Presentado o Álbum de Galicia, a colección biográfica do país

Desde o Consello da Cultura Galega:
“(…) “A historia dun país faise así, a base de figuras heroicas e persoas anónimas que representan a esencia do que somos como comunidade” explicou Dolores Vilavedra ao detallar que a colección inclúe nomes destacados como Rosalía de Castro, Castelao, Concepción Arenal, Manoel Antonio, canda figuras como a soprano estradense Ofelia Nieto, o astrónomo Ramón María Aller ou o científico e político Osorio Tafall. O Álbum de Galicia é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos da cultura galega, desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O obxectivo deste proxecto é visibilizar e contextualizar ás mulleres e homes xa finados que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer tanto a obra das persoas divulgadas como a produción intelectual existente sobre elas. Todas as entradas foron realizadas por expertos en cada unha das materias e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.
A Secretaria explicou tamén que o Álbum de Galicia conta con outra fortaleza, xa que permite conectar as persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. Isto significa que se pode relacionar as figuras con material sonoro, fotográficos, publicacións, epistolarios, publicacións, estudos e calquera outro documento realizado ou dixitalizado polo CCG. “O Álbum de Galicia é o porta de entrada rigorosa para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras” engadiu Manuel Gago.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas que o CCG leva elaborando desde 2005 e que teñen publicado en álbums temáticos ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. O proxecto preséntase como unha iniciativa viva xa que pretende ir ampliando gradualmente o número de biografías, diversificando temática e cronoloxicamente o repertorio. Nese sentido, na presentación animaron a cidadáns e colectivos a remitir suxestións de figuras que consideren de interese para seren difundidas a través desta ferramenta e, deste xeito, mellorar o seu coñecemento público. O CCG encargará a diferentes expertos e expertas cada entrada biográfica que se incorpore ao Álbum. (…)”

Crónica videográfica da IV Xornada de Literatura Dramática (II)

A IV Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción foi unha actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe os seguintes vídeos:

Mesa redonda A difusión da literatura dramática hoxe. Moderada por Carlos Labraña. Con Inma Doval e Manuel Xestoso:

Aula maxistral a cargo de Fernando Matos Oliveira. Presentada por Afonso Becerra de Becerreá:

Bases do V Concurso de relatos curtos O Cabaleiro das Cunchas da vila de Bouzas, 2020

1.- A este premio poderán concorrer todos os autores que o desexen, excepto a persoa gañadora de unha edición anterior, cun relato escrito, en Poesía ou Prosa, en calquera dos idiomas que son oficiais na Península Ibérica: galego, castelán, portugués, catalán e euskera co tema único da: “Lenda do Cabaleiro das Cunchas de Bouzas”.
2.- Os relatos serán orixinais e inéditos en todos os formatos, tanto en papel como dixital, terán una extensión non inferior a tres follas nin superior a 15. Serán presentados en texto formatado con letra de tamaño 14 e espaciado dobre, en Times New Roman.
3.- Poderán presentarse de dous modos: en papel, con tres copias, debidamente grampadas ou encadernadas, ou con un arquivo gravado en CD en formato PDF, seguindo as mesmas normas que se detallan o apartado 2 de estas bases.
4.- Os relatos enviaranse antes do 30 de Maio de 2020, facendo constar no sobre
V Concurso de Relatos Curtos do “Cabaleiro das Cunchas” da Vila de Bouzas, ao seguinte enderezo: Cofradía do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas. Rúa San Miguel, nº 1- Baixo. C. P. 36208 – Bouzas – Vigo.
5.- Os orixinais presentaranse dentro dun sobre pechado baixo plica. Unha declaración xurada asinada polo/a Autor/a onde declare a sua autorria do relato, así como unha declaración xurada asinada polo/a autor/a onde declare a súa autoría así como a súa orixinalidade. A non inclusión desa declaración xunto co relato será motivo para que a obra en cuestión sexa excluída automaticamente, considerarase non remitida e non presentada.
6.- Establécese un único premio dotado con mil cincocentos euros (1.500,00 €).
7.- O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que os relatos presentados non reúnen a calidade suficiente.
8.- A contía do premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da posible primeira edición de ata un máximo de 1.500 exemplares do texto ganador. Estes dereitos corresponderalle en exclusiva á entidade organizadora deste premio.
9.- O Xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito das nosas letras. A decisión do Xurado será inapelable e farase pública no mes de Xuño do 2020.
10.- A entrega do premio terá lugar nun acto público que se realizará no salón rexio do Liceo de Bouzas – Rúa Eduardo Cabello.- nº 8-, na vila de Bouzas, ás 22 h. do día 29 de xuño do 2020 na celebración da Noite máxica do Cabaleiro das Cunchas.
11.- Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os autores/as o soliciten por escrito, nun prazo máximo de dous (2) meses a partir da data en que se faga pública a resolución do Xurado. Os orixinais que non se retiren destruiranse.
12.- Dos aspectos non incluídos nestas bases ou aqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, a decisión corresponderalles aos membros do xurado, que emitirán ditame que será inapelable.
13.- A participación na convocatoria implica a aceptación destas bases.

