Vídeo da presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá, na Feira do Libro da Coruña de 2012

Vídeo da presentación na Feira do libro da Coruña 2012 de Verde oliva, de Xavier Alcalá, publicado en Galaxia. Acompañan o autor Víctor F. Freixanes, Vicente Araguas e Tati Mancebo. Desde o blogue do autor.

Fene: tertulia de Valentín Carrera con Tati Mancebo, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 25 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Valentín Carrera, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Narón en 1990, coa novela Riosil, falará sobre esta obra nun acto conducido por Tati Mancebo.

Fene: ciclo de faladoiros cos gañadores/as do Premio Blanco Amor de Narrativa

A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, que organiza este ano a XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, promove, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un ciclo de faladoiros con algúns dos gañadores/as de anteriores edicións. Na escolma de autores/as procurouse garantir a presenza daqueles escritores que gañaron nas edicións do Premio organizadas por concellos da comarca.
Nestes faladoiros, sempre ás 19:00 h. e na Casa da Cultura do Concello de Fene, tanto o condutor/a como o público participante dialogarán co/coa autor/a gañador/a do Premio Blanco Amor sobre a obra do autor/a e nomeadamente da obra coa que gañou o Premio.
O primeiro destes faladoiros, conducido por Mercedes Queixas, terá lugar o vindeiro xoves, 20 de setembro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Fene e contará coa participación de Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela O triángulo inscrito na circunferencia.

O ciclo, que se desenvolverá entre o 20 de setembro e o 22 de novembro, desenvolverase consonte o seguinte calendario:
Xoves, 20 de setembro, tertulia con Víctor F. Freixanes, conducida por Mercedes Queixas.
Xoves, 4 de outubro, tertulia con Xesús Rábade Paredes, conducida por Verónica Martínez Delgado. Anulada, pendente de reprogramación.
Xoves, 11 de outubro, tertulia con Xavier Alcalá, conducida por Alfredo Ferreiro.
Xoves, 25 de outubro, tertulia con Valentín Carrera, conducida por Tati Mancebo.
Xoves, 8 de novembro, tertulia con Francisco Castro, conducida por Carlos Negro.
Xoves, 22 de novembro, tertulia con Inma López Silva, conducida por Mercedes Queixas.
Vexa aquí a listaxe completa de obras gañadoras do Blanco Amor. O conxunto dos concellos organizadores foi merecente en 2010 da Homenaxe Os Bos e Xenerosos, promovida pola AELG.

A Coruña: Medre o mar!, homenaxe a Bernardino Graña, o sábado 1 de setembro

Medre o mar! é o título dunha homenaxe nacional a Bernardino Graña que se celebrará na Coruña o sábado 1 de setembro, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega. O programa está composto polas seguintes actividades:

MIRANDO O MAR. No Parque da Torre de Hércules, zona dos menhires.
11:00 h. Os artistas crean arredor da obra do poeta, sendo expostas pola tarde no patio da Reitoría (Maestranza) da Universidade. Con: Carlos Botana, Carmen Cierto, Alfonso Costa, Suso Cubeiro, Inma Doval, Rubén Mariño, Martazul, Miguel Melero, Augusto Metztli, Mercedes Molares, Begoña Pastoriza, Ánxela Pérez Meilán, Isabel Pintado, Soledad Pite, Tino Poza, Mely Secas, Nolo Suárez e Begoña Tojo.
12:00 h. Contacontos e lecturas dramatizadas, a cargo de Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.
12:45 h. Outras voces, recital. Con Natalia Concheiro, Berta Dávila, François Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Denís Graña Fernández, Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre Nerium, Begoña Paz, Alexandre Ripoll, Dores Tembrás e Ramiro Torres.

PASAR A MAROLA. Na Dársena.
16:45 h. Travesía polo mar da Coruña. Con Anxo Angueira, Xabier P. DoCampo e Luís Dopico. É preciso reservar previamente no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, de 10:00 a 14:00 h. As prazas son limitadas, e o prezo é de 5 euros.
18:00 h. Marcha gaiteira en louvanza do poeta, con Maghúa, Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña.

