Artigo no blog de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) E vén todo isto a conto a propósito dunha máis que singular iniciativa na que, agora si, se xonguen Fútbol e Poesía. Estou a referirme á celebración onte do I Encontro Internacional de Fútbol Sala Xosé María Díaz Castro, un evento que ben pouco parangón terá fóra das nosas fronteiras, pero que en Galicia creo que é definitivamente único, polo menos ata onde un coñece.
Se xa que un poeta dea nome a un torneo futbolístico é algo máis que insólito, o que xa roza o incrible é que, ademais, o recadado voluntariamente no mesmo (pois as entradas foron gratuítas e cada asistente contribuíu co que tivo a ben) vaia parar á Asociación Xosé María Díaz Castro para que esta promocione e difunda a figura do escritor.
E se ao expresado sumamos que antes de que os equipos participantes (a saber: o Al-Wahda SF dos Emiratos Árabes, o Guitiriz e mais a Selección Galega) comezasen a disputar o torneo houbo oportunidade tanto de oír a Bloquinho de Xermolos e mais Sons da Aldea coma de asistir á proxección do vídeo documental A lus do mundo, que realizou o alumnado do IES Díaz Castro de Guitiriz arredor da biobibliografía do poeta baixo dirección de Cristina de la Torre, daquela esta xuntanza alcanza tinturas de milagre.
Agora ben, se todo o que levo contado non sorprendeu aínda aos máis escépticos, estou convencido de que a traca final si o fará: saiban todas e todos vostedes que, no marco deste I Encontro Internacional de Fútbol Sala Xosé María Díaz Castro, e atendendo á cortesía de participar nel un equipo emiratí, foi entregada aos deportistas e acompañantes daquela delegación unha folla voandeira na que se reproducía a primeira tradución ao árabe do célebre poema Penélope. Tan coñecido verso diazcastriano de Nimbos, foi traducido para a ocasión por Moncho Iglesias Míguez, escritor galego residente en Palestina, quen nos regalou así unha nova alfaia para esa coroa nimbada que conforma a poesía do guitiricense máis universal. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xosé María Díaz Castro
Festa da Palabra na Insua dos Poetas, por Armando Requeixo
Crónica de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Onte sábado, 20 de xullo, o pequeno lugar de Esgueva, na parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, acolleu un insólito evento literario: a Festa da Palabra, celebrada nunha contorna natural de excepcional beleza que leva o sonoro nome de Insua dos Poetas.
O organizador do acto, o poeta Luís González Tosar, é tamén o presidente da fundación homónima que convoca cada ano o evento e concede os Premios Sete Carballas para homenaxear distintos particulares ou colectivos que, dende os ámbitos do artístico, o humanístico ou o social, se signficaron a prol da defensa da nosa terra e a nosa cultura.
Este ano os premiados foron, na categoría de Mellor Iniciativa Cultural a Fundación Premios da Crítica de Galicia; na de Arte e Natureza, o pintor Antón Sobral; na de Medio Ambiente, a Asociación Ridimoas; na de Cultura Galega na Emigración, o Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires; na de Compromiso Empresarial, Aceites Abril; na de Acción Social, a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira e na categoría de Mellor Medio de Comunicación, a sección de Cultura de La Voz de Galicia.
Con motivo desta entrega coincidiron neste anfiteatro xeórxico artistas, escritores, intelectuais e representantes institucionais nun evento no que interviu como mantedor Xesús Alonso Montero en calidade de presidente da RAG e no que recitaron os seus poemas Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova e mais Víctor Campio Pereira, aos que acompañaron con interludios musicais os compoñentes do Grupo Tradicional Laghareu.
O acto central desta xuntanza, presentada por Xavier Castro Martínez, foi o desvelamento da escultura Rexurdimento da autoría de Pedro José Rodríguez Álvarez, ao pé da que figuran inscritos versos de Rosalía, Curros e Pondal, pois esta V Edición da Festa da Palabra estaba dedicada, xustamente, ao noso Rexurdimento na voz destes tres incomparables poetas.
Logo da entrega de premios, as correspondentes intervencións e o descubrimento da escultura, tivo lugar un animado xantar campestre no marco do cal foron repartidos diversos agasallos, entre eles a recente edición da Obra poética e teolóxica de Faustino Rey Romero realizada por X. Ricardo Losada e, para algúns escolleitos, un dos contados exemplares do cartafol V Festa da Palabra. Rexurdimento que, para tal ocasión, prepararon os organizadores nunha tiraxe de tan só trinta exemplares numerados e asinados polo autor das sete láminas inseridas na carpeta, o pintor Nicolás González Aller, quen iluminou coas súas coloristas creacións versos de Rosalía, Curros, Pondal, Díaz Castro, Celso Emilio, García-Bodaño e mais González Tosar, algúns deles reproducidos tamén nas esculturas que adornan esta singular paraxe.
