En defensa da cultura e lingua catalás. En defensa dos dereitos cívicos

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, tras este 23 de abril e unha Diada de Sant Jordi que non gozou do ambiente festivo que caracterizou sempre esta celebración, quere expresar a súa preocupación pola situación en que se atopa neste momento a lingua catalá e a súa literatura.

Definímonos, como literatura galega, polo uso da lingua propia do país, o galego, e irmandámonos con todas aquelas linguas e literaturas que aínda non dispoñen de todos os estándares de normalidade. De por parte, vén de vello a celebración de encontros galeuscanos, isto é, a colaboración permanente entre escritoras/es das literaturas galega, catalá e basca, que desexamos non se vexa interferida por decisións políticas que prexudican a súa existencia, como onte prexudicou a celebración dunha data tan senlleira.

A día de hoxe, seguen en prisión preventiva persoas que unen á súa condición de representantes públicos cataláns a súa actividade como escritores e escritoras. Asemade, noutros casos, xornalistas ou escritores procesados polos seus escritos. Por iso desde a AELG, como xa fixeron outros intelectuais e escritores a nivel internacional, expresamos a nosa preocupación por esta situación, e a nosa solidariedade con todos os que se ven privados dos seus dereitos cívicos e, no traballo literario, coas persoas que ven imposibilitada a súa actividade escrita e publicística dun xeito normal. Unímonos así ao clamor que desde o ámbito intelectual e literario xa deu lugar a manifestos como o asinado por Daniel Pennac e Erri De Luca entre outros, en Le Monde hai un mes.

A AELG agarda que triunfen a palabra e o diálogo ‒alimento da literatura‒ e remate o antes posíbel a xudicialización da vida política catalá, pois esta situación está a interferir na creación en lingua catalá e condicionando a liberdade de expresión, que é alicerce imprescindíbel para construír unha sociedade democrática e un dos bens máis valiosos cos que pode contar un pobo. A literatura é o reino da liberdade de ideas e de sentimentos, que deben ser libremente expostos e libremente circulantes, en ben de cada sociedade particular e da humanidade en xeral.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
24 de abril de 2018

A Coruña: entrega do premio e accésit do I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz

O 23 de abril, ás 12:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, entregarase o premio e accésit do I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz, convocado pola UDC e a AELG. Estades todxs convidadxs, aproveitaremos para ler fragmentos da obra de Agustín Fernández Paz e prometemos que será un acto no que a palabra, os libros e a emoción que nos transmiten serán os protagonistas.

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Xosé Iglesias

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria, que tivo lugar o sábado 14 de abril. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018, Xosé Iglesias (sábado 14 de abril)

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Volven os Paseos pola Coruña Literaria para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

  • Sábado 14 de abril (a partir das 12:00 h): paseo con Xosé Iglesias. Inscricións: desde o 2 de abril a partir das 9.00 horas.

Neste paseo partirase dun lugar próximo ao mar que é para o autor habitual no desenvolvemento do seu traballo. Fuximos da cidade e achegámonos até o frente das Illas de San Pedro, con paradas intermedias onde intercalar a lectura de poemas que son o día a día da vida dun mariñeiro da Galiza.

Cebreiro foi un espléndido debuxante que empezou á sombra de Castelao, pero non tardou en crear un estilo persoal como humorista gráfico e caricaturista. Un profesional interesado na arte europea do seu tempo que fixo interesantísimas achegas á ilustración galega. Percorreremos a cidade para pasear polos lugares relacionados con el e chegaremos á Praza do Humor, espazo propio para falar do papel que xogaron os humoristas nos movementos sociais progresistas.

Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.

Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

É necesaria a inscrición, que pode facerse dos seguintes xeitos, nas datas indicadas para cada paseo:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora
– No teléfono 981 189 888.
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

Fallo do I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz

Lugo: crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2018

Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2018 en Lugo, que tivo lugar o sábado 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (as fotos son de Alba Díaz).

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Yolanda Castaño

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria, que tivo lugar o sábado 24 de marzo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseo pola Coruña Literaria Primavera 2018, Yolanda Castaño (sábado 24 de marzo)

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Volven os Paseos pola Coruña Literaria para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

Porque as xeracións non só se len, tamén se viven, porque as poetas son animaliños que poden saír tanto nos libros de texto coma nos bares da noite, alguén que se sente acompañada polo luxo canalla de toda unha cuadrilla tan humana coma divina fainos un percorrido polas súas autoras contemporáneas, e antes que nada compañeiras.

