Desde
a Real Academia Galega:
“”Para min Anagnórise é a mellor novela de María Victoria Moreno, a máis redonda, e pervive hoxe en día”, sentencia Marilar Aleixandre. A académica comezaba a escribir cando en 1988 saíu do prelo a historia de Nicolau Aríns, que xira arredor da viaxe que este comparte coa muller que o recolle en autostop cando escapa da casa para xuntarse en Madrid cuns amigos relacionados co tráfico de drogas. Con ela, a súa autora entrou na prestixiosa lista de honra do IBBY e revolucionaría a literatura xuvenil galega. “Foi fantástico ver que as personaxes eran máis próximas, que poderían ser calquera de nós e que falaba de problemas que pasaban na miña clase”, conta Eli Ríos. A escritora recorda xunto a outras mulleres do mundo da cultura tamén adolescentes naqueles anos, Ledicia Costas, Eva Mejuto, Lorena Conde e Montse Pena, o que significou para elas a lectura deste libro de nome estraño, e mesmo coñeceren a autora. A obra inspira tamén a canción do mesmo nome composta pola Banda da Loba co gallo do Día das Letras Galegas. (…)
Ledicia Costas (1979): “Fíxome conectar con obras que para min eran esenciais, como ‘Rebeldes’ ou ‘A lei da rúa'”
Non lembro exactamente o curso no que lin Anagnórise. Intúo que debía estar cursando segundo de BUP. Daquela eu lía moita LIX traducida ao castelán, mais o meu coñecemento da LIX galega era ben escaso. Houbo varios libros que me marcaron durante os meus anos de instituto. Un deles foi Anagnórise. Desta obra sorprendérame, sobre todo, a proximidade, o preto que eu me sentía dos personaxes e das circunstancias que estaban a vivir. Aquel rapaz que facía autostop, ben podía ser calquera dos meus compañeiros. María Victoria Moreno fíxome conectar a través deste libro con obras que para min eran esenciais, como Rebeldes ou A lei da rúa, de Susan E. Hinton. Lembro que me impactara o xeito en que a misteriosa condutora dese vehículo que se detén para levar a Nicolau ata Madrid, vai desmontando un a un os prexuízos de xénero do protagonista, algo que eu xamais atopara nun libro ata ese momento. Tamén o tratamento das drogas, do amor na adolescencia, a xestión das emocións. A lectora que eu era daquela, fixo unha viaxe iniciática paralela á de Nicolau. Estes días, aproximadamente 24 anos despois do meu primeiro achegamento a esta obra, relina. Remexeume dentro algo que levaba décadas durmido. Iso só o conseguen as historias que deixan pouso. Anagnórise é un libro que debe estar en todas as aulas de secundaria. O mellor xeito de lle render homenaxe é léndoo, para que siga brillando coa mesma forza.
Eli Ríos (1976): “Ata as conversas xiraban na volta doutras que tivera coas miñas compañeiras!”
Naqueles catorce ou quince anos, nos que estaba descubrindo historias como O vixía no centeo, Rebeldes ou Bajarse al moro, entrou Anagnórise na miña vida. Abrín as súas páxinas e o primeiro que me chamou a atención foi que non acontecían as cousas nun lugar afastado. Non. Foi fantástico ver que as personaxes eran máis próximas, que poderían ser calquera de nós e que falaba de problemas que pasaban na miña clase. Ata as conversas xiraban na volta doutras que tivera coas miñas compañeiras! E, ao mesmo tempo, era unha novela e quería saber que pasaba nesa viaxe, mentres me mergullaba cada vez máis nos lugares e na música sen saber que ía camiño de sorprenderme a revelación de Xulia e… ese final!
Relín esta novela de adulta e sorprendeume moito como está tecida ata a última liña e comprendín o que só intuía na xuventude: a autora fiara tan ben a historia que non podía ser doutro xeito. E foi xenial revivir aquelas sensacións tan vivas e sensitivas que, na altura, me achegaron a realidades sobre as que pensar… e moito!
Lorena Conde (1980): “María Victoria Moreno foi a miña particular Xulia Andrade. Fíxonos donas de nós”
Se miro atrás, hai arredor dunha ducia de enredos de todas as miñas cordas que marcan outros tantos cambios de rumbo afortunados. Un destes nós deuse en 1997 e serviu para tecer parte da rede para a que miro cando o arame sobre o que camiño se me fai moi alto.
