Gondomar: concerto de Xardín Desordenado, sobre textos poéticos de autores galegos

O venres 23 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, terá lugar o concerto de presentación do último disco de Xardín Desordenado, onde se recollen dezaseis poemas musicados con textos de Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Eduardo Estévez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Serxio Iglesias, Manuel María, Kiko Neves, Uxío Novoneyra, Manuel Pereira Valcárcel, Anxo Quintela, Manuel Rivas, Daniel Salgado e Rafa Villar.

Rafa Vilar gaña o Premio Arume de poesía para nenos/as con Patente de corso

“No día de onte, 28 de novembro de 2011, reuniuse na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, o xurado designado para o fallo do VI Premio Arume de Poesía para nenos/as.
O Xurado, composto por D. Xosé Neira Vilas, D. Valentín García Gómez, D. Xoán Andrés Fernández Castro e D. Luís Reimóndez Fernández, acordou por unanimidade conceder o premio á obra presentada baixo o título Patente de corso (pequeno dicionario pirata), que unha vez aberta a plica resulta ser da autoría de D. Rafa Vilar. En opinión do xurado, Patente de corso, composición poética con piratas bos, xoguetóns e atractivos para o público infantil. Non son corsarios violentos senón máis ben inxenuos, que mesmo esquecen cargar os canóns para librar así unhas batallas nas que ninguén se magoa. Estruturada en estrofas de 2 a 4 versos octosílabos, o autor logra imprimir un ritmo rápido e un estilo lixeiro, non por iso baleiro de contido, pois hai referencias ao galego Benito Soto, aos Camiños da Vida e mesmo á Internacional por resaltar algúns exemplos. Destaca tamén o seu léxico coidado que mestura termos tradicionais con termos piratas conseguindo un ambiente literario lúdico e apacible.
Así mesmo, o xurado acordou facer dúas mencións de honra ás obras presentadas baixo os lemas:
Verdedades, da autoría de Dona Iolanda Castaño. Constitúe un canto á natureza e ás variedades botánicas feitas con cuartetas octosílabas na súa maioría nos que os pares riman en asonante. Trátase dunha composición de tipo popular para aprender poñendo en valor as grandes posibilidades que ofrece o noso medio natural.
Flores de Abruñeiros, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de D. Alberto Calvín Corredoira. Destacouse dela unha estrofa corrida con verso popular, moi coidado na súa edición que contén dialectalismos e mesmo castelanismos que son aclarados con notas ao rodapé. Constitúe así un método instrutivo e didáctico que achega a tradición popular aos nenos/as.
O premio, está dotado con 1.000 € e a publicación da obra premiada. Entregarase o no mes de decembro de 2011 nun acto público na Sede da Fundación Xosé Neira Vilas, o que se confirmará con anterioridade.

Gres, Vila de Cruces, 29 de novembro de 2011″

Santiago: Homenaxe a Xosé Neira Vilas

Crónica posterior en La Voz de Galicia e Galicia Confidencial.

Bertamiráns: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O xoves 24 de febreiro, ás 20:00 h., no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participa, acompañando ao autor, Rafa Villar e Silvana Castro. Colabora a Mesa pola Normalización Lingüística.

Fisterra: recital poético dentro da “2ª Festa Nacionalista da Costa da Morte”

O domingo 18 de xullo, desde as 14:00 h., no marco da “2ª Festa Nacionalista da Costa da Morte” que se celebra en Fisterra (Paseo marítimo da praia da Langosteira), terá lugar un recital poético a cargo de Rafa Villar, María Lado, Alexandre Nerium, Mónica Góñez e Modesto Fraga. O acto enmárcase na xornada de confraternidade organizada pola asemblea local do BNG de Fisterra. Haberá, amais do recital de poesía, distintas actividades culturais e un xantar de irmandade.

Compostela: presentación de Migracións, de Rafa Villar

O día 6 de novembro, ás 20:00 na libraría Couceiro de Santiago (Praza Cervantes), terá lugar a presentación do poemario Migracións (Edicións Espiral Maior), de Rafa Villar. O acto contará coa presenza, para alén do autor, de Luís Cochón, Francisco X. Fernández Naval e Miguel Anxo Fernán Vello.

Presentación en Fisterra da nova colección de poesía “Edoy Leliadoura”

A Taberna Ultreia e Sotelo Blanco Edicións presentarán os libros da nova colección de poesía Edoy Leliadoura:

  • Derrotas con raíces, de Modesto Fraga;
  • Memoria de Ahab, de Rafa Villar;
  • Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado.

Será o 30 de novembro ás 20:00 horas na Taberna Ultreia (Rúa Santa Catalina, 28) de Fisterra. Intervirán Modesto Fraga, Rafa Villar e Daniel Salgado.