Cómpre felicitar á Fundación Insua dos Poetas e o principal promotor e responsable deste evento, o poeta Luís González Tosar, por tan significada iniciativa a prol do espallamento das nosas letras, a nosa cultura e a nosa lingua nunha contorna nomeadamente fermosa na que onte foi a palabra e a palabra de noso a que reinou entre bos e xenerosos.”
O instante eterno, documental sobre Xosé María Díaz Castro
“O instante eterno é un documental sobre a obra e a vida de Xosé María Díaz Castro, dirixido por Xosé Antón Cascudo. O proxecto botou a andar no ano 2011 co obxectivo de difundir a figura do poeta, de cara á celebración do centenario do seu nacemento en febreiro do 2014.
A pesar da súa indiscutible calidade poética, referendada en Nimbos, a obra de Díaz Castro era case descoñecida para o público até o pasado 21 de xuño, cando a Real Academia Galega o designou como o autor ao que se dedicarán as Letras Galegas do 2014. Precisamente o esquecemento deste tesouro e certos enigmas arredor da figura do poeta constituíron o impulso definitivo para a posta en marcha do documental.
Foi Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a persoa que máis alentou O instante eterno, cedendo a Cascudo gran parte do arquivo fotográfico e textual do poeta. Despois de meses de estudo desta documentación trazouse a idea esencial do proxecto: un poema visual en cinco tempos, coincidindo coas catro estacións da vida de Díaz Castro e un epílogo sobre a pegada estética da súa obra.
Na primeira fase da produción realizouse unha rolda de entrevistas nas que participaron o propio Alfonso Blanco; o poeta e expresidente da RAG Méndez Ferrín; Félix Villares, docente no Seminario de Mondoñedo e estudoso da Escola Poética da Terra Chá; Armando Requeixo, crítico literario, especialista en Díaz Castro; e Raúl Río, amigo e autor do busto do poeta na súa parroquia natal dos Vilares. Hai que destacar tamén a colaboración da poeta Xiana Arias que puxo voz a varios dos poemas do autor.
En canto ás localizacións do filme inclúense os lugares emblemáticos do poeta: Mondoñedo –cuxo seminario era naquel tempo o berce poético da comarca chairega–, Betanzos –vila na que Díaz Castro gañou o certame dos Xogos Florais en 1946–, Vilagarcía de Arousa –onde exerceu de docente no Colexio León XIII trala Guerra Civil– e Madrid –lugar de residencia do poeta durante gran parte da súa vida, quizais o feito que o arredaría dos círculos culturais, e que explica o seu esquecemento–. Mención especial merece a contorna da aldea natal do Vilariño, a carón da Serra de Montouto, límite natural entre as provincias de Lugo e A Coruña, espazo no que se afunden as raíces literarias do autor e que iluminan dúas das súas claves poéticas: a paisaxe e a lingua.
O obxectivo de O instante eterno é reflexionar sobre o proceso de creación artística de Díaz Castro, explorando un lento pero obstinado labor por acadar a excelencia en cada un dos seus versos, e que explica –en parte– que só publicase un libro en vida. Partindo dunha humilde ascendencia labrega o poeta dos Vilares vaise desprovendo das eivas que lastraban a poesía do seu tempo até escribir Nimbos, unha obra que se revela á vez como relixiosa, existencial e social, construída nunha admirable harmonía entre ética e estética.
Así mesmo, O instante eterno procura amosar as condicións nas que se desenvolvía aquela sociedade marcada pola miseria e a emigración na que medrou o poeta. Neste sentido os mellores guías foron os seus propios versos, xa que en Nimbos se atopa condensada a historia sentimental de Galicia, a nosa cerna identitaria. Desde o presente, afondando na paisaxe humana e biolóxica que contemplaron os ollos do poeta, asistimos a profundas transformacións; o que subsiste, máis alá do efémero, é o que Díaz Castro mudou en eterno nos seus versos.
