Allariz: Festival Internacional de Poesía Poemagosto

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 6 de xullo

A sexta feira 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Ledicia Costas, Víctor Rivas e Andrés Meixide asinan na caseta de Secretaría.
19:00 h. Charla-coloquio sobre o libro O valor das palabras. A enfermidade como unha oportunidade, por ASEM Galicia.
19:45 h. Conversa de Pedro Feijoo con Manuel Bragado: “D’Os fillos do mar a Sen piedade pasando por Camiñar o Vigo vello”. Ao remate asinará exemplares da súa obra.
20:00 h. Henrique Dacosta asina Á deriva, publicado por Belagua, na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de Poesía reunida. Volume I (1991-1995), de Chus Pato, publicada por Ultramarinos Editora. Participan Unai Velasco, Oriana Méndez e Patricia Sánchez.

Nace en Pontevedra a revista Ligeia, especializada en poesía contemporánea, xornalismo e investigación literaria

“Nace en Pontevedra a revista Ligeia, publicación bilingüe (gal/esp) especializada en poesía contemporánea, xornalismo e investigación literaria. Fundada, editada e dirixida polos poetas e escritores pontevedreses Marcus Daniel Cabada (1995) e Tamara Andrés (1992), baixo a dirección artística da tamén pontevedresa Paula Estévez (1995) e o consello editorial do poeta e crítico sevillano Pedro Luis Ibáñez Lérida, comeza a súa actividade o 17 de maio de 2018, Día das Letras Galegas, co afán de “unir pontes entre as culturas e as xeracións do máis local ao máis universal, sempre desde unha concepción poética, estética e moral”. As súas bases, que subliñan unha necesidade de continuidade do espírito literario e cultural, definen Ligeia como “libre, independente, plural e apolítica”. Asemade, propón aproximarse en esencia a revistas fundamentais para a literatura do século XX, como Litoral, Mediodía ou Gallo, mantendo sempre valores de identidade como “a curiosidade, xenerosidade e o bo facer común”.
NÚMERO 1: RECUPERAR AS MANS. Máis de 70 autores de 14 países distintos (España, Alemaña, Marrocos, Túnez, EE. UU., Colombia, Irlanda, Arxentina, Perú, Costa Rica, Nicaragua, Brasil, Francia e Chile) compoñen o primeiro número da revista Ligeia, baixo o título de ‘Recuperar as mans’. Entre eles, escritores, poetas, profesores, investigadores, xornalistas, artistas, fotógrafos, tradutores ou críticos literarios.
CONTIDOS MÁIS SALIENTABLES:
1. POESÍA GALEGA. Autoras/es amplamente recoñecidos e premiados, como Marta Dacosta, Oriana Méndez, Arancha Nogueira, Amauta Castro, Eli Ríos ou Emma Pedreira (recente Premio da Crítica Española 2018), xunto con aquelas novas xeracións de poetas emerxentes en lingua galega.
2. POESÍA HISPANOAMERICANA. Inéditos de Silvio Mattoni (investigador do Conicet), Liliana Díaz Mindurry (Premio Planeta na Arxentina, 1998), Winston Morales (Premio Excelencia 2018 do Círculo de Xornalistas de Huila), Cristianae Grando (Laureada UNESCO-Aschberg de Literatura 2002), Osvaldo Sauma (Premio Latinoamericano EDUCA, 1985), Randall Roque (Premio Internazionale di Poesia Castello di Duino, 2007, recoñecido pola UNESCO), entre moitos outros.
3. POESÍA HISPANOMAGREBÍ. Edítase, anexa, unha microantoloxía periódica de autores magrebíes en lingua hispana que, por ausencia de soporte, vense dificultados a publicar nos seus respectivos países. Poetas como Aziz Tazi (Premio Rafael Alberti de poesía da Consellería de Educación da Embaixada de España en Rabat), Mohamed Doggui (profesor do Instituto Cervantes de Túnez) ou Khédija Gadhoum (supervisora do programa de español no Departamento de Linguas Romances da Universidade de Georgia) compoñen a primeira edición.
4. XORNALISMO. Unha das grandes apostas de Ligeia é a de construír un “periodismo de calidade, profundo e rigoroso, mais no por iso menos creativo e literario”. Entrevistas aos recoñecidos e premiados poetas hispanoamericanos Óscar Hahn e Piedad Bonnett, ao poeta e tradutor irlandés Keith Payne, ao xornalista Xosé Mexuto (director de Sermos Galiza) e un perfil a Xosé Manuel Beiras son algunhas das publicacións periodísticas do número.
5. INVESTIGACIÓN. Ademais de erixir as súas bases na creación literaria, Ligeia proponse contribuír ao eido da investigación, fundamental para o coñecemento e intercambio entre culturas. En colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade Christian-Albrechts de Kiel (Alemania), publícase a investigación inédita ‘Neira Vilas en la diáspora: la construcción de un imaginario’, sobre o tema da migración na triloxía O ciclo do neno, do autor galego Xosé Neira Vilas.
6. PLURALIDADE. En contraste con autores recoñecidos, o número inclúe obras de novos creadores aínda inéditos, como os pontevedreses Carlota Corredoira (poesía) e Eladio Pomares (ilustración). Polo tanto, a edición abrangue idades comprendidas entre os 15 e 83 anos, en consonancia coas súas bases editoriais de pluralidade, igualdade e transxeracionalidade.
Prezo: 4,50€*
Edición dixital gratuíta en .pdf
Web: www.revistaligeia.com (en funcionamento o 1 de xuño)
Depósito Legal 745/2017
ISSN 2603-7416
Revista literaria de difusión cuadrimestral
*A recadación íntegra da venta de exemplares será destinada á financiación das edicións.”

