A Coruña: mesa Como sería un mundo gobernado por mulleres?

O luns 27 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Ágora da Coruña (Lugar da Gramela, 17), terá lugar a mesa Como sería un mundo gobernado por mulleres? Por Min mesma. Mulleres pioneiras, con Pilar García Negro, Andrea Jamardo, Eva Vieites e Silvia Seixas.
O aforo é limitado. Para asistir, enviar un mail a clasicosnunhahora@gmail.com
* Entre os asistentes sortearase un lote de libros da colección Mulleres Bravas da Nosa Historia, de Urco Editora, e dúas entradas para a estrea de Casa de Bonecas da compañía Clásicos Nunha Hora o vindeiro 30 de novembro ás 20h no Ágora. Colaboran co evento Asociación Veciñal Agra do Orzán, Livraría Suévia e Suma Ágora.

Antonio Manuel Fraga, Marcos Pérez Pena, Programa Conciencia, Luís Emilio Batallán, Marisa Sobrino, Flor Maceiras, Festival S8 e Grupo Nove, Premios da Crítica de Galicia 2017

“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)

Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.
O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.

A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.
O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”. Sigue lendo

A Coruña: Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada. Primeira sesión: Educación Infantil

A AELG colabora nas Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– Público destinatario: alumnado dos Graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Galego e Portugués e dos Mestrados en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas e en Literatura, Cultura e Diversidade. Aberto tamén a profesorado de centros educativos, profesionais de biblioteca, lectoras/es…
– Entrada libre.
– Todas as sesións terán lugar de 16:30 a 19:00 horas no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

PROGRAMA

Primeira sesión: Educación Infantil
Martes, 10 de Outubro de 2017

Actividades paralelas
Exposición fotográfica: E ti que les?” / “E ti con quen les?
Lectura en vivo de fragmentos de LIX.
Fallo do I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz.

Andrea Jamardo: “Imos publicar unha antoloxía de relatos que inclúe un inédito de Mª Victoria Moreno”

Entrevista a Andrea Jamardo en Sermos Galiza (foto por Mireia García):
“Urco Editora publicou no seu día a única biografía infantil que se coñece de María Victoria Moreno, a escritora quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2018. Agora a editora galega ten entre mans reeditar obras descatalogadas amais dun inédito da escritora. Falamos con Andrea Jamardo, editora do proxecto.
– Sermos Galiza (SG): Como xorde este proxecto?
– Andrea Jamardo (A): Pois… nace a raíz da publicación dun volume da colección ‘Mulleres Bravas da nosa historia’, dedicado a María Victoria Moreno. Pensamos que é unha autora esquecida no panorama literario actual e desde Urco Editora decidimos que non podía ser así polo que non dubidamos en contactar coa familia da escritora.
– SG: Que tal vos recibiu a familia?
– A: Moi ben. O mellor de todo foi o ben que lles pareceu a idea que desde Urco decidimos levar a cabo. Falamos con Begoña, a súa filla, e Pedro, o seu marido, para saber como estaba o tema de dereitos e para ver se o proxecto que temos entre mans se podería levar a cabo ou non.
– SG: Que se trae Urco Editora entre mans?
– A: Cando nos reunimos coa familia, falamos da idea de reeditar obras de María Victoria Moreno que están descatalogadas, obras que só se poden atopar nalgunhas bibliotecas, moi poucas, pero que non se poden mercar. Explicamos en que consistía o noso proxecto e que nos parecía inxusto que as crianzas de hoxe non tivesen a oportunidade de acceder a esas obras. E obviamente, ambas partes coincidimos. (…)”