IRMANDADE DAS DONAS E CABALEIROS DE BOUZAS

Vila de Bouzas, Vigo, xaneiro do 2020.

COLABORAN:
Cofradías :
Cristo dos aflixidos, San pedro pescador e Liceo de Bouzas.”

Fran Núñez será o novo director do CDG

Desde Erregueté:
“O actor e produtor Fran Núñez será o novo director do Centro Dramático Galego. O Diario Oficial de Galicia publicou o acordo de contratación da persoa seleccionada para a cobertura do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral (CDG) e que sucederá no posto a Fefa Noia. Desta forma remata o proceso iniciado no mes de agosto ao que se presentaron oito candidaturas.
Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro del Hereje, asumiu diferentes roles en proxectos producidos e coproducidos por formacións públicas e privadas de España, Francia, Brasil, Uruguai, Arxentina e Portugal, entre as que destacan Teatro de la Zarzuela, Los Goliardos e Teatro Español (as tres en Madrid), o proxecto internacional itinerante Ship of Fools, Boccaccione (Brasil), Teatro Nacional D. Maria II (Portugal) ou Orquestra Sinfónica de Galicia. Co CDG levou a cabo tres coproducións: Panxeia (2009), Os catro da Xunqueira (2014) e Se fosen turistas, levarían gafas de sol (2019).
Como autor, participou no Certame Interplay Europa 2014 de dramaturxia e, como xestor cultural, organizou tres edicións do festival de teatro Ponte nas Ondas, en Gondomar (Pontevedra). Na actualidade viña compaxinando o seu traballo como director artístico de Limiar Teatro coa actividade investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid.
Tamén é autor de Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans, un manual para analizar o impacto dos festivais galegos nas súas dimensións económica, social e mediática.”

Crónica videográfica da IV Xornada de Literatura Dramática (I)

A IV Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción foi unha actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe os seguintes vídeos:

Inauguración. Javier Celemín, Concelleiro de Cultura da Coruña, Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Cilha Lourenço, coordinadora da Xornada:

Mesa redonda A literatura dramática nas aulas. Moderada por Olivia Pena. Con María Vilariño e Manuel F. Vieites:

Antía Yáñez: “Non ten que vir ninguén salvarme, porque o que realmente me pode salvar é aprender a loitar eu as miñas batallas”

