Artigo
de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“Onte e antonte, na controvertida Cidade da Cultura, desenvolvéronse as I Xornadas de Literatura e Ensino baixo o título xeral A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo. Organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), estas xornadas reuniron un escolleito grupo de didactas, estudosos, creadores e críticos literarios que, organizados en diversas mesas redondas, analizaron diferentes aspectos relacionados co presente e o posible futuro da nosa literatura nos centros educativos.
A conferencia inaugural da xuntanza correu a cargo do escritor Xosé Miranda quen, co seu oficio e saber característicos, disertou con construtiva retranca sobre Que vén sendo iso de ensinar literatura?, ofrecendo unhas moi útiles Instrucións de uso para docentes nos biosbardos.
A mesa redonda que seguiu estivo coordinada por Mercedes Queixas Zas e nela participaron o narrador Antón Riveiro Coello, o poeta Xavier Seoane e mais a estudosa Pilar Ponte Patiño quen, dende ancos complementarios, abordaron o complexo tema A literatura galega nas aulas do século XXI centrándose nas que cada un deles crían podían ser axeitadas Estratexias de sedución coas que atraer o alumnado e facer agromar nel o pracer da lectura.
Para rematar coas actividades deste primeiro día Queixas Zas levou a cabo unha suxestiva Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG na que deu noticia do grande número de recursos que a asociación ofrece ao profesorado na súa web, na que é posible atopar unidades didácticas, obradoiros literarios, roteiros e outros materiais de grande proveito para o traballo nos centros.
A xornada sabatina principiou cunha mesa centrada nos Tópicos, prexuízos e puntos de fuga que tiven o pracer de moderar e na que participaron a ensaísta e especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro Martínez, o profesor e narrador Manuel Lourenzo González (recentísimo gañador do Premio Blanco Amor) e mais o escritor e editor Fran Alonso. Todos tres achegaron unha moi ampla panorámica sobre do tema proposto e, amais de combater os numerosos lugares comúns cos que tantas veces se simplifican as cuestións referidas a este asunto, foron respondendo tamén múltiples interrogantes e expoñendo cales podían ser as actitudes coas que afrontar os retos que se abren para o seu futuro.
A mesa coa que se pechou a mañá tiña designado como coordinador o escritor Marcos Calveiro e como relatores convidados o profesor R. Nicolás, o narrador e teórico do feito literario infantoxuvenil Xabier P. Docampo e mais a escritora Marilar Aleixandre. Os catro articularon intervencións nas que se ocuparon dos Itinerarios lectores durante a adolescencia e, sobre todo, dos Criterios de selección dos mesmos, deténdose en espiñentos temas como, poño por caso, a importancia da educación en valores á hora da selección de títulos para o alumnado ou a (in)conveniencia de tratar certos tabús nas obras literarias que a este se destinan.
A quenda da tarde comezou cunha nova mesa redonda, desta volta a propósito do tema Os ‘irmáns pequenos’ no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Coordinados polo escritor Carlos Negro —quen fixo de cada un deles unha magnífica presentación en verso—, a dramaturga Teresa González Costa, o poeta Antonio García Teijeiro e mais o narrador e investigador Antonio Reigosa ocupáronse, respectivamente, do papel que o teatro, a poesía e a literatura de raiceira e tradición popular podían (e deberían) xogar nas aulas, equilibrando, así, a súa presenza coa escrita narrativa, xénero preferente para o traballo do profesorado.
Como despedida das xornadas, a mesa A escola e outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada, moderada por F. Castro, reuniu as profesoras Gracia Santorum e Ánxeles Abelleira e mais o artista gráfico e ilustrador Jacobo Fernández Serrano para reflexionar sobre as posibilidades que o mundo do cómic e outras fórmulas visotextuais ofrecen no proceso de aprendizaxe do noso alumnado.
O considerable número de asistentes (que se achegou ao centenar), así como a intensa participación nos debates que se suscitaron tras cada unha das mesas redondas entre o público e os relatores dan fe do interese certo que estas I Xornadas de Literatura e Ensino, meritoriamente organizadas pola AELG coa colaboración da AS-PG, espertaron entre a comunidade educativa, polo que haberá que facer votos para que nos vindeiros anos a iniciativa se consolide.
Arquivo da categoría: Encontros e Xornadas
Barcelona: recital poético coa presenza de Estíbaliz Espinosa
O
venres 18 de novembro, a partir das 19:50 horas, dentro do programa das Xornadas Poéticas organizadas pola Associació Col·legial d’Escriptors de Catalunya, que se desenolve na Aula Josep Maria de Sagarra, no cuarto andar do Ateneu Barcelonès, terá lugar un recital poético, presentado por Pura Salceda, de Estíbaliz Espinosa, Jaume Pons Alorda e Carles Miralles.