María Victoria Moreno foi a miña particular Xulia Andrade. A muller que non se limitou a empurrarme pola programación da materia correspondente. A muller que, cando máis dúbidas tiven, cando máis contradictorio era todo, me preguntou que era o que realmente quería facer eu. E ninguén (nin antes nin despois) me preguntou iso con tanta verdade. Dela veu a atención á voz que me fala todo o tempo dunha dobra na realidade que se desvela un case nada cun airiño, coma unha cortina movida apenas por unha brisa lene. Por iso hai que estar tan atenta.
María Victoria Moreno oíu como medraba nas alma das súas alumnas unha vexetación vizosa e nova e soubo sementar en nós unha inquedanza alegre que se nos amarra con raíces poderosas, coma as das hedras que gabean polo carballo forte e se valen desa verticalidade xenerosa para medrar.
María Victoria Moreno ensinounos a buscar o noso lugar no mundo e tamén que máis vale Quixote desasido da realidade, mais honesto, ca vilán nos seus cabais, pero hipócrita.
María Victoria Moreno fíxonos donas de nós e ese legado está tan vivo coma a súa literatura.
Eva Mejuto (1975): “Ler Anagnórise e coñecer a María Victoria marcou no meu inconsciente un rumbo a seguir como lectora e como escritora”
Lin Anagnórise no 1989, xusto o ano que entrei no Instituto de Vilalonga e coñecín a María Victoria Moreno. Non tiven a sorte de ser alumna súa, como arelara desde a EXB ao saber que alí había unha ESCRITORA (unha de verdade, que non era só un nome impreso na capa do libro. E ademais, unha muller!), naquel centro rural que non tiña moi boa sona na bisbarra (era moito máis chic ir estudar a Pontevedra).
Nos últimos anos 80 da miña adolescencia pouca era a LIX galega que circulaba nas aulas e nas librerías (eu só lembro ter lido Memorias dun neno labrego de Neira Vilas e O misterio das badaladas de Xabier DoCampo). Pero para min ler Anagnórise foi outra cousa, foi ter conciencia do oficio da escrita da man da propia autora. Era ben doado recoñecela polos corredores, co seu cabelo negro, mesto, recollido nun moño e lentes grandes. Co seu andar grave, ergueito, orgulloso, sempre fumando, sempre atenta á rapazada que lle preguntamos calquera cousa só por escoitala falar con esa forza, esa paixón. E o marabilloso da obra non era só que nola tivera dedicado senón que, ademais, falaba de nós, da nosa época, o noso contexto, a nosas dúbidas, medos, teimas, preocupacións… A súa publicación supuxo sentirnos parte da historia, do proceso creativo, do seu universo. Ler Anagnórise e coñecer a María Victoria marcou, no meu inconsciente, un rumbo a seguir, como lectora e como escritora e a seguir o consello que un día me deu, cando lle preguntei pola métrica dun poema que estaba a escribir para a revista do instituto: “Non te preocupes tanto con medir os versos, ese non pode ser un obstáculo para escribir. Na poesía, o que realmente importa é a medida dos sentimentos”. Obrigada, María Victoria, polo referente que fuches para min e para moitas outras, na literatura, na vida e na métrica dos sentimentos.
Montse Pena Presas (1981): “Por primeira vez en moito tempo, un libro entendíame e falábame directamente a min e á miña incomprensión do que supoñía medrar”
Camiño, autostop, drogas, amor e desamor, autocoñecemento, sorpresa, prexuízos, desconcerto, o inesperado da existencia. Frases que se subliñan e que fican con unha para sempre. Así recorda, coma nun flash, a lectora de doce ou trece anos que eu era a principios dos anos noventa, o seu encontro casual con Anagnórise, aquel título raro que moitas non puidemos deixar de pronunciar, non sen antes telo que buscar no dicionario.
Quizais o corpo quere lembrar tamén a sensación de que un libro, por primeira vez en moito tempo, me entendía, e me falaba directamente a min e á miña incomprensión do que supoñía medrar. Á vez, enfrontábame a unha busca que me había acompañar sempre: a do camiño propio, a de procurar quen se é en cada cousa que se fai para tentar non perderse a unha mesma. E, asemade, Anagnórise aprendeunos a toda unha xeración o pracer da conversa compartida, da pregunta punxente que abre fendas por inesperada. En definitiva, o valor da palabra para cambiar o mundo: primeiro mudando o nimio para despois concentrarse en transformar o profundo. En esquecer e derrubar prexuízos absurdos, en saber valorar o amor cando se presenta, en ser capaces de entender que hai persoas que fican pouco acompañándonos, pero transforman a nosa vida por sempre. Non está mal para unha novela xuvenil, dirían algúns. É extraordinario para calquera obra literaria, penso eu. Sobre todo porque segue dando chaves fundamentais para abrir as fiestras da adolescente que un día, de súpeto, se atopa coa vida en forma de novela.”
