Quiosco: Raigame analiza as figuras de Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade

“O ata agora último número -36- da revista Raigame, editada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense, dedica un monográfico ás dúas figuras homenaxeadas este ano a nivel institucional. Deste xeito, Celso Emilio Ferreiro é tratado en textos de Francisco López-Barxas, Antonio Piñeiro, Afonso Vázquez-Monxardín Fernández, José Ángel García López ou Ramón Nicolás. O perfil literario, empresarial e cultural de Valentín Paz-Andrade conta con traballos de Xoán Carlos Domínguez Alberte, Luís Pérez Rodríguez, Charo Portela Yáñez, Emilio Rodríguez Portabales ou Clodio González Pérez, canda unha cronobiografía de Afonso Vázquez-Monxardín Fernández. A revista tamén conta coa colaboración de Xosé Neira Vilas.” Vía Cultura Galega.

As axudas á tradución baixan a 168.000 euros

“Dos 300.000 euros de 2010 aos 168.000 de 2012. As axudas á tradución de obras desde e para o galego que convoca a Consellaría de Cultura manteñen nos útimos anos unha curva descendente. A convocatoria deste ano distribúese en dúas anualidades, con 84.000 euros nos orzamentos deste ano e outro tanto nos de 2013, e establece un límite máximo de 6.000 euros de axuda por cada obra. No caso de traducións desde o galego, establécese un custo de entre 20 e 30 euros por páxina no caso de linguas peninsulares, e entre 25 e 50 para outros idiomas. Nas versións para a nosa lingua, os subsidio cubrirá entre 50% e o 75% do custo da tradución. Os interesados en participar na convocatoria teñen ata o vindeiro 4 de xuño.” Vía Cultura Galega.

Coñécense as/os gañadoras/es dos Premios AELG 2012

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2012, que premian as mellores obras editadas en 2011, e que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

NarrativaLaura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.

EnsaioVivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.

Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.

Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.

Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar.

Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritoras e Escritores:

  • Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido  por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
  • Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a José Luis Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.

É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.

Gondomar: Víctor Freixanes participa no Clube de lectura Sete Vidas

O martes 8 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova edición do Clube de Lectura Sete vidas, que xirará arredor da novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia, contando coa presenza do seu autor, Víctor F. Freixanes.

Ramón Caride: libros xuvenís para pensar, entrevista de Ramón Nicolás

Entrevista de Ramón Nicolás a Ramón Caride no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Publica para primeiros lectores Catro amigos pillabáns e A pomba dona Paz: subxacen aí os mesmos valores da súa obra?
– Ramón Caride (RC): A pesar de seren libros cun forte compoñente gráfico e dirixidos ás primeiras etapas lectoras, son distintos: A pomba… é un libro feito expresamente para celebrar o Día Escolar da Paz e poñer de relevo cousas como a tolerancia, a ecoloxía e a convivencia nas aulas; mentres que Catro amigos… é máis ben un libro de aventuras protagonizado por animais. No fondo, non obstante, comparten os mesmos valores. (…)
– RN: Exogamia 0.3 tamén foi un título ben acollido por crítica e lectores.
– RC: É un libro de relatos para pensar e debater sobre a explotación infantil, as consecuencias da industria nuclear, os avances biomédicos ou a emigración clandestina. Está construído a partir de informacións xornalísticas e de avances recentes publicados en revistas científicas, buscando un dobre obxectivo: a máxima actualidade e a maior diversidade de técnicas narrativas. A súa excelente recepción demostra que os novos lectores non teñen apriorismos á hora de ler. En contra do que se di ás veces, creo que non debemos rebaixar o nivel de esixencia e precisión nos textos para adolescentes. Continuarei esta serie con Endogamia 0.2, xa redactado.
– RN: Non descoida a lírica: que achega A chuvia humana á súa obra anterior?
– RC: A chuvia humana é, esencialmente, un libro de micropoemas, epigramas ou aforismos, que de todo hai. Como tal, cun nivel de concisión extremo e extensión mínima. Creo que contén fortes doses de humor corrosivo e crítica social, como corresponde á que nos está a caer enriba a todos (e non é chuvia, precisamente). (…)”

Bases da convocatoria do XXX Premio de novela longa Blanco Amor

BASES

Primeira.- O premio estará dotado con 12.020 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 334/48000 do orzamento do 2011, prorrogado.
Segunda.- Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Terceira.- As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.
Cuarta.- As obras presentadas terán que ser inéditas.
Quinta.- De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á concelleira de Cultura do Concello de Fene, Avenida de Naturais, 44, entrechán, 15500 Fene, facendo constar no exterior Para o XXX Premio Blanco Amor. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Sexta.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 28 de setembro de 2012. O ditame do xurado darase a coñecer no mes de novembro de 2012.
Sétima.- O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Fene, estará composto por cinco membros que serán: editores/as, libreiros/as, escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega.
Oitava.- O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.
Novena.- O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio.
Décima.- A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredicto. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
Décimo primeira.- A entrega do premio terá lugar nos meses de novembro/decembro de 2012, nun acto público que se convocará oportunamente.
Décimo segunda.- O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as súas bases.
Décimo terceira.- Nos aspectos non recollidos nestas bases decidirá a entidade organizadora.