 

  • Sábado 14 de abril (a partir das 12:00 h): paseo con Xosé Iglesias. Inscricións: desde o 2 de abril a partir das 9.00 horas.

Neste paseo partirase dun lugar próximo ao mar que é para o autor habitual no desenvolvemento do seu traballo. Fuximos da cidade e achegámonos até o frente das Illas de San Pedro, con paradas intermedias onde intercalar a lectura de poemas que son o día a día da vida dun mariñeiro da Galiza.

Cebreiro foi un espléndido debuxante que empezou á sombra de Castelao, pero non tardou en crear un estilo persoal como humorista gráfico e caricaturista. Un profesional interesado na arte europea do seu tempo que fixo interesantísimas achegas á ilustración galega. Percorreremos a cidade para pasear polos lugares relacionados con el e chegaremos á Praza do Humor, espazo propio para falar do papel que xogaron os humoristas nos movementos sociais progresistas.

Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.

Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

É necesaria a inscrición, que pode facerse dos seguintes xeitos, nas datas indicadas para cada paseo:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora
– No teléfono 981 189 888.
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

VIII Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia

O VIII Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia conta coa colaboración da AELG.

  • Até o 17 de maio de 2018 pódese participar a través da súa web.
  • As obras pódense presentar en castelán, catalán, galego e eúscaro, en dúas categorías, mozas/os e adultos. Os premios inclúen un accésit Feynman.
  • Inspiraciencia viaxará a Sevilla para entregar os seus premios, nun acto que se celebrará no Museo Casa da Ciencia-CSIC a finais de xuño.
  • A AELG colabora habilitando prazas para as persoas gañadoras nos Obradoiros da súa Escola de Escritoras e Escritores e propoñendo unha persoa para o xurado.

Ábrese a oitava edición do concurso de relatos de inspiración científica que organiza o Consello Superior de Investigacións Científicas co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. O prazo de presentación de relatos finaliza o 17 de maio.

Facer da ciencia, ficción. Inspiraciencia é unha invitación a pensar e imaxinar a ciencia desde a creación literaria. O seu obxectivo é fomentar o achegamento ao pensamento científico a través da  escritura. As persoas participantes poden presentar relatos curtos, de como máximo 800 palabras, en castelán, catalán, galego ou eúscaro, nunha das dúas categorías: mozo/a (de 12 a 17 anos) ou adulto (a partir de 18 anos). Como novidade desta edición, entregarase un premio accésit Feynman aos relatos de calquera categoría e lingua que traten a obra ou a figura de Richard Feynman; como parte dos actos conmemorativos do seu nacemento que organiza a Associació Catalana de Comunicació Científica.

Actividades paralelas

  • En Barcelona, o concurso acompáñase dunha exposición e obradoiro a cargo do colectivo de artistas 4-Elements, que exploran as relacións entre libros, ciencia e arte, e ambos se organizarán no marco de Sant Jordi. A intención é propiciar o encontro distendido con persoas de distintas disciplinas que queiran explorar outras formas de pensar, exercitar habilidades diferentes ás que están habituadas e traballar nunha actividade de creación individual e colectiva. A exposición Post-libros, NeoLibros, No Libros: un viaje de reinterpretación poderá visitarse do 20 ao 29 de abril na Sala de exposicións da Residencia de Investigadores (CSIC-Generalitat de Catalunya) de Barcelona. O obradoiro Esculpiendo el libro: ciencia, poética, técnica terá lugar o 20 e o 27 de abril, de 16 a 19, na mesma sede (c/ Egipcíaques, 1-3. Barcelona).
  • O Museo Casa de la Ciencia-CSIC de Sevilla acollerá nesta edición o acto de entrega de premios que dará a coñecer as obras gañadoras de 2018. Está previsto que se celebre a finais de xuño, cunha posta en escena inspirada nos relatos.

Inspiraciencia está impulsado pola Delegación do CSIC en Cataluña coa colaboración de numerosas persoas e entidades. Conta co apoio da Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica do CSIC, das delegacións do CSIC en Andalucía, Aragón, Galicia, Illas Baleares, Madrid e Valencia, e institutos de Cataluña, Euskadi, Estremadura, Galicia, Madrid e Illas Canarias.

