A Coruña: presentación de A foresta e as árbores

O 20 de setembro, ás 20:30 horas, no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), (Rúa Durán Loriga, 10, baixo), preséntase A foresta e as árbores, volume coordinado por Margarita Ledo. Intervirán tamén J. L. Castro Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

Suso de Toro: “Insisto en defender a independencia do autor das dinámicas políticas porque pertenzo a unha xeración moi afectada pola política”

Entrevista de Montse Dopico a Suso de Toro en Praza:
“(…) – Praza (P): Dentro da literatura naceu como unha proposta (ou máis ben unha idea) do pedagogo Xosé Manuel Rodríguez-Abella. Como foi escribir este libro? Supoño que quedará tamén como homenaxe a un amigo que, desgraciadamente, perdiches…
– Suso de Toro (SdT): Hai amigos que son únicos e que se che faltan ficas orfo, este é o caso. Para min a amizade é moi importante, fun e son rico en amigos e amigas, así e todo Xosé foi unha amizade única, compartimos experiencias radicais desde moi novos e estarmos xuntos eran momentos de intimidade e confianza únicos. Alá está e o libro, que é un ensaio á miña maneira, tamén é un relato: comeza cunha encarga dunha persoa e remata con ese final.
– P: Nun dos capítulos deste libro falas da fama como unha maneira de poder. E dis que o autor que unicamente fíe no valor da súa obra, sen ningún poder detrás, probablemente non poderá abrirse camiño. Podes explicar isto mellor?
– SdT: Entendo que a fama vívese máis ben como un espellismo desa idea absurda que é a gloria literaria. E que sexa absurda non quita para que sexa actuante. A gloria nunca se pode vivir, é un froito da morte, e a fama, que é fuxidía e escorregadiza, é a ilusión da gloria. Desde un punto de vista vivencial, penso que a fama é unha forma abondo perigosa de alienación. E que ninguén se faga ilusións: a fama cambia as persoas, aínda que resistas á tentación do enfatuamento cambias porque na creación dese fenómeno no só intervén un suxeito senón que interveñen os demais e se os demais te perciben de determinado modo finalmente xa es distinto. E non hai moita volta atrás, a volver ser quen fuches.
Sobre fiar só no valor da obra, o valor da obra non abonda para que a túa obra sexa recoñecida, atendida e para que se institúa o seu valor. É evidente que o determinante é a posición de poder que teña o autor para que sexa atendida. Sexa poder político, mediático o como sexa. A posición na sociedade de quen escribe condiciona a existencia da obra. Se non tes poder, se non existes na esfera pública, é dicir mediática, a túa obra vai ficando en fóra de xogo.
– P: En relación co anterior, varios capítulos ocúpanse do canon como expresión das relacións de poder: os canonizados adoitan ser homes e dos países e culturas hexemónicos. Do caso da literatura galega pouco comentas: relativizas o papel da crítica porque, segundo dis, case non sae nos medios. Como se constrúe, entón, o canon no caso da literatura galega?
– SdT: Fasme pregunta comprometida e mala de contestar. Coido que o canon na literatura galega neste momento non existe realmente, houbo momentos nos que a cousa era máis simples porque era máis pobre. A valoración das obras era moi condicionada pola ideoloxía política, mesmo pola posición dos autores, autoras, en relación coas organizacións ou figuras do nacionalismo galego.
Houbo un momento no que, penso que debido á falta de capacidade do “tinglado” literario institucional para aceptar novas voces ou estéticas foi o poder mediático madrileño que influíu e permitiu que entrasen e se instituísen esas novas obras. Non sei valorar ben como actuou no asentamento da miña obra ese aspecto: os meus libros dos anos oitenta foron lidos e influíron, mais a miña vivencia foi de que a comezos dos noventa sentíame afogado. A edición en castelán de obras, como Land Rover, cunha recepción crítica e de público deume aire e ánimos. Francamente sentíame sen ánimos.
Hoxe é un momento moi móbil e vivo, non sigo a actualidade mais intúo que é un momento creativo moi interesante. Con todo, sen o papel da crítica non hai unha literatura, a crítica é activa e debe ser creativa sinalando e apostando polas obras en marcha interesantes. O crítico tamén debe correr riscos. (…)
– P: Varios capítulos teñen que ver tamén co debate sobre a autonomía da literatura. Dis que non es partidario de escribir para educar ou concienciar. Ocorre que o autor (coma o xornalista) é tamén parte dunha sociedade, dunha cultura… e forma parte das relacións de poder que se inscriben nelas. Entón ocorre que, ás veces, aínda sen querer, deseduca: educa no machismo, o clasismo, o racismo, a mentalidade colonial, etc. Así, unha cousa é que a literatura se poña ao “servizo de”, esquecendo que ten un fin en si mesma, que é ser literatura, e outra que o autor só poida ser fiel a si mesmo como se ollase a sociedade da que forma parte desde fóra. Dígoo porque ás veces este debate, que é sumamente complexo, se simplifica demasiado… Que pensas ti de todo isto?
– SdT: Insisto en defender a independencia do autor e a obra das dinámicas políticas precisamente porque pertenzo a unha xeración moi afectada pola política e as súas ideoloxías. A min propio custoume liberarme de moitos condicionamentos ideolóxicos para gañar liberdade creativa e na cultura en lingua galega eses condicionamentos estiveron e están aí. Agora observo o que penso que son interferencias de ideoloxías que se incorporaron e se instituíron entre nós con éxito nos últimos anos como é o feminismo.
O feminismo é a mellor noticia do século vinte e comezos do vinte e un. Adoro as valentes sufraxistas e primeiras feministas: non ocupan o lugar que merecen no noso imaxinario. E o feminismo libera corpos e mentes das mulleres e tamén dos homes. Coido que na miña obra o feminismo está presente ao revés, en oco. O feminismo permitiume atender á construción da masculinidade, recoñecerme como home construído.
Se unha ideoloxía, calquera sexa, libera a nosa mente é benvida; se somos débiles e deixamos que ocupe a nosa vida e nos transforme en instrumentos seus, entón deixa de ser liberadora e vólvese opresora, por culpa nosa. O artista ten un deber primeiro: ser libre. Desde aí, utilizando as ferramentas do coñecemento e a súa sensibilidade, pódenos dar unha obra libre e liberadora. Un como cidadán, cidadá, pode defender isto ou aquilo, como artista máis que defender debe procurar, buscar. Con intuición e sen certidume total. (…)”