Porto: 17 Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil: O álbum na literatura para a infância, o 2 e 3 de decembro
O venres 2 e sábado 3 de decembro, na Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico do Porto, terán lugar os 17 Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil, baixo o título O álbum na literatura para a infância. O programa completo pódese descargar aquí: Programa 17 Encontros O álbum na Literatura para a Infância. A participación galega será a seguinte:
2 de dezembro, sexta-feira
– 11:15 h. Auditório. As reescritas no álbum infantil galego, por Carmen Ferreira Boo (Universidade de Santiago, LIJMI, ELOS, Galiza).
– 14:30 h. Auditório. A investigação em Literatura para a Infância e a Juventude, por Blanca-Ana Roig Rechou (Universidade de Santiago, LIJMI, ELOS, Galiza) e Sara Reis da Silva (Universidade do Minho, LIJMI, ELOS, Portugal).
– 15:30 h. Auditório. Apresentação da obra O Álbum na Literatura Infantil e Xuvenil (2000-2010), por Mar Fernández (Universidade de Santiago, LIJMI, ELOS, Galiza).
– 16:15 h. Sala 3 do Auditório. Os álbuns de Oli e Ramón Trigo, por Carmen Ferreira (Universidade de Santiago, LIJMI, ELOS, Galiza) e Geovana Gentili (Univ. de Santiago, LIJMI, ELOS, Brasil).
3 de dezembro, sábado
– 9:30 h. Auditório. A revista AILIJ, por Isabel Mociño González (Universidade de Vigo, LIJMI, ELOS, Galiza).
– 10:15 h. Auditório. A construção de álbuns ilustrados. Com Oli e Ramón Trigo (escritores e ilustradores, Galiza) e Marta Neira Rodríguez (Universidade de Vigo, LIJMI, ELOS, Galiza).
Comissão organizadora
Presidência: José António Gomes (ESE do Porto – NELA); Blanca-Ana Roig-Rechou (Univ. de Santiago-Liter21)
Secretariado
Ana Cristina Macedo (ESE do Porto – NELA); Ana Isabel Pinto (ESE do Porto – NELA); Ana Catarina Lajas e Elisama Oliveira (Mestrado em Ens. dos 1.º e 2.º ciclos do EB, ESE do Porto); Carme Ferreira (Liter21, Univ. de Santiago); Mar Fernández (Liter21, Univ. de Santiago), Marta Neira Rodríguez (Liter21, Univ. de Santiago)
Comissão científica
Portugal – Ana Margarida Ramos (Univ. de Aveiro); Madalena Teixeira da Silva (Univ. dos Açores); Maria Elisa Sousa (ESE do Porto); Sara Reis da Silva (Univ. do Minho)
Galiza – María Xesús Agra (Universidade de Santiago); Isabel Mociño González (Universidade de Vigo); Lourdes Lorenzo (Universidade de Vigo); Veljka Ruzicka Kenfel (Universidade de Vigo).
França – Eric Many (ESE do Porto); Anne-Laure Stamminger (Consulado da França).
Entidades organizadoras: LIJMI (Rede Temática de Investigação As Literaturas Infantis e Juvenis do Marco Ibérico e Iberoamericano) – Liter21 | ELOS – Associação Galego-Portuguesa de Investigação em Literatura Infantil e Juvenil (secção de ANILIJ) | Revista Malasartes – Cadernos de Literatura para a Infância e a Juventude.
Apoios : Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico do Porto | Porto Editora | Kalandraka
FICHA DE INSCRIÇÃO
Nome__________________________________________________________________________
Profissão_______________________________________________________________________
Local de trabalho_________________________________________________________________
Endereço_______________________________________________________________________
Telefone_________________ e-mail_________________
Prazo-limite para entrada da inscrição: 28 de novembro.
Valor da inscrição – público em geral: 20 Є (em dinheiro; pagamento no local, no dia 2); estudantes da ESE do Porto: 10 Є (em dinheiro; pagamento no ato de inscrição ou no local, no dia 2); outros estudantes do Ensino Superior: 15 Є (em dinheiro; pagamento no local, no dia 2).
Nas inscrições enviadas por e-mail ou pelo correio será respeitada a ordem de chegada.
Estudantes da ESE do Porto – são-lhes reservadas 50 inscrições, respeitando-se a ordem de chegada. Atingidas estas 50 inscrições, as restantes manter-se-ão provisórias e sujeitas a confirmação, a comunicar aos interessados no dia 29 de Novembro.
