A ordense Lidia Gómez gaña o Premio Biblos de novela para menores de 25 anos

Desde Sermos Galiza:
“Lidia Gómez Martínez, nacida en Ordes e que se presentou ao concurso con 19 anos, é a gañadora da novena edición do Premio Biblos-Casa Grande do Bachao, fallado na tradicional cea literaria que no serán do 19 de xullo reuniu a máis dun cento de personalidades da cultura galega.
Estudante de terceiro de Filoloxía hispánica o ano que vén en Compostela, o xurado viu no seu proxecto “posibilidades de acadar unha novela de interese na medida en que a forza das personaxes protagonistas e a intensidade dos sentimentos que as moven transcendan o momento histórico no que se sitúan”.
O traballo premiado ten “os elementos necesarios para chegar a ofrecer un retrato singular dunha sociedade de tipo decimonónico, que ela concreta na relación dunha lavandeira compostelana coa súa patrona, a dona dunha curtiduría da Pontepedriña”. Así o decidiu o xurado, integrado pola gañadora da sétima edición do Biblos, Iria Morgade Valcárcel, ademáis de por Tucho Calvo e María Xosé Queizán.
Lidia Gómez Martínez “amósanos a distancia entre dous mundos moi arredados social, económica e culturalmente, cos seus soños e os seus medos condicionados pola opinión da xente. Pero o interese do argumento que debe ser desenvolvido nos vindeiros meses nace precisamente na imposibilidade de manter eses universos estancos, do obrigado contacto e as relacións nos terreos máis cotiáns da vida e dos sentimentos”, continúa sinalando o fallo do xurado. O premio á Colaboración Necesaria coa Cultura foi parar a mans de Narciso Luaces Pardo, quen rexenta canda a súa compañeira, Herminia Cobelo, o Museo Etnográfico de Meixido, en Ortigueira, o lugar onde reside a parella.”

Tucho Calvo: “Nos dez anos de Biblos”

Entrevista de Ramón Nicolás a Tucho Calvo, en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Cal foi a orixe deste proxecto [Biblos Clube]?
– Tucho Calvo (TC): A idea xurdiu ao valorar a grande importancia que tiña, cuantitativa e cualitativamente, a edición en galego e comprobar a súa escasa presenza nas librarías, por outra parte inexistentes en amplas áreas do noso país. Facilitar o acceso desde calquera lugar a todo tipo de novidades, incorporar as do mercado portugués e atender tamén a nosa música e cine, pareceunos un labor ilusionante. (…)
– RN: O premio literario anual que organizan deu a coñecer novos e sólidos valores…
– TC: É unha aposta polos mozos de menos de 25 anos que queren ser novelistas e teñen un proxecto interesante. A resposta, reducida no número de participantes, foi extraordinaria no que se refire a calidade. O formato do premio, que entre outras vantaxes ofrece ao gañador a estanza durante un mes na Casa Grande do Bachao para rematar o proxecto de novela e a axuda dun titor de alto nivel (Méndez Ferrín, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Manolo Rivas, María Xosé Queizán…) funcionou tan ben que a maioría dos gañadores contan xa coa súa segunda e ata terceira novela. (…)
– RN: Cal é o maior reto de Biblos Clube de Lectores nestes momentos?
– TC: Como dende o primeiro momento, conseguir levar a información bibliográfica ao maior número de persoas posible. Día a día -e nos últimos meses fixemos un esforzo recompensado coa incorporación de numerosos socios-comprobamos que é moi difícil ser coñecido mesmo entre xente con interese no tema, xente que se mostra sorprendida de non ter recibido antes noticias da nosa existencia.”

Libros finalistas dos Premios da Edición 2012

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O vindeiro 15 de marzo a cidade de Vigo acollerá a VIII Noite da Edición 2012, que se celebrará no restaurante Mar de Vigo. Os Premios da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores, pretenden recoñecer e distinguir a excelencia do traballo editorial realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2012 en Galicia. As distincións, sen dotación económica, distribúense en dez categorías diferenciadas, que premiarán distintos aspectos da produción literaria.
As candidaturas foron presentadas polos membros asociados da AGE, ata un máximo de tres por categoría, tralo que pasaron unha primeira fase de votación realizada polos socios, na que deberon votar a un máximo de dúas obras por categoría agás as obras editadas por eles.
As obras finalistas están xa na fase do Xurado, composto por cinco profesionais do ámbito do libro e os medios. O fallo será dado a coñecer na mesma velada de entrega, o 15 de Marzo en Vigo.

