Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Onde ferve o amor por Galiza, 270 cartas entre Martínez-Risco e o galeguismo exterior
Desde a Real Academia Galega (foto de Almara, na RAG):
“Eduardo Blanco Amor, Xosé Neira Vilas ou Luís Seoane son algúns dos moitos persoeiros da Galicia na diáspora que intercambiaron cartas co xurista, escritor e académico Sebastián Martínez-Risco. Para eles, e tamén para institucións ou persoas doutras procedencias interesadas na nosa cultura, o presidente da Real Academia Galega (RAG) de 1960 e 1977 foi “unha especie de representante oficioso da cultura galega, e case poderiamos dicir que do país no seu conxunto, nun momento en que Galicia non tiña institucións representativas propias”, expresa Xosé Ramón Freixeiro Mato. Así queda reflectido nas 270 cartas que compoñen Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), edición ao coidado do profesor da Universidade da Coruña publicada pola Deputación da Coruña.
A obra, que recompila sobre todo cartas do arquivo persoal de Martínez-Risco (Ourense, 1899 – A Coruña, 1977) e outras conseguidas en institucións como o Centro Galego de Buenos Aires, foi presentada na sede da RAG nunha rolda de prensa na que o investigador estivo acompañado polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e a actriz Isabel Risco, neta de Martínez-Risco. O libro toma o seu título dunha frase extraída dunha carta que Isaac Díaz Pardo lle escribiu a Martínez-Risco en 1955 desde Arxentina. O editor escolleuna “porque representa moi ben ese sentimento de preocupación polo futuro de Galicia” que lle amosaban ao académico as persoas que contactaban con el desde o exterior, moitos deles galegos exiliados e emigrados, pero tamén persoas interesadas na nosa cultura de Portugal, Francia ou América. (…)”
Compostela: presentación de Nas rúas de Compostela, de Rosalía Morlán
O sábado 4 de febreiro, ás 16:30 horas, no Centro Sociocultural da Rocha Vella (Rúa do Beado, 1, baixo), en Santiago de Compostela, Rosalía Morlán presenta Nas rúas de Compostela. No acto participan, xunto á autora, Armando Requeixo, Valentín García, Luís Reimóndez e Carlos Delgado. Lerán poemas do libro Irina García Caeiro e o grupo Palabras Vivas.
Marín: presentación de O espello do mundo, de Ramón Nicolás
O venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, no Ateneo Santa Cecilia, de Marín (Rúa Caracol, 36, baixo), preséntase O espello do mundo, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. No acto haberá un diálogo sobre a novela coa xornalista Paz Castro e o público presente.
Entrevista a Antía Otero no Zig-zag
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Antía Otero preséntanos O cuarto das abellas. Pode accederse á entrevista aquí.”
Isaac Xubín fala sobre A cadencia da fractura
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Isaac Xubín fálanos de A cadencia da fractura, a obra coa que gañou o Premio Manuel Lueiro Rey de poesía. Pode accederse á entrevista aquí.”
Vilalba: presentación de O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda (o acto foi suspendido polo temporal)
Lalín: entrega do XLII Premio Modesto R. Figueiredo
Cangas: presentación de Nos espazos do soño, de Xosé Vázquez Pintor
Oiartzun: Homenaxe a Concha Murguía 2017
O Excmo. Concello de Oiartzun e o Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia, organizan a Homenaxe a Concha Murguía 2017, co seguinte programa:
Xoves 2 de febreiro, ás 19:00 horas, na Sala de plenos do Concello:
– Recital poético musicado, vasco-galego, de poemas de Rosalía de Castro e de Antton Kazabon:
· Recitadores: Antton Kazabon e Xosé Estévez.
· Músicos: Edurne Saizar, piano; Haizea Lekuona, frauta; e Oihane Mitxelena, acordeón.
Venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala de plenos do Concello:
– Presentación do trailer do documental Euskal Herria: sitio distinto, a cargo do seu autor, Davide Cabaleiro, e de Ainhoa Aranburu, ilusionista.
Sábado 4 de febreiro, ás 12:00 horas, na Praza de Santo Estevo e na Sala Manuel Lekuona da Casa de Cultura:
– Ofrenda floral e homenaxe a Concha Murguía Egaña, coas intervencións da Concelleira de Cultura, Dona Iosune Cousillas, e de D. Xosé Estévez, historiador. Actuarán os txistularis Lartaun Txistulari Taldea, de Oiartzun, e o grupo de gaiteiros Trisquele da Casa de Galicia de Donostia. Ao remate do acto os asistentes serán agasallados co galano dun refrixerio.