Arquivos da etiqueta: Toño Núñez
Veu visitarnos… Toño Núñez
Entrevista
a Toño Núñez en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que o levaron a escribir?
– Toño Núñez (TN): Uf! Teño para min que o feito de ser un rapaz e un mozo moi tímido e acomplexado foi decisivo. Procurei refuxio no papel, porque o papel non me delataba. Esa necesidade de botar para fóra todo aquilo que queimaba dentro (especialmente a vivencia dos primeiros amores, sempre platónicos e inconfesables) debeu ter moito que ver. Quizais, tamén, supoño, o posuír unhas pingas de sensibilidade, o desexo de cambiar tantas realidades que atentan contra a dignidade das persoas, dos pobos, das linguas… e esa teimuda lei do máis forte, que te anula e te afunde na impotencia; nestas circunstancias non che quedan máis armas cá palabra.
Facerme profesor de Preescolar e traballar con nenas e nenos pequenos e o nacemento das nosas fillas tamén foron motivacións importantes; escribir para elas e eles foi, e segue a selo, moi pracenteiro.
E supoño que arredor da actividade creativa, polo menos no meu caso, tamén hai unha certa dose de vaidade, de desexo de transcender, de procurar a inmortalidade… O difícil é conseguilo.
– FL: E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?
– TN: Como dicía, vivir e interactuar con nenas e nenos, meterme no mundo das súas vivencias, das súas lecturas, dos seus intereses… E a chegada das nosas fillas, acontecemento tan transcendental na vida dunha persoa… (…)
– FL: Cando principia un proxecto literario, como concibe a trama dese novo libro? Como xorden as ideas?
– TN: Eu, como non paso de ser un escritor afeccionado, escribo a arroutadas, sen método, sen ningún tipo de disciplina; case que só cando o necesito. As ideas? Unha vivencia, unha lectura, unha película… Un soñar esperto pola noite, nese punto en que a consciencia é feble e soñar é de balde, moi doce… Ás veces, algún soño deses faise realidade, faise texto. Pero escribo con moita descontinuidade, e todo aquilo que non me sae case dun tirón queda aparcado nalgún caderno dalgún caixón ou no entripado do ordenador. (…)
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritor?
– TN: Eu non paso de ser un afeccionado á escrita, polo tanto, sería un ousado se falase dende a perspectiva daquelas persoas que teñen por oficio escribir. Como afección, para min escribir é, case sempre, unha necesidade. E é moi pracenteiro; porque, cando acende a chispa creativa e comezan a ferver e a bulir as ideas, ata o punto de que as mans non as dan reproducido á velocidade que burbullan nos miolos, é moi gozoso. Logo, o proceso de mellora e revisión resúltame menos gratificante. Máis adiante, a relación coas editoriais e as ansias por publicar poden chegar a ser frustrantes; pero, outras veces… hai final feliz e, entón… é marabilloso. De certo, escribir tenme dado momentos moi plenos e satisfaccións moi grandes.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?
– TN: Xa dixen: como para min non é un oficio, non teño unha opinión moi formada. Dificultades? A min frústrame moito que unha editorial non se tome nin a molestia de contestarme, que non valore que detrás dun texto sempre hai unha persoa ansiosa por saber algo do seu proxecto. Podería falar da falta de tempo, pero tampouco teño claro que, se dispuxese de máis tempo, fose quen de escribir máis. (…)”
Cuestionario Proust: Toño Núñez
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Toño Núñez:
“1.- Principal trazo do seu carácter?
– O compromiso, a seriedade, quizais.
2.- Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.- Que agarda das súas amizades?
– Que sexan auténticas.
4.- A súa principal eiva?
– A escasa capacidade de resolución, a falta de memoria (non lembro máis).
5.- A súa ocupación favorita?
– Soñar esperto polas noites.
6.- O seu ideal de felicidade?
– Vivir nun mundo no que se cumprise a máxima: “Non lle fagas a ninguén o que non che guste que che fagan a ti”.
7.- Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a autonomía física ou mental, ou ambas, claro; ou que a perdesen as miñas fillas, a miña compañeira de viaxe…
8.- Quen lle gustaría ser?
– Alguén con capacidade para transformar o mundo, para combater a inxustiza…
9.- En que país desexaría vivir?
– Igual me viña ben (para a miña saúde) vivir nun país no que non fixese frío nin calor. Existe? Pois, logo, xa que non me deron a escoller, sigo aquí.
10.- A súa cor favorita?
– A da herba.
11.- A flor que máis lle gusta?
– A da cerdeira.
12.- O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
13.- A súa devoción na prosa?
– En conxunto, a de Manuel Rivas.
14.- E na poesía?
– Pico aquí, pico acolá.
15.- Un libro?
– Polo que me marcou cando o lin, Memorias dun neno labrego; pola mestría literaria… quizais… Rayuela, de Cortázar.
16.- Un heroe de ficción?
– Calquera que lles roube aos ricos para repartir entre os pobres, calquera que loite polos dereitos das persoas desfavorecidas…
17.- Unha heroína?
– Calquera nai á que lle asasinaron un fillo na guerra, calquera nai de drogadicto ou drogadicta, calquera muller vítima de malos tratos, calquera muller casada cun alcohólico… Tantas…
18.- A súa música favorita?
– Uf… Se me desen a escoller… A de Fuxan os ventos.
19.- Na pintura?
– Uf, uf… Universal… Caravaggio; un pintor noso contemporáneo… Miguel Anxo Macía.
20.- Un heroe ou heroína na vida real?
– Despois dos futbolistas de máis sona, calquera médica/o que salve vidas nun quirófano. Non son mitómano.
21.- O seu nome favorito?
