Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 5 de agosto

O 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Esperanza Mariño asina A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo, publicado por Xerais.
19:30 h. Ismael Ramos asina Lixeiro, publicado por Xerais.
19:30 h. María Rey e Amancio Liñares asinan a tradución de Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, de Pablo Neruda, publicada por Medulia.
20:30 h. Presentación e sinatura de Entre donas, publicado por Baía, con Marilar Aleixandre, Antía Yáñez e Rosalía Fernández Rial.
20:30 h. Suso Lista asina exemplares de Como a roda no muíño, publicado por Embora.

“A Maxina de Marcial Valladares gaña nova vida”

Desde Nós Diario:
“Novelista, poeta, lexicógrafo, xornalista… o legado intelectual e artístico que deixou Marcial Valladares foi fundamental para a conformación do galego como lingua culta, e a súa obra Maxina ou a filla espuria un verdadeiro punto de inflexión para a literatura galega moderna. (…)
Agora, co gallo do bicentenario do seu nacemento, a editorial Galaxia réndelle homenaxe e ofrece ao público lector unha edición especial desta emblemática narrativa. Unha peza que estaba “esquecida”, comenta para Nós Diario Xesús Domínguez Dono, encargado da edición e promotor da iniciativa. “Sempre se fala da primeira novela en galego, mais o texto non estaba accesíbel”, manifesta.
Cun coidado deseño, coa capa bañada por un azul intenso na que domina o título da obra, impreso en amarelo, Galaxia ofrece como atractivo engadido a reprodución facsimilar caligráfica do manuscrito orixinal realizado en 1870: “Púxenme en contacto coa Real Academia Galega, que nos facilitou a dixitalización do orixinal, e fun ver o manuscrito, unha preciosidade de pulcritude, de traballo manual da época”, explica o editor. Deste modo, optaron por levar adiante a reprodución facsímil, como obra de arte, acompañada dunha edición na que valoraron ofrecer un texto “moi adaptado” para facilitar a lectura, mais “marcando a diferenza entre as linguas, como era intención do autor”, engade.
Maxina ou a filla espuria lanzouse por entregas o día 28 de xullo de 1880, na publicación La Ilustración Gallega y Asturiana, unha revista editada en Madrid baixo dirección de Manuel Murguía na súa parte literaria. Considerada o primeiro exemplo de novela galega moderna, non foi publicada ao completo até 1890, aínda que o manuscrito que agora presenta a editorial Galaxia é de 1870. “O texto foi publicado primeiro en prensa, cunha serie de alteracións que non lle gustaron nada a Marcial Valladares, e até 1970, con motivo da homenaxe que recibiu no Día das Letras Galegas, cando Galaxia sacou a primeira edición en libro, non había ningunha edición desa novela”, explica Domínguez Dono.
“Unha obra pasa a categoría de clásica cando se reedita cada 15 anos”, asegura Xosé Antonio Fernández Salgado, especialista no intelectual estradense e autor do prólogo desta edición, en conversa con Nós Diario. Non obstante, é aínda un texto pouco coñecido, “habería que incluílo na listaxe dos libros obrigatorios de lectura”, comenta. Trátase dunha obra “entretida” e incluso “permitiría facilmente unha adaptación a serie”.
Maxina narra a historia de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que é violada nun baile de máscaras, a consecuencia do cal nacerá unha nena que chamarán Maxina. Cun enredo e temática propia da novela de folletín, para o filólogo Fernández Salgado en Maxina entrecrúzanse varios elementos comúns deste xénero con “características do propio Valladares como autor”, que enriquecen o texto, pois nela aparecen as pegadas “do Valladares lexicógrafo, do folclorista e do literato e amante do romanticismo”. (…)”

Compostela: presentación de A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo

O 15 de xullo, ás 18:00 horas, no Museo do Pobo Galego (Costa de San Domingos), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo, con edición de Esperanza Mariño Davila, publicado por Xerais. No acto participarán, xunto á editora da obra, Xusto Beramendi e Fran Alonso.

