Vigo: presentación de Antón Reixa. Ghicho distinto, de Xosé Cid Cabido e Manuel Xestoso

O xoves 4 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, terá lugar a presentación do libro Antón Reixa. Ghicho distinto de Xosé Cid Cabido e Manuel Xestoso, publicado en Xerais. Xunto aos autores, participan Xosé Manuel Pereiro, Antón Reixa e Manuel Bragado.

Santiago: presentación de Alguén así é o Deus en quen eu creo, de Andrés Torres Queiruga

O mércores 3 de outubro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, Andrés Torres Queiruga presenta o seu novo libro, Alguén así é o Deus en quen eu creo, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes, Xavier Martínez Cobas e Xan López Facal.

Mudar o xeito no que pensamos a cultura

“Un ambicioso proxecto que ao longo de catro anos achegou ao noso país pensadores de renome internacional. Debates a múltiplas bandas, autores traducidos por vez primeira ao galego e a tentativa de modificar o xeito no que se concibe a idea de cultura no noso país. O Consello da Cultura presentaba o pasado venres un volume de 700 páxinas que fecha a primeira etapa do ciclo O(s) sentido(s) da(s) cultura(s), pero o proxecto continúa. Unha intervención de Félix Duque, a falar sobre O neohumanismo da non cidade abría en febreiro de 2007 este ciclo. Desde entón, un bo feixe de pensadores pasaron pola sede do Consello da Cultura Galega, deixando os seus relatorios e que agora ven a luz nun só volume. Ramón Máiz coordinou este ciclo, que pretende “abordar o concepto de cultura desde a pluralidade no mundo de hoxe. Hai debates moi recentes en Antropoloxía, Socioloxía, a relación de cultura e cidade, a cultura e a nación ou o multiculturalismo”, sinala a resumir algunhas das propostas que se recolleron no encontro. En palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, a actividade “reflicte un estilo intelectual e un modo de actuar institucional”. (…)” Desde Cultura Galega.

Entrevista a Ramón Nicolás no Diario Cultural

“O Diario Cultural da Radio Galega convidou a Ramón Nicolás a dialogar arredor de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, nunha entrevista feita pola directora do programa, Ana Romaní. A conversa pódese escoitar premendo aquí.” Desde Caderno da crítica.

Ramón Nicolás: “Sorprendeume a monumentalidade do quefacer intelectual, literario e político de Celso Emilio Ferreiro e o seu optimismo”

Radiofusión publica unha entrevista en audio con Ramón Nicolás polo seu libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro. Esta biografía, en palabras do seu autor, é o resultado de moitos anos de investigación da vida e obra de Celso Emilio Ferreiro, botando man das fontes máis importantes. Ramón Nicolás declárase sorprendido pola «monumentalidade do quefacer intelectual, literario e político de Celso Emilio Ferreiro e o seu optimismo». A entrevista completa pode escoitarse ou descargarse aquí.” Desde Xerais.

Vigo: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O venres 28 de setembro, ás 20:00 horas, en JT PhotoGallery (Rúa Abeleira Menéndez 13, baixo esquerda) de Vigo, preséntase o libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado, Luís Ferreiro e Isabel Ferreiro. Ao final do mesmo terá lugar unha actuación musical de Labregos do tempo dos Sputniks.

Cangas: presentación de Bernardino, mariñeiro do verbo, de Héitor Mera

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Café-Librería Rinoceronte (Avenida de Bueu, 15) de Cangas, preséntase o libro Bernardino, mariñeiro do verbo, de Héitor Mera, publicado en Morgante, biografía sobre Bernardino Graña.

Pezas para armar a vida de Celso Emilio Ferreiro

Reportaxe-entrevista de Daniel Salgado a Ramón Nicolás en El País:
““A Celso Emilio recoñéceselle o valor de clásico; niso, a posteridade foi xusta”, considera o biógrafo, “pero talvez falta ir máis alá de cuestións ideolóxicas”. Nun diagnóstico apurado, Nicolás avisa dos Ferreiros menos transitados e reclama atención para o narrador —“Os relatos d’A fronteira infinda forman un libro moi interesante”—, o xornalista de opinión que vive soterrado nas hemerotecas ou o divulgador da cultura galega “cando podía e como podía, e tamén cando non podía”. E iso malia que, explica, o escritor revitalizouse criticamente despois de atravesar certo deserto cando a dialéctica literaria, nos oitenta, o considerou a antítese do que debía facerse.
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro emerxe dunha década de asexos e dous anos de labor intensivo. “Cousas da providencia laica”, chacotea o autor, “e de que me convenceron Luís Ferreiro [fillo do poeta] e do editor Bragado”. E irrompe nunha paisaxe, ao seu ver, “moi necesitada de biografías”. Ben pola dedicación que precisan, ben polo imán que supón o Día das Letras Galegas, o xénero non despega. “A min servíronme moito cousas como as de Marcos Calveiro ou Iago Martínez sobre Lois Pereiro e a de Murguía de Barreiro é moi interesante”, conclúe, “mais ¿para cando biografía de Rosalía, Curros ou Pondal?”.”

Ribeira: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 21 de setembro, ás 20:00 horas, na Aula Multiusos da Confraría de Ribeira, preséntase o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Elvira Blanco, Rosana Pérez, Luís Pérez, María Torres e Manuel Bragado.

Crónica posterior en La Voz de Galicia.