitadas: 50 persoas.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado 26 de maio
Cegoñas no fondo da ría, con Manuel Lourenzo González.

Sábado 9 de xuño
Polos camiños do Triángulo inscrito na circunferencia, con Víctor Freixanes.

Sábado 23 de xuño
Josefina Arruti: tras a pegada das que quedaron, con Montse Fajardo.

A Pontevedra de María Victoria Moreno

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Os escenarios de vida dunha escritora axudan a explicar a súa obra. E viceversa. Algo así defende a xornalista Montse Fajardo, autora de O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros (Concello de Pontevedra). “Intentei pescudar na súa vida e ao pescudar na súa vida, comprendes moi ben a súa obra”, di Fajardo.
María Victoria Moreno (Valencia de Álcantara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005) chegou á cidade onde morreu en 1963. Alí atopara traballo o seu primeiro marido. Ela preparaba oposicións. Aprobaríaas dous anos máis tarde, o que a levaría a unha decisiva estadía en Lugo. Pero volveu ás ribeiras do Lérez en 1967. Agás un pequeno período en Vilalonga, xa nunca abandonaría Pontevedra.
“As chiscadelas á cidade e á súa xente son continuas nos seus libros”, explica a Sermos Montse Fajardo (Vilagarcía de Arousa, 1973), “pero sobre todo aparecen as persoas, antes que Pontevedra”. Pon un exemplo: “Carlos Godoy era o director do instituto Torrente Ballester e o seu amigo. Sempre contaba que quixera ser bombeiro. En Guedellas de seda e liño (1999) sae Carlos Godoy, xefe de bombeiros”.
Tamén na súa célebre Anagnórise (1988) aparece unha profesora que fuma e conduce moi ben. Na mencionada Guedellas de seda e liño, unha rapaza que se relaciona con alguén que consome drogas. A tentación autobiográfica irrompe así, aos anacos, disfrazada. Non é o caso das súas pezas poéticas, compiladas postumamente por Xavier Senín en Elexías de luz (2006). (…)
Como parrafadas botaba no escalón de Ulises que dá título ao traballo de Montse Fajardo. A expresión ten correspondencia real: no barrio de Campolongo, nos anos 80, María Victoria Moreno adoitaba pasear a cadela. “Xuntábase con nenas e nenos aos que lles mercaba larpeiradas e cos que sentaba nunha escada para lles contar a historia de Ulises”, lembra a xornalista, para quen a anécdota encerra elementos de categoría: “Era quen de converter calquera lugar nunha aula e dar clase en calquera lugar. Engaiolaba os alumnos”. (…)”

Montse Fajardo: “As mulleres maltratadas non teñen culpa de nada. Só deron cun tipo que resultou ser un criminal”

Entrevista de Montse Dopico a Montse Fajardo en Praza:
“(…) – Praza (P): Foi unha proposta túa, da concellería de Igualdade [Invisibles]…?
– Montse Fajardo (MF): As dúas cousas, en realidade. Unha vez estaba falando en facebook sobre o libro que publiquei antes deste, Un cesto de mazás, que fala sobre a represión franquista desde o punto de vista das mulleres. Unha amiga preguntoume que cando ía facer un libro sobre a violencia machista e eu pensei que si, claro, que tiña que facelo. Comenteino un día no concello de Pontevedra coma un proxecto a facer a longo prazo. A idea chegou aos ouvidos de Carme Fouces, a concelleira de Igualdade, e un día díxome: “vas facer ese libro, pero para a campaña do 25 de novembro”. A min non me parecía posible porque tiña só seis meses, pero tiven a sorte de formar parte dun equipo no que estabamos Carme, Rosa Campos, que é a psicóloga do Centro de Información á Muller do concello, e eu, e finalmente si foi posible.
Tiñamos claro que o obxectivo era escoitalas a elas, que elas fosen as protagonistas. Tamén que no libro debían aparecer as distintas tipoloxías de maltrato: o físico, o psicolóxico… e que tiña que levar un foco especial nas criaturas. E que había que darlles visibilidade non só a elas, senón aos maltratadores. Porque non pensamos neles, mais calquera podería ser: o profesor do teu fillo, o condutor do autobús, o panadeiro que che vende o pan todos os días… Tiñamos que tentar visibilizar unha serie de condutas que acaban levando á problemática da violencia machista. (…)
– P: Hai unha reflexión moi importante que sae no relato de Ana. “Estudan o perfil psicolóxico da vítima. Pero ti non es vítima porque encaixes no papel. Es porque deches cun criminal”.
– MF: Penso en Eva, por exemplo. Unha muller intelixente, culta, guapa, co seu propio negocio… Unha muller que chama a atención. Pois comeza a contarche as malleiras que levaba… Ela non tiña dependencia económica del. Tiña dependencia afectiva dun tipo que pasou de aparentar ser un home marabilloso a ser o peor. Cando me contou que, dez días despois de que el lle rompese un brazo, lle desprazase dúas vértebras e lle rompese o tímpano, ao volver atoparse con el, ouriñouse enriba, comprendino. Paréceme unha imaxe devastadora. Ela estaba psicoloxicamente devastada.
Non hai perfil de vítima. No libro hai mulleres de distintas idades, do rural e da cidade, de distintos niveis de estudos, moitas delas son independentes economicamente… É algo que pode pasarlle a calquera e é moi importante dicilo, porque elas pensan que foi culpa delas por ser parvas, por escoller mal, porque tragaron demais, porque lles contestaban e iso facía que eles se enfadasen, porque non fixeron caso das alarmas cando comezaron a notar cousas que non encaixaban… E todo iso é moi inxusto. Igual que dicir que é culpa delas por escoller homes que van de duros. Hai maltratadores que son, de cara para fóra, homes moi tranquilos, bos veciños…
As mulleres maltratadas non fixeron nada mal. O único que lles pasou é que namoraron daquel tipo que parecía marabilloso e que resultou ser un criminal. É o maltratador o que fai mal. Ti non fixeches nada. Hai que deixar de xulgar as vítimas. A Ana un amigo avogado pregúntalle que problema psicolóxico ten para que lle pase iso… E non é así. É como ter un accidente. Pode pasarlle a calquera. Non podemos evitar que pase, pero se pasa si temos que saber como saír. E ten que haber medios para que a sociedade apoie as mulleres. (…)”