Pontevedra: presentación do libro-obxecto Cántico dos topónimos esdrúxulos, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., no Auditorio da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, nun acto organizado polo Ateneo desta cidade, preséntase o libro-obxecto Cántico dos topónimos esdrúxulos, de Xosé María Álvarez Cáccamo. Acompañarán ao poeta o editor, Miguel Anxo Fernán-Vello, o arqueólogo Xosé Lois Vilar e o grupo musical Xardín desordenado, composto por Santiago Ferragud (voz, guitarra), Marlene Rodrigues (voz) e Isaac Garabatos (guitarra). Máis información en Galicia Hoxe.

Vigo: conferencia de Emilio Sdun sobre Experiencias dun editor de arte

O mércores 2 de febreiro, a partir das 19:00 h., no Verbum Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e con entrada gratuíta ata completar aforo, terá lugar a conferencia de Emilio Sdun sobre Experiencias dun editor de arte, onde contará a súa experiencia como editor de arte desde 1984, coñecendo máis en profundidade o proceso de creación de libros singulares e edicións de luxo.

Santiago: exposición Os ollos das palabras, de libros de artista de Baldo Ramos

“O Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela (Xoán XXIII) acolle até o 31 de xaneiro a exposición Os ollos das palabras, onde se recollen os libros de artista de Baldo Ramos. Poeta e artista plástico, a súa obra esculca fundamentalmente nos espazos que comparten a poesía e a pintura. Como artista, utiliza o soporte papel para expor o diálogo entre a imaxe e a palabra, creando obras de arte nas que o texto se converte nun elemento pictórico máis, sen importar o seu contido, só a súa función visual no conxunto da obra. Ten editado varios libros de artista, como Raíz do voo , As follas da memoria , Ut pictura poesis, Signos de cinza ou Branco sobre negro“. Vía Galicia Hoxe.

A Coruña: IV Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e arte

O venres Foto Milpedras17 de decembro, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, desenvólvese a cuarta edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e arte. Actuarán recitando poemas Antía Otero, Chelo Suárez, Eduardo Estévez e María Lado, en paralelo á música de Manu Clavijo e a creación pictórica de Manoel Bonabal.

Santiago: Poesía Suspensa, mostra poética e pictórica

Do venres 3 de decembro ao domingo 30 de xaneiro, na Zona C (San Domingos de Bonaval, s/n.) de Santiago de Compostela, pódese visitar a mostra poética e pictórica Poesía Suspensa, comisariada por Luciano Rodríguez e Emilio Liñares. O proxecto aspira a seducir cara o pensamento que emana das 52 pezas poéticas doutros tantos autores, así como dos cadros e ilustracións levadas a cabo polos pintores Xurxo Gómez-Chao, Isabel Pintado e Fidel Vidal, que acompañan os textos e embelecen os espazos dispostos para tal fin. A voz de autores como Lêdo Ivo, José Emilio Pacheco, Billy Collins, Yves Bonnefoy, Úrsula Heinze, Xohana Torres ou Gioconda Belli, entre outros moitos conforman esta escolma. Cada poema, exposto no seu idioma orixinal, vén acompañado da súa tradución ao galego, agás no caso daqueles redactados orixinariamente en castelán ou portugués. A proposta, co apoio de Política Lingüística, do Departamento Territorial de Cultura da Xunta na Coruña, do Concello de Santiago e o Xacobeo, emerxe do homónimo libro, publicado por Luciano Rodríguez coa participación de Miguel Anxo Fernán Vello e a colaboración do Pen Clube Galicia, en Espiral Maior. A inauguración terá lugar venres 3 de decembro a partir das 20:00 horas.

Vigo: II edición de A hostia en verso, recital con poesía, música e pintura

O venres 19 de novembro, a partir das 21:30 h., na Galería Jazz (Ronda de don Bosco, 21) de Vigo, celebrarase a segunda edición de A hostia en verso, un combate lírico que enfrentará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, David Rodríguez, Lara do Ar, Miguel Valverde e Xabi Xardón, ou o que é o mesmo: poetas montañeses VS. poetas pescos! O acto estará presentado polas tamén poetas Lucía Aldao e María Lado e contará coa intervención musical de Mr. Carácter. Para máis, a pintora María Longa fará unha intervención en directo.

A Coruña: III Encontros Milpedras: recital de poesía, música e arte en directo

O venres 41800_153994754644830_7418823_n19 de novembro, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, desenvólvese a terceira edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e arte. Actuarán recitando poemas Alfredo Ferreiro, Tati Mancebo e Iria Pedreira, en paralelo á música de Rubén Barros e a creación artística de Inma Doval.



A Coruña: II Encontros Milpedras, recital de poesía, música e pintura en directo

O venres2010-06-24 Milpedras 1 29 de outubro, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras da Coruña, desenvólvese a segunda edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e artes plásticas. Actuarán recitando poemas Begoña Paz, Dores Tembrás, Luís Mazás e Iolanda Aldrei, en paralelo á música de César Morán e a creación plástica de Nando Lestón.

Vigo: Certame de Arte Postal SaudArte 2010

A Universidade de Vigo, por medio da Unidade de Cultura Científica e o Grupo de Investigación de Medicina Preventiva e Saúde Pública MP1, coa financiación da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), e en colaboración coa Asociación Galega de Educación para a Saúde, co colectivo Medicina e Arte, con Boek 861 e con Psicotrex, convocan un certame de Arte Postal coa saúde e a arte como fío condutor, SaudArte 2010, no que se busca que os participantes amosen a visión que teñen sobre a saúde dun xeito creativo, co único condicionante de que as obras poidan ser enviadas utilizando os medios postais e electrónicos habituais. Trátase dunha actividade creativa e positiva, que combina arte, ciencia e sociedade, e busca establecer un espazo aberto no que as persoas xoguen un papel fundamental. As bases da convocatoria e un cuestionario sobre hábitos saudables están dispoñibles na web de Saudarte 2010. O prazo finaliza o 31 de outubro de 2010.