Guadalajara, México: Vinte editoriais galegas expoñen libros na FIL

“As editoriais galegas expoñen os seus libros na FIL baixo as marcas Galicia e Galician Books e dentro do stand compartido pola Asociación Galega de Editores e a Xunta de Galicia. A Cámara de Comercio da Coruña apoia a presenza dos editores cunha misión, na que tamén viaxa a Secretaria Xeral Adxunta, Ana Agras Gómez. A FIL comeza o 27 de novembro e remata o 4 de decembro. Os organizadores do evento conseguiron que sexa a Feira do Libro máis importante de Lationoamérica e tamén difundir a idea de que a Cultura é a solución. Alemania é a cultura convidada desta edición. Desprázanse a Guadalajara: Francisco Villegas, de Cumio e Ellago; Benigno Paz, de KNS Ediciones; Ainhoa A. Borrás e Pedro López, de Ideas Propias, Atanasio Murillo e Manuel Conde, de Editorial Supérate; Xosé Ballesteros, de Kalandraka; Xosé Manuel Figueiras, de Distribucións Arnoia e Victor Cando de Librerías Nobel; Manuel Bragado, de Edicións Xerais e a secretaría técnica da AGE.  Dende a Consellería de Cultura desprázase o Director Xeral do Libro, Francisco López. Amosan os seus libros e novidades editoriais, Editorial Ideas Propias, Editorial El Patito, Baía Edicións, Kalandraka Editora, Ediciones del Viento, Embora Edicións, Editorial Supérate, MC Sports, Editorial Linteo, Edicións Espiral Maior, Biblos Clube de Lectores, Edicións Nova Galicia, Auga Editora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, KNS Ediciones, Editorial Everest Galicia, Edicións Xerais, OQO Editora e Edicións Toxosoutos. Disporán de stand propio na FIL: Kalandraka Editora, Editorial Ideas Propias, Distribucións Arnoia, Edicións do Cumio e Librerías Nobel.
Programa de actividades na FIL
O 27 e 28 de novembro a AGE manterá diversas xuntanzas con editores e axentes mexicanos. O 29 de novembro entrégaselle a Agustín Fernández Paz o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Está previsto que asistan o  Presidente da AGE e o Director Xeral do Libro. O programa Ecos de la FIL, consistente na presentación dos autores e as súas obras a colectivos educativos, contempla a participación de Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, o día 30 de novembro na Asociación de Clubs de Lectura e na Escola Secundaria nº24. O día 2 de decembro estarán en na Sala de Lectura de Colima e no Colexio Alpes Cumbres. Ese mesmo día participará tamén en  Ecos de la FIL o autor premiado, concretamente na Preparatoria nº 2. Aneiros presentará a Fernández Paz na actividade El placer de la lectura, que terá lugar o día 30 de novembro. O día 1 de decembro os autores participarán nun encntro con nenos indíxenas da Serra de Durango, xunto á xornalista mexicana Lidya Cacho. Ese mesmo día e ás 6 da tarde, terá lugar Voces de Galicia, unha presentación da literatura galega na FIL.” Vía AGE.

Manuel Lourenzo González: “Non teño fe no indignismo”

Entrevista a Manuel Lourenzo González en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O xurado do Premio Blanco Amor destacou como a súa obra aborda os problemas da identidade e o sentido da vida. ¿Eran eses os temas que quería reflectir?
– Manuel Lourenzo González (MLG): Podería ser ese o contido, entre outros. Pero é unha novela complexa, da que se poden desprender eses contidos entre outros. Ten moitos personaxes e moitas lecturas. Pero eu a describiría como un tempo de prever a deriva á que pode levarnos a sociedade desde o meu punto de vista, desde o meu ángulo, algo pesimista nese sentido. E, ao mesmo tempo, con vontade de narrar unha historia literaria. (…)
– LVG: Vostede cualificou a literatura en galego como “de resistencia”. ¿Segue manténdoo?
– MLG: Subscríboo plenamente. É unha literatura de resistencia e completamente desnivelada con respecto á española. Hai unha competencia desleal coa que seguimos loitando.”

Betanzos: conferencias de Xosé Miranda e Alfredo Erias nas II Xornadas da Historia

O xoves 24 de novembro , ás 20:30 horas, no Salón Azul do Edificio do Arquivo de Betanzos, comezan as II Xornadas da Historia. Betanzos na Idade Media, organizadas pola A. C. Eira Vella, cunha conferencia a cargo de Xosé Miranda, baixo o título A Galicia máxica: Lendas. O venres 25 de novembro, tamén ás 20:30 horas, Alfredo Erias ofrecerá outra conferencia, titulada O Medievo en Betanzos.

Debate, proxección audiovisual e novos libros sobre Lois Pereiro

O xoves 24 de novembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa (R/ San Pedro, 24) de Santiago de Compostela, terá lugar un evento, baixo o título Lembrando a Lois Pereiro, no que participarán Xosé Manuel Pereiro, O Leo, Iago Martínez e Daniel Salgado, moderados por Alberto Ramos. Antes da conversa, está previsto que se proxecte un fragmento da peza artística Corporal (je t’aime), proxecto baseado nunha idea de Antía Otero e Carlos Neira, a partir de poemas de Lois. Desde Cultura Galega.
Esta nova coincide coa saída de dous libros sobre o autor a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas: Lois Pereiro. Dicionario de sombras, de Antón Patiño, editado en Espiral Maior, e o catálogo da exposición Quen corta os fíos do soño?, publicado pola Fundación Luís Seoane. Desde a páxina oficial de Lois Pereiro.

A Coruña: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá

O venres 25 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Enrique Dequidt, 12) da Coruña, preséntase Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, acompañando ao autor, participa Francisco Pillado Maior e a actriz Luísa Merelas poñéndolle voz a unha das dramatículas.

Vigo: presentación de Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O venres 25 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno) de Vigo, preséntase a reedición, corrixida e aumentada, do libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, editada agora por Biblos. No acto, acompañando ao autor, estarán presentes Xosé Díaz e Alfonso Paz-Andrade.

Santiago: recital-presentación dos Libros de Caldeirón

O venres 25 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, continúa a xeira de presentacións e recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eduardo Estévez (rúa da cancela), Emma Pedreira (Xoguetes póstumos) e Antonio García Teijeiro (Arredor do teu corpo).

A Pobra do Caramiñal: presentación de Poñente, de Pere Tobaruela

O venres 25 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán (Praza do Cantón da Leña, s/n), da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Poñente, de Pere Tobaruela, publicado en Xerais. O acto contará coa participación de Encarna Montemuíño, Manuel Bragado e o propio autor.

Madrid: presentación de Golpear de sombras, edición bilingüe do poemario de Francisco X. Fernández Naval

O venres 25 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro de Arte Moderno (C/ Galileo, 52) de Madrid, preséntase o libro Golpear de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, en edición bilingüe galego-castelán, publicado en Huerga y Fierro. No acto participan, xunto ao autor, Vicente Araguas, Antonino Nieto e Antonio J. Huerga, coa actuación musical de Juan Muro.