A inscrição nos encontros/ateliers far-se-á no secretariado, na manhã do dia 2.
Os participantes terão direito a um Certificado de Presença e a uma pasta com documentação.
Informações e inscrições: Ana Cristina Macedo, Ana Isabel Pinto, José António Gomes
UTC de Ciências da Linguagem e Literatura | Escola Superior de Educação | Instituto Politécnico do Porto
E-mail: nela@ese.ipp.pt
Imprimir ou fotocopiar esta ficha, preenchê-la e entregar ou remeter para:
17.os Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil
Escola Superior de Educação do Porto (a.c. Dr.ª Ana Isabel Pinto)
Rua Dr. Roberto Frias, 602 | 4200-465 PORTO
Os editores reclaman unha nova lei da propiedade intelectual
A
necesidade a crear un novo texto que regule a propiedade intelectual é a principal conclusión coa que fechou esta mañá o VIII Simposio do Libro e da Lectura con lema A propiedade intelectual na sociedade dixital. O encontro, organizado pola Asociación Galega de Editores co apoio do Consello da Cultura Galega repasou onte e mais hoxe o novo escenario neste campo. Para alén dun novo texto legal, os editores apuntan que cómpre unha implicación do conxunto da sociedade para transmitir “unha idea positiva, de progreso e modernidade, arredor dun concepto de propiedade intelectual capaz de abordar os novos ámbitos que abre a cultura dixital” e sinalan a necesidade dun pacto entre as diferentes industrias culturais.
Conclusións do Simposio A propiedade intelectual na sociedade dixital:
1. En primeiro lugar, valoramos moi positivamente o debate plural e diverso das voces que nos acompañaron durante estes dous días para falar dun tema clave para a industria editorial: a propiedade intelectual na sociedade dixital, facendo nosas as aportacións dos nosos convidados e convidadas.
2. O sector do libro galego é consciente de que nos adentramos aceleradamente nunha sociedade inequivocamente dixital, sociedade que supón cambios de paradigmas para a industria cultural, que transforma os hábitos de acceso ao coñecemento, á información, e crea novas formas de relación co libro e a lectura e, sobre todo, pon en valor novos xeitos de editar e comercializar, distribuír e comunicar o libro.
3. A edición galega debe facer un esforzo por asumir e entender as transformacións que a sociedade dixital propulsa, adaptándose ás súas demandas e respondendo con solvencia aos seus retos, entre os que un novo xeito de entender a propiedade intelectual constitúe unha tarefa primorcial.
4. Tal e como manifestamos no VI Simposio, dedicado ao libro dixital, desde a AGE vemos a necesidade de desenvolver fórmulas que garantan os lexítimos dereitos da propiedade intelectual, que son a base do funcionamento da industria do libro e da creación, e queremos facelo consensuadamente e sen lesionar os dereitos dos usuarios, favorecendo de xeito especial o dereito á nova educación líquida que responde a un novo tempo.
5. Os editores somos os primeiros interesados en atopar o xusto equilibrio entre a divulgación da cultura, que é o que dota de sentido ó noso traballo, e o dereito á retribución que garante a propiedade intelectual. Nese sentido, os editores galegos demandamos aos responsables políticos a urxente elaboración dunha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde cos usos e necesidades que dicta a sociedade dixital.
6. Na nova sociedade dixital, cada editor ten dereito a elixir o seu propio modelo de negocio con respecto á xestión da propiedade intelectual, e a coexistencia de modelos diferentes non é excluínte senón enriquecedora.
7. Todo o sector do libro debe traballar conxuntamente para transmitirlle á sociedade unha idea positiva, de progreso e modernidade, arredor dun concepto de propiedade intelectual capaz de abordar os novos ámbitos que abre a cultura dixital, e entendendo que non é posible solucionar os problemas que se plantexan sen un pacto que implique a todas as políticas culturais.
8. A AGE desexa mostrar publicamente o seu agradecemento a CEDRO e ao Consello da Cultura Galega, principais co-patrocinadores deste Simposio do Libro e a Lectura, así como a todos os convidados nesta VIII edición, aos que parabenizamos pola súa magnífica disposición. O próximo ano estaremos novamente nesta cita xa ineludible para os profesionais do sector do libro en Galicia.
Vía Cultura Galega.
