Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2021 en Vigo, que tivo lugar o 24 de febreiro, organizado pola AELG xunto á A. C. O Castro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Arquivo da categoría: Actividades AELG
Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2021 en Compostela
Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2021 en Compostela, que tivo lugar o 27 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO e a colaboración da A. C. Solfa e a Asociación do Traxe Galego. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Acto central do Día de Rosalía de Castro 2021, o sábado 27 de febreiro
O acto central do Día de Rosalía de Castro 2021 terá lugar o sábado 27 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela.
No desenvolvemento das actividades aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.
Por este motivo, no acto unicamente estarán presentes as persoas participantes, representantes de diversas entidades e institucións e medios de comunicación.
Esta actividade conta co apoio de CEDRO.
Este é o programa previsto:
– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
– Lectura do Manifesto da AELG, pola súa autora, Anna R. Figueiredo.
– Lectura de poemas rosalianos:
Andrea Barreira Freije
Antía Yáñez Rodríguez
Arancha Nogueira
Jesús M. Calvo Rozas (Asociación Traxe Galego)
María Carme Guitián (Asociación Traxe Galego)
Miguel López Fariña (A. C. Solfa)
Pilar Reino (A. C. Solfa)
Xerardo Rodríguez Roca (A. C. Solfa)
Xosé Dios Diz (A. C. Solfa)
– Ofrenda floral
Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro en Lugo 2021
Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2021 en Lugo, que tivo lugar o 24 de febreiro, organizado pola AELG xunto á Área de Cultura da Deputación de Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
“Rosalía. Dez anos dunha reivindicación”, artigo de Cesáreo Sánchez
Artigo de Cesáreo Sánchez en Nós Diario:
“En xullo de 2010, no cemiterio de Adina, iniciamos a conmemoración daquel 25 de maio de 1891 no que tivo lugar a translación do corpo mortal de Rosalía de Castro a San Domingos de Bonaval. Comezamos de novo a desandar a desolada realidade que para a nosa poeta reflectían as palabras doridas de Rodríguez Seoane: “O seu enterro cremos que non teña sido máis que a soidade que para moitos precede a tumba. Que doloroso é patria miña, o camiño que aínda despois de mortos teñen que percorrer teus fillos ilustres”.
Ás portas de Bonaval, onde entrabamos libremente, en representación da AELG e de todos os colectivos que apoiaron o acto de reivindicación de Rosalía, dicía “vimos hoxe e viremos unha e outra vez a San Domingos porque non nos resignamos, porque non renunciamos a Rosalía, porque non renunciamos á patria galega”. En cumprimento do mandato que asumimos, o 24 de febreiro de 2011 convocamos as xentes do noso país para reivindicar a nosa poeta nacional e erguer a reivindicación dun Panteón, laico e público, de xestión e de propiedade pública.
Hoxe, após 10 anos, o aceso ao Panteón segue a ser tutelado pola Igrexa: “concedemos a autorización solicitada, recordándolles que o edificio de San Domingos de Bonaval non é un espazo multiusos, e os actos que se celebren alí han de respectar a natureza relixiosa do templo”.
Desde aquel día de celebración seguimos a honrala, a reivindicala, pois sofre hoxe, na práctica, un silencioso ocultamento: Bonaval segue a ser unha calada prisión que a cobre cun manto de silenciosa sombra e que pode propiciar a indiferenza, a calada anulación.
Os apoios ao Día de Rosalía foron levedando por toda a Galiza. Foi determinante o activismo do profesorado por todos os centros escolares do país e os concellos, xa 60, que recoñeceron en pleno o Día de Rosalía, así como tres das catro Deputacións Provinciais, que o incorporaron ás súas programacións. Coa inestimábel axuda da base asociativa da AELG, foi imprescindíbel o apoio do tecido cultural das agrupacións culturais das distintas cidades e vilas galegas así como das bibliotecas públicas, museos e asociacións de veciños. Este ano foi solicitada a súa declaración ao Parlamento Galego.
