A Coruña: recital de Alicia Fernández e Dolors Miquel no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 24 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Ágora, continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Alicia Fernández e a poeta catalá Dolores Miquel. Con 90 prazas permitidas de público presencial, non se espera que ninguén quede fóra deste acto aberto e gratuíto, coas debidas medidas de seguridade pero tamén retransmitido por streaming. Máis información aquí: Poetas Di(n)versos maio 2021_2

Ribadeo: Letras no campo. VII Feira Ribadense do Libro

A Coruña: recital de Vítor Vaqueiro e Abdul Hadi Sadoun no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 10 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Ágora, continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Vítor Vaqueiro e o poeta iraquí Abdul Hadi Sadoun. Con 90 prazas permitidas de público presencial, non se espera que ninguén quede fóra deste acto aberto e gratuíto, coas debidas medidas de seguridade pero tamén retransmitido por streaming. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2021.

Compostela: actividades destacadas dos 8 e 9 de maio na Feira do Libro 2021

O 8 de maio comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este fin de semana:

Sábado 8
12:30 h. Pregón de inauguración a cargo de Arantza Portabales.
13:00 h. Arantza Portabales asina A vida secreta de Úrsula Bas, publicada por Galaxia, e Historias de Mentes, publicada por Bululú.
13:00 h. Esther Carrodeguas asina Malcriada e 32m2, publicadas por Positivas.
18:00 h. Yolanda Castaño asina Xela quixo ser ela, publicado por Xerais.
18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
19:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
19:00 h. Beatriz Busto Miramontes asina Um país a la gallega, publicado por Através.
20:00 h. Antón Reixa asina Outlet, publicado por Chan da Pólvora.
20:00 h. Andreia Costas asina Corazón de vaca e outras vísceras, publicado por Urutau.

Domingo 9
19:00 h. Carlos Negro asina Non cantan paxaros neste bosque, publicado por Xerais.
20:00 h. Manuel Gago asina Nus, publicado por Xerais.

A Coruña: recital de Arancha Nogueira e Itisha Giri no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 26 de abril, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Ágora, continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Arancha Nogueira e a poeta nepalí Itisha Giri. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos abril 2021.

Gloria Gómez Pavía gaña o I Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Desde Galaxia:
“Reunido o xurado, no Concello da Estrada, formado pola poeta Yolanda Castaño Pereira, a ilustradora Rosa Cabanas, o crítico literario Armando Requeixo, Carlos Loureiro Rodríguez, como secretario, e Sara Valcárcel Maceira, responsable de Comunicación e coordinadora de novos proxectos de Editorial Galaxia, escolleu por unanimidade a obra gañadora.
Despois de valorar orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza, o xurado acordou conceder o I Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Eva, a carteira espacial, de Gloria Gómez Pavía.
O xurado destacou desta novela que é unha proposta moi expresiva con ilustracións orixinais e cunha linguaxe propia, que nos adentra nun mundo evocador cunha paleta de cores impactante e atractiva. Vertebra cuestións de ciencia nun relato integrador que apunta valores comunitarios, ben equilibrados coa vontade individual, autonomía persoal e a posta en valor dos oficios de sempre, da importancia dos procesos e das súas necesarias esperas. A acollida do pequeno, do diferente, no seo dunha comunidade plural e que teña en conta os coidados; a interconexión, a comunicación, a socialización máis humana son outros dos acertos a xuízo dun xurado que puxo en alta estima a numerosa participación e abraiante nivel creativo das propostas.”

Kathleen March, gañadora da I Residencia Xacobeo para tradutoras/es da Xunta

“A profesora emérita da Universidade de Maine (Estados Unidos) Kathleen March, vén de obter a I Bolsa en Residencia Xacobeo, a primeira axuda en formato residencia para tradutores/as de literatura galega convocada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Residencia 1863 da Coruña que naceu este ano para impulsar ao sector da tradución e contribuír á proxección exterior da literatura galega. March é unha das máis prestixiosas investigadoras e divulgadoras da literatura galega nos Estados Unidos e tamén experta nos estudos sobre Rosalía de Castro.
Ao abeiro da bolsa, a investigadora realizará o seu traballo durante o vindeiro mes de maio na Coruña e traballará sobre dúas obras en prosa das escritoras Marica Campo e Emma Pedreira. Doutora en Español e Creatividade e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Maine, vén realizando unha dilatada contribución ao estudo da escrita e cultura de Galicia. É tamén experta en Rosalía de Castro, editora e tradutora dun altísimo número de pezas literarias galegas para o inglés, e premio da Cultura Galega en Proxección Exterior en 2015.
En concreto, March planea traducir Confusión e morte de María Balteira e Bibliópatas e Fobólogos (2017) para alén de desenvolver actividades que podan atraer outros tradutores/as de lingua inglesa a empregar temas galegos no seu labor. A convocatoria da Residencia Xacobeo concitou o interese dun bo número de tradutores e tradutoras, que concorreron con proxectos para linguas coma o sueco, o inglés, o italiano, o francés, o ruso ou o alemán. A autoría abrangueu dende figuras da Idade Media á contemporaneidade, inclinándose a balanza cara autoras actuais de distintos xéneros (narrativa, poesía e teatro) nunha participación de alta esixencia valorada moi positivamente polo xurado.
A I Residencia Xacobeo enmárcase no traballo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por divulgar e difundir a literatura galega e apoiar os profesionais. Consiste en que a Xunta e a Residencia Literaria 1863 fornecen ao beneficiario/a dun espazo en Galicia para o seu traballo e investigación durante todo o mes de maio. Así, a profesora aloxaranse na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX no casco histórico da Coruña que combina residencia con centro de xestión cultural. O programa incluirá o billete aéreo dende o país da tradutora e dietas para gastos básicos.
A iniciativa ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación ao público, con accións abertas. Porque o beneficiario, se así o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo durante o tempo de residencia. Ademais, na Coruña terá acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, visitas guiadas, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade que conta cunha rica e diversa vida cultural.”