Antón Reixa: “O audiovisual asumiu esa misión de normalizar a lingua galega”
“Existe
fame
por crear e ler medios de comunicación en galego”. Foi unha das conclusións que se tiraron das xornadas Os medios en galego, importan?, segundo a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Marta Pérez Pereiro, que procedeu a clausuralas tras un terceiro día dedicado integramente ós medios de comunicación e producións audiovisuais en Galicia, que contaron, entre outros, con directores de cinema galego, como Antón Reixa ou Antón Dobao, e guionistas como Carlos Ares ou Araceli Gonda. (…)
Co gallo do idioma, Antón Reixa sinalou que o audiovisual “asumiu esa misión de normalizar a lingua”, e “á conquista do público dun xeito máis arriscado que os medios impresos”. Para o cineasta e artista audiovisual, “facer un produto en galego non exime de estar sometido ás dinámicas do mercado”, polo que independentemente da lingua, “os creadores deben afrontar igual o desafío entre creación e industria, xerando produtos con calidade que respondan ás demandas do público”. (…)
Antón Dobao, director de, entre outras, a adaptación cinematográfica de Sinbad, a obra de Cunqueiro, que recentemente se estreou nas salas do país, comezou o seu relatorio afirmando que, nun primeiro momento, “os directores déronlle as cóstas a unha realidade lingüística” como a galega, coas excepcións de Chano Piñeiro e algúns outros, curtametraxes… Mais o cinema galego non conseguiu aínda desprenderse dese estigma de “subalternidade con respecto ao cinema español”, nin doutros trazos como “a hipercaracterización”, “a territorialidade”, que, ao seu ver, necesitan eliminarse. Expresou tamén o desexo de que “Galicia poida ter a capacidade de expresarse culturalmente na súa lingua propia, tamén no cinema”. (…)”
“O spam que vai de boca en boca”
Reportaxe
en Cultura Galega:
“Chineses que cociñan os seus avós. Raparigas que fan auto-stop en curvas perdidas. Roubos de órganos. Ratos confundidos con cans. Todos coñecemos un bo feixe do que se coñecen como lendas urbanas. A pasada fin de semana, as Xornadas de Literatura de Tradición Oral analizaban este fenómeno, sen dúbida un dos máis vizosos da oralidade contemporánea. O salón de actos da Deputación de Lugo acollía os pasados venres 28 e sábado 29 de outubro as IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral. O encontro, que organiza a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega centrouse nesta ocasión nun tema pouco coñecido da nosa oralidade como é o das lendas urbanas. Investigadores galegos e foráneos abordaron desde diferentes perspectivas a cuestión, con achegas desde Portugal e Euskadi.
Segundo explica Antonio Reigosa, coordinador do encontro, “é o tipo de literatura oral que semella ser máis coñecido na actualidade e que está máis actualizada. A peculiaridade que ten a respecto doutras lendas é esta actualización. Á historia refórmase na propia transmisión, incluíndo elementos urbanos e modernos recoñecibles para o ouvinte e que permite que estas historias se conten como se fosen verdades”. Malia a que estas lendas están amplamente difundidas no noso país, non se pode falar, a teor dos especialistas da existencia de historias deste tipo nidiamente galegas. “As lendas urbanas son practicamente as mesmas en todo o mundo, son universais. O que teñen son variantes locais relacionadas con personaxes ou situacións concretas. Precisamente un dos elementos que as fan cribles é que localicen nun contorno próximo, entón é habitual que haxa referencia a un contorno galego nas historias, ou que se empregue a nosa lingua, e nese sentido si se poden considerar galegas”. A achegar exemplos deste tipo, Reigosa apunta desde “as máis inocentes, como as que todos coñecemos de alguén que coincidiu o Rei nunha gasolineira ata, xa outras que xa están máis ideoloxizadas, como as de substacción de órganos por chineses, ou a do coche sen luces, o sorriso do pallaso, a moza da curva ou a rapaza morta que ten unha relación cun rapaz vivo… Hai moitísimas e probablemente todos empregamos case a diario algunha destas lendas sen sermos moi conscientes”. En moitos casos, as lendas urbanas concentran estereotipos e expresan medos sociais ante o estraño. Encontros con descoñecidos de consecuencias negativas, historias que deixan en mal lugar colectivos minoritarios ou inmigrantes… A tendencia é xeral neste tipo de historias. Segundo sinala Reigosa, “a literatura en xeral, e a oral en particular, carga cos prexuízos sociais da época na que se crea. Iso dáse aínda máis no caso das lendas urbanas, e supoño que isto tamén o fai tan actuais, xa que permiten descargar prexuízos, ideoloxía e frustracións que non seriamos capaces de transmitir doutro xeito”. Nese sentido, este investigador recoñece que “hai unha certa ideoloxía de rexeitamento claro e contundente, pero leva unha envoltura literaria que a fai máis dixerible”. (…)”
Santiago: VIII Encontro Galego de Ilustración, organizado pola AGPI
O
sábado 29 de outubro, na Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín (Rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, terá lugar o VIII Encontro Galego de Ilustración, organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. O programa é o seguinte:
PROGRAMA DE MAÑÁ. ENTRADA LIBRE PARA TODO O PÚBLICO:
– 10:00 h. Recepción.