As propostas que se fixeron ao longo dos anos, desde o consello directivo da AELG, foron as máis diversas. Ademais dun fermoso e clarificador manifesto que as e os escritores galegos elaboraron e que foi lido por todo o país, fixéronse propostas para o ensino e para os concellos. Á par, xurdiron outras en centros escolares e culturais, nos concellos ou na sempre activa Fundación Rosalía. Fixéronse lecturas da obra de Rosalía, concursos de poemas sobre ela e a súa obra, gravacións en todos os soportes audiovisuais ou de telefonía móbil de poemas lidos ou dramatizados. Realizáronse palestras sobre a súa obra e a súa persoa, sobre feminismos. Puxéronse pancartas con texto de Rosalía nos balcóns de institucións, graffitis cos seus poemas nos muros das nosa vilas, pintáronse murais coa súa figura e outras moitas iniciativas.
Celebramos neste 2021 a autora cuxa palabra fundadora ten a vixencia de seguir a ser capaz de soportar o peso todo das aspiracións nacionais e sociais da Galiza, alén de saber ler as íntimas mensaxes que levamos na alma colectiva de galegas e galegos. Que sexa coñecida, significará que somos un pobo que se coñece a si mesmo e sabe das causas da súa prostración.
Ao ler as pensadoras feministas da África ou do Brasil ou da India, creo que a obra de Rosalía sostén hoxe a análise destas pensadoras do Sur global, defensoras dun feminismo cultural e economicamente anticolonial e de clase, que pide ter en conta as desigualdades entre as mulleres, a dupla invisibilidade das mulleres racializadas, a precarización dos seus dereitos, a xenofobia contra das migrantes. Esa segue a ser Rosalía hoxe, no s. XXI.
Ímoslle ler poemas e levar flores como llas levamos aos seres queridos porque, non o esquezamos, ela é a muller que acolleu á escritora xenial, a muller que amou e foi amada, a muller coa calidade de alma de aquela a quen obrigaban as dores alleas, das que fixo as propias dores.
Tamén a que trae o poema que é canción sanadora en tempo de desasosego, a que nos dá arrimo cos seus doces cantares, aos que nos convoca o manifesto da escritora Anna R. Figueiredo.”
Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro na Coruña 2021
Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2021 na Coruña, que tivo lugar o 24 de febreiro, organizado pola AELG xunto á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
O autor fala da súa obra: entrevista longa a Xosé Manuel González Reboredo
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021
Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto… miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.
E ti dis que aquele. Que calme. Disque teño que buscar o xeito de atoparlle fondo e fin a esta noite que me asombra sen día, que en todo está i que é todo. E dis, sacha no campo, malla na eira, lava no río, vai apañar toxiños secos antr’o pinar. Queda na casa, pecha os postigos, foxe da xente, descansa ren, pensa naquelas, nas devanceiras que por ti porfiaron perante a inxusta lei.
Que hoxe son elas quen piden vida, e levas no bico a súa voz. O seu acto. O seu sangue. A súa forza. O seu sentir. O país enteiro cabe nun ferrado de terra de Ortoño, Padrón, Compostela, Bastavales, Muxía, Moaña, Londres, Berlín … todas esas voces nosas que se espallan na diáspora do país e do mundo, que desexan volver a este mar, a esta Galicia á que ti lle cantabas ás beiras de cada río que mirabas como o Sar.
Non habías ficar silente. Non te habían calar. Na túa liberdade hoxe serían os teus poemas os que definisen a nova normalidade, se tal cousa pode ser. Aínda hoxe saberías dar forma a como sentimos e encarnala no poema. Aínda hoxe andarías a escribir artigos nos xornais ou na procura da crítica social a un sistema abusivo. A nós, que permanecemos nesta terra, só nos queda ser e alzar a voz de Rosalía de Castro. Reivindicarte, traerte, engarzarte na gorxa e que se impregne dos teus ritmos avanzados e visionarios para reconstruír o futuro dun pobo.
Neste momento de incerteza, pode ser a ciencia a que nos faga pensar que todo cambio parte dun punto de partida da ruptura do equilibrio. Sexa entón unha oportunidade. Sexa o día do teu aniversario a primeira canción, a esperanza, a resiliencia toda. Sexa o día do teu aniversario o día no que Dios santo premita qu’aquestes cantares d’alivio vos sirvan nos vosos pesares.
Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire coma cen saetas. Non precisamos máis, só mirar. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar.