5a Feira do Libro de Burela

Eliseo Fernández: “A situación de Conxo tiña que ver con cuestións que aínda hoxe vivimos”

Entrevista a Eliseo Fernández en Sermos Galiza:
Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do Manicomio de Conxo (Kazanegra editora-CNT) é o último libro publicado polo historiador Eliseo Fernández (Ferrol, 1967). Nel abórdase o conflito laboral dun centro que segue aberto na actualidade e que en 1933 acubillou unha protesta pouco estudada até o de agora.
– Sermos Galiza (SG): Vén de publicar Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do manicomio de Conxo en 1933, un conflito abordado tanxencialmente nalgunha publicación anterior, mais non coa profundidade deste. Que teñen de atractivos estes acontecementos para vostede?
– Eliseo Fernández (EF): A miña área de interese é a historia do movemento obreiro e do anarquismo na Galiza, e foi nese sentido no que me acheguei inicialmente á historia desta folga no manicomio; o que pasa é que despois a historia que coñecín gañou en complexidade, ao relacionarse coa xestión económica do manicomio e coa triste situación das persoas doentes. En certa medida, pareceume que a situación do manicomio tiña tamén algo que ver con situacións que aínda hoxe vivimos, en que existen empresas que xestionan servizos públicos de xeito deficiente e con pésimas condicións laborais.
– SG: Á marxe de cuestións estritamente laborais, a folga respondía tamén á necesidade de enfocar doutro xeito a atención aos internos?
– EF: O obxectivo inicial da folga era resolver o problema das malas condicións laborais das traballadoras e traballadores do centro, mais a protesta contra a xestión da Igrexa e a dirección do manicomio atinxiu tamén as pésimas condicións que padecían as persoas que alí estaban internadas. Quizais non houbese unha reivindicación consciente doutro tipo de atención psiquiátrica, mais si houbo unha denuncia das condicións de internamento. (…)”

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 22 de agosto

O 22 de agosto comeza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de Antonio Reigosa.
20:00 h. Antonio Reigosa asina na caseta de Secretaría.
20:30 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto, publicado por Xerais.

