Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro cumpre 25 anos e presenta o seu número 100. Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín. Pode escoitarse completa aquí.”
Arquivos da etiqueta: Xosé Luís Méndez Ferrín
Cuestionario Proust: Cris Pavón
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Cris Pavón:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O optimismo e, xa que logo, certa tendencia ao imaxinario.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sentido do humor e da ética.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me leven a sitios estupendos.
4.– A súa principal eiva?
– Dende logo o perfeccionismo non é.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, pasmar. Hai tempo, viaxar, pero xa menos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Dispor do tempo ao meu gusto.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que exista a máquina do tempo e acabar nalgún intre que me faga rabiar por volver a este.
8.– Que lle gustaría ser?
– Se fose sen dor, inspectora de Facenda. Ou conselleira ou ministra, xa posta, que hai moita reforma fiscal que facer.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, e vivir unha verdadeira mudanza social e política.
10.– A súa cor favorita?
– Vermello e gris.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A do viño tinto.
12.– O paxaro que prefire?
– A ave Roc.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitas e moitos, nunca son demasiadxs. Calvino, Munro, Barthes, Beauvoir, Jelinek, Yourcenar, Perec, Dostoiewski, Faulkner, Ferrín, Torrente Ballester, Capek, Proust, Delillo … ben, igual aquí xa son demasiados.
14.– E na poesía?
– De Wislawa Szymborska a Lupe Gómez, da antipoesía de Nicanor Parra á poesía visual de Joan Brossa.
15.– Un libro?
– Un cento, un milleiro deles, unha biblioteca.
16.– Un heroe de ficción?
– Randolph Carter.
17.– Unha heroína?
– Mononoke.
18.– A súa música favorita?
– Estes días, o afrobeat.
19.– Na pintura?
– Duchamp, Antonio López, Maruja Mallo…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera Anonymous.
21.– O seu nome favorito?
– Non teño.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falar coa boca chea.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Toda unha institución: a igrexa católica.
25.– Un feito militar que admire?
– Mmm… As partidas entre Deep Blue e Kasparov.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voz para rachar o cristal como Oscar, o tambor de folla de lata. Capacidade para aguantar doce minutos de apnea ou máis.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sentada á beira do mar non estaría mal.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Allegro ma non troppo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os meus, seguramente.
30.– Un lema na súa vida?
– Agora que son maior: Fai deporte!”
Rianxo: Catro singraduras en honra de Manuel Antonio
A Coruña: presentación do número 100 da revista A Trabe de Ouro
O
mércores 18 de marzo, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, farase na Coruña a primeira presentación do histórico nº 100 da revista A Trabe de Ouro. No acto intervirán o director da revista, Xosé Luís Méndez Ferrín, o editor Olegario Sotelo Blanco, o colaborador Xosé Luís Axeitos e o escritor Manolo Rivas.
A AELG concédelle a letra E a Xosé Mª Álvarez Cáccamo e recoñece o xornalismo en galego
Artigo
en Sermos Galiza:
“O escritor Xosé Mª Álvarez Cáccamo será a nova letra E da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega segundo se aprobou na asemblea celebrada pola entidade este sábado no Museo do Pobo Galego.
A entidade presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias aprobou tamén algúns dos premios que entregarán na nova edición do 2015, á espera do proceso de votación entre socios e socias polo que pasan a maior parte das categorías. Os premios aprobados directamente recoñecerán desta volta o xornalismo en galego, tal e como o pasado ano fora o teatro o protagonista. En canto a institucións, a AELG premiará o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación de Medios en Galego. Premiarán tamén co Bos e Xenerosos a traxectoria de cinco xornalistas pola súa defensa da nosa lingua e a nosa cultura, Margarita Ledo, Tereixa Navaza, Manolo Lombao, Gustavo Luca de Tena e Xosé María Palmeiro.