FINALISTAS

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN 2012
Outono aquí, de Mario Regueira, editado por Sotelo Blanco.
Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño, editado por Galaxia.
As voces baixas, de Manuel Rivas, editado por Xerais.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA OU TEATRO NO ANO 2012
Ruído de fondo, de Daniel Salgado, editado por Xerais.
Tigres de ternura, de Claudio Rodríguez Fer, editado por Toxosoutos.
O silencio, de Mario Regueira, editado por Xerais.
Breizh, de Miro Villar, editado por Toxosoutos.
Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, editado por Kalandraka.
Fase de trema, de Lorena Souto, editado por Espiral Maior.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN NO ANO 2012
Os señores da mentira, de José Carlos Bermejo Barrera, editado por Lóstrego.
Herdeiros pola forza, de Manuel Gago e Xurxo Ayán, editado por 2.0 Editora.
Compendio de herbas máxicas, de Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
O carballo, de Calros Silvar, editado por Baía Edicións.
Como falar e escribir en galego correctamente e con fluidez, de Carlos Callón, editado por Xerais.
O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz.

PREMIO LOIS TOBÍO Á TRADUCIÓN NO ANO 2012
Diario de inverno, traducido por Eva Almazán, editado por Galaxia.
Miguel Strogoff, traducido por Ánxela Gracián, editado por Baía Edicións.
Alén da fronteira. Sete poetas vascos, traducido por Isaac Xubín, editado por Kalandraka Editora.

PREMIO ISAAC DÍAZ PARDO AO LIBRO ILUSTRADO DO ANO 2012
Paxaro de mar e vento, ilustrado por Xosé Cobas, editado por Biblos.
Compendio de herbas máxicas, ilustrado por Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
Almanaque musical, ilustrado por David Pintor, editado por Kalandraka Editora.
O carballo, ilustrado por Calros Silvar, editado por Baía Edicións.
Oso atrapabolboretas, de Susanna Isern & Marjorie Pourche, editado por OQO Editora
Verdedades, ilustrado por Xosé Tomás, editado por Biblos.
Cartas de inverno, ilustrado por Antonio Seixas, editado por Xerais.

PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2012
Paxaro de mar e vento, de Tucho Calvo, editado por Biblos.
O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, editado por Xerais.
A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, editado por Galaxia.
Titiricircus, de Miguel Borines, Tatán, Tanxarina, editado por Kalandraka Editora
Carabuñas, de Charlotte Pardi, e editado por OQO Editora.
María Fumaça, de Uxía Senlle, editado por Galaxia.
A punta de pistola, de Fran Alonso, editado por Xerais.
Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, editado por Xerais.

PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILLAVERDE AO MELLOR LIBRO EDUCATIVO DO ANO 2012
Peixes. Cociña infantil, de varios autores, editado por Ouvirmos.
Inventario ilustrado de animais, de Virginie Aalakjidi, editado por Kalandraka.
Rosa caramelo, de Adela Turín, editado por Kalandraka.
O carballo, de Carlos Silvar, editado por Baía Edicións.

PREMIO ROSALÍA DE CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL DO ANO 2012
– Colección Xornalistas, de 2.0 Editora; OQO Filmes, de OQO Editora, Galaxia Tales, de Editorial Galaxia; e John Balan, un yanqui en la Corte de Breogán, de Teófilo Edicións.

PREMIO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ AO AUTOR/AUTORA OU COLECTIVO DE AUTORES EN LINGUA GALEGA NO 2012
– Manuel Gago, Xornalistas de Galicia (VVAA), Fina Casalderrey e Marcos Calveiro.”

A Coruña: presentación do DVD Deconstruíndo a Valentín Paz-Andrade

O xoves 21 de febreiro, ás 20:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase o DVD Deconstruíndo a Valentín Paz-Andrade. No acto intervirán Tucho Calvo, José María Paz Gago e Gonzalo E. Veloso, director do documental.