Rosalía Fernández Rial: “A poesía ha de servir para dar voz aos silenciados e esperanza a quen aínda cre na utopía”

EntrevistaRosalía Fernández Rial de Montse Dopico a Rosalía Fernández Rial en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Sempre che interesou a interdisciplinareidade, o intercambio entre distintas artes. A iso responde o proxecto de Elo? Como xorde? (Tendo en conta que empezaches coa música, antes de facer poesía)
– Rosalía Fernández Rial (RFR): En efecto, penso que a arte só se pode comprender dun xeito interdisciplinar, intercomunicado. Se entendemos a música e a poesía nun sentido amplo, a súa separación conforma un artificio forzado e actúa como limitador do proceso creativo. O poema non deixa de ser unha partitura fonética e calquera xogo melódico consciente pode condicionar por completo o resultado literario final -tanto na lectura individual como na súa translación á escena-. Nese senso, o feito de terme formado en música, literatura e teatro foi determinante na construción desa concepción.
Evidentemente, o proxecto ELO enmárcase nesa visión. Pero cunha diferenza de base fundamental: a comunicación co “outro”. ELO é un diálogo entre o poema xa escrito -desde os postulados individuais comentados- e a música doutra persoa con principios compatibles mais diferentes aos meus. Por iso a nosa unión dá como resultado un produto diferente: un disco de poemas. Non é un libro nin un CD convencional con letra cantada. Desa forma, o texto adquire musicalidades diferentes ás que tiña de xeito independente, cobra outras vidas e enriquécese ao ser lido e reinterpretado desde unha perspectiva á da autora. E o mesmo acontece coa súa transferencia á escena compartida, onde a esas dimensións se suma a presenza de dous corpos na esfera doutro código artístico máis.
En definitiva, ELO xorde da necesidade de tecer retallos artísticos desde direccións e perspectivas diferentes; da literatura musical á música literaria, a través da imaxe escénica e o formato audiovisual, pois todo iso pode ser poesía. Desde unha óptica holística, viva e interdisciplinar que orixine formatos diferentes, así como novas formas de recepción e de reflexión compartida. Con tanta admiración pola lírica medieval como pola arte contemporánea.
– MD: No disco recitas poemas escollidos de Vinte en escena e de Ningún amante sabe conducir. Ningún amante resulta, se cadra, máis intenso e erótico que lido, como se as imaxes gañasen potencia. Tamén a denuncia da intemperie das persoas excluídas gaña, se cadra, forza nos poemas de Vinte en escena. Era o obxectivo, respecto dos textos? Como concibiches o diálogo con eles a través da música?
– RFR: Por suposto. A lectura dos poemas non pretende ser unha simple translación do papel á voz oral. Hai unha vontade interpretativa diferente, unha intención de outorgarlle unha nova dimensión ao escrito. Se os instrumentos de expresión son diferentes o resultado non pode ser o mesmo e niso investín moito esforzo. En canto á combinación do texto coa música, cómpre aclarar que en ELO entendemos ambas linguaxes como un todo en constante diálogo. É dicir, o melódico non actúa como fondo ou acompañamento da palabra, senón que conforma con ela unha unidade artística nova, diferente. Por iso cada tema foi composto de maneira exclusiva e específica para cada conxunto de versos. (…)”

Taboleiro do libro galego XXXI (febreiro 2015), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros galegos máis vendidos ao longo do mes de febreiro. Grazas, nesta ocasión, a un total de trece librarías galegas colaboradoras neste proxecto como son: Trama, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Librouro e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. Amor en alpargatas, de Manuel Portas, Xerais.
3º-. Cuarto minguante, de Bautista Álvarez, Xerais.
4º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
5º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
6º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
7º-. O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa.
8º-.  A diagonal dos tolos, de Santiago Lopo, Galaxia.

POESÍA
-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
2º-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
3º-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
4º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
5º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
6º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
7º-. Espectros, de Rosa Enríquez, O Figurante.

ENSAIO-TEATRO
-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora, e O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira, Xerais.
2º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
3º-. História literária e conflito cultural, de Isaac Lourido, Laiovento.
4º-. Galicia encantada, de Antonio Reigosa, Xerais.
5º-. Galleira Passport, de Luís Menéndez, Alvarellos.

