Entrevista
a Miro Villar en Sermos Galiza:
“Este ano cúmprense 20 anos da publicación do primeiro número de ‘Feros Corvos’, a revista do Batallón Literario da Costa da Morte que se fundara un ano antes. E quixemos lembrar aqueles tempos de axitación poética cun dos seus protagonistas, o poeta Miro Villar, que ademais foi tamén presidente da primeira xunta directiva da asociación.
– Sermos Galiza (SG): Como xurdiu o Batallón?
– Miro Villar (MV): Xa había un humus, un caldo de cultivo, unha serie de colectivos que xa funcionaban na Costa da Morte, entre eles o colectivo “Un Medio” de Cee e o “Arre Sentelha” da Terra de Soneira, que estaban a funcionar de maneira autónoma. En determinado momento viuse que podiamos confluír e ampliar a base destes colectivos. E así naceu o Batallón Literario da Costa da Morte en maio de 1996.
– SG: E a idea de crear un medio de expresión como ‘Feros corvos’?
– MV: – Os primeiros meses de vida do Batallón eran moi intensos. Faciamos recitais en lugares de todo tipo, mesmo campos das festas, en bares ou alí en onde se nos convidase, en festivais antimilitaristas, onde cadrase naqueles momentos… E vimos unha necesidade de potenciar todo isto e dotarnos dun medio de expresión, polo que creamos un díptico, con catro páxinas, feito con escasos medios, en multicopia, a cor, que se distribuía de balde alá por onde iamos e nos bares da Costa da Morte. Esa era a nosa intención, chegar á maior xente posible, porque o obxectivo último do Batallón era levar a poesía a pé de rúa. Basicamente a poesía, porque a maioría eramos poetas, aínda que tamén había narradores. E aí confluiamos xente que xa tiñamos publicado, como eu mesmo, o meu irmán Rafa ou Marilar Aleixandre, con xente que non tiña nada na rúa e que, curiosamente, anos despois ten libros publicados. Fáloche de Modesto Fraga, os irmáns Creus –Estevo e David-, Alexandre Nerium, Xaime Trillo…
– SG: O Batallón trouxo un esplendor da poesía en movemento.
– MV: Si, aquela era unha época -a mediados dos 90- no que non era doado publicar poesía. Era un momento similar ao de hoxe, pecháranse coleccións e non era doado conseguilo, fóra de Espiral Maior. Entón aquela era unha maneira de levar a poesía a outros lugares onde nós criamos que tiña que estar, máis a pé de rúa. Pero non era algo que inventasemos nós. Collemos experiencias anteriores doutras épocas para buscar un maior contacto co público lector.
– SG: Coa perspectiva que dan os anos, cal cres que foi a incidencia do Batallón na vida cultural galega de hoxe?
– MV: Non creo que teña que ser eu quen calibre iso. Deberían ser persoas que non participaran da experiencia. Hai varios traballos sobre o Batallón que o calibran, pero na miña opinión serviu para dar voz a moita xente que estaba empezando a publicar os seus textos en follas voandeiras que con posterioridade se incorporaron ao discurso literario galego. E despois a darlle unha maior visibilidade á poesía cara ese público lector. Eu creo que eses son os dous principais éxitos do Batallón. Eu, desde logo, considérome satisfeito con que varias das persoas que participaron chegasen a ter unha obra propia consolidada. Para min iso xa xustifican os esforzos que tivemos nesta angueira.
– SG: E como ves o estado actual da poesía na Costa da Morte?
– MV: Nin mellor nin peor que noutras zonas do país. Hai iniciativas igual que noutros lugares e a poesía tamén está na rúa, como no Festival do Condado. É unha experiencia que é exportable e que hoxe podería ter un sentido tamén. De todas formas, eu observo que están a xurdir proxectos dun tempo a esta parte moi interesantes, como editoriais como Apiario ou Chan da Pólvora, que son pequenos pero teñen xa unha traxectoria e creo que un futuro de moita forza. Penso que é un momento moi bo para a creación poética no país, a pesar de que as grandes editoriais lle continúen a dar as costas. Por exemplo, Sotelo Blanco desapareceu do mapa e Xerais e Galaxia publican a ‘contagotas’. Pero hai xermolos de actividades, outra vez, en lugares pouco habituais coma naquela época. Por tanto, eu son optimista neste momento.”
