Arquivos da etiqueta: Xosé Luís Veiras Manteiga
Xosé Ricardo Losada recibe o premio Antón Avilés de Taramancos de relato de aventuras
Desde Nós Diario:
“Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor do municipio de Rianxo (O Barbanza), recibiu este sábado en Noia (comarca homónima), o premio do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos polo seu traballo Un inferno frío.
No concorrido acto, que tivo lugar na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, foi presentado o libro co mesmo título, editado por Toxosoutos e coas ilustracións a cargo do artista noiés Xosé Luís Veiras Manteiga.
Alén da publicación do libro, que foi entregado a Losada por Veiras Manteiga e que forma parte do premio, o gañador recibiu os 3.000 euros nos que está valorado o certame por parte do concelleiro de Cultura da localidade, José Pérez. Ademais, recibiu unha escultura realizada polo coñecido artista local Alfonso Costa da man do escritor ribeirense Antonio Piñeiro.
Segundo sinalou Xosé Ricardo Losada, o libro trátase dunha homenaxe a Faustino Rey Romero, crego de Rianxo que emigrou a Bos Aires (Arxentina) e do que el mesmo fixo unha biografía. Así mesmo, o libro tamén trata de facer tributo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira.
Nesta ficción con personaxes que foron reais, Castelao e Virxinia tratan de desentrañar a verdade sobre o asasinato en Bos Aires de Don Faustino, segundo relatou o autor durante a súa intervención, na que non faltou a lembranza e a poesía de Avilés de Taramancos. Neste sentido, o acto tamén estivo acompañado pola actuación de Serafín Marcos, tamén ao redor da obra de Antón Avilés. (…)”
Ribeira: inauguración da exposición e presentación do libro Vieiros, de Veiras Manteiga
Lousame: entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2023
Os Premios Barbantia da Cultura recoñecen Carlos Callón, Xosé Luís Veiras Manteiga e o Centro Arqueolóxico do Barbanza
Desde Nós Diario:
“A Asociación Cultural Barbantia fixo públicos sábado os nomes das persoas e entidades que serán recoñecidos cos Premios Barbantia, que alcanzan a súa décimo sétima edición.
Nesta ocasión, a entidade outorgará Carlos Callón o Premio Barbantia da Cultura Galega, mentres que Xosé Luís Veiras Manteiga recibirá o Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza.
Con respecto ao Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza, este recaerá no Centro Arqueolóxico do Barbanza.
Os gañadores recibirán as súas distincións nunha gala que se desenvolverá na Casa da Cultura do Concello de Lousame o próximo sábado, 16 de decembro, a partir das 12.30 horas da tarde.
Ese mesmo día tamén se presentará o décimo noveno volume do Anuario de Estudos do Barbanza que edita Barbantia.
Todos estes actos poderán seguirse, como é habitual, a través da canle oficial de Youtube da Asociación Cultural Barbantia.
Ademais, tamén se levará a cabo a tradicional comida no restaurante Trapeiro de Lousame, para a cal, lembran desde a A. C. Barbantia, é preciso realizar a inscrición previa antes do 15 de decembro a través do correo electrónico da asociación.”