Arquivo da categoría: Entrega de premios
Pepe Peinó presentou en Gres o seu libro Bica de Montouto, gañador do V Concurso Balbino de Relatos
“A Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) acolleu o 9 de decembro, ás 13:00 h, a entrega do premio e presentación do libro gañador do V Concurso Balbino de Relatos, Bica de Montouto, da autoría de José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó.
O acto deu comezo coa lectura da acta do xurado a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato. Seguidamente, interveu a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso; quen destacou “a consolidación deste premio, que xa vai pola súa quinta edición e no que se resaltan os valores propios da nosa terra, a nosa cultura e a nosa xente, o que permitiu a consagración deste certame como referente para autores ilustres e noveis tanto da provincia como da comunidade galega”. Tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, incidiu na repercusión que está a acadar este premio destacando que “dende a Xunta é toda unha honra apoiar un certame que leva como nome a Balbino, protagonista de todo un clásico da literatura galega que representa unha das obras máis internacionais da nosa cultura. Así mesmo, é unha obriga para nós, así como para a Deputación de Pontevedra e os Concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, apoiar iniciativas culturais como esta, que engrandecen o noso patrimonio cultural”. Tras eles, o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández; e o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López, felicitaron ao gañador e agradeceron a labor que desempeña tanto a editorial encargada da publicación, Edicións Fervenza, como a Fundación Xosé Neira Vilas en pro da difusión da cultura galega.
O peche do acto culminou coa entrega do premio ao autor da obra gañadora, Pepe Peinó, quen transmitiu coas súas palabras o seu agradecemento ao xurado, a Fundación Neira Vilas e a Edicións Fervenza, facendo fincapé en que se trata dun relato “escrito con agarimo dende o corazón” no que tratou de transmitir a defensa do rural e o valor das xeracións dos nosos avós “que non son só xubilados que observan obras, senón que aínda teñen moito que aportar á sociedade, algo que debería abrazar as novas xeracións, por iso este título, Bica de Montouto, pois a bica non só é un doce, senón que mesmo semella un bico, un bico ao rural máis profundo, sincero e puro”.
Por outra banda, este venres 11 de decembro, ás 20:00 h, o salón de actos do Concello do Valadouro (Lugo), acollerá a presentación de Bica de Montouto, pois trátase do lugar de residencia do autor, Pepe Peinó. O acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contará coa presenza do profesor, escritor e membro do xurado do Concurso Balbino de Relatos, Xosé Manuel Lobato; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o prologuista do libro, Bernardo Penabade; o ilustrador da portada, Antón Caxoto e o gañador do Concurso Balbino de Relatos, Pepe Peinó.
Para aquelas persoas que non poidan acudir á presentación, o autor estará desde as 18:00 h asinando libros no propio salón de actos.”
Inventario dun adeus. Expiatoria de Andrea Fernández Maneiro acada o primeiro premio no IX Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
Desde o Concello de Mondoñedo:
“Andrea Fernández Maneiro, natural de Vilagarcía de Arousa, álzase como gañadora da IX edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto de 100 orixinais recibidos. O traballo presentado pola gañadora, que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título Inventario dun adeus. Expiatoria.
O xurado destacou nos versos de Andrea Fernández Maneiro a “elaborada imaxinería do conxunto, o coidado na dicción e na escolla das solucións léxicas, así como o estreito diálogo entre o musical e o textual que envolve harmonicamente toda esta escrita”.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada Antípoda, da que é autora Paula Luís González, de Vigo.
O xurado salientou “a intelixente alternancia nestes versos de elementos da tradición culta con outros perfectamente pop, así como a hábil inserción de indicadores metapoéticos nun micropoemario con múltiples referencias á fauna e flora en xeral e mariña en particular”.
Rosa María Novoa Vázquez acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra presentada baixo o rótulo Barazas e Sedeños. Branca Trigo é de Xunqueira de Ambía.
O xurado puxo en valor neste texto “a elegancia na dicción, a capacidade para ganduxar os elementos poéticos nun todo consistente e o delicado equilibro entre os versos máis emotivos e íntimos e aqueloutros que acubillan unha evidente crítica social”.
A entrega do premio terá lugar o sábado día 12 de decembro de 2020 segundo o seguinte programa:
– 13:15 h. Recepción oficial no Cemiterio Vello e Ofrenda Floral ante a tumba do poeta.
– 13:30 h. Entrega de Premios no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo.
Manteranse as normas aprobadas polas autoridades en canto á capacidade e medidas sanitarias en relación coa situación actual de pandemia provocada pola COVID-19.”
