Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 22 e domingo 23

O domingo 23 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 22
12:00 h. Teatro: A galiña azul, de Carlos Casares, por Fran Rei.
13:00 h. Encontro con X. Ricardo Losada, arredor de Bótame deste mar fóra, publicado por Toxosoutos. No Salón de Plenos do Concello de Rianxo.
20:30 h. Presentación do libro Corredora, de María Reimóndez, publicado por Xerais. No acto participa, xunto á autora, Manuela Vázquez Coto.

Domingo 23
13:00 h. Presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, coordinado por Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, publicado por Alvarellos. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello. No acto, coorganizado pola editora, o Concello e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, participan, xunto aos coordinadores, Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes.

Premio de Novela Do Peirao 2017

Edicións Do Peirao convoca o Premio de Novela Do Peirao coas seguintes bases.

«Primeira. Poderase presentar unha única obra orixinal e inédita firmada con nome e apelido, ou ben pseudónimo, e datos de contacto; sendo condición indispensable ser maior de idade.
Segunda. Os orixinais deberán estar escritos en galego a dobre espazo, con tipo de letra Arial ou Times New Roman a tamaño 12; cunha extensión mínima de 120 páxinas.
Terceira. Outorgarase un único premio consistente na publicación da obra gañadora, dándose a coñecer o fallo o 23 de outubro de 2017.
Cuarta. Os orixinais deberán ser enviados exclusivamente en formato dixital xunto cos datos da autora ou autor á dirección concurso@dopeirao.eu, sendo o último día de presentación o 29 de setembro de 2017.
Quinta. A gañadora ou gañador subscribirá un contrato de edición pola obra dunha duración de cinco anos, recoñecéndoselle un dez por cento (10%) das vendas como dereitos de autor nesa primeira edición e sucesivas. Sendo estas libremente determinadas pola editorial.
Sexta. Edicións Do Peirao resérvase o dereito de opción preferente para publicar aquelas obras que presentadas a concurso e non sendo premiadas, puideran interesarlle, procedendo á súa edición previo acordo coas creadoras.
Sétima. A participación neste premio implica de forma automática a plena e total aceptación, sen reservas, das presentes bases. Para calquera diferenza que houbese de ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao propio foro e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais de Santiago de Compostela.»

En Santiago de Compostela, a 19 de xullo de 2017.

A Coruña: homenaxe literaria e musical a Luz Pozo Garza

Marcos Calveiro gaña o García Barros con O xardineiro dos ingleses

Desde Galaxia:
Marcos Calveiro gaña o XXIX Premio García Barros coa obra O xardineiro dos ingleses, que para finais de ano verá a luz na Editorial Galaxia. O xurado composto por Carlos Lema, Armando Requeixo, Mario Regueira, Inma Otero e Carlos Loureiro destacou esta novela entre todas as que se presentaron. (…)”

Feira do Libro de Rianxo: actividade literaria destacada do venres 21

O venres 21 de xullo continúa a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa para este día:

21:00 h. Presentación de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos, publicado por Xerais.