Arquivo da categoría: Literatura e ensino
IES Xosé Neira Vilas, Perillo (Oleiros): Programa das xornadas dedicadas a Nacho Taibo, o 24 e 25 de maio
O
IES Xosé Neira Vilas de Perillo, Oleiros (Rúa Xosé Neira Vilas, 3), vai homenaxear a figura de Nacho Taibo, con motivo da próxima edición do Premio Escritor na súa terra – Letra E. O programa é o seguinte:
Xoves 24 de maio
– 11:20 a 12:10 h. Mesa Nacho Taibo, a historia que agroma nos relatos. Interveñen Agustín Fernández Gago (director do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas), Cesáreo Sánchez (presidente da AELG), Xosé Manuel Martínez Oca, María Dans e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 4º e 1º de Bacharelato.
– 12:30 a 13:20 h. Mesa De narrador a narrador: Xián Alcayde Dans entrevista a Nacho Taibo. Interveñen Xián Alcayde Dans e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 1º ESO.
Venres 25 de maio
– 10:30 a 11:20 h.. Mesa “Encontro de Nacho Taibo cos lectores de As boas familias”. Intervén Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 3º ESO.
– 11:20 a 12:10 h. Mesa Encontro do profesor cos compañeiros. Interveñen Agustín Fernández Gago (director do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas), Pepe Couce, Ana Crego, Eduardo Álvarez, Xosé Manuel Fraguela e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 2º ESO.
Gondomar: Día das Letras Galegas. Homenaxe a María Victoria Moreno
A Coruña: actividades en torno ao Día das Letras Galegas 2018
“O
Concello da Coruña rende homenaxe nas Letras Galegas á escritora María Victoria Moreno cunha programación “que pon en valor a cultura de proximidade”. (…)
A partires do luns 14, e até o sábado 19, o goberno local promoverá unha serie de iniciativas que inclúen a lectura pública da obra de Moreno desde o balcón do Pazo de María Pita, un concerto no Campo da Leña con grupos galegos, diversas propostas abertas a todos os públicos nas bibliotecas municipais e unha programación específica elaborada, en común, coas librarías de proximidade da Coruña. (…)”
Aquí pode descargarse a programación completa. (…)
Ás iniciativas que se desenvolverán durante toda a semana nas librarías súmase tamén a lectura pública colectiva, desde o propio balcón do Pazo Municipal de María Pita, da obra da autora homenaxeada nesta edición. (…) A proposta, tal e como recordou Sande, comezará ás 12.00 horas deste xoves desde o balcón, “sempre que as condicións meteorolóxicas así o permitan. Se non é posible, trasladarase, como o ano pasado, ao salón de Plenos”, explicou o edil. As persoas que queiran intervir na lectura poderán facelo, previa inscrición, a través do correo concellaria.cultura@coruna.es
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento tamén salientou as actividades que a rede de Bibliotecas Municipais está a realizar durante todo o mes para o fomento da lectura en galego, “e que referendan o seu carácter de excelencia e de compromiso coa promoción da cultura”. Así, do luns 14 ao sábado 19, todos os centros ofrecerán préstamo ilimitado de materiais en galego, ademais de acoller, na súa meirande parte, mostras bibliográficas que renden homenaxe á María Victoria Moreno así como outras autoras e autores de referencia da literatura galega.
Xa o día 15, a biblioteca dos Rosales acollerá un encontro -a partires das 18.30 horas -coa escritora Emma Pedreira, que vén de gañar o IV Premio Internacional de Poesía Jovellanos coa súa obra Lista da compra da viúva, que presentará o vindeiro martes. As actividades abertas á veciñanza completaranse co concurso #selfieLetrasGAL, unha proposta a través da cal as Bibliotecas Municipais convidan á cidadanía a compartir a súa lectura favorita en galego na rede social Instagram, a través dos cancelos #recomendamosBMC e #selfieLetrasGal -e etiquetando ás bibliotecas na foto, co perfil @bibcoruna-, e que dará a posibilidade de gañar un lote de libros. As bases completas da iniciativa pódense consultar no web www.coruna.gal/bibliotecas.