O proxecto conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e a colaboración especial de numerosas entidades culturais e científicas: Escola d’Escriptura de l’Ateneu Barcelonès, Escuela de Escritores, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Editorial Galaxia, Euskal Etxea. Centre Cultural Barcelona, Elhuyar Fundazioa, Idazten. Idazle Eskola, Mètode. Revista de Difusió de la Investigació de la Universitat de València, Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, Investigación y Ciencia, Associació Catalana de Comunicació Científica, Biblioteques de Barcelona, Residència d’Investigadors (CSIC-Generalitat de Catalunya) e Museo Casa de la Ciencia-CSIC de Sevilla.

Bases (tamén se poden descargar aquí).
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar un achegamento ao pensamento científico, de forma libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.

1. Pode participar calquera persoa que presente un relato orixinal, en calquera das linguas do concurso (catalán, castelán, éuscaro e galego), que estea inspirado nunha temática científica.

2. Os orixinais deben estar escritos en catalán, castelán, éuscaro ou galego. Deben ser inéditos e non ser premiados en ningunha outra convocatoria, certame ou premio literario, nin ser publicados nun medio ou blog persoal.

Modalidade e categorías

3. O concurso ten unha única modalidade competitiva:

  • Relato curto dunha extensión máxima de 800 palabras

4. Os participantes poden participar nunha das seguintes categorías:

  • Adulto (a partir de 18 anos), enténdese que os participantes son maiores de idade na data de peche do prazo de presentación de relatos.
  • Mozo (de 12 a 17 anos), é dicir, os participantes son menores de 18 anos na data de peche do prazo de presentación de relatos..

5. Cada participante pode presentar un máximo de catro relatos, sempre que estean escritos en linguas distintas. Os relatos dun mesmo participante deben ser orixinais e non se pode presentar o mesmo relato en linguas distintas.

6. Os relatos de calquera categoría e lingua que traten a obra ou a figura de Richard Feynman optan ao premio accésit Feynman.

Presentación dos relatos

7. Os orixinais deben presentarse a través do sitio web: inspiraciencia.es. Previamente, os participantes deben rexistrarse. A data de nacemento establece a categoría (Mozo ou Adulto) na que se participa.

8. Os participantes poden acceder á súa conta cun nome de usuario e un contrasinal. O pseudónimo é o nome co que asinarán os relatos.

9. Cada participante pode enviar un relato en calquera das linguas do concurso. Os gañadores dunha edición, para unha categoría e lingua, non poderán presentarse para a mesma categoría e lingua nas dúas seguintes edicións.

10. Os participantes que queiran optar ao premio accésit Feynman deberán indicalo no formulario de envío de relatos.

11. O prazo de presentación de relatos pecharase o 17 de maio de 2018.

Premios

12. O acto de entrega de premios terá lugar durante o mes de xuño de 2018, data que se anunciará con antelación.

13. O concurso prevé un premio institucional para cada categoría e lingua, e un premio do público por categoría. Este ano, ademais, o premio institucional outorgará o premio accésit ao mellor relato Feynman de cada categoría.

14. Os premios serán dispositivos electrónicos, libros de divulgación, cursos de escritura e a subscrición a revistas de divulgación.

15. A organización do concurso resérvase o dereito de declarar deserta a convocatoria se considera que os orixinais presentados non alcanzan a calidade mínima necesaria.

Xurado e criterios de valoración

16. Para os premios institucionais designarase un xurado para valorar as contribucións e propoñer as obras gañadoras. Estará formado por persoas do ámbito da ciencia, a literatura, a arte, a divulgación, e anunciarase previamente.
A comisión organizadora traballa para que os relatos se publiquen na web. Encárgase tamén de facer a preselección de relatos que pasará ao xurado, mediante un sistema de dobre moderación.
17. Para valorar os relatos terase en conta a adecuación á temática, a calidade literaria, a orixinalidade na formulación, a estrutura e a coherencia da narración, así como o estilo, a creatividade e a imaxinación.

18. O premio do público decídese a través dunha votación en liña aberta a todas as persoas. O público premia o relato máis votado de cada categoría, con independencia da lingua na que se escribiu.19. A votación faise sobre a mesma selección de relatos que pase ao xurado. Para votar haberá que rexistrarse. Cada persoa pode dar un voto por relato, sen restrición do número de relatos a votar, a través do formulario habilitado.

Participación

20. A participación neste concurso presupón a aceptación das bases.

21. Os relatos gañadores poderán ser publicados en medios físicos e dixitais, sempre mencionando a autoría.

Barcelona, 12 de marzo de 2018″