Anaír Rodríguez: “A onda ultraconservadora actual está tentando neutralizar o movemento a prol da igualdade de xéneros”

Entrevista a Anaír Rodríguez en Sermos Galiza:
“Anaír Rodríguez (Vigo, 1978) vén de publicar o segundo volume de Pioneiras (Xerais), un libro ilustrado no que recolle once biografías de mulleres galegas que abriron camiño nos seus respectivos eidos e que pretende fornecer de ferramentas ás novas xeracións para “reverter a falla de referentes femininos” que existe na sociedade, nomeadamente no ensino.
No limiar do primeiro volume de Pioneiras (Xerais), a súa autora, Anaír Rodríguez (Vigo, 1978), alude a un estudo publicado recentemente pola revista “Science” no que se afirma que “as nenas se cren menos brillantes ca os nenos a partir dos seis anos”. A conclusión, dramática e desoladora, pon de manifesto que a desigualdade de xénero é un problema estrutural ao que, dun ou doutro xeito, contribúe a sociedade no seu conxunto. Por iso, esta filóloga decidiu escribir un primeiro libro ilustrado sobre unha ducia de mulleres galegas que foron pioneiras nos seus respectivos ámbitos. Hai apenas unhas semanas saíu do prelo a segunda parte, integrada polas biografías doutras once mulleres pioneiras, descoñecidas para o gran público.
– Sermos Galiza (SG): Como xurdiu a idea de escribir Pioneiras?
– Anaír Rodríguez (AR): Desde sempre tiña curiosidade por coñecer todas estas biografías de mulleres que non chegaran ata nós. Coñecía os traballos de Aurora Marco, por exemplo, que recuperou moitísimas biografías de mulleres galegas, ou o Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, e pensei que toda esa información que chegaba a lectores específicos pagaba a pena ser divulgada e, sobre todo, facer que chegase as nenas e os nenos, que son dalgunha maneira os que están no momento de configurar a súa visión do mundo e eu creo que é fundamental que todo o legado das mulleres tamén se transmita á xente nova. Partiu dun interese particular e xurdiu a posibilidade de facer os libros e así foi. (…)”

Inma López Silva: “O feminismo é un movemento atractivo porque demostra que o debate non ten por que ser excluínte”

Entrevista de Daniel Salgado a Inma López Silva en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que ten de singular o machismo no campo cultural?
– Inma López Silva (ILS): É singular na medida en que se trata dun espazo do que a priori non adoitamos agardar machismo. Porque é un ámbito que consideramos politicamente correcto, en que todos somos sensíbeis e progresistas. Presuponse unha tendencia á comprensión da igualdade. Pero non é así e ten lóxica que non sexa así. Porque o patriarcado é unha estrutura que abrangue todo, e o mundo da cultura é mundo. Iso conta o libro: aínda que non esteamos dispostas a crer a priori que moitos dos comportamentos son machistas, ou que tentemos xustificalos desde outros puntos de vista, son comportamentos machistas exactamente igual en calquera outro ámbito de relación humana.
– SG: Cuestiona, dalgún xeito, ese illamento respecto do social en que a miúdo se entende que vive a cultura.
– ILS: Claro. Aínda non hai moito que estaba nun acto cultural e un alcalde dicíame: “Uf, non sabes o machismo que hai fóra. Na cultura non hai machismo”. Non, mira, na cultura hai exactamente o mesmo machismo que noutros sitios. Para desmontar un pouco esa idea, tirei de anecdotario. Os exemplos falan por si sós. Quen os pode contar? Pois unha escritora en primeira persoa. Levo toda a vida nisto e podo dar fe. E iso que non son desafortunada: tiven un certo éxito e non vivín unha situación de agresividade extrema, casos de acoso e cousas que, evidentemente, tamén hai. (…)
– SG: Chámame señora… amosa confianza na capacidade da literatura e da escritura para modificar a realidade. Esta opinión non é a máis usual.
– ILS: Sempre crin niso, se non, non escribiría. Creo firmemente na capacidade transformadora da literatura. Na posibilidade de construír mundos alternativos. As escritoras temos unha responsabilidade: amosar a través dos mundos alternativos que creamos que hai outra realidade posíbel. Que podemos pensar desde outro punto de vista. Á parte de liberador e catártico, é didáctico. Somos nós as que podemos rachar cos estereotipos e co prestabelecido. Agora está moi de moda pola serie, pero se Margaret Atwood non escribise O conto da criada -por certo, é un texto dos anos 80, que escribiu desde un punto de vista moi diferente do de agora, contra a Administración Reagan e o puritanismo-, se ela non o escribise, probabelmente moita xente non se daría de conta do extremo onde levan determinadas actitudes. E iso só se pode facer imaxinando esa posibilidade. As escritoras podemos facelo e eu considero que debemos facelo. (…)”

Gondomar: presentación de Vivir a galope, de María Xosé Queizán

O 1 de febreiro, ás 20:00 horas, Libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), terá lugar a presentación do libro Vivir a galope de María Xosé Queizán, publicado por Xerais. No acto participan, xunto á autora, Camiño Noia e Fran Alonso.