A Coruña: Día Lugrís, o sábado 22 de decembro

O movemento cidadán In Nave Civitas e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convocan a toda a cidadanía a unha nova xornada cívica de homenaxe a Urbano Lugrís, o gran pintor das cousas do mar, este sábado 22 de decembro.
Na obra do artista agroma un mar sen tempo, onde os elementos coruñeses –Marola, Torre, Orzán- se converten en arquetipos –illa, faro, praia- para nós contar a historia toda dos océanos. A presenza de Urbano Lugrís segue a iluminar as rúas e tabernas da Pescadería, como representante máximo da bohemia. Poderosa humanidade – así o definiu o poeta Antón Avilés de Taramancos–  protagonista de moitas historias populares daquela cidade dos anos cincuenta.
Mais tamén, un ano máis, este Día Lugrís  ten que ser, desgraciadamente, unha xornada de reivindicación. Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie. A obra que creou para diferentes locais hostaleiros coruñeses, non goza de protección institucional ningunha. O grande mural da cafetería Veccio da Rúa Real ten un futuro absolutamente incerto. Máis grave é aínda a situación das pinturas que decoraban o antigo restaurante Fornos (Rúa dos Olmos). Un establecemento actualmente pechado, sen control público ningún sobre estado desas obras.
Ante isto, o colectivo cidadán In Nave Civitas  e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega queremos removelas conciencias e honrala memoria de Urbano Lugrís coa celabración do III Día Lugrís:

ACCIÓN LUGRÍS, velaí o programa deste ano:

20:00 horas. Obradoiro submarino: Xuntanza no Obelisco para decorar paraugas con debuxos de peixes. Se chove, faremos da necesidade virtude, e poderemos principiar deseguido, ao son dos gaiteiros, a manifestación atlántica.
20:30 horas. Camarote Lugrís: Intervención pictórica na rúa Mantelería, no lugar onde estivo situado o estudo do artista.
21:00 horas. Habitación do vello mariñeiro. Presentación no Borrazás, café moi querido por Lugrís, do colectivo poético-musical In Nave Civitas, artistas diversos reunidos ao redor da condición da Coruña como cidade-barco.

Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco !

Medre o mar!

Santiago: Castelao. Símbolo de Galicia, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 15 de decembro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Castelao. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Miguel Anxo Seixas Seoane.
13:00 h. Cousas da vida (35 minutos). Espectáculo de transparencias e sombras realizado por Títeres Cachirulo e inspirado nas personaxes das viñetas de Castelao. Narra a aventura de dous rapaciños que deciden visitar o estaleiro onde se está a construír un barco para emigrar ás Américas.
13:35 h. Alba de Gloria. Recitado do célebre discurso de Castelao a cargo de Xurxo Souto, escritor, xornalista e músico bravú.

Presenta: Alfonso Paz Andrade.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Santiago: Simposio ILG 2012 – Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012

Como cada ano, o Simposio do Instituto da Lingua Galega, organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, diríxese a estudantes universitarios de grao e posgrao, profesores de lingua e literatura galega, profesionais de distintos sectores e público en xeral que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos na materia.
O comité organizador está formado por Henrique Monteagudo (coordinador), Francisco Dubert, Elisa Fernández Rei, María Álvarez de la Granja e Raquel Vila Amado

.
O custo de matrícula será de 10 euros, que deberán ingresarse antes do 11 de decembro. Concederase o diploma de asistencia ás persoas que acudan, cando menos, ao 70% das sesións. Está solicitado un crédito de libre configuración para a Facultade de Filoloxía.
Aquí pode descargarse o FORMULARIO DE INSCRICIÓN.
As actividades serán na na aula 22 da Facultade de Filoloxía (Campus Norte), Universidade de Santiago de Compostela.

PROGRAMA

Martes 11 de decembro
– De 16:30 a 17:00 h. Inauguración. Ramón Villares e Rosario Álvarez.
– De 17:00 a 18:00 h. Conferencia 1: Antón Santamarina: As normas ortográficas e morfolóxicas do ’82 e o estándar galego actual.
– De 18:30 a 19:30 h. Conferencia 2. Manuel González: As modificacións e reformas da norma do ’82. O VOLGa.
– De 19:30 a 20:30 h. Debate.

Xoves 13 de decembro
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 3. Francisco Cidrás: As Gramáticas e o estándar morfosintáctico.
– De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 4. Xosé L. Regueira: A construción do estándar oral do galego.
– De 19:00 a 20:00 h. Mesa de debate 1. Ana I. Boullón (moderadora), Xurxo Souto (cantante), Paulino Novo (TVG), Mabel Rivera (actriz): Estándar e medios de comunicación: da corrección á naturalidade.
– De 20:00 a 20:30 h. Debate.

Martes 18 de decembro
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 5. María Álvarez de la Granja: O coñecemento do vocabulario normativo galego. Unha aproximación a través do léxico dispoñible.
– De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 6. Darío Xohán Cabana: A lingua literaria, os dicionarios, a edición: corrección, adecuación e riqueza.
– De 18:45 a 20:00 h. Mesa de debate 2. Xosé A. Fernández Salgado (moderador), Bieito Iglesias (escritor), Antón Dobao (TVG), Gonzalo Navaza (UVigo), Anxo Angueira (UVigo): Alén do estándar: diversidade estilística e creación.
– De 20:00 a 20:30 h. Debate.