– 10:15 h. Presentación oficial do Encontro.
– 10:30 h. Charla: A ilustración ante os novos tempos da profesión, por Gemma Cortabirte.
– 11:45 h. Charla: Entre dous, a obra conxunta. Con Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
– 13:00 h. Mesa redonda: Como convivir cos medios dixitais?. Con Manuel Bragado e Manuel Gago, moderados por Henrique Torreiro.
– 14:15 h. Fotomatón na Praza da Quintana.
PROGRAMA DE TARDE. ACTOS EXCLUSIVOS PARA SOCIAS/OS DA AGPI:
– 15:00 h. Xantar de confraternización dos socios da AGPI (con inscrición previa) no Restaurante O Dezaseis.
– 17:30 h. Asemblea Xeral de socios da AGPI (salón de actos da Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín).
Lugo: mañá comezan as IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral, baixo o título Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos
As
IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral celébranse baixo o título Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos, un curso convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Estas son as características do curso:
– Modalidade formativa: Curso.
– Datas de realización: 28 e 29 de outubro de 2011.
– Horario: venres 28, de 17:00 a 21:00 horas; sábado 29, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:00 horas.
– Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8, Lugo).
– Valoración en horas de formación: 10.
– Número de prazas: 100.
– Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
– Custo de matrícula: Gratuíta.
– Criterios de selección: Por rigorosa orde de inscrición na páxina da AS-PG, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG e da AELG. De cara á homologación seguiranse as indicacións da Orde de 1 de marzo de 2007.
Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir ás xornadas e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG.
O programa é o seguinte (pódese descargar aquí):
VENRES, 28 DE OUTUBRO
SÁBADO, 29 DE OUTUBRO
O noso país non é alleo á moda das lendas urbanas, un fenómeno popular universal cuxa difusión se multiplicou enormemente a través da televisión, radio, xornais e revistas, literatura, cine, cómic e, sobre todo a través de internet, o gran altofalante deste tipo de relatos. As lendas urbanas, a pesar de chamárense tamén modernas ou contemporáneas son, sen embargo, como todas as demais lendas, narracións breves que refiren sucedidos sorprendentes ou raros, xeralmente de carácter extraordinario ou sobrenatural e tamén foron transmitidas tradicionalmente por vía oral, aínda que agora se difundan case exclusivamente en soporte impreso, audiovisual ou virtual.
Os Obxectivos das Xornadas son:
– Identificar a lenda urbana como expresión actual da literatura de tradición oral.
– Identificación das estratexias das lendas para reubicarse xeograficamente e para actualizarse, para espirse do anacrónico nas sucesivas transmisións e reforzar así a súa credibilidade.
– Identificación das estratexias diexéticas de diversas lendas urbanas e a súa aplicación no ensino da historia da literatura así como o fomento da creatividade narrativa do alumnado.
– Comprensión do poder da narración oral ao longo dos tempos.
– Capacitar para a identificación do carácter transcultural da literatura oral e a súa potencialidade na educación en valores.
A Metodoloxía empregada é:
– Análise temática e dos núcleos narrativos das lendas urbanas e comparación cos habituais na literatura de tradición oral.
– Estudo de diversas lendas urbanas e dos seus precedentes históricos.
– Análise do papel dos novos medios de difusión da narración oral: a literatura de tradición oral e as novas tecnoloxías da información.
Os Diálogos Galiza-Brasil rematan solicitando novas estratexias de cooperación
“O
presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o representante da embaixada de Brasil en Madrid, Márcio Catunda, fechaban onte o encontro Conexões IV. Diálogos Galicia-Brasil que se desenvolveu estes días no Consello da Cultura en Compostela. Como conclusión do evento, salientaron a necesidade de procurar novas estratexias de cooperación mútua en materia cultural entre Galicia e Brasil. No encontro incidiuse nas posibilidades que abren os puntos comúns entre as dúas comunidades, especialmente a nivel lingüístico. Na súa intervención, Villares lembrou que para a institución que preside é unha aposta fundamental establecemento de conexións cos países de lingua portuguesa e nomeadamente co Brasil.” Vía Cultura Galega.
Vigo: Mesa redonda de poesía, no VI Ciclo Escritoras/es na Universidade
O
xoves 20 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, continúa o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, cunha Mesa redonda de poesía, coa participación de Marga do Val e Emma Pedreira, presentadas por Anxo Angueira.