Corullón e Carucedo: II Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria/Seabra

Culturgal 2019: actividades literarias destacadas do 29 de novembro

Do 29 de novembro ao 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2019.

As actividades literarias destacadas do programa para o 29 de novembro son:
12:00 h. Espazo Foro. Encontro con Ledicia Costas con escolares arredor do libro Conexión Macarrón. Xerais. Actividade concertada con centros escolares.
18:15 h. Espazo Libro. Mapa ecosocial de Galicia. Un retrato social e ecolóxico de Galicia. Catro Ventos Editora. Coa xornalista Rebeca Hermo e o biólogo Xosé Veiras, autores do libro, e Miguel Braña, editor.
18:30 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Kiko da Silva.
18:45 h. Espazo Libro. Presentación da colección «Avis rara», por Marcus Daniel Cabada (editor da colección). Urutau.
19:15 h. Espazo Libro. Conversa de Kiko da Silva, autor de Aprende banda deseñada con Fiz, con Fran Alonso sobre “A importancia da banda deseñada na lectura infantil”. Xerais.
19:45 h. Espazo Libro. Presentación e debate dos dous últimos títulos da colección Feminismos. Galaxia. Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes, de Jorge García Marín e Mulleres que (nos) dan que pensar de África López Souto. Presentado por Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
20:15 h. Espazo Libro. “Se quen traduce falase…”. Conversa sobre tradución literaria. Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación(AGPTI). Como xorden os proxectos? Que relacións se establecen con editoras e correctoras? Que hai detrás da escolla dun termo ou dunha fala? Conversa co tradutor Carlos Valdés, coas tradutoras María Alonso Seisdedos, María Reimóndez e Patricia Buxán como moderadora. Ademais, entrega do Premio Xela Arias á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

A Coruña: entrega do Premio de poesía Afundación a Miguel Sande

O 27 de novembro, ás 19:00 horas, na sede de Afundación na Coruña (Cantóns), terá lugar a entrega do premio de poesía Afundación a Miguel Sande. Neste acto, o escritor fará un recital, acompañado dunha peza audiovisual de Xes Chapela, creada ex professo e inspirada no poemario gañador. Este, agora en formato libro, Os filósofos xa non brindan con cicuta, será ademais presentado ao público nesta gala de entrega.

O ourensán Raúl Gómez Pato gaña o II Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

Desde O Sil:
Raúl Gómez Pato, natural de Velle (Ourense) é o gañador do II Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, unha da iniciativas do proxecto As Letras de Florencio que ten como obxectivo reivindicar o Día das Letras Galegas para o poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).
A entrega do premio, dotado con 3.000 euros, tiña lugar na tarde do 16 de novembro no Teatro Lauro Olmo do Barco, nun acto presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado e o actor Xosé Barata. A gala discorreu entre notas de humor, reivindicacións e poemas musicalizados, ata o momento de entregar o premio polo poema Vinte, desolación que o propio autor recollía e lía.
Nesta II edición do certame foron presentados 23 textos a través do correo postal e 212 a través do correo electrónico. Destes foron desbotados 31 por non cumprir as bases establecidas para o premio, publicadas por resolución de Alcaldía do Concello de Vilamartín de Valdeorras o 1 de outubro de 2019, sendo o número final de participantes de 181 textos.
Ademais do gañador, o xurado formado por Xulio Pérez Veiga, Pilar Pallarés García, Francsico García Macías, Ramón Nicolás Rodríguez e Jorge Moral Vidal elixía catro finalistas: Rafa Vilar co texto Das Kapital; Beatriz Martínez-Sayanes de Saá co texto Sen menosprezar aos caniches; e Roberto Rodríguez González con texto Adolescencia en segunda persoa. (…)”