Presentáronse as Cantigas de Santa María co gallo do 800 aniversario de Afonso X

Desde Galaxia:
“O 30 de xuño celebrouse, ás 12:00 h., no Pazo de San Roque, unha rolda de prensa de presentación do libro Cantigas de Santa María, de Afonso X.
No acto estiveron, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, as medievalistas Pilar Lorenzo e Mercedes Brea, Armando Requeixo, director da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
As Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio volven ás librarías da man de Galaxia cando se cumpren 800 anos do nacemento do seu autor, e fano en versión facsímil dunha edición de 1980. Nela, o mestre Álvaro Cunqueiro, co gallo do recoñecemento da obra de Alfonso X polo día das Letras Galegas dese ano, realizara un prólogo e escolma de poemas, aos que acompañou, ao seu carón, da súa versión en galego moderno.
As cantigas, miragres da Virxe cuxas historias chegaron, como di Cunqueiro no seu prólogo, “dende Constantinopla a Flandes, dende Escocia a Lugo” son de especial importancia para a cultura galega polo feito de que Alfonso X escollese o noso idioma para deixalas para a posteridade. As vinte e tres pezas seleccionadas, de entre as máis de trescentas cincuenta do Libro de María, como o propio rei o chamaba, foron aquelas que Cunqueiro creu que poderían ser de maior interese para os galegos: así, atopamos á Santa María de Lugo, a un romeiro Santiago, ou á donosiñado rei, que “así a chaman os galegos”, segundo di a cantiga.
Esta nova edición do título, que ten o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, conta tamén con cubertas e ilustracións de Xohán Ledo, quen foi durante máis de trinta anos ilustrador de cabeceira da Editorial Galaxia e que colaborou varias veces noutras obras de Cunqueiro, como Si o vello Simbad volvese ás illas.”

Marga do Val: “Cousas significa un paso adiante na narrativa galega, nese proceso de renovación que iniciaron os autores de Nós”

Entrevista de Xoán Costa a Marga do Val en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Cousas nace moi ligada á prensa …
– Marga do Val (MV): As narracións breves e as súas correspondentes ilustracións, unha non vai sen a outra, que configuran o libro de Cousas, chegaron ao público a través da prensa, foron publicadas en xornais como A Nosa Terra, Galicia ou El Pueblo Gallego e en revistas como Nós e Céltiga. A prensa tiña e ten un labor fundamental en achegar arte, neste caso literatura e ilustración ao público en xeral, que a arte entre nas casas, nos lugares de reunión e que sexa materia de conversa. Contribúe a prensa a normalizar unha lingua e a visibilizar a literatura.
– ND: … e agora fai parte dun coleccionábel sobre libros galegos do único xornal en galego que existe na Galiza…
– MV: Considero unha feliz idea que Nós Diario, dalgunha maneira, recolla ese testemuño.
– ND: Que é, que son, as Cousas?
– MV: É un libro singular na literatura galega, excepcional. O seu propio autor compila eses textos que foi publicando na prensa, cos que crea un xénero literario propio dentro da narrativa, que se caracteriza pola simbiose entre a narracióm e a ilustración, pola brevidade e pola linguaxe clara, que foxe da artificialidade formal. O ilustrador e o escritor que conviven en Castelao, traballan xuntos: pinta con palabras o que a imaxe conta. Son breves relatos e todos, todos emocionantes.
– ND: Que supón Cousas no sistema literario galego?
– MV: Cousas significa un paso adiante na narrativa galega, nese proceso de renovación que iniciaron os autores de Nós. Cousas é un pano que nos mostra a sociedade galega de inicios do século XX, ese mundo de cambios sociais coa desaparición da fidalguía e onde as clases populares son fundamentalmente as protagonistas. Esa voz, pensamento, esa forma de entender o mundo e actuar das personaxes é a cerna da obra. Cousas mostra a dignidade do pobo galego, neste sentido, como en Cantares gallegos de Rosalía de Castro, é a voz dese pobo a cerna da obra.
– ND: Como convencería alguén para ler, ou reler, as Cousas?
– MV: Sen dúbida a beleza das historias, a emoción que se transmite en cada “Cousa”, desde o lirismo da nena á que chaman a Marquesiña, desde a memoria do pobo que vai gardando a Siña Sinforosa até os anceios e as arelas de ser nais de dona Micaela ou de dona Florinda. Sen dúbida a actualidade da mensaxe que podemos atopar na “cousa” que fala do pai de Migueliño, hai moitos Migueliños e moitos pais coma ese nestes tempos; tamén hai moitos Panchitos que chegan a este país e constrúen aquí a súa identidade, a de ser galegos… Cousas tan actuais que nos lembran que na paisaxe sempre hai algo máis. Cousas é un libro co que está ben crecer, como con Cantares Gallegos ou Follas novas, unha obra en que cada lectura é unha nova lectura, unha nova descuberta. Unha obra que, insisto, emociona. Escrita tamén para que as persoas aprendan a emocionarse.”