“Marilar Aleixandre dálle a Blanco Amor unha historia de exclusión”
Entrega do XVIII Premio de poesía Afundación
Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020
A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020 é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura do Concello de Lugo.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2020 respectivamente a Batuko Tabanka e a Emilio Españadero.
A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na V Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo o 23 de outubro.
O acto terá lugar na Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8) a partir das 18:00 horas.
Mestras da Memoria 2020: Batuko Tabanka
Fotografía: Facebook de Tabuko Tabanka
Grupo formado por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde, residentes en Galicia, a maioría en Burela (Lugo).
O nome, Batuko Tabanka, que se pode traducir como “Entroido de tambores”, tómano dun antigo ritmo tradicional de Cabo Verde. A batuka, en orixe, foi música de xente escrava, nacida canda a colonización portuguesa das illas de Cabo Verde no s. XVI. A música e o baile batuka son unha forma de comunicación dos que non podían facelo doutra maneira: batendo o peito, usando trapos mollados ou unha saca de coiro que colocan entre as pernas, como fan agora.
O grupo formouse a finais do s. XX en burela. En 2009 gravaron o seu primeiro disco “Djunta mô” (Xuntamos as mans) editado pola produtora PAI Música, para o que contaron coa colaboración de Uxía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní e Fernando Abreu.
Na súa música revive a memoria das súas orixes que recuperaron entre nós, na terra á que se viron forzadas a migrar por necesidades económicas.
O seu proxecto, con máis de vinte anos de vida, serviulles para percorrer Galicia e outras partes da península e incluso varios países de Europa. Protagonizan documentais, participaron en numerosos festivais e programas de televisión. Incluso ofreceron concertos no seu propio país. A súa decisión provocou, ademais de conservar o seu rico folclore, difundilo polo mundo.
Mestre da Memoria 2020: Emilio Españadero Paz
Fotografía: CRTVG
Ex-compoñente do colectivo de música tradicional “O Son Da Terra” e da banda de gaitas “Os Rexumeiros”. Encargado entre os anos 1992 e 2001 do pub “A Cova Folk”. Membro da organización das “Noites Celtas” na Coruña. Membro do xurado en distintas edicións do Certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e do Concurso Internacional de Folk “Cuarto Los Valles” en Navelgas (Asturias). Autor durante varios anos da páxina “Feitizo De Sons” no suplemento dominical do xornal Galicia Hoxe. Director e presentador do programa radiofónico “Lume Na Palleira” desde 1992 ata a actualidade.
“Lume Na Palleira” nasceu no mes de setembro do ano 1992, da man de Emilio Españadero Paz, como unha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país como de outros (principalmente os de influencia céltica), tivera presencia a traveso de ditas ondas. No ano 1996 “Lume Na Palleira” incorporouse á programación da Radio Galega.
Vídeo do acto de entrega do III Premio Agustín Fernández Paz a Antía Yáñez (febreiro de 2020)
Compostela: Gala dos premios da música e da poesía galego-portuguesas aRi[t]mar 2020
Carral: entrega do Premio de poesía Concello de Carral 2019 e entrega do Premio de 2020, o 12 de setembro
“A Casa da Cultura de Carral acollerá o vindeiro sábado 12 de setembro, ás 19:00 h, o acto central do Premio de Poesía Concello de Carral. Como é habitual, o evento servirá para conceder o premio da presente edición e para a presentación da publicación do libro gañador na anterior. Así, Manuel López Rodríguez recibirá o galardón polo seu poemario Nas pulsacións e Xurxo Alonso presentará En luz escrita co que obtivo o premio o pasado ano e que formará parte da colección de Poesía de Espiral Maior. Como en anos anteriores, contamos coa colaboración económica da Xunta de Galicia para a edición da obra gañadora do noso certame.
No acto contarase coa presenza do alcalde Javier Gestal Pose, do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, de Miriam Ferradáns, como representante do xurado da vixente edición, e de Miguel Anxo Fernán Vello como responsable de Edicións Espiral Maior.
Debido ás actuais circunstancias, o aforo será moi limitado e será preciso para asistir inscribirse previamente chamando antes das 14:00 h. do venres ao 981 672 580.
Ao público asistente agasallarase o libro En luz escrita, tendo ocasión de que llo asine o seu autor, Xurxo Alonso.
Nesta edición e dadas as precaucións polo Covid19, o acto non contará con ningún tipo de intervención artística nin existirá o habitual convite para o público participante.”