XUVENIL
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Xerais.
-. Feitizo de sangue, de Sabela González, Galaxia.
-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
-. Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
-. O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila, Urco.

INFANTIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
-. A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani (ilustracións de João Vaz de Carvalho, tradución de Xosé Ballesteros), Kalandraka.
-. Augusta e os seus medos, de Sabela Fernández Trelles (ilustracións de Alicia Suárez Otero), Xerais.

LIBROS CD-DVD
-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e ilustracións de David Pintor, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Mar interior, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. Luzes, nº 14, xaneiro, 2015.
2º-. ELO, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira, Edicións Positivas.
3º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.

“Proxecto Elo”, do libro á escena, á rede e ao disco

DesdeRosalía Fernández Rial Sermos Galiza:
“(…) “Elo” pola unión, polo encontro da musica e poesía. “Elo” tamén pola sonoridade -recorrente como sufixo galego- e polo carácter visual da palabra. Elo, tamén, por esa expresión que queda no ar nas conversas cotiás: “E lo?”.
O Proxecto Elo, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira, chega agora a disco despois de ter pasado por múltiples soportes e disciplinas. Naceu nos libros de Rosalía Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir (os dous en Edicións Positivas), e, como levaba acontecendo desde anos atrás, desde o inicial Átonos, non tardou en xuntarse á música de Serxio Moreira para se mostraren conxuntamente ao vivo. Doce poemas dos dous libros que comezaban así unha nova vida e un camiño a través de distintos soportes e formatos.
“Tratamos de que a voz interpretase tamén os poemas, que tivese un punto teatral e en canto á música son sons experimentais e variados nos que predomina o uso do teclado mais tamén moitos extraídos da propia natureza”, explica Rosalía Fernández. A través de facebook e cunha bandcamp o proxecto difundiuse a través da rede, xusto ate esta quinta feira, que saíu o último dos temas publicados. “Queriamos utilizar as redes sociais como medio para dar a coñecer os temas que fomos colgando día a día ate este 12. Xusto o día despois de publicar o último poema de Vinte en escena recibimos a noticia de que o disco xa está preparado”, comenta Rosalía Fernández Rial, xusto ao tempo de anunciar o paso do proxecto ao soporte disco que distribuirán nos posteriores espectáculos.
“Este proxecto empezou en escena e o fin é a escena. Cremos na poesía viva, nas artes vivas que deben transcender os formatos e espallarse. Cremos na interdisciplinariedade artística, a escena e a música fan que o libro teña máis vida”, explica, para quen, alén da linguaxe contemporánea a iniciativa sigue a tradición da historia da literatura galega. “Desde a época medieval a poesía fíxose ao vivo e non ha que esquecer que nós somos parte dunha literatura e dun país”, apunta, antes de iniciar outra nova xeira na que conta levar os libros, e xa o disco, de novo ao encontro co público, ao vivo.”

Carballo: actividades do venres 29 na Praza dos Libros

ContinúaPraza-dos-Libros-de-Carballo-2014 esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que ten lugar no Xardín Municipal do 28 ao 30 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o venres 29, destacamos os seguintes:

12:00 h. Xogos musicais, de Luís Prego. Actividade baseada no libro publicado en Edicións do Cumio.
18:30 h. Merenda con Pan de millo, concerto a partir do libro-disco.
20:30 h. Presentación e recital poético e musical de Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Toxosoutos. A autora estará acompañada polo pianista Serxio Moreira.

Ponteceso: convocatoria para participar en recital de poesía contra a mina de Corcoesto

Estase organizando un recital de poesía contra a contaminante mina de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) que se baralla para o día 11 de Agosto. Contaremos coa presenza musical do amigo Serxio Moreira ao piano e buscamos un ou varios pintores que se animen a facer un cadro en directo.
De momento a nómina de autores é a seguinte: Paco Souto, Xosé Lois Cabanas, Miguel Mato e Óscar de Souto. Así que velaí, se podedes e queredes participar no recital, quedades convidados.
Será en Ponteceso, probabelmente na casa dos veciños do Couto. Podes comunicar o teu interese en participar no correo electrónico: pacosouto@hotmail.com. Sería fantástico que fixerades un poema ad hoc.