Rianxo: presentación de Do estigma á estima, de Valentina Formoso

O sábado 22 de xuño, ás 12:00 horas, no Salón de Actos do Auditorio de Rianxo, preséntase o libro Do estigma á estima, de Valentina Formoso, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Adolfo Muíños e Manuel Bragado.

Pobra de Trives: presentación das Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña

O xoves 20 de xuño, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Pobra de Trives, terá lugar a presentación das Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña. No acto participan Francisco José Fernández Blanco, Xosé Manuel Cid Fernández, Xoán Carlos Domínguez Alberte e Francisco García Sánchez. Posteriormente, haberá unha representación teatral d’A natureza no reino da escuridade (ambientada na época en que Acuña era estudante en Trives, na primeira década do século XX), a cargo do alumnado do CEIP da Pobra de Trives (dirixida por María Lamelas).

Allariz: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

A sexta feira 14 de xuño, ás 20:30 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3) de Allariz, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Libraría Aira das Letras.

A Coruña: presentación de Morreu o demo, acabouse a peseta

O venres 14 de xuño, ás 20:30 horas, no local da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, que recolle unha investigación sobre o legado de Barriga Verde. No acto, coorganizado coa Librería Sisargas, participan Anxo García e Germám Ermida, da Asociación Cultural Morreu o demo.

Betanzos: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

A quinta feira 13 de xuño, ás 20:00 horas, na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola A. C. Eira Vella, en colaboración coa Libraría Carricanta.

Xosé Neira Vilas: “Del Riego inspiroume a difundir o libro galego”

Entrevista a Xosé Neira Vilas en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Esta correspondencia [Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1959-2007] durou case medio século ¿Cál foi o seu comezo?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Pois arrincou en 1954 en Bos Aires. Daquela, dende as Mocidades Galeguistas -das que eu era secretario- entregóuselle a Del Riego un exemplar do seu primeiro libro, Cos ollos do noso espírito, que acababa de ser editado en Arxentina. Del Riego acudira á capital arxentina para dar unha conferencia ese 24 de xullo. A foto da cuberta recolle ese acto ó que tamén acudiron Alonso Ríos ou Suárez Picallo. A nosa relación continuou porque Follas Novas, que creei xunto coa miña dona Anisia Miranda en 1957, funciounou como unha representante de Galaxia en Arxentina. De feito, foi Fernández del Riego quen insinuou, tres anos antes, que máis que accionistas (daquela as accións custaban 1.000 pesetas), Galaxia o que precisaba era unha vía de difusión do libro galego. As coincidencias non rematan aquí, porque volvemos atoparnos en 1972 nun congreso en Vigo sobre Rafael Dieste, e eu fun o último académico que entrou na RAG sendo el presidente. Hai, ademais, unha foto do noso último encontro en Vigo, un ano antes do seu pasamento e seis meses antes do de Anisia.
– FdV: Ademais de falaren das cuestións relativas ás dúas editorias, ¿qué outro contido teñen estas misivas?
– XNV: Intercambiamos ideas, falamos da censura e daqueles libros que non se podían publicar. Lembro que, nunha delas, Del Riego propón que eliminemos as dedicatorias dos libros por se non pasan a criba. Dende alén mar, eu enviáballe libros que naqueles últimos anos da dictadura aínda non se podían conseguir en España, como obras de Jean-Paul Sartre ou Albert Camus.
– FdV: ¿Del Riego foi unha fonte de inspiración para personaxes como Balbino ou Sara, a protagonista de Querido Tomás?
– XNV: Pois non, pero Del Riego e Balbino están conectados. Hai dous anos, no Congreso Internacional do Ibby en Santiago, confirmouse que Memorias dun neno labrego foi o arranque da literatura infantil en galego. Pero en realidade, a edición sistemática desta literatura iníciase tres anos máis tarde, en 1964, cunha carta que eu lle envío a Del Riego dende a praia de Guanabo, en Cuba, na que lle insisto na necesidade de editar literatura infantil. Posteriormente, indícolle os intereses literarios dos nenos por tramos de idade. A partir de entón, Galaxia colabora coa editorial catalana La Galera para traducir ao noso idioma O abeto valente e O globo de colores. É certo que os nenos xa lían as historias dos irmáns Grimm ou de Andersen, pero é que estas obras adaptáronse par aos nenos, e non se escribiron inicialmente para eles. Esta relación con Balbino vai máis alá, porque Del Riego fixo unha crítica sobre o libro no xornal compostelano La Noche, e dende Cuba envielle 300 exemplares para distribuir en Galicia. É máis, o seu último traballo, que edita Ir Indo, é unha colaboración nunha homenaxe a min e a Balbino.
– FdV: ¿Nunca lle mencionou Del Riego a súa intención de exiliarse debido á dictadura?
– XNV: Non, e iso que perdeu o seu emprego e tivo diversos problemas. Pero gracias á súa colaboración na revista Galicia Emigrante, con entrevistas e noticias do que ocurría a este lado do mar, Del Riego contribuiu moito a reanudar os lazos entre os galegos de aquí e os emigrados, que anos antes se distanciaran debido á política. Del Riego asinaba con dous pseudónimos, Salvador Lorenzana, en referencia á localidade lucense na que naceu, e Cosme Barreiros, pola parroquia de Barreiro, na Mariña lucense.”

Taboleiro do libro galego (XI), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena. Á colaboración das dezaseis librarías habituais -Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith, Livraria Suévia e Libraría Carricanta-. A todas elas a miña gratitude.”

NARRATIVA
1º-. Infiltrados, de Alfonso Eiré, Biblos.
2º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
3º-. Winnipeg, de Hixinio Puentes,  Edicións Xerais.
4º-. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.
5º-. Pastoral americana, de Philip Roth, Faktoría K de Libros (tradución de Fernando Moreiras).

POESÍA
-. Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, Edicións Xerais (edición de Fran Alonso).
2º-. ReGaliza e outras chuches, de Calros Solla, Barbantesa.
3º-. Resina de poliéster, de Correa Corredoira, Baía Edicións.

ENSAIO-TEATRO
-. Inmateriais, de Suso de Toro, Edicións Xerais.
2º-. Obras completas I e II, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
3º-. Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena Presas e Gonzalo Enríquez, Galaxia.
4º-. Morreu o demo, acabouse a peseta, de Tintimán Audiovisual, Urco Editora.

INFANTIL-XUVENIL
-. Universo Pitágoras, de Rocío Leira, Biblos.
-. Endogamia 0.2, de Ramón Caride, Edicións Xerais.
3º-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
4º-. Reckless. Vida nas sombras, de Cornelia Funke (tradución María Xesús Bello), Edicións Xerais.
5º-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Máis alá, Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.