Ás miñas costas as palabras que me falaron de ti, Rosalía. Da túa multiplicidade poética, dos teus cantos de independencia e liberdade, do país debuxado na túa mente que respira ventos de liberdade, da fiestra aberta que redefine a historia na que contan as mulleres, que é contada polas mulleres, do manifesto do poema en vixencia do século XIX ao XXI do errar polo mundo das galegas e galegos todos. Manifestos de quen falou antes de min e falou ben, manifestos aos que me uno na pregaria, miña santiña, de que hoxe e sempre atopes acubillo no noso cantar.
Miña santasa, meniña gaiteira, cantadora do mar, necesidade do rexurdimento unha vez máis desta nación túa na procura constante da xustiza. Heiche de dar os pendentes por que me deixes bailar.
Te-lo teo, rapaciña.
Teño, santa, non o nego.
Teño o teo de seguir ergueita, cara adiante, na túa lembranza e no teu camiño. Na forza da túa modernidade, na forza da defensa das que nos precisan. Na construción da identidade. No cantar que nos libera, consolo dos mares, alivio das penas. No baile. Na voz.
No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía.
Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Anna R. Figueiredo
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#rdc_2021 #TeusDocesCantares
O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.
Dispoñíbeis as Actas da XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral
Xa está dispoñíbel o número 28 da revista Escrita Contemporánea, que recolle as Actas da XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. O humor na literatura de tradición oral, que tiveron lugar en outubro de 2020, na cidade de Lugo.
Pode descargarse desde aquí.
Os Premios do Libro Galego inician a súa sexta edición e pasan a denominarse Follas Novas
A sexta edición dos premios que recoñecen todas as actividades arredor do mundo do libro en Galicia está en marcha estreando un nome ligado ao nacemento mesmo do libro en Galicia. A partir desta edición, os premios que se coñecían como Gala do Libro pasan a denominarse Premios Follas Novas do Libro Galego, en homenaxe á grande obra de Rosalía de Castro publicada en 1880.
As tres asociacións convocantes, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) iniciaron o proceso de selección das obras finalistas. Na celebración dos premios colaboran o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.
Esta sexta edición dos Premios do Libro Galego estará marcada, como estivo a anterior, pola situación pandémica que vive o mundo, de maneira que todos o procesos de elección dos premios serán virtuais, incluíndo a gala dos Premios Follas Novas que, só en caso de melloría manifesta da situación en Galicia, podería celebrarse de maneira presencial.
Os premios Follas Novas dos Libro Galego queren poñer en valor todas as actividades relacionas co mundo libro en Galicia, desde a creación literaria ata a edición e as distintas iniciativas arredor do libro. Esta sexta edición terá como protagonistas a autores e autoras, títulos e iniciativas desenvolvidas durante o ano 2020, un ano especialmente difícil para todo o sector que se viu especialmente afectado pola situación pandémica desde o pasado mes de marzo.
Nesta sexta edición, os premios manterán o mesmo número de categorías e o sistema de elección, cunha primera fase preliminar na que cada asociación escolle aos seus candidatos nas distintas categorías e, a partir de aí, un xurado designado polas asociacións convocantes escollerá tres títulos para ser finalistas en cada categoría e, finalmente, a elección dos premiados en cada unha delas. En total, son quince as categorías que se escollen neste galardón. Ademais destas categorías, na gala de maio tamén se fará entrega dos tres premios honoríficos: o de Escritor/a Galego/a Universal, o premio á Edición e o premio á Libraría.
Categorías dos Premios Follas Novas do Libro Galego
1ª.- Premio á obra de ensaio e investigación.
2ª.- Premio á obra de divulgación.
3ª.- Premio á obra de narrativa
4ª.- Premio á obra infantil.
5ª.– Premio á obra xuvenil.
6ª.- Premio ao libro ilustrado.
7ª.- Premio ao libro de banda deseñada.
8ª.- Premio á iniciativa bibliográfica.
9ª.- Premio á obra traducida.
10ª.- Premio ao libro de poesía.
11ª.- Premio ao libro de teatro.
12ª.- Premio ao libro mellor editado.
13ª.- Premio á iniciativa cultural ou fomento da lectura.
14ª.- Premio ao proxecto literario na rede.
15ª.- Premio á traxectoria en xornalismo cultural.

