Entrevista de Montse Dopico a Antía Yáñez en Praza:
“Iolanda e a súa filla habitan un mundo hostil. Cruel, desigual, devorado por un poder que tenta amputar os afectos e converter os humanos en súbditos sempre dispostos á submisión. Mais hai algo que á cúpula que o domina todo –comandada por unha muller, nunha sociedade fondamente patriarcal- se lle escapa. Un xeito de rebeldía que, non sendo nun principio colectiva, permite albiscar a fin da alienación. Disto –entre outras cousas- vai a nova novela de Antía Yáñez, Be Water. Que é un dos títulos cos que está a darse a coñecer a nova editora Cuarto de Inverno. Falamos con Antía, e máis abaixo poderedes ler tamén unha entrevista con Andrea Jamardo, a creadora –xunto con David Cortizo- de Cuarto de Inverno. (…)
– Praza (P): A novela describe unha sociedade moi desigual en canto a relacións de poder entre clases sociais, ademais de fondamente patriarcal. E poñer o acento, ademais de na desigualdade de clase, na desigualdade de xénero, é quizais unha das achegas das autoras que optan pola novela distópica (xa o fixera Margaret Atwood, por exemplo). Quixeches que fose así, ou simplemente quixeches reflectir a realidade que ves?
– Antía Yáñez (AY): Eu son unha feminista-optimista. É certo que o patriarcado está a nos atacar moi forte hoxe en día, pero é que o século XXI vai supoñer -xa o está a supoñer- un cambio moi grande para a sociedade en todo o que ten que ver co papel da muller e as novas masculinidades. Cando vou polas escolas e institutos e escoito as novas xeracións, énchome de esperanza.
Pola contra, o que non vexo é que as diferenzas entre clases sociais diminúan; máis ben ao contrario. Cada vez sóannos máis palabras coma “aporofobia”, medo e rexeitamento á pobreza, e os ataques dos partidos da extrema dereita van sempre dirixidos a este sector da poboación. Pensei en como podería ser un mundo no que o “sálvese quen poida” fose moito máis extremo do que o é hoxe en día. O capitalismo responde en gran medida (se non é a súa natureza mesma) a estra premisa, e eu en Be Water quería explorar un futuro no que as cousas que estou a ver xa hoxe en día estivesen ao límite. (…)
– P: Canto á maneira en que está contada a historia, é unha estrutura bastante lineal, con algún flashback (como cando se conta a historia de Aquiles), cunha linguaxe directa e sinxela e con capítulos curtos. Tampouco é unha novela moi longa. Pensabas nun público xuvenil cando a escribiches? Como quixeches que resultase ao lector/a o estilo?
– AY: Nunca penso no público ao que dirixir a novela agás para unha cousa: o vocabulario. Se vai ser para rapaces menores de 12 ou 13, coido moito este aspecto, ou polo menos inténtoo. Explicar o mundo dos adultos e das adultas ás crianzas é un exercicio que require moito enxeño, e creo que cando alguén critica a LIX considerándoa “arte menor” é porque non pode ou non sabe conectar coa rapazada e por iso a menospreza.
Eu escribín Be Water sabendo que podía poñer, en canto a vocabulario, o que quixese (palabras malsoantes, castelanismos, anglicismos, expresións subidas de ton…) porque os seus potenciais lectores ían estar por enriba dos 13, pero non pensei en nada máis. No relativo á linguaxe sinxela, coido que sempre escribo así. Dá igual a quen vaia dirixido o libro porque é o meu estilo. De nena sempre odiei a adxectivación e as frases longas, así que agora que creo os meus mundos fágoos como a min me gustaría ler as novelas. (…)
Falamos con Andrea Jamardo sobre este novo proxecto editorial.
– P: David Cortizo e ti traballabades en Urco e nun momento decidides crear a vosa propia editorial. Por que? Cal é voso obxectivo?
– Andrea Jamardo (AJ): Decidimos crear Cuarto de Inverno para ter a liberdade de publicar os libros que a nós nos gustan sen dar explicacións, sendo libres de facer e desfacer ao noso xeito. O noso obxectivo é poder vivir da edición e desfrutar de cada un dos procesos que rodean o mundo do libro.
– P: Non é doado diferenciarse nun sistema editorial coma o galego, cun lectorado tan pequeno. Que distinguirá a vosa liña editorial da de outras editoras pequenas coma a vosa?
– AJ: Estamos aínda a construír a nosa personalidade como editorial pero os nosos libros teñen que falar por David e por min, publicaremos o que a nós nos guste e o que nós como lectores teriamos nos andeis das nosas casas.
Como dis, o sistema editorial galego é complexo, as persoas lectoras que escollen libros publicado no noso idioma é pequeno, mais intentamos sermos positivas en todo o que facemos, poñerlle ilusión e cremos na nosa capacidade de traballo. Do contrario, non iniciariamos este proxecto e, se en Galiza só un 4% da poboación lectora le libros en galego, temos que pensar que hai 96% que aínda pode facelo. A por eles! (…)”