Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares, Premio Mondoñedo 10 2019 de Ensaio

O mellor ensaio galego da década atópase entre 13 obras

Desde Sermos Galiza:
“Un total de 13 obras compiten por seren recoñecidas co Premio Mondoñedo 10 ao mellor ensaio da última década. Trátase dos seguintes libros: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais, 2012); Os santos titulares de parroquia en Galiza, de Xosé M. González Reboredo (Sotelo Blanco, 2012); Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela (Galaxia, 2012); Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI, de Xurxo Ayán e Manuel Gago (2.0 Editora, 2012); Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez Sánchez (AS-PG, 2013); Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, de Antón Cortizas (Xerais, 2013); Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora, 2015); Historia de Galicia, de Ramón Villares (Galaxia, 2016); Enfermos pobres, médicos tristes: Historia crítica da medicina rural en terras esquecidas, de Roberto Fernández Álvarez (Urco, 2017); Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares (Galaxia, 2017); Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama (Galaxia, 2017); Memorias dun loitador antifranquista. O testemuño do comunista David Álvarez Carballido, de Anahí Almasía, Mariela Sánchez e Antón Santamarina (Alvarellos, 2018) e As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do s. XIX, de Carlos Iglesias Castelao (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, 2018).
O xurado reunirase en Mondoñedo o domingo, 13 de outubro de 2019, ás 12 horas, e a entrega do premio terá lugar nun acto público que acollerá o Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo 20 de outubro. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha obra artística orixinal e única, creada para esta ocasión polo artista mindoniense, José Pedro Gómez.
Forman parte do xurado: Antonio Reigosa (presidente, sen voto), cronista oficial de Mondoñedo; un vogal designado polo Consello da Cultura Galega; outro pola Real Academia Galega; outro pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega; outro pola Asociación Galega de Editoras; outro polo Instituto Galego de Historia; outro pola Facultade de Humanidades de Lugo (USC) e outro polo Concello de Mondoñedo. Actuará como secretario (sen voto) Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.”

Mouruás, San Xoán de Río (Ourense): presentación de Festas con representacións de mouros e cristiáns en Galicia e terras do noroeste veciñas, de Xosé Manuel González Reboredo

Compostela: presentación de Festas con representacións de mouros e cristiáns en Galicia e terras do Noroeste veciñas, de Xosé Manuel González Reboredo

Compostela: Máscaras tradicionais de Entroido. Ao redor de Antonio Fraguas

O 28 de febreiro, ás 19:30 horas, no Museo do Pobo Galego, terá lugar unha nova edición da proposta Máscaras Tradicionais de Entroido. Ao redor de Antonio Fraguas, con Paula Godinho e Xosé Manuel González Reboredo, na que se vai lembrar a quen foi director do Museo e homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Partirase dos traballos de Antonio Fraguas, para falaren de, entre outras cousas, máscaras, momadas, sermóns e da importancia da alimentación nas celebracións entroideiras de Galicia.

Justo Beramendi: “As Irmandades da Fala modificaron a dinámica política galega”

Entrevista de Daniel Salgado a Justo Beramendi en Sermos Galiza:
Repensar Galicia. As Irmandades da Fala é o título do volume colectivo, coordinado por Uxío-Breogán Diéguez, Carme Fernández, Pilar García Negro, Xosé Manuel González Reboredo e Justo Beramendi que recolle as achegas ao simposio do mesmo nome organizado en novembro de 2016 polo Museo do Pobo Galego, a revista Murguía, o Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) coa colaboración da Xunta.
Sermos Galiza disponibiliza agora os vídeos que rexistraron as intervencións nas xornadas. O historiador Justo Beramendi (Madrid, 1941) explica con concisión o papel fundamental das Irmandades da Fala para a Galiza contemporánea.
– Daniel Salgado (DS): Cal é a importancia histórica das Irmandades da Fala?
– Justo Beramendi (JB): É altísima. Por suposto foron moi importantes para a articulación do galeguismo político. E para o salto do rexionalismo a un nacionalismo pleno e moderno. Ademais, contribuíron a que se xerase en Galiza un espazo sociopolítico diferenciado e a apontoar un segundo Rexurdimento, coa consolidación da lingua e a literatura galegas.
– DS: A súa influencia excedeu o campo galeguista?
– JB: Aínda que o desenvolvemento do nacionalismo foi lento, ou non tan vizoso coma o vasco ou o catalán, aquí foi decisivo para a historia de Galiza. As Irmandades modificaron cualitativamente a dinámica política galega. Sen elas non se entende, por exemplo, a aprobación do Estatuto na II República. (…)
– DS: Que falta por saber das Irmandades?
– JB: En historia nunca se acaba, aínda que coas Irmandades eu creo que xa está cuberto o 80% do terreo. O que falta son cousas menores. Pero outra cousa é que este traballo chegue á xente.”

Compostela: Xosé Manuel González Reboredo nos “Parladoiros no Museo”

O luns 9 de outubro, de 18:15 a 19:30 horas, no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval, s/n), en Santiago de Compostela, continúa o programa “Parladoiros no Museo”, coa intervención de Xosé Manuel González Reboredo sobre as “Festas”.