Arquivo da categoría: Entrevistas
“Chegou a “novísima” poesía galega?”, por Montse Dopico
Artigo de Montse Dopico en Praza:
“”Chegan os Neos”. Baixo este suxestivo titular, o xornalista e escritor Antón Lopo propoñía, nunha reportaxe publicada cara finais do ano 2015 no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo, unha escolma posible de voces dos “novos creadores poéticos” galegos. Non moito tempo despois, a revista Luzes recollía nas páxinas de República unha análise máis demorada do mesmo autor sobre este tema, acompañada dunha pequena antoloxía que xuntaba versos de Xabier Xil Xardón, Oriana Méndez, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Xesús Castro, Ismael Ramos, Lara Dopazo, Fran Cortegoso e Alicia Fernández.
Aquel intento de identificar algunhas tendencias de fondo na maré da creación poética última deu lugar a diversos debates, mais serviu tamén como substrato do volume 13. Antoloxía da poesía galega próxima, coordinado pola profesora María Xesús Nogueira e publicado por Chan da Pólvora, o proxecto editorial ligado á libraría compostelá homónima do que Antón Lopo é cofundador. A selección de nomes desta antoloxía revela, por outra banda, algunhas coincidencias coa outra obra semellante, No seu despregar, que tirou do prelo no 2016 a editora Apiario.
No limiar de No seu despregar, as creadoras de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero, dan conta da dificultade para consensuar unha definición do “novo” na literatura. “A que nos referimos con esta cualidade?”, apuntan. “Trátase dunha condición temporal, cronolóxica? Son *s poetas *s nov*s ou os textos? Que proclama esa novidade? Existe? Podemos nomeala?”, reflexionan. En 13. Antoloxía da poesía galega próxima, María Xesús Nogueira admite que “a xuventude poética foi un elemento mitificado na literatura” e subliña, ademais, as “tensións e polémicas” que, de xeito cíclico, desata a “novidade” ou, polo menos, as tentativas de visibilizala como potencial de contestación dos paradigmas que a precederon.
No caso da literatura galega, -engade Nogueira-, a cuestión das “novas voces poéticas” mesturouse co debate sobre o axeitado da periodización das últimas promocións poéticas en base a criterios xeracionais e biolóxicos. Deste xeito, propostas como “empregar o problemático termo xeración no sentido sociolóxico-cultural formulado por Karl Mannheim”, -formulada polo profesor Arturo Casas-, ou identificar “a tensión entre unha tendencia apolínea a unha dionisíaca”, -achegada pola crítica Iris Cochón-, non puideron vencer, segundo Nogueira, “unhas inercias cronolóxicas que tampouco semellaron atopar, aínda a estas alturas, ferramentas para cartografar a poesía que seguiu á dos noventa”. (…)”
Carlos Callón: “A cuestión da homosexualidade está presente nos inicios do amor cortés”
Entrevista
a Carlos Callón en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A túa tese vai obrigar a rectificar parte da historia do trobadorismo galego e tamén do europeo, que nos dá conta dunha Galiza medieval máis diversa e menos conservadora do que criamos.
– Carlos Callón (CC): Que conste que eu sobre todo o que fago é traballar a partir do que eran notas marxinais doutras investigadoras e investigadores e unha vez que as xuntamos decatámonos de que a imaxe que dan é outra diferente. Evidentemente hai un traballo de lectura de toda esta xente, e de elaboración, pero non parto de cero en ningún caso, senón do traballo doutras persoas que investigaron o trobadorismo, a historia da sexualidade, do feminismo e dos estudos LGTB. Digamos que o fundamental é o que nos din as fonte de verdade, sen tentar proxectar o que quereriamos que dixesen ou os prexuízos do presente. Que obriga a rectificar? En primeiro lugar, debería evidenciarse nos manuais que a cuestión da homosexualidade como tendencia afectiva da humanidade está presente nos inicios do amor cortés. A novidade do amor cortés é que de repente a misoxinia non permitía que a muller se convertese nun elemento de adoración e do amor. Aí o elemento da misoxinia é fundamental, e tamén hai que falar diso, de como é o proceso de discriminación das mulleres. E, sobre todo, hai algo sorprendente, e para o cal non hai resposta a día de hoxe, que é por que razón aparece o amor cortés se as mulleres non mudan a súa situación social. En realidade é unha forma máis de distanciar ese obxecto. Logo, tamén é importante dicir que aínda a partir da idealización da heterosexualidade e da aparición do pecado da sodomía a partir do século XI, continúan a existir durante un tempo aínda poesía amatoria, da cal conservamos só algúns restos. E tamén aparece a homosexualidade a nivel satírico, pero cunhas sátiras que non din o que ás veces os investigadores contemporáneos entenderon. Pensemos que mentres os códigos relixiosos e civís condenaban a morte a partir do século XI, no noso trobadorismo encontramos críticas case de colegas. Hai pequenas burlas, que ás veces poden ser máis crúas ou máis zafias, mais entre o asasinato e meterse un pouquiño cunha persoa… [risos].
