Coñécense as obras gañadoras do Certame Xuventude Crea

poesia_2016teatro_2016relato_breve

Cuntis: homenaxe a Olimpio Arca Caldas

15055731_555635781304281_816691246167802927_n

Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño, premios de literatura dramática da Agadic

Desde a Xunta de Galicia:
“(…) Manuel Lourenzo, coa obra Suite Artabria, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por O valo, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por Marcha fúnebre para un monicreque, e na infantil, en Inacio Vilariño por Os golfiños e o xigante, quen xa foi distinguido con este premio en dúas ocasións anteriores. (…)
Os nomes dos catro gañadores, decididos por maioría de votos, foron comunicados polo xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en representación dun xurado que estivo presidido por Anxo Abuín e do que tamén formaron parte como vogais Santiago Cortegoso, Inma López Silva, Tito Asorey e María Torres. Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, interviñeron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os propios galardoados, cuxas obras foron seleccionadas entre un total de 72 textos recibidos: 38 para o Álvaro Cunqueiro, 11 para o Manuel María, 8 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 15 para a de teatro para rapaces deste último premio. No caso de Roi Vidal Ponte, que non puido acudir por motivos familiares, recolleu o galardón, no seu nome, Miguel Mosqueira Fociños.
Os catro recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas. (…)
Máis información aquí.”

Rui Cerqueira Coelho gaña o II Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e de Portugal

Desde a Xunta de Galicia:
Nós, arquipélago, de Rui Cerqueira Coelho, é a obra gañadora do II Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal. Entre 30 traballos de autores e de autoras con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, o relato do escritor luso foi elixido por unanimidade polo xurado do certame, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) para incentivar a creatividade da mocidade escritora galega e portuguesa.
Presidido por Xosé María Lago García, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia, e integrado por Carlos Arias, en representación da Secretaría Xeral de Cultura; polo escritor galego Antón Riveiro Coello, pola escritora portuguesa Olinda Beja, polo editor portugués Carlos Lopes, director de Edita-Me; e por André Rodrigues, integrado na GNP, AECT, que actuou como secretario, o xurado valorou no relato “o estilo impecable e potente, e unha narración sólida que harmoniza emocións, vencellos familiares, percepcións sensoriais e evolución psicolóxica cunha gran profundidade”.
Tamén destacou o xurado o manexo da temporalidade, desde unha percepción interior, na que “o pasado e a prospección do futuro como baleiro e como misterio difícil de asumir se unen para definir interiormente un ser que toma consciencia da súa existencia e da súa limitación como pulso vital”.”

María Xosé Queizán leva o Premio da Cultura Galega de Letras

DesdeMaría Xosé Queizán Cultura Galega:
“O xurado dos Premios da Cultura Galega, os galardóns cos que a Xunta de Galicia recoñece “a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos”, daba a coñecer o seu ditame para este ano. No mesmo, recoñecen a María Xosé Queizán polo seu labor literario, mentres Miguel Fernández-Cid levou o premio das Artes Plásticas e Sarabela Teatro o de Artes Escénicas. Maximino Zumalave foi escollido no campo musical, mentres a cooperativa Numax obtivo o premio Audiovisual. O labor da Irmandade Xurídica Galega a prol da nosa lingua viuse tamén recoñecido co galardón neste campo, mentres o Museo de Pontevedra obtivo o premio na categoría de Patrimonio Cultural e Elena Zernova na de Proxección Exterior.
O xurado, presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, estivo composto polo xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago, por delegación do seu presidente; a bibliotecaria-arquiveira da Real Academia Galega, Margarita Ledo, por delegación do seu presidente e mais o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, delegou o voto na Consellería de Cultura e Educación. Canda a eles participaron na elección o editor Xosé Ballesteros, a música Susana Seivane, a directora teatral Fefa Noia, e o fotógrafo Manuel Vilariño, coa subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro como secretaria. Os gañadores seleccionáronse entre un total de 40 candidaturas e recibirán como galardón unha escultura de Manolo Paz.”

Sae do prelo a primeira edición monolingüe en inglés de Follas novas

Desdefollasnovasenglish2 Cultura Galega:
“Small Stations Press e a Xunta de Galicia acaban de presentar ao público a primeira edición monolingüe en inglés de Follas novas, de Rosalía de Castro. New Leaves ve a luz nunha tradución da poeta canadense Erín Moure, que xa se encargara de trasladar Cantares gallegos, no marco da colección “Galician Classics”. O lanzamento súmase a outros títulos xa integrados nesta colección, como son Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, unha escolma de Lois Pereiro, Nimbos, de Díaz Castro e Cantares gallegos, da propia Rosalía. Con anterioridade a esta edición, a editorial viguesa Trymar presentara en 2014 unha versión bilingüe inglés-galego desta mesma obra, con tradución de Xosé Carlos Morell. Do mesmo xeito, diferentes poemas do libro viran a luz na lingua de Shakespeare en distintas antoloxías e artigos.”