Ademais, a biblioteca do Centro Ágora está a promover o ciclo Eloxio da Diversidade, dentro da liña de traballo cos centros de ensinanza na súa área de influencia e que inclúe unha ampla programación arredor da efeméride. Desde o 9 maio, e até o día 29, preto de 200 mozas e mozos de bacharelato, ESO, e de ciclos formativos participarán, activamente, en actividades que inclúen visitas á Real Academia Galega, ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e da Deputación, ou ao Teatro Colón -nun evento teatralizado e protagonizado pola figura de María Casares-, entre outros espazos.
Tamén durante a noite do mércores 16, o Campo da Leña acollerá un concerto especial co gallo do Día das Letras Galegas, que contará coa participación de diversos grupos de orixe galega, “con música crítica e aspectos máis que interesantes”, segundo apuntou Sande. Así, ás 22.00 horas, O Leo i Arremecághona subiranse ao escenario, para dar paso, contra ás 23.15 horas, á banda The Tetas Van. Finalmente, Terbutalina pechará a sesión cunha actuación que comezará contra ás 00.15 horas da noite.”
Carballo: presentación de Unha educación de premio, de Selina Otero
Materiais para infantil e primaria do Día das Letras Galegas 2018, elaborados polo Seminario Galán
“Xa
está a disposición dos centros escolares o material das Letras Galegas, 2018 para infantil e primaria elaborado polo Seminario de Galán.
Na páxina do Seminario poderedes atopar actividades interactivas sobre María Victoria Moreno, actividades en PDF, carteis da exposición e cuestionario, díptico, marcapáxinas, biografía en PDF, fotos, biografías en lingua de signos, “A festa no faiado” teatralizada, actividades interactivas en formato LIM…
A ligazón é a seguinte: Seminario Galán.”
Chaves: Ponte Escrita 2018 – III Encontro Luso-Galaico de Escritores
Book trailer de A canción de Sálvora, de Antón Riveiro Coello. Realizado por Mirian Otero Sande
Gálix: Día Internacional do Libro Infantil, 2 de abril de 2018
A Primavera das Letras de María Victoria Moreno arrinca no CEP Marcos da Portela
Desde
a Real Academia Galega:
“O primeiro libro publicado por María Victoria Moreno, Mar adiante (1973), contaba a historia do Arroás, un barco convertido nunha escola afastada da rixidez do ensino da época na que os nenos e nenas aprendían as cousas importantes na vida. O tema escollido non foi casual, porque se María Victoria Moreno destacou como escritora tamén o fixo noutra das súas vocacións, a docencia, que exerceu transmitindo a paixón pola lingua galega e a literatura que ela mesma sentía. Con este mesmo propósito, a Real Academia Galega presentou hoxe da man da comunidade educativa do colexio de educación primaria Marcos da Portela o proxecto web Primavera das Letras dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2018. En Pontevedra, na cidade na que, en 1963, comezou a súa historia de amor con Galicia.
Primavera das Letras fornece o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e o propio alumnado destas etapas de propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, arredor do universo vital e literario da homenaxeada. As actividades están deseñadas cun enfoque interdisciplinario e en relación con distintos contidos do currículo escolar para poder traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística.
Tras as palabras de benvida da directora, Alicia Martínez, o presidente Víctor F. Freixanes e a académica Fina Casalderrey foron os encargados de presentar o proxecto no que foi o primeiro acto que celebra a institución dentro do Ano María Victoria Moreno. O evento contou tamén coa presenza da filla da homenaxeada, Begoña Llácer Moreno , e o seu viúvo, Pedro Ferriol, xunto a alumnos e alumnas, membros da ANPA e docentes dos centros educativos próximos (o IES Torrente Ballester, no que María Victoria Moreno ensinou na súa última etapa profesional, o IES Luís Seoane, a EEI Fina Casalderrey, o CEIP de Lérez e a UNED).
Os propios nenos e nenas do CEP Marcos da Portela puxéronlle o ramo á celebración cunha homenaxe a María Victoria Moreno na que recitaron e dramatizaron distintos anacos da súa obra, desde versos de Elexías de luz a un fragmento do pregón que leu na Feira do Libro de Pontevedra de 2003. (…)”