– SG: Na investigación supoño que fica moito camiño aberto porque é fundamental a perspectiva.
– CC: Exacto, cando vexo investigadores de referencia, como Foucault, por exemplo, coa súa magna historia da sexualidade, eu ás veces pensaba, con humildade, que mágoa que el non coñecese estes textos. Porque seguramente o comezo da súa historia da sexualidade sería diferente, porque cousas que el identificou na idade contemporánea, en realidade nos textos medievais galegos xa está. Non debemos tratar a nosa literatura medieval como un resto arqueolóxico, porque ten unha información a nivel antropolóxico, social e histórico que é moi valiosa. (…)”
Eli Ríos: “A poesía tamén está no cotián”
Entrevista
a Eli Ríos en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como recibiu a nova?
– Eli Ríos (ER): Hoxe é moi difícil publicar. A cantidade económica do premio é importante, pero saber que ese libro podería saír nunha editorial como Xerais foi o que me levou a presentarme. Que no xurado houbese poetas, como Miro Villar ou Serxio Iglesias, tamén me animou. Cando mo dixeron non o podía crer. Pode soar tópico, pero este é un texto complicado, escrito cunha prosa poética, uns versos moi longos, e enriba di cousas que van contra a mesma poesía: temos que reformularnos, refundarnos. Pretendía que fose unha bomba, que estoupase e nos fixese pensar en que estamos facendo mal para que a poesía non chegue.
– LVG: Que diría que é Culpable, cal é o fío condutor, se o hai?
– ER: O fío condutor é aquela persoa que quere matar os eus líricos. Supón matar toda esa requinta e parafernalia que hai na poesía. Para iso, o que se fai é traballar con frases do día a día, é dicir, a poesía tamén está no cotián. Ten, ademais, unha cousa fundamental que falta na poesía: o humor. Este é un texto para botarte unhas risas ao mesmo tempo que, dende o humor, pensas que podemos cambiar. (…)
– LVG: Que é para vostede a poesía?
– ER: A poesía é unha óptica. É unha lente, é un telescopio polo que ver e interpretar o mundo.
– LVG: Que saúde ten hoxe o mundo literario e editorial?
– ER: O mundo literario, editorial e da escrita ten unha saúde fantástica. ¡Para algo somos galegas! Ten unha vizosidade incrible, hai moita xente facendo cousas interesantísimas, hai unha vida cultural enorme. O problema non é a cultura galega ou o sistema cultural galego. O problema é que temos un goberno que non aposta por nós, que non temos proxección cara o exterior, o problema é a perda de falantes e iso lévanos outra vez ao goberno… Temos unhas políticas que están intentando destruírnos día a día. Non pode ser que unha editorial para publicar teña uns custos tan altos, un IVE tan alto, porque iso repercútenos a nós. Están afogando aos editores. (…)”
Cuestionario Proust: Xosé Benito Reza
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Benito Reza:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
-A ansiedade.
5.– A súa ocupación favorita?
-Observar atenta e repousadamente a natureza.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Dispor do xusto para vivir con dignidade e de tempo para observar e describir o que vexo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder un fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
-Explorador cando había mundo para explorar.
9.– En que país desexaría vivir?
-Sempre en Galicia.
10.– A súa cor favorita?
-A verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A paxariña (Aquilegia vulgaris).