MEDRE O MAR!. Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza.
18:30 h. Acto poético-musical, con proxeccións audiovisuais. Coa participación de: Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, A Quenlla, Pablo Coello e Xacobe Meléndrez Fassbender, TingaLaranga Audiovisual, Coro mar das Acentes, Xurxo Souto e María José Martínez López, Vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura da Universidade da Coruña.

A Coruña: actividades destacadas do mércores 8 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. A actividade máis destacada do mércores 8 de agosto é:

20:00 h.: Xavier Alcalá presenta a súa novela Verde oliva, publicada por Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes, Tati Mancebo e Vicente Araguas.
21:00 h.: Presentación da novela O alento nas costas, de Natalia Carou, publicado por Baía Edicións. No acto, xunto á autora, participan Belén López e Xurxo Souto.

A Coruña: X Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e pintura

O venres 29 de xuño, a partir das 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, terá lugar a X edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Arturo Casas, Diana Varela Puñal, Ramiro Torres e Tati Mancebo, quen tamén participará na parte musical, xunto a Dúbi Baamonde e Tito Calviño, en paralelo á intervención das pintoras Gosia Trebacz e María Martínez.

Vídeo da conferencia inaugural de Tati Mancebo no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os

Vídeo da conferencia As revistas literarias na era dixital, a cargo de Tati Mancebo, presentada por Cesáreo Sánchez, que inaugurou o VI Encontro de Escritoras/es Novas/os. Da tinta á pegada dixital, celebrado na Coruña o pasado 17 de setembro:

‘A AELG traballará para a posta en marcha de revistas literarias en formato dixital’

Reseña en Código Cero:
“Calquera que camiñara un pouco pola Rede nos últimos anos terase decatado de que unha boa parte da nosa literatura ten xa o seu xermolo nela, e xa non só iso, senón tamén tódolos estados vitais que lle seguen: presentación, seguimento, comentarios, interactividade, recoñecemento, divulgación, etc. Esta vida dixital da nosa creatividade ofrece múltiples posibilidades que, máis que prexudicar, semellan complementar a expresión tradicional, a vinculada ao papel. Tirar o máximo partido destas posibilidades é o gran obxectivo da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que celebrou este sábado a sexta edición do seu Encontro para autoras/es novas/os. A xuntanza, que se desenvolveu baixo o epígrafe Da tinta á pegada dixital, serviu entre outras cousas para promover a creación de revistas literarias en novos formatos ligados á Rede.
O encontro, celebrado de novo no espazo Normal (centro cultural da Universidade da Coruña), contou coa participación dun amplo número de escritoras e especialistas en nova comunicación, como Tati Mancebo, Antía Otero, Estíbaliz Espinosa, Leo F. Campos, Ana Cibeira ou Elvira Riveiro, entre outras. Tal e como reflectían os medios galegos antes da celebración deste encontro, un dos grandes obxectivos do mesmo foi asentar os alicerces dunha serie de traballos colectivos que desembocarán na posta en marcha de novas publicacións literarias dixitais, a engadir ao que se siga a facer a través dos formatos tradicionais, por outra banda tamén necesarios.
Segundo fixo saber o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez, en declaracións a Efe, é preciso habilitar iniciativas que integren e unifiquen os nosos esforzos en materia de literatura e pensamento, unha boa parte dos cales se segue a desenvolver de xeito illado, sendo as novas tecnoloxías do noso tempo un bo xeito de canalizalos cara a sociedade galega, facilitando a súa accesibilidade e a interactividade arredor deles. Neste senso, os blogs e publicacións de tipo persoal en Internet xogarían un papel decisivo. Segundo fixo saber a AELG, impulsarase a creación destes foros dixitais coa posta marcha dunha publicación propia, onde as autoras e autores “poderán facer confluír as súas creacións”.”