Compostela: Procesión da Santa Bolaña 2018, o 22 de decembro

“Este sábado 22 de decembro, á partir das 17:00 h. da tarde, regresa a Procesión da Santa Bolaña, en celebración dramática do solsticio de inverno, con vía crucis teatral polo casco vello de Santiago.
A procesión da Santa Bolaña, partirá, como é tradición, do local da Asociación de Veciños “As Brañas de Andrés”, nos Pelamios. Acompañada por unha tropa de músic@s, acróbatas, gallofeir@s e fieis devot@s a entoar cantigas e ladaíñas en honra da santa, a procesión percorrerá logo as rúas do casco vello compostelán, facendo parada dramática en catro locais senlleiros da cultura local: o Centro Socio-Cultural “Gentalha do Pichel”, a Casa do Matadoiro, o Cantón de San Bieito, e a Nave Sete da Praza de Abastos.
Provista dun bocoi de viño, da vella e romana casta do Ribeiro, de xeito a saciar a sede e estimular o canto de devotas e devotos, a procesión honrará todas as tabernas e antros de malvivir que lle saian ao paso. E aquecidos no místico transo, celebrará en éxtase a rifa da Santa, na que se ofrecen gorentosas viandas culturais ao afortunado ou afortunada devota a quen lle caiba tal sorte, legadas xenerosamente por entidades culturais da cidade como as librarías Pedreira, Chan da Pólvora, Os mundos de Carlota, Lila de Lilith, o laureado escritor Carlos Meixide, Edicións Positivas, Numax, Teatro Principal, Triskel e Queroté.
Nas catro paradas deste vía crucis dramático serán oficiados os catro Misterios Teatrais previstos para esta edición, coa participación do público presente orientado polos confrades maiores deste ano: Zé Paredes, Mónica Caamaño, Lucho Penabade e Esther F. Carrodeguas, rematando o paso no vestíbulo do Teatro Principal, coa lectura colectiva, a xeito de coro grego, do manifesto poético-dramático da procesión.
A xeito de doazóns á Santa, recolleranse no libreto sacro da procesión editado por Edicións Positivas, diversos textos ofrecidos por dramaturgas e dramaturgos galegos como Esther F. Carrodeguas, Ana Carreira, Roi Vidal Ponte, Mónica Caamaño e o Grupo Oportunista de Drama G.O.D. “Flavia Antonia”, polo prezo de 5 euros.”

Compostela: mostra aberta ao público de catro pezas breves no marco do Obradoiro de dramaturxia A palabra na dramaturxia posdramática

O sábado 22 de decembro, ás 12:00 horas, na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta do Concello de Santiago de Compostela (Rúa Antonio Rama Seoane, 6), terá lugar unha mostra aberta ao público de catro pezas breves heterodoxas, que abren o seu proceso a quen queira coñecelas directamente, como resultado do Obradoiro de dramaturxia A palabra na dramaturxia posdramática, por Afonso Becerra, organizado pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
O equipo de traballo está formado por:
José Breijo Vidal (Topo)
Raquel Castro Martínez
Gonzalo Castro Martínez
Sonsoles Cordón Troncoso
Andrea Dunia Díaz Casal
Sabela Fernández
Ana Fernández Sánchez
Iria Fernández Sobrado
Ismael Enrique Gil Candal
Carlos Ignacio Labraña Barrero
Yelena Molina
Teresa Moure Pereiro
Fiz Patiño (Xiba)
Ana Rosa Pavón Grande
Marcela Rodríguez Portas
Paula Sanmartín Juncal
Co profesor coordinador: Afonso Becerra Arrojo (Afonso Becerra de Becerreá)

***

Este obradoiro tratou de exploración e creación teatral a partir de algunhas das condicións xerais de composición nas dramaturxias posdramáticas. Experimentación e análise de dramaturxias colaborativas de proceso. A creación en equipo. Pesquisa práctica e reflexión sobre a palabra como material no ámbito da danza e o teatro contemporáneos posdramáticos.