Olivia Rodríguez: “O porco de pé é a primeira novela urbana galega moderna”

Entrevista de Xoán Costa a Olivia Rodríguez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que é O porco de pé?
– Olivia Rodríguez (OR): É a primeira novela urbana galega moderna e a primeira en recoller as técnicas narrativas que se estaban a ensaiar en Europa e América desde a Fin de Século ata os anos 20. Forma parte do plan literario consensuado no seo do grupo Nós: unha narrativa histórica, obra de Otero Pedrayo; e unha narrativa testemuñal da contemporaneidade, obra de Risco e tamén -coa orixinal mestura artística das Cousas-, de Castelao. Tras o calote da anunciada mancomunidade galega e coa prohibición de toda actividade política, Risco animaba o primeiro día do ano 1928 a Antón Losada a non renunciaren os irmandiños a escribir: “Compre que teñamos pol-o menos unha aitividade literaria: non deixar por dicir nada do que se deba decir, e é moito”.
Risco elixe un enfoque humorístico na liña da caricatura grotesca. Este código de lectura da novela, na que non se mencionan en momento ningún os termos caciquismo nin ditadura-, obedece á necesidade, dada a censura gobernamental, de reflectir oblicuamente un espazo, un tempo e uns personaxes-tipo tomados da realidade galega.
– ND: É un texto vangardista?
– OR: Totalmente e conscientemente vangardista. Risco é o introdutor das correntes de vangarda a través de traducións de literatura estranxeira e mediante artigos-ensaio que el xa publicaba en La Centuria (onde apareceu o seu manifesto de cerna simbolista, “Preludio a toda estética futura”, 1917). Continuará, en A Nosa Terra desde 1918 e en Nós, desde 1920 -entre outras tribunas- , dando a coñecer o que se estaba a facer fóra para incorporalo á nova arte e á nova literatura galega, sen pasar pola alfándega madrileña. As fontes eran maiormente catalás, portuguesas, francesas, centroeuropeas… Mesmo por carta orientou Manoel Antonio, que hoxe representa o cumio dunha vangarda galega e universal.
– ND: Cal é a pervivencia deste texto na actualidade?
– OR: Polo contido da historia, está viva desafortunadamente, pois experimentamos como se encetaron, cos caracteres propios do noso mundo cen anos posterior, algunhas das eivas denunciadas na novela: unha separación cada vez maior entre as castes sociais, un comportamento das elites que as afasta a pasos axigantados do ben común, perda do prestixio da cultura, colonización, barbarie, etc. En fin, sen poñernos pesimistas, é aquí onde ten hoxe sentido positivo a mensaxe da novela, porque é unha chamada á capacidade de sumarmos individualidades conscientes para enfrontarmos colectivamente a todos estes retos.
Pola forma, a novela está viva como modelo de literatura satírica de denuncia e resistencia: unha literatura para rir por non chorarmos, que facilita o coñecemento da realidade, establecendo entre o mundo que representa e nós a distancia emocional necesaria. Risco soubo facelo e ata el mesmo se caricaturizou en O porco de pé creando a figura, un chisco o seu alter ego, do doutor Alveiros, teósofo lanzado á política nacionalista que sucumbe esmagado baixo o símbolo do superporco.”

Manuel Rei Romeu: “Sempre en Galiza é exemplar como culminación patriótica dunha traxectoria vital, fronte a calquer tipo de posíbel manipulación”

Entrevista de Xoán Costa a Manuel Rei Romeu en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que di que Sempre en Galiza é a obra imprescindíbel do nacionalismo galego?
– Manuel Rei Romeu (MRR): A vontade de Castelao cando empeza a escribila é recoller a experiencia daqueles anos iniciais do nacionalismo, sobre todo cando comezou a haber práctica política organizada nos tempos da II República, e fornecer a Galiza dun legado ideolóxico clarificador e concienciador. Tiña en mente completar a obra cunha segunda parte, que ficou inconclusa a raíz da súa morte en 1950, pensando sempre nuns “herdeiros políticos” nacionalistas e nese ideal de servizo ao pobo. Imprescindíbel é, en definitiva, porque así o recibiu e considerou o nacionalismo galego xurdido a mediados da década de sesenta do século pasado e así seguimos a consideralo.
– ND: Que relación hai entre a obra e a traxectoria vital de Castelao?
– MRR: A súa redacción está intimamente ligada a unha época determinada, é produto dunha etapa de activismo político nacionalista que se inicia coa fundación do Partido Galeguista. A maiores, acrisola o aval anterior do home artista comprometido que participa desde o inicio na fundación deste movemento a través das Irmandades da Fala. Ao mesmo tempo, o Sempre en Galiza é exemplar e inequívoco como vontade de ser, como resultado final ou culminación patriótica dunha traxectoria vital, fronte a calquer tipo de posíbel manipulación.
– ND: Cais son esas necesidades e quen son os destinatarios?
– MRR: Como vimos indicando, é complexa a redacción do Sempre en Galiza; obedece a circunstancias cambiantes e a estados de ánimo ou expectativas ben diferentes, tanto antes como despois da Guerra. Como pasa con calquer obra, se queremos entendela na súa xusta medida, temos que contextualizala como é debido. Ás veces hai que esculcar entre liñas para ver a quen van dirixidas as mensaxes e con que intención se dirixen. E podemos encontrar desde destinatarios “circunstanciais”, como son as chamadas forzas do internacionalismo proletario, galegos antifascistas, até destinatarios “máis transcendentais” como son os todos os galegos de boa vontade.
– ND: Cal sería a intención última do Sempre en Galiza?
– MRR: Aínda a costa de incorrer en simplificación excesiva, a intención última é recoñecérmonos como galegos e exercermos como tais, sendo conscientes de que Galiza é una nación con dereito a gobernarse conforme aos seus intereses e a decidir libremente o seu futuro (dereito de autodeterminación).”