Antes de iniciar a fase final do proxecto preséntase un teaser do documental, en cuxa realización colaboraron Jessica Rey e Alba Domínguez en labores de montaxe, fotografía e grafismo. Nas próximas semanas completaranse as últimas tres entrevistas con persoas moi vinculadas ao poeta de Guitiriz. A intención é estrear o filme durante a semana do centenario, no mes de febreiro do 2014.”
Santiago: presentación de Rosalía na cobiza do lonxe
Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O xoves 18 de xullo, ás 12:00 horas, presentouse na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela o volume colectivo Rosalía na cobiza do lonxe, monográfico arredor da vida e obra da nosa poeta fundacional que veu luz nos Cadernos Ramón Piñeiro do centro homónimo. (…)
Os que se animen co libro, atoparán nel, precedidos dun fermosísimo texto cunqueiriano sobre Rosalía, traballos de Ana Acuña poñendo en relación os versos da cantora cos de Pintos a propósito do tema da orfandade; unha visión de confluencias e lecturas paralelas entre José Ángel Valente, Edmond Jabès e mais a escritora da man de Carmen Blanco; a procura das pegadas rosalianas en Novoneyra analizada por Luís Cochón; as influencias de Rosalía detectables en Emilio Pita presentadas por José Ángel García López; unha revisión da Negra sombra e as súas implicacións realizada por Pilar García Negro e outra visión complementaria do mesmo tema asinada por Anxo González Fernández; un estudo verbo da pragmática do poema e o seu simbolismo aplicado a En las orillas del Sar por Arcadio López Casanova; unha completa panorámica do tempo vigués dos Murguía Castro servida por Xurxo Martínez González; un repaso á cuestión da imaxe física do home nos textos de Rosalía que achega Marina Mayoral; unha detallada análise dos paratextos dos Cantares gallegos, contribución de Manuel Rodríguez Alonso; unha nota sobre a consideración de Rosalía en Borges de Claudio Rodríguez Fer e dous apuntamentos sobre a universalidade e a categoría de clásica no tratamento da saudade encarnada obra de Andrés Torres Queiruga.
Da miña parte, convidóuseme a sumarme a este magnífico elenco de profesores, investigadores, poetas, narradores, filósofos e teólogos e quixen facelo vencellando as figuras de Rosalía e Díaz Castro nun traballo titulado, xustamente, Presenza de Rosalía na obra de Xosé María Díaz Castro, encargado, por certo, antes de que ninguén soubese que a RAG ía distinguilo no 2014, por máis que o volume vexa luz agora, meses máis tarde da redacción e entrega desta colaboración. (…)”
Máis de vinte cineastas confirman a participación no Proxecto Nimbos
Desde Sermos Galiza:
“Cineastas como Margarita Ledo, Eloy Enciso, Oliver Laxe, Xurxo Chirro, Xacio Baño, Alfonso Zarauza, Ángel Santos ou Xan Gómez Viña responderon xa á chamada de Martin Pawley a través do blog Acto de Primavera e crearán nos próximos meses unha curta arredor de Nimbos de Díaz Castro no que promete ser un ambicioso proxecto audiovisual colectivo que implique, entre outros, a unha boa parte dos nomes do coñecido como novo cinema galego.
De máis de trinta convites enviados por Martin Pawley para participar no Proxecto Nimbos, máis de vinte persoas responderon en poucos días confirmando que entrarían a formar parte desta iniciativa que quer levar a obra de Díaz Castro ao audioviual a partir de pezas de autoría que teñan como referencia os versos do autor que será homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas.
Martin Pawley confesa que a idea de desenvolver un proxecto fílmico colectivo arredor de Nimbos venlle de vello e, de feito, abonda seguir as súas pegadas na rede para adiviñar a querenza que ten polo poeta de Guitiriz. Ocórreselle agora que a designación da RAG do seu nome para a homenaxe do próximo ano xunto coa conmemoración do centenario do seu nacemento é unha ocasión acaída para botar a andar esa vella idea que conta xa cun nutrido grupo de participantes.
A través do blog Acto de primavera e por medio de correos electrónicos, propúxolle aos creadores a iniciativa de elaboraren unha curta de entre un e cinco minutos asociada a un poema do libro. “Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema” sinala na carta. A liberdade creativa será plena e os promotores só poñen dúas condicións, o tempo e evitar o uso íntegro e literal dos poemas.
“O cariño e o apoio moral dos promotores” son os únicos recursos que reciben os participantes nunha iniciativa que carece de orzamentos mais que, mesmo así, está a ter tan boa acollida por parte de importantes nomes da nova creación audiovisual galega. Dentro duns meses comezarán a difundir os traballos a través de Acto de primavera e contan con que a maioría estean prontos antes do 17 de maio.”
Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras 2014
Desde a Real Academia Galega:
“O poeta e tradutor de Guitiriz, Xosé María Díaz Castro, é autor dunha obra poética singular e de aparición serodia que destaca polo seu virtuosismo técnico.
Xosé María Díaz Castro (1914-1990) é autor de Nimbos (1961), considerada un dos cumes da poesía galega moderna, e que contén o célebre poema Penélope xustamente célebre pola súa beleza e fonda reflexión sobre Galicia e o seu fado histórico.
Membro, xunto con Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e Iglesia Alvariño entre outros, da chamada “escola mindoniense”, Díaz Castro mantivo ao longo de toda a súa vida, e malia súa condición de funcionario residente en Madrid, un fondo compromiso coa cultura galega do seu tempo.”
Seis nomes, ningunha muller, pechan a lista de candidatos ao Día das Letras Galegas
Desde Sermos Galiza:
“O próximo día 21 celébrase no edificio da Rúa Tabernas un dos plenos do ano máis relevantes para a Academia. Del sairá o nome de quen vai ser homenaxeado o Día das Letras Galegas do 2014 e sobre a mesa xa hai seis candidatos, todos homes.
De se cumprir formalmente as condicións que a RAG estipula para escoller o nome do Día das Letras Galegas, o plenario tería que elixir entre Ricardo Carvalho Calero, Díaz Castro, Fiz Vergara Vilariño e Xosé Filgueira Valverde, os catro que cumpren as tres condicións que a nova executiva quere que, a partir de agora se teñan en conta na elección: levar máis de dez anos morto, estar avalado por tres membros da Academia e estar presentado con tempo abondo como para que se adxunten na propia convocatoria da xuntanza.
De todas maneiras, e dado que esta sería a primeira edición na que se teñan en conta estas reglas, desde a executiva teñen vontade de ser “brandos” á respecto do seu cumprimento, é dicir, deixarán á vontade do propio pleno aceptar outras candidaturas que non se adaptan ás tres regras sinaladas. De ser así e do pleno aceptar as propostas xa presentadas mais non cos requisitos anteriores, dous nomes máis entrarían na elección. Trataríase do narrador Ramón de Valenzuela e do historiador Francisco Vales.
En todo caso, as posíbeis candidatas Luísa Villalta e Xela Arias non parece que teñan oportunidade nesta ocasión de seren lembradas no Día das Letras Galegas. Até o de agora podíanse engadir nomes no propio plenario, mais todo parece apuntar que nesta ocasión esa posibilidade non se vai dar, co cal a listaxe está xa pechada, como máximo, cun total de seis nomes. En principio, tamén, e a diferenza do que acontecía en anteriores edicións, parece ser que a executiva non quere ter parte activa na elección e os seus membros votarán a título persoal polo candidato que estimen oportuno mais sen vontade de condicionar o resultado.”
Xela Arias e Luísa Villalta poderían ser candidatas ao Día das Letras Galegas
Desde Sermos Galiza:
“A Academia decide o día 21 a quen lle dedicará o Día das Letras Galegas. Tres membros do plenario terán que presentar cada unha das propostas que logo se debaterán no plenario. Durante estas xornadas previas, os nomes amoréanse entre as posíbeis candidaturas e, canda os que cada ano recuncan nestas datas, súmanse outros que por vez primeira nesta edición cumpren as condicións requeridas pola Academia.
Á listaxe incorpóranse os nomes de dúas escritoras, mortas a idade temperá que revalidarían o entusiasmo que se viviu no ano de Lois Pereiro. A escritora Luísa Villalta e a poeta e tradutora Xela Arias poderían xa ser as protagonistas dun novo Día das Letras que contarían co respaldo do seu entorno literario e da súa obra contemporánea. Xela Arias morreu en 2003 e Luísa Villalta o 6 de marzo do 2004, é dicir, en calquera dos casos o 17 de maio tería feito dez anos do seu pasamento. Tanto unha como outra están aínda na memoria persoal dos seus contemporáneos, homes e mulleres, en especial poetas, que compartiron con elas iniciativas e proxectos e formaron parte do panorama cultural desde os anos oitenta.