O galego universal Brasil
Da literatura brasileira sae este ano o nome do Escritor Galego Universal para o que foi escollido Luiz Ruffato, autor, entre outros títulos de Eles eram muitos cavalos ou o proxecto Inferno Provisório. Tamén teñen nome xa a categoría de mestres e mestras da memoria que recaeu en Josefa Arias e Emilio do Pando. A gala de entrega dos premios terá lugar o 9 de maio na cidade de Lugo.
Cambios na directiva
A directiva da AELG experimenta cambios tamén nesta asemblea coa incorporación de Rosalía Fernández Rial e a saída de Antia Otero e Rexina Vega.
Tres propostas para Nobel
A AELG informou tamén, no balance de actividades do ano, que como en edicións anteriores remitiu un informe coas propostas para o Nóbel de literatura. Desta volta, ademais dos nomes e traxectorias de Xosé Luís Méndez Ferrín e Luz Pozo Garza, a AELG incluíu na proposta remitida á Academia Sueca o nome de Agustín Fernández Paz.”
Compostela: representación de Celtas sen Filtro, obra de Xosé Luís Méndez Ferrín e Artello Teatro
Vigo: presentación da tradución de A Divina Comedia, de Dante, por Darío Xohán Cabana
O
xoves 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase a de A Divina Comedia de Dante, feita por Darío Xohán Cabana e publicada por Edicións da Curuxa. No acto, xunto ao tradutor, participan Xosé Luís Axeitos e Xosé Luís Méndez Ferrín.
Cuestionario Proust: Antón Dobao
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antón Dobao:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Talvez certa tendencia a evitar situacións conflitivas. Pero non sei eu se se pode extraer e illar un trazo do meu carácter e consideralo principal. Supoño que o meu carácter é un conxunto de riscos amalgamados que non se entenden nin funcionan uns sen os outros. En calquera caso, non son eu moi hábil para definirme con tanta precisión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O uso racional da intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– A inxenuidade é unha eiva? Pois esa, talvez…
5.– A súa ocupación favorita?
– Estar. Escoitar. Falar. Xogar. Ler. Escribir. Escoitar música. Ver cine. Ver un partido de fútbol…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir. Compartir os bos momentos coas persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ver sufrir a xente que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Non teño problema co que son, síntome conforme comigo mesmo e co que fago. Ás veces teño a sensación de que me gustaría ser un músico de rock and roll subido a un escenario interpretando un tema que todo o mundo canta. É unha fantasía inxenua circunscrita a un momento moi concreto. Pero non invalida o feito de que me sinta conforme co que son. É apenas un xogo.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– O encarnado.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A hortensia, a azalea, a gardenia, a rosa vermella, o caravel… Son moitísimas as flores que me gustan. Creo que non hai ningunha que non me guste.
12.– O paxaro que prefire?
– A andoriña.
13.– A súa devoción na prosa?
– Méndez Ferrín.
14.– E na poesía?
– César Vallejo.
15.– Un libro?
– Moitísimos. Pero quizais A metamorfose.
16.– Un heroe de ficción?
– O Sinbad de Álvaro Cunqueiro.
17.– Unha heroína?
– Phoebe, a irmá de Holden Caulfield.
18.– A súa música favorita?
– O rock and roll, Lou Reed, Pink Floyd, King Crimson, Bowie, Patti Smith… Pero tamén gozo con outros tipos de música.
19.– Na pintura?
– Leopoldo Nóvoa, Quintana Martelo, Reimundo Patiño, Antonio Murado…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera dos sen nome. Meus pais, por exemplo.
21.– O seu nome favorito?
– Catuxa.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impostura.
23.– O que máis odia?
– A explotación. O abuso. A violencia contra os e as débiles…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Franco, Mussolini, Pinochet… Talvez todos constitúan unha única figura.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia do pobo vietnamita. Pero tamén a resistencia soviética na batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ningún en especial. Máis aló dos que nos fan humanos, como o da intelixencia e a razón, o da linguaxe, etc., non creo que existan dons que distingan uns humanos de outros. Se acaso, habilidades, pero esas adquírense.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– É algo no que evito determe a pensar. Non teño, por tanto, un gusto especialmente formado. Supoño que será porque non me gustaría morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Positivo e optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Non sei se neses casos se pode falar de defectos. A inocencia paréceme digna de empatía, pero eu non falaría de indulxencia. Quen son eu para ser indulxente con ninguén.
