O 8 de setembro, cabodano de Manuel María, coa entrega da Navalla de Manuel María a Xurxo Souto e a Suso Fernández, da Libraría Bahía de Foz. Para apuntarse a xantar, contactar ao teléfono 646413890. Organiza Xermolos.
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
A Coruña: XIV Lúas de Outono 2023, Manuel María, o 19 de setembro
Fene: inauguración da exposición do 40 aniversario da revista Can sen Dono
A Irmandade Avelino Pousa Antelo recoñece Mero e Carme Varela no XI aniversario da súa morte
Desde Nós Diario:
“O auditorio Constante Liste, na Ramallosa, Teo, na comarca de Santiago, acolleu este domingo, 20 de agosto, os actos conmemorativos do XI aniversario do falecemento de Avelino Pousa Antelo.
A xornada de lembranza comezou cun “anexo”, unha homenaxe ao escritor e profesor galego Xoán Xosé Fernández Abella, só tres días despois do seu pasamento, o pasado 17 de agosto.
O escritor David Otero foi o encargado de dar a benvida ao público e de cederlle a palabra a Alfonso Blanco Torrado, quen falou en nome da Irmandade Avelino Pousa, a Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá.
Foi ao finalizar cando colleron a remuda as dúas persoas agasalladas: o músico e escritor Baldomero Iglesias ‘Mero’, a quen se lle entregaron o símbolo do Partido Galeguista do que Pousa Antelo foi militante.
Após este momento de ‘Dignidade galeguista’, a escritora, historiadora e autora teatral Carme Varela recolleu o ‘Caxato Avelino Pousa’, unha distinción que desde 2013 recibiron figuras e institucións moi próximas ao intelectual galego: Alfonso Blanco, o Concello de Teo, a parroquia de Santa María de Arzúa, Fina Casalderrey, a familia de Valentín Arias, Antón Costa Rico, a Fundación Penzol, Marica e Tereixa Campo máis Arlindo López Arias.
“Carme Varela foi unha gran colaboradora de Avelino Pousa como secretaria técnica da Fundación Castelao, fundada en 1984, grande apoio de cara a edición da obra completa de Castelao e tamén durante o ano do seu centenario en 1986”, explica a Nós Diario David Otero, para destacar que este recoñecemento non premia un currículo senón persoas da estima de Pousa Antelo.
“Durante 40 anos acompañando a Avelino fun facendo un listado de xente do seu aprecio, persoas coas que mantiña unha relación afectuosa e coas que compartía ideas”.
Tras as intervencións de Mero, Carme Varela e a familia de Pousa Antelo, o público visitou o paseo que leva o seu nome na Urbanización dos Verxeis/Oza, onde tivo lugar unha ofrenda floral que deu paso á interpretación do himno nacional galego polo gaiteiro Nubeiro.
A xornada concluíu cun xantar de irmandade que serviu tamén para celebrar o legado de Avelino Pousa, de quen Otero destaca o papel central da “Galiza como referente e o pobo como espazo de traballo para a conservación das ideas galeguistas”.
“Quedas na casa, mira que non se apague o lume”, rememorou Carme Varela no seu discurso de agradecemento. Un dito común en moitos lares da Galiza cuxa escolla gabou David Otero.
“É o resumo perfecto do que viñemos facer hoxe aquí no XI aniversario da morte de Avelino: axudando a que o lume de Avelino, o lume da Galiza, da idea galeguista non se apague”.”
Betanzos: presentación de Os trobadores da terra de Betanzos
O 15 de agosto, ás 12:00 horas, na Libraría Biblos de Betanzos (Rúa Santiago, 4), preséntase o libro Os trobadores da terra de Betanzos, con textos de Leticia Eirín, Manuel Ferreiro e Teresa López, editado por Biblos. Participan no acto Manuel Ferreiro e Concha Delgado Corrral. O acto serve tamén para conmemorar o décimo aniversario da Libraría, polo que ás 13:00 horas haberá un petisco coas persoas que queiran achegarse.
A Coruña: actividades do 5 de agosto na Feira do Libro 2023
Padrón: Abride a fiestra 2023
“Festival-xornada de portas abertas na Casa de Rosalía con feira de produtos rosalianos, un espazo de xogos tradicionais, e un pianista residente ao Piano de Rosalía: Suso Alonso (desde as 19h. Martiño Rivo). Con entrada libre.
11:00 Visita guiada pola Horta de Rosalía da man de Miguel Lois
11:30 Xosé Luís Axeitos e Henrique Rabuñal conversan sobre “O Centenario de Murguía”
12:00 Actuación de ANTÓN REIXA: “Concerto desconcerto”
12:00 Visita guiada pola Casa da man de Rita Bugallo [público familiar]
12:30 Presentación do libro Airiños. 90 anos de teatro do pobo
13:00 Actuación de ALDAOLADO (poesía, música, humor)
13.30 Conversa entre Belén López e Moncha Fuentes, sobre o seu libro O tradutor de sombras
14.00 Cata de viños con Paco & Lola, da man do enólogo Cayetano Otero
Xantar na Horta de Rosalía
17.00 Obradoiro de xogos sonoros con Cé Orquestra Pantasma [público infantil]
17.30 Visita guiada pola Casa da man de Manuel Lorenzo Baleirón
18.00 Actuación musical de Cé Orquestra Pantasma [público infantil]
18.00 Conversa entre Belén López e Olga Novo, Premio Nacional de Poesía por Feliz Idade
18.30 Visita guiada pola Casa da man de Carme Pérez-Sanjulián
19.00 Acto institucional do 138 aniversario do pasamento de Rosalía. Entrega da Rosa de Galicia á familia de Octavio San Martín. Con actuación do Cuarteto de Clarinetes da Banda de Padrón.
20.00 Actuación de XURXO SOUTO: “Cantos das Mulleres do Mar: A Cantiga da Conserva”
21.00 Concerto de XISCO FEIJOO
23.15 Observación da estrela Rosalía de Castro canda a Agrupación Astronómica Ío [recoméndase traer prismáticos]”