Carme Fernández Pérez-Sanjulián: “Esta colaboración quere ser, sobre todo, un convite á lectura de Arredor de si

Entrevista de Xoán Costa a Carme Fernández Pérez-Sanjulián en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Arredor de si foi interpretada tradicionalmente como a crónica da formación e experiencia intelectual do grupo Nós. Aínda é así?
– Carme Fernández Pérez-Sanjulián (CFPS): Así é pois é ben sabido que unha parte dos seus contemporáneos se viron reflectidos nesta novela (lembremos apenas “Nós, os inadaptados” de Vicente Risco ou artigos desta época de Carvalho Calero, por exemplo, na revista Nós), ao se recoñeceren na demorada descrición do proceso de desvelamento daquela realidade cultural, social e política que, estando diante deles, lles era absolutamente descoñecida.
– ND: Que outras leituras pode ofrecer?
– CFPS: Para alén de certos elementos ideolóxicos e de referencias estritamente epocais, da man do protagonista da obra asistimos a un proceso de reflexión e análise que nos obriga a reflectir sobre que é o que define unha identidade nacional. Creo que isto é o que fai que esta obra conserve a súa vixencia e siga a provocar o interese do público lector.
– ND: No seu traballo vostede di que “á hora de lermos Arredor de si salta á vista o diálogo que esta obra establece coa produción dos autores da denominada xeración do 98″ Como é ese diálogo?
– CFPS: Hai unha parte do discurso da xeración do 98 que xira arredor da elaboración teórica da idea de España como nación e das claves desa identidade española que estes autores imaxinan, entre outros referentes, a partir da evocación de Castela e a súa paisaxe. Este discurso funciona para Otero Pedrayo como un referente de oposición pois unha parte importante da súa propia construción teórica ten moito de reacción, refutación e superación daqueloutro, tal como foi sinalado pola crítica que se ocupou da novela xa na época en que foi publicada (por exemplo, en 1934, por un novísimo Carvalho Calero nas páxinas de Nós).
– ND: Crear conciencia nacional a través da obra literaria, utilizando mesmo elementos reais como símbolos, parece ser un dos obxectivos de Otero. Que elementos deste tipo están presentes en Arredor de si e como os utiliza Otero?
– CFPS: Ao igual que acontece no resto da súa narrativa, en Arredor de si Otero Pedrayo adopta a ficción literaria como un medio para a formulación do seu pensamento político, isto é, como unha ferramenta que permite asentar unha ideoloxía e difundila entre un público máis amplo que o que asiste a actos políticos ou le textos deste tipo. Neste sentido, para alén da orixinalísima construción simbólica que Otero fai a partir do mapa de Fontán, ao longo da novela vemos como se desenvolven outros temas carregados de valor identitario como, por exemplo, a utilización da familia como metonimia da nación ou da relación home-muller (Adrián Solovio-Marquesa de Portocelos) como imaxe da dialéctica eu-outro / propio-alleo; a configuración de Santiago de Compostela como centro simbólico da Galiza etc.
– ND: Finalmente, quen era o público destinatario da obra de Otero?
– CFPS: Na altura de 1930, o público destinatario da obra de Otero Pedrayo era unha elite ilustrada, xa non tan limitada como a do século XIX que lía as producións de Rosalía, Curros ou Pondal, mais aínda reducida por moito que, xustamente, este fose un dos aspectos máis insistentemente traballados polo grupo galeguista.
– ND: Existe hoxe ese público?
– CFPS: Por máis que a situación actual non sexa, nin de lonxe, a ideal, o público lector da obra de Otero ampliouse moito. Supoño que podemos pensar que nesta situación inflúe o ensino, a difusión do libro en galego e, por suposto, toda a actividade de dinamización e normalización da lingua e da cultura galegas desenvolvida desde todos os ámbitos sociais. Con todo, é importante subliñar que, aínda que estamos a falar dun dos escritores valorados como centrais da nosa literatura, a obra de Ramón Otero Pedrayo non é suficientemente lida polo cal esta colaboración miña quere ser, sobre todo, un convite á lectura de Arredor de si.”