30.– Un lema na súa vida?
– Liberdade, igualdade, fraternidade. E viva Galicia ceibe e socialista… Non son exactamente lemas para unha vida, pero dá igual.”
Cuestionario Proust: Xulio Pardo de Neyra
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xulio Pardo de Neyra:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Todas as que implican calidade persoal.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade, iso tan difícil de achar.
4.– A súa principal eiva?
– A insistencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ser amante, pai e lucense, por esta orde.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir nun mundo onde se practique o respecto, a seriedade e a legalidade, onde as persoas sexamos libres e iguais en dereitos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sentir dor ou ver como o sente quen amo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Nunca soñei con ser outra persoa distinta da que son, só con mellorar o que traio de serie. Gustaría, iso si, de ser un bon intérprete de música: violinista ou pianista estaría ben…
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza onde prime o rigor, a fidelidade a nós mesmos e mesmas e a intelixencia.
10.– A súa cor favorita?
– A amarela.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia e a xesta branca.
12.– O paxaro que prefire?
– A águia real, por iso da devoción cara á simboloxía familiar.
13.– A súa devoción na prosa?
– Entre outros e outras, obras de Bataille, Chékhov, Deleuze, Cortázar, Otero Pedrayo, Joyce, Pizán, Bisiou, Woolf, Lampedusa e Isabel Pedrosa funcionaron, nalgún momento, como aliadas miñas. Mais non son eu moito de símbolos, relixións e devocionarios.
14.– E na poesía?
– Posto a elixir, podería citar o corpus medieval galego, Neruda, García Lorca, Cernuda, Vallejo, Méndez Ferrín, Mallarmé, Rubén Darío, Blanco-Amor ou Storni.
15.– Un libro?
– É moi difícil citar un só libro, mais agora veñenme á cabeza os Sonetos líricos de Quevedo e El hondero entusiasta de Pablo Neruda.
16.– Un heroe de ficción?
– Se apelo á mitoloxía clásica, Προμηθεύς, Prometeo; se penso na literatura contemporánea Leopold Bloom, Poldy.
17.– Unha heroína?
– Seguindo o mesmo patrón anterior, Πηνελόπη, Penélope; e Adela, de La casa de Bernarda Alba.
18.– A súa música favorita?
– A de Chopin, Debussy e Listz; a de José Castro Chané, Freire Penelas e Bal e Gay; a popular galega sempre.
19.– Na pintura?
– Klimt, Tamara de Lempicka, Mondrian, Barradas, Seoane, Díaz Pardo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todo aquel e toda aquela que verdadeiramente actúe defendendo a liberdade integral da persoa, mais por agarimo e fidelidade familiar podería falar dos meus próximos devanceiros Cachamuíña e Pepe Benito Munín, os libertadores de Vigo.
21.– O seu nome favorito?
– Pili.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de dar consellos.
23.– O que máis odia?
– A ignorancia e a estupidez humanas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Son tantos os ditadores, imperialistas e integristas que seica son “figuras históricas”, que podería estar medio verán a nomear xente.
25.– Un feito militar que admire?
– A verdade, non admiro ningún dese tipo de feitos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da intelixencia social, que eu relaciono ás veces moi de preto coa hipocrisía ou unha certa habilidade baleira de compromiso.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Tranquilo, con todo o siso, sen dor e a poder ser pasados os cen anos. Ah, se é durmindo mellor!
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Inquieto, con moita moita inquietude en todas as súas variantes.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos aqueles que teñan a ver co amor.
30.– Un lema na súa vida?
– Podería lembrar o que decote pronunciaba Hartt, personaxe de Illa do Atlántico de Waldo Frank, mais creo que na nosa casa funciona mellor o propio, así que cada can que lamba o seu carallo.”