“As Letras non poden transcorrer nunha liorta empobrecedora entre carballistas e carvalhistas”

Entrevista en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Xa está na rúa o libro Hei de entrar no meu povo. Como se xestou o traballo?
– Resposta (R): Dous dos coordinadores do volume, con moitas outras persoas, colaboramos hai corenta anos con Medulio (organizador en decembro de 1981 da primeira homenaxe da sociedade galega a Carvalho), e logo con Artábria, co Concello de Ferrol (nomeadamente no 1990 e no 2010) e outras entidades na reivindicación da súa figura, un dos grandes vultos, sen dúbida, da vida intelectual e cultural da Galiza do século XX, malia que algúns e algunhas pretendesen, e aínda pretendan, negalo. Nós os catro e media ducia máis que asinamos este libro envorcamos moito máis esforzo de 2013 en diante, con ciclos de divulgación da obra e figura de Ricardo Carvalho, mais certos protagonismos e o nulo éxito na RAG da demanda de Letras galegas para el (sempre apareceu algunha pexa absurda que lle opór) foron deixando xente polo camiño, de xeito que no 2017 ficamos só nós os catro, que de febreiro a maio do 2018 argallamos actividades para lembrar Carvalho. A tal obxecto decidimos editar un libro que recollese as actividades do 2018, especialmente o acto final (coordinado por Xosé Manuel Pazo e Vítor Santalha) e tres das ponencias desenvolvidas: o historiador Bernardo Máiz dá conta en “Carvalho Calero e a política (1926-1990)” de como, despois de 1936-1939 e do silencio obrigado para quen estaba en liberdade vixiada, Carvalho seguiu manifestándose politicamente até no último dos seus escritos e actitudes. En “Ricardo Carvalho Calero, o estudioso da literatura”, Henrique Dacosta afirma que “representou todo para as nossas letras: Nom houvo faceta que nom tivesse chegado a cultivar”; e o profesor Xosé María Dobarro Paz en “Lingüísta por mor dunha causa”, expón como Carvalho “desde mediados da década de 70 pasou a defender publicamente unha aproximación e reintegración da lingua galega na portuguesa”.
– SG: Hai varios colectivos, nomeadamente en Ferrol, a súa cidade natal, que levan moitos anos reivindicando un recoñecemento para Carvalho Calero. Como se sobrelevou o feito de que moitas das campañas organizadas para obter ese recoñecemento institucional -e tamén social- non acadasen os resultados propostos?
– R: Con Artábria tamén andaron en Ferrolterra nesta reivindicación Medulio, o Ateneo Ferrolán, o Toxos e Froles, a Sociedade Artística Ferrolana, a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e un longo etcétera; o Concello ferrolán tamén armou un congreso sobre Carvalho no 2010, e aí estivemos sempre nós. Porén, como sinalabamos antes, foi medrando o cansazo, a decepción e o desleixo. Con todo, seguiron pola súa conta algunhas entidades. Nós, con posturas lingüísticas e políticas próximas mais diferentes, mantivemos a unidade de acción. (…)
– SG: Que destacarían de Carvalho Calero? Que importancia ten para a lingua e a literatura galegas?
– R: A súa figura vai alén do debate normativo. Como escribimos no libro, don Ricardo foi un galeguista que, ao longo de case sete décadas, desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, investigador, académico, docente, político… Unha persoa de honestísima traxectoria vital e profesional, desenvolvida en circunstancias adversas, marcada sempre por un profundo e permanente amor á súa terra, ao seu idioma e á súa cultura. Asemade, da súa man moitas galegas, galegos e foráneos puideron por vez primeira achegarse ao coñecemento científico do idioma propio da Galiza e da súa literatura. (…)”

Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2019 para os 17 e 18 de agosto

O 18 de agosto finaliza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 17
18:00 h. Esther López Castro asina María na busca da liña do horizonte na caseta da Libraría Cortizas.
19:00 h. Presentación de Talasonimia da Mariña Lucense, de Francisco Rivas, publicado por Edicións Embora.
20:00 h. Presentación de Matar o heroe, de Adolfo Caamaño, publicado por Galaxia. Con María Loureiro.

Domingo 18
13:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta de Secretaría.
20:00 h. Presentación de Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única, de Xulio Pardo de Neyra, publicado por Embora.