Compostela: Alguén que respira!

Vigo: presentación de Welcome to Sing Sing, de Elvira Ribeiro

“Chegou a “novísima” poesía galega?”, por Montse Dopico

Artigo de Montse Dopico en Praza:
“”Chegan os Neos”. Baixo este suxestivo titular, o xornalista e escritor Antón Lopo propoñía, nunha reportaxe publicada cara finais do ano 2015 no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo, unha escolma posible de voces dos “novos creadores poéticos” galegos. Non moito tempo despois, a revista Luzes recollía nas páxinas de República unha análise máis demorada do mesmo autor sobre este tema, acompañada dunha pequena antoloxía que xuntaba versos de Xabier Xil Xardón, Oriana Méndez, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Xesús Castro, Ismael Ramos, Lara Dopazo, Fran Cortegoso e Alicia Fernández.
Aquel intento de identificar algunhas tendencias de fondo na maré da creación poética última deu lugar a diversos debates, mais serviu tamén como substrato do volume 13. Antoloxía da poesía galega próxima, coordinado pola profesora María Xesús Nogueira e publicado por Chan da Pólvora, o proxecto editorial ligado á libraría compostelá homónima do que Antón Lopo é cofundador. A selección de nomes desta antoloxía revela, por outra banda, algunhas coincidencias coa outra obra semellante, No seu despregar, que tirou do prelo no 2016 a editora Apiario.
No limiar de No seu despregar, as creadoras de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero, dan conta da dificultade para consensuar unha definición do “novo” na literatura. “A que nos referimos con esta cualidade?”, apuntan. “Trátase dunha condición temporal, cronolóxica? Son *s poetas *s nov*s ou os textos? Que proclama esa novidade? Existe? Podemos nomeala?”, reflexionan. En 13. Antoloxía da poesía galega próxima, María Xesús Nogueira admite que “a xuventude poética foi un elemento mitificado na literatura” e subliña, ademais, as “tensións e polémicas” que, de xeito cíclico, desata a “novidade” ou, polo menos, as tentativas de visibilizala como potencial de contestación dos paradigmas que a precederon.
No caso da literatura galega, -engade Nogueira-, a cuestión das “novas voces poéticas” mesturouse co debate sobre o axeitado da periodización das últimas promocións poéticas en base a criterios xeracionais e biolóxicos. Deste xeito, propostas como “empregar o problemático termo xeración no sentido sociolóxico-cultural formulado por Karl Mannheim”, -formulada polo profesor Arturo Casas-, ou identificar “a tensión entre unha tendencia apolínea a unha dionisíaca”, -achegada pola crítica Iris Cochón-, non puideron vencer, segundo Nogueira, “unhas inercias cronolóxicas que tampouco semellaron atopar, aínda a estas alturas, ferramentas para cartografar a poesía que seguiu á dos noventa”. (…)”

Compostela: presentación de 13. Antoloxía da poesía galega próxima

O venres 21 de xullo, ás 20:30 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), de Santiago de Compostela, preséntase a antoloxía 13. Antoloxía da poesía galega próxima, publicado por Chan da Pólvora Editora. No acto participan o editor, Antón Lopo, a antóloga Chus Nogueira, o coordinador Anxo Quintela e as poetas Alicia Fernández, Berta Dávila, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil Xardón, Samuel Solleiro, Jesús Castro Yáñez e Antón Blanco.