– Navia.
22.- Que hábito alleo non soporta?
– A chulería é un hábito?
23.- O que máis odia?
– O odio.
24.- A figura histórica que máis despreza?
– Calquera que fose capaz de humillar, maltratar, torturar, violar, matar por vinganza ou por conquistar ou conservar o poder. Non obstante, paréceme que as figuras históricas hai que xulgalas no seu contexto.
25.- Un feito militar que admira?
– Son radicalmente contrario á existencia dos exércitos… Ningún!
26.- Que don natural lle gustaría ter?
– O da intelixencia e o da bondade; porque… un sen o outro… serven para pouco.
27.- De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo.
28.- Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– En condicións normais, a tranquilidade.
29.- Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia involuntaria, o rancor dos maltratados pola vida; pola contra, levo moi mal a hipocrisía.
30.- Un lema na súa vida?
– Dous: “Da Terra veño e á Terra volverei” e “Non lle fagas a ninguén o que non queiras para ti”.”
#EuSonRosalía: Toño Núñez
Co
cancelo #EuSonRosalía a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón celebrar o Día de Rosalía de Castro 2015 convidando os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”
A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.
Envíanos o teu vídeo ou a ligazón ao mesmo a oficina@aelg.org!
Lugo: presentación de De como Chispo, o esquío, puido co frío, de Toño Núñez, e Os amigos de Santi, de Araceli Gonda
Radiocrítica do 06-10-2014, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 6 de outubro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva da tradución de A volta do xove príncipe, de Alejandro Roemmers, realizada por Luís González Tosar (I, 0:10); a tradución de John Rutherford dos Halos, de Xosé María Díaz Castro (I, 7: 27; II); tamén sobre De como Chispo, o esquío, puido co frío, de Toño Núñez, ilustrado por Xosé Tomás (II, 4:09) e, finalmente, sobre Crónica do chan, de Alberto Lema (III), do que recito un poema.“
Lugo: recital de poesía e música Versos ao vento
Mondoñedo: recital poético-musical Mondoñedo é poesía
Desde
Sermos Galiza:
“O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) e a Asociación As San Lucas, responsable da organización das Feiras e Festas das Quendas 2014, preparan para o vindeiro 1 de maio un recital poético-musical denominado Mondoñedo é poesía.
Alicia Fernández, Carlos Negro, David Otero, Dores Tembrás, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Isidro Novo, José Juan Ferrero, María Xosé Lamas, Marica Campo, Mario Regueira, Baldomero Iglesias “Mero”, Olalla Cociña, Paco Rivas, Toño Núñez, Xabier Cordal, Xacobo Casal, Xaime Oroza e Xoán Xosé Fernández Abella recitarán no encontro “Mondoñedo é poesía” que contará tamén coa música de Miro Casabella e César Morán, que interpretará poemas de Manuel Leiras Pulpeiro.
Rúas e outros espazos da localidade faranse eco da nova poesía tomando relevo á tradición literaria de Mondoñedo, e evocarán a súa condición creativa vinculada a nomes de relevancia da historia poética galega como Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome ou Manuel Leiras Pulpeiro ademais da coñecida como Escola Poética do Seminario de Mondoñedo no que se inclúen nomes como Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé Díaz Castro. Para reforzar a idea de “concello literario”, as entidades organizadoras lembran que en Mondoñedo se convocan dous premios anuais, o Premio de Poesía Díaz Jácome e o Premio de Poesía Leiras Pulpeiro.
O programa iniciarase ás 13:00 cunha recepción institucional no concello para, despois do xantar, por volta das 18:00 horas comezar os recitais seguindo un itinerario por lugares singulares e de relevancia histórica e literaria como son o Cemiterio Vello, a Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella, O Cristo e a Praza Jaime Cabot. A seguir, ás 19:30 será o Auditorio Pascual Veiga o que acolla o recital poético-musical coa intervención de poetas e músicos. O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) máis a Asociación As San Lucas queren que o 1 de maio Mondoñedo sexa a “capital galega da poesía”.”
Santiago: presentación do libro colectivo Alén do silencio
O
sábado 8 de marzo, ás 20:00 horas, no Pub Modus Vivendi (Praza de Feixoo, 1) de Santiago de Compostela, preséntase o libro colectivo Alén do silencio. No acto participan, entre outras/os, Iolanda Aldrei, Miguel Alonso, Alexandre Brea, Silvia Castiñeiras, Jorge Cimadevila, Natalia Concheiro, Asun Estévez, José Estévez, Luz Fandiño, Irene Fernández, Ursia Gago, Catarina Laxe, Iria López, Yoli López, Toño Núñez, Uxía Otero, Marta Pedrosa, Lorena Rei, José Antonio Rodríguez Vivián e Eva Xanín. Haberá actuacións musicais a cargo de Karla, Katuxa, Roy, Miguel Alonso e Isabel Rei.
Lugo: presentación do libro colectivo Alén do silencio
O
venres 7 de marzo, ás 19:00 horas, no IES Lucus Augusti (Avenida Rodríguez Mourelo, s/n) de Lugo, preséntase o libro colectivo Alén do silencio. No acto participan, entre outras/os, Natalia Alonso, Inma Alonso Rodríguez, Beti Arias, Xesús Bermúdez, Ana Croas, Luz Darriba, José Estévez, María José Fernández López, Montse González, Xosé Iglesias, Catarina Laxe, Iria López, Beatriz López Dorado, Aarón López Pereiro, Manuel Celso Matalobos, Ani Modia, Toño Núñez, Sara Otero, Carmen Pardo, Luísa Paz, Mónica Pérez Llenderrozos, Evinha de la Torre e Eva Xanín.