Canda elas, o nome de Ricardo Carvalho Calero volve de novo ao escenario, mais, coa condición que desta volta fai máis explícita a Academia de que sexan os propios numerarios os que acheguen o nome ao plenario, faise máis difícil aínda mesmo a presentación da súa candidatura. Desde fóra de Tabernas, a de Carvalho Calero é unha das demandas que máis vontades congrega por unha parte da intelectualidade que entende xa como inxustiza que non se recoñeza unha figura que contribuíu como poucas á historia da lingua e a literatura e cunha sólida obra literaria.
Máis forza cobra este ano a figura de Díaz Castro, eterno candidato ao que o centenario o próximo 2014 dálle aínda máis forza, avaliada pola campaña que se está a desenvolver desde Guitiriz e a iniciativa promovida polo propio alumnado do centro de ensino Poeta Díaz Castro que presentou un audiovisual dedicado ao autor de Nimbos.
Candidato asegurado para o Día das Letras Galegas é Carlos Casares, que por segunda vez podería optar á homenaxe aínda que parte do seu entorno prefería por distintas razóns, cando menos na anterior edición, agardar algo máis a que se conmemorase a súa figura cun Día das Letras Galegas.
Do exilio e a resistencia antifranquista, dous nomes de dous narradores entran nunha posíbel listaxe para o 17 de maio. O escritor Ramón de Valenzuela, autor de Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar, entre outras e o xornalista e narrador Manuel Lueiro Rey poderían ser protagonistas da homenaxe da Academia. Os dous mantiñan relación persoal e política co presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.
A proposta do poeta berciano Antonio Fernández Morales, candidato apoiado pola Asociación Xarmenta e tamén unha firme aposta do anterior presidente Xosé Luís Méndez Ferrín é outro dos nomes que soan en cada edición. Desta volta, o nome do autor de Paradela, Manuel Rodríguez López chega á sede de Tabernas proposto por GaliciaDixital.”
A lus do mundo: o poeta Díaz Castro desde o IES de Guitiriz
San Paio de Narla, Friol: Castronela. Revista oral nº 1
O sábado 31 de marzo de 2012, a partir das 19:00 horas, no Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol, Lugo), terá lugar a presentación da revista oral de periodicidade anual Castronela. Nº 1, cunha duración aproximada de 1 hora e media, baixo a coordinación de Antonio Reigosa. Este é o sumario de contidos:
– Portada musical: Alén do teu recordo (letra: Marica Campo e Mero Iglesias), por Mini e Mero (3’).
– Coleccións do Museo Fortaleza San Paio de Narla: Ao trope e ao paso (útiles de montar), por Mª Rosario Fernández González (10’).
– Música: A Rosiña do Estanqueiro (Parrafeo tradicional), por Mini e Mero (3’).
– Algo de literatura (I): Tres edificios (fragmento), do libro Finísimo pó nas ás, por Xerardo Quintiá (5’).
– Música: Penélope (Letra: Xosé Mª Díaz Castro. Música: Mero Iglesias), por Mini e Mero (3’).
– Algo de historia: O farmacéutico Julio Castro Ves en Friol, por Higinio Martínez Fernández de la Vega (10’).
– Música: Aradiño (letra: Manuel María / Música: Antón Campelo), por Mini e Mero (3’).
– Algo de literatura (II): Tres edificios (fragmento), do libro Finísimo pó nas ás, por Xerardo Quintiá (5’).
– Algo de tradición musical: Xota de Caroi, Muiñeira de Calvos e Mazurca de Lampai, polas Pandereiteiras do CPI Dr. López Suárez de Friol (10’).
– Friol na internet: O blog Friol. Algo máis que pan e queixo, por José Mª Carricoba Armesto e Blanca Castro Gerpe (10’).
– Música: Aquí (letra e música: X. L. Rivas Cruz), por Mini e Mero (3’).
– Algo de literatura (e III): Son de nácara, Volver sobre as cousas, Ir polo camiño e sentir e Mazinguer Z coroado de chorimas, poemas do libro Fornelos & Fornelos. Primeira Fundación, por Xerardo Quintiá (5’).
– Algo de memoria: Tiempo de ilusión. Tiempo de recuerdo, programa da serie Vivir cada día de TVE dirixida por J. Luis Rodríguez Puértolas, emitido o 28 de marzo de 1979. Protagonizado por varios nenos e nenas, a mestra e outras persoas de Friol (12’).
– Música: Canto de berce (tradicional), por Mini e Mero (3’).
– Opinión: Intervención do público (5’).
– Epílogo: por Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo (3’).
– Contraportada musical: Crime da Xestosa (tradicional, letra de Prado Lameiro), por Mini e Mero (3’).