Fene, a trece de abril de dous mil doce.

30 anos de Premio Blanco Amor

Reportaxe en Praza:
“Fene organiza este ano este certame de novela nacido en 1981, nos albores das corporacións democráticas, como un proxecto cultural “mancomundado” e itinerante. Os concellos galegos colaboran dende aquela de forma unitaria para sacar adiante un galardón que serve para “tomarlle o pulso literario” ao país e que gañaron autores como Suso de Toro, Víctor Freixanes, Séchu Sende, Xavier Alcalá ou Ursula Heinze.
“O interesante do Blanco Amor é que é un galardón civil e unha boa maneira de tomarlle o pulso literario á sociedade galega”. Así define a crítica literaria e profesora da USC Dolores Vilavedra a relevancia do Premio de Novela Blanco Amor que neste 2012, organizado polo Concello de Fene, celebra a súa trixésima edición. Dende 1981, escritores como Daniel Cortezón, Víctor Freixanes, Ursula Heinze, Suso de Toro, Francisco Castro, Xosé Carlos Caneiro ou Alfredo Conde fixéronse cun galardón singular, itinerante e mancomunado. Un premio cuxa nómina de gañadores, segundo a filóloga e escritora Inma López Silva, ofrece a posibilidade de analizar a narrativa galega do tramo final do século XX e comezos do XXI. “Permíteche estudar os últimos anos da nosa literatura”, sinala López Silva, quen se converteu na segunda gañadora feminina (a primeira foi Ursula Heinze) do certame en 2007. (…)”

Ferrín sobre Paz Andrade: “Alí onde se busque Galicia no século XX, alí aparece, tarde ou cedo”

Declaracións en Galicia Hoxe:
“”Alí onde se busque Galicia no século XX, alí aparece, tarde ou cedo”. Para o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, Valentín Paz Andrade, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, foi un home “moi intelixente, un gran patriota dotado dunha forza de vontade moi poderosa” e “unha das grandes figuras políticas” da historia da Comunidade Autónoma. O plenario da RAG, reunido o sábado 4 de xuño de 2011, escolleu por maioría dedicar as Letras deste ano para recordar a figura deste polifacético autor e pensador, unha decisión que, segundo destacou o seu presidente nunha entrevista a Europa Press, sobraban os motivos. “Unha das grandes figuras políticas, do pensamento económico, ensaísta e como poeta é unha figura central que atravesa o século XX gloriosamente. Alí onde se busque Galicia no século XX alí aparece, tarde ou cedo”, incidiu. Por iso, e aínda que algúns autores recoñecen que se trata dunha persoa que non goza da mesma difusión que outros autores e homenaxeados anteriores, Ferrín argumentou que Andrade destaca con “carácteres propios” e é “incomparable con Rosalía de Castro ou Lois Pereiro”. “É absolutamente ineludible, non ten nada que ver. Cando se pensa en como foi a evolución de Galicia no século XX, resultou fundamental. Para a renovación das pesqueiras, ideou a flota de conxeladores de Galicia coa cal se revolucionou a sociedade galega enteira”, sinala Ferrín. (…)”

Irlanda: presenza e actividades de Manuel Rivas

Manuel Rivas falou da literatura na televisión irlandesa con ocasión da súa participación no festival Cúirt de Galway a finais de abril. No festival Jonathan Dunne conversou con el e con Kirmen Uribe sobre a literatura e a identidade, para despois presentar a edición inglesa d’A desaparición da neve en tradución de Lorna Shaughnessy, edición que saíu con Shearsman Books o mes pasado. En maio de 2013 sairá a tradución, a cargo de Jonathan Dunne, de Todo é silencio co seu editor habitual Harvill Secker. Até o 24 de maio pode ser consultado na rede este vídeo.

A Coruña: mesa redonda con Xosé Manuel Sánchez Rei e Pepe Temprano

O luns 7 de maio, ás 20:30 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha mesa redonda baixo o título Cultura e historia no antigo concello de Oza, a cargo de Xosé Manuel Sánchez Rei e Pepe Temprano.