12.– O paxaro que prefire?
-O pisco ou paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
-A novela histórica (Robert Graves).
14.– E na poesía?
-Curros e Celso Emilio.
15.- Un libro?
–A estepa de Anton Chéjov.
16.– Un heroe de ficción?
-Corto Maltés, o antiheroe.
17.– Unha heroína?
-Mafalda.
18.– A súa música favorita?
-Cando estou ben Country, cando estou mal Mozart.
19.– Na pintura?
-Paisaxismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-David Livingstone e tamén Domingo Fontán.
21.– O seu nome favorito?
-Cristal.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Os que falan sen escoitar.
23.– O que máis odia?
-A hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
-A defensa dos galos en Alesia no 52 a. C.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Pintar acuarelas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Traballando na miña horta sabendo que os meus fillos están ben.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Inquedo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A confusión produto da desinformación.
30.– Un lema na súa vida?
-Estudar con cabeza, cavilar a modo e traballar arreo.”
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do venres 4
O
venres 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Monstros e sombras a debate: a Literatura Infantil e Xuvenil galega, organizado pola revista Criaturas. Participan Antonio Manuel Fraga, Eli Ríos, Xosé Antonio Perozo e Andrea Maceiras, moderadas/os por Ledicia Costas.
– 18:00 h. Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo asinan exemplares de Caer de cu polo universo na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:00 h. Presentación de Mar de invernía, de Héctor Pose, e De Arsenio a Arsenio, de Xan Fraga, publicados por Phottic.
– 19:45 h. Presentación de Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, de Marilar Aleixandre, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Mercedes Queixas e Francisco Castro.
– 20:00 h. Cesáreo Sánchez Iglesias asina exemplares de Tempo transfigurado, publicado por Kalandraka, na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:00 h. Concerto-presentación de Os fíos do querer, por Cé Orquestra Pantasma, no palco da música.
– 20:30 h. Presentación de Unha ducia de galegos, de Víctor Freixanes, reeditado por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Tamara Montero, Belén Regueira e Francisco Castro.
Manuel Rivas: “A memoria non ten que ver co pasado, ten que ver co coñecemento”
Entrevista
a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Moitos dos seus libros falan do pasado. Como de importante é a memoria?
– Manuel Rivas (MR): A memoria hai que entendela. Gústame falar da memoria activa ou do activismo da memoria. Este libro [Os libros arden mal], por exemplo, comeza cun episodio de mediados do século XIX, pero remata nos nosos días. A memoria non ten que ver co pasado, ten que ver co coñecemento. A memoria é coñecemento. É dicir, asociase normalmente coa lembranza do pasado, pero realmente a memoria activa ten que ver co coñecemento. Este non poder existir sen memoria. Somos o que lembramos, que dicía Italo Calvino.
– LVG: ¿Como se artella unha novela como esta?
– MR: Eu creo moito no que poderíamos chamar «o andar da literatura». Cada obra pide un xeito de andar. Neste caso, o propio libro suxire como está escrito, xa que nel aparece moitas veces o andar de Charlot a través da imitación dalgúns personaxes. O andar da literatura é moi semellante a este andar. Pisa ao tempo nunha cousa e na contraria. Ese andar da literatura pisa na vida e na morte ao mesmo tempo. Este libro está feito continuamente a partir diso. A xente morre e renace, loita para sobrevivir. Pisa no día e na noite; na luz e na escuridade.
– LVG: ¿Cal foi a motivación que lle fixo trazar ese mapa da memoria que é Os libros arden mal?
– MR: Nun libro como este pasas un pouco por todo. É un traballo de risco. Hai quen fala de motivacións morais ou históricas cando escribe, pero eu quédome cunha cousa que non sabería explicar. Poderíamos falar dunha estraña obriga que fai que poñas en marcha esa historia. Non estás a pensar nos efectos, porque nin sequera sabes se vas poder navegar. Non sabes se iso vai ser útil ou non, pero queres facelo. Tes ese chisco de esperanza e tamén esa obriga. O que me gusta da literatura é saber que pasa coa xente, por que se odian, por que loitan ou que senten. Eu estaba desexando estar cos personaxes. Chegaba a casa e os buscaba, ía correndo polas noites por se escapaban. Quería estar