Mércores 19 de decembro
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 7. Xosé M. Gómez Clemente: Neoloxía.
– De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 8. Xusto R. Río: Trinta anos de dicionarios e vocabularios técnicos.
– De 18:45 a 20:00 h. Mesa de debate 3. Nel Vidal (moderador), Xermán García Cancela (Xunta de Galicia), Luz Méndez (TVG), Carlos Díaz Abraira (Parlamento de Galicia), Xavier Guinovart (UVigo), Susana Mayo Redondo (CDSG / Consello da Cultura Galega): Servizos e recursos lingüísticos.
– De 20:00 a 20:30 h. Debate.

Xoves 20 de decembro
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia 9. Miquel Pradilla: Debates e reformas recentes na ortografía e na norma do catalán.
– De 17:45 a 18:45 h. Conferencia 10. António Emiliano: A reforma ortográfica do portugués.
– De 18:45 a 19:45 h. Conferencia 11. Xoán Lagares: O debate normativo no Brasil.
– De 19:45 a 20:30 h. Debate.

A folga de fame contra a condena a tres sindicalistas supera os 10 días tras unha fin de semana solidaria do mundo da cultura

“A folga de fame contra a condena a prisión a tres sindicalistas que participaron nun piquete en 2009 cumpriu este luns, 3 de decembro, 10 días despois dunha fin de semana no que o mundo da cultura amosou unha vez máis a súa solidariedade coa clase traballadora galega. A sexta quenda, formada polo secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, e por Marcos Sánchez, da CIG-Construción de Ferrol, permanecerá sen comer até o vindeiro mércores ao mediodía. As mostras de solidariedade do mundo da cultura e de distintas organizacións políticas e sociais e as foron a tónica xeral da segunda fin de semana na caravana instalada fronte á Audiencia Provincial de Pontevedra. Escritores/as como Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz ou Xavier Alcalá, ademais do presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, visitaron os folguistas o domingo. Tamén se achegaron representantes da Asociación Socio Pedagóxica Galega (ASPG) e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Ademais, os músicos e escritores Xurxo Souto e o Leo i Arremecághona aproveitaron a visita solidaria para amenizar a protesta coa súa música.” Desde a CIG.

A Coruña: presentación de Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro

O martes 4 de decembro, ás 20:00 horas, no Café de Macondo (Rúa San Andrés, 106) da Coruña, preséntase Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Rivas, Xurxo Souto e o editor, Antón Lado.

A Coruña: paseo literario con Xurxo Souto Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes

O sábado 24 de novembro, con saída ás cinco da tarde desde o adro do antigo templo dos mariñeiros, a actual igrexa castrense de Santo Andrés da Coruña, e con asistencia é libre e aberta á cidadanía, terá lugar un paseo que fai parte das actividades do obradoiro Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, dirixido por Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e financiado pola Deputación Provincial da Coruña.
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 ás cinco da tarde e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos –de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.

DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón -conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.

Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, que imparte o escritor Xurxo Souto no Club do Mar de Santo Amaro nos meses de novembro e decembro, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.

A Coruña: conversa entre Xurxo Souto e Daniel Salgado sobre A literatura na música galega

O luns 12 de novembro, ás 19:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47), Xurxo Souto e Daniel Salgado pechan o Espazo Escritorio desta entidade cunha conversa sobre A literatura na música galega, coordinados polo xornalista Iago Martínez.

Xurxo Souto: “Dende o mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Dous pontóns dun mesmo océano”

Desde Praza:
“A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza a partir do vindeiro venres 9 de novembro un obradoiro sobre a relación entre o mar e a literatura, que estará coordinado por Xurxo Souto, e que se realizará até final de ano todos os venres no Club do Mar de Santo Amaro, na Coruña. Hai apenas 20 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición. Haberá charlas, debates e roteiros, nos que estarán moi presentes os contos mariñeiros, as lendas mitolóxicas, a toponimia e talasonimia do mar da Coruña, a importancia do gremio de mareantes ou a influencia da emigración maritima.
“Vivimos como terrícolas e terrícolos cando o mar está aí sempre bourando”, láiase Xurxo Souto que imos aos poucos perdendo a nosa relación co mar, mesmo téndoo sempre diante, poñendo unha fronteira na liña de costa: “queremos salientar a idea de que o mar non é algo gremial, non é algo que pertenza só aos mariñeiros, nin ás mariscadoras, nin aos armadores nin aos ecoloxistas. O mar non é que sexa de todos senón que todos somos do mar”, di. “É coma cando lle preguntaron a Steffan Mörling por que viñera vivir a esta fin da Terra. O sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar”, conclúe. E lembra: “Cando remata o boureo dos homes xa só se escoita o ruido do mar dicindo a palabra máxica: Orzán, Orzán, Orzán…”
O obradoiro quere recuperar “todas as historias náuticas que conforman as nosas cidades”. Trátase de recoller todos eses estimulos atlánticos para dar forma a literatura a pequenas historias. Historias coma as de Breogán ou as que rodean a Torre de Hércules. “Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo”, di Souto. (…)”.