Pontevedra: actividade literaria do venres 26 no Culturgal

O venres 26, sábado 27 e domingo 28, de 11:00 a 21:00 h., e con acceso libre para o público, celébrase en Pontevedra a III edición do Culturgal, que se desenvolverá no Pazo de Congresos, que se presenta como un escaparate do que produce a industria cultural galega. A programación completa do Culturgal pódese descargar neste enlace. As actividades literarias pódense consultar neste arquivo: Programa editorial no Culturgal 2010.

As actividades do venres 26 en relación coa literatura son as seguintes:
– 16:45 h. O Faiado. Para o público en xeral. Ferramentas de edición. Catro plataformas, catro procesos, catro maneiras de entender a edición como ferramenta e como dispositivo de intervención: Estaleiro Editora, Editorial Trifolium, Proxecto Corsárias e Proxecto Derriba.
– 17:00 h. O Cuarto dos Nenos. Mamá Cabra presenta Ola, ola, la!, un libro CD cun vídeo karaoke e un bo feixe de temas inéditos, publicado en Galaxia.
– 17:00 h. Salón do Libro. Presentación de O capital da cultura. Unha achega as industrias culturais de Galicia, de Víctor Freixanes e Alberto Meixide.
Faladoiros no Salón do Libro. O xornalista Iago Martínez entrevistará aos seguintes autores:
– 18:00 h. Diego Ameixeiras, autor de Asasinato no Consello Nacional.
– 18:30 h. Iolanda Zúñiga, autora de Periferia e Vidas post-it
– 19:00 h. Antón Lopo, autor de Obediencia, gañadora do Premio García Barros 2010.
– 19:00 h. O Cuarto dos nenos. Presentación de Bicos de sol, de Asun Estévez.
– 19:30 h. O Salón do Libro. Presentación da colección Antoloxías Poéticas de Edicións do Cumio, con De sombras e poemas que son casas, de Xosé María Álvarez Cáccamo.
– 20:00 h. O Faiado. Presentación de Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
– 20:30 h. O Salón do Libro. Presentación de Na Cerna da Selva, de Pere Tobaruela.

Santiago: presentación de O gume dos espellos, de Ramón Caride

O venres 19 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o novo libro de Ramón Caride O gume dos espellos, publicado en Toxosoutos. No acto participan, acompañando ao autor, Miguel Anxo Martínez Oubiña, David González Couso e Xoán Fuentes Castro, autor da novela O cuadrilátero, sobre a que se manterá tamén unha lectura-coloquio.

O Temple, Cambre: Vermú literario en torno a Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O sábado 13 de novembro, a partir das 13:30 h., na Librería A Libreira (Rúa Luís Seoane 2, O Temple, Cambre) terá lugar Vermú Literario arredor do do libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado en Xerais. Durante o acto haberá un encontro co autor para celebrar a saída da segunda edición do libro. Máis información aquí.

Porto: participación galega en A edição de literatura juvenil

Dentro dos XVI Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil que se celebran no Auditório da Biblioteca Municipal Almeida Garrett de Porto, haberá a seguinte participación galega:

Venres 12 de novembro:
– 10:00 h. Sesión de apertura, con Francisco López Rodríguez e Blanca-Ana Roig Rechou.
– 11:00 h. Poesia Juvenil: Carlos Negro con Maquinaria e Fran Alonso, con Poetizate.
– 14:30 h. Mesa redonda sobre A edição de literatura juvenil, coa intervención de Francisco Castro.
– 17:00 h. Animação da leitura para jovens em bibliotecas: Biblioteca Municipal da Coruña, Mercedes Cerdeira (directora da Biblioteca Infantil de Durán Loriga) e Remedios Vázquez.

Sábado 13 de novembro:
– 11:00 h. Coloquio sobre Narrativa juvenil em português e galego, con Ana Saldanha e o propio Francisco Castro, en conversa coa crítica literaria Montserrat Pena Presas.

– 14:30 h. Mesa redonda sobre Ficção Científica Galega e Portuguesa, con Isabel Mociño, Mar Fernández e Carme Ferreira (Universidade de Santiago).
– Mesa redonda sobre Tratamento da mulher na narrativa juvenil de Agustín Fernández Paz. Eulalia Agrelo, Marta Neira Rodríguez e Esther de León Viloria (Universidade de Santiago).

Santiago: charla-coloquio arredor de O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro

O mércores 13 de outubro, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolverase unha charla-coloquio arredor de O segredo de Marco Polo, publicado por Galaxia. No acto participan Arantxa Serantes, da Facultade de Filosofía, e o propio autor, Francisco Castro.

Ferrol: ciclo de As miñas lecturas favoritas e Clube de Lectura en Galego

A Biblioteca Municipal de Ferrol, sita na céntrica Praza de España, pon en marcha hoxe un novo ciclo de animación á lectura titulado: As miñas lecturas favoritas, destinado a lectores adultos. A actividade, que se desenvolverá ao longo de seis luns entre os meses de setembro e decembro, enmárcase dentro da programación posta en marcha pola Concellería de Cultura e do programa Letras Vivas, promovido pola Consellería de Cultura coa finalidade de promover os hábitos lectores, así como o libro e a lectura en galego. As sesións celebraranse ás 19.30 h., con entrada libre e gratuíta, e nelas preténdese tamén promover o diálogo naqueles lectores con inquedanzas culturais e ganas de ler. Para iso, contarase con prestixiosos nomes da literatura galega como Marilar Aleixandre (27 de setembro), Francisco Fernández Naval (4 de outubro), Santiago Jaureguizar (18 de outubro), Marina Mayoral (8 de novembro), Yolanda Castaño (22 de novembro) e Carmen Blanco (20 de decembro).
Por outra banda, desde o mércores 13 de outubro, e en mércores alternos entre as 19:00 e as 20:30 h., Henrique Dacosta coordinará o Clube de Lectura en Galego.

A Coruña: “Rostos do desejo em guerra: umha leitura política e bastarda de Jean Genet”, por Rubem Centeno

Dentro do “ciclo escrita(s)” Rubem Centeno intervirá o xoves 10 de xuño ás 20:00: “Rostos do desejo em guerra: umha leitura política e bastarda de Jean Genet”. Atravessar todos os rostos, todas as margens, desde a Rote Armee Fraktion aos chulos argelinos do Pigalle. É possível articular umha proposta política desde a escrita de Jean Genet? De onde parte para enfrentar-se ao mundo? Presso, traidor, marica, prostituto e activista pós-colonial, Genet pratica umha maneira original de viver sem ser assimilado, onde a estética do abjecto e a poética como política constituem o reverso estratégico dumha sociedade despreciável.

Galería Sargadelos (Real, 56)

A Coruña: Fina Casalderrey, An Alfaya e Rosa Aneiros no “Mestres de papel”

Ciclo de conferencias literarias “Maestros de papel”. Unha ponte de papel entre escritores e escritoras do panorama literario español e galego actual e os seus lectores. Achégate a coñecer en propia voz as reflexións destes mestres de papel e descobre as mensaxes ocultas dos seus libros, a esencia do acto literario e os segredos da arte de crear beleza con palabras.:

Xoves 10 de xuño, 20:00 h.: Fina Casalderrey, An Alfaya e Rosa Aneiros: “Literatura con voz femenina: ¿una escritura de rebelión no panorama do século XXI?”

Martes 22 de xuño, 20:00 h.: Luis Mateo Díez: “Os fíos condutores da ficción: o azar, a memoria e o esquecemento”

Entrada libre (aforo limitado); aparcadoiro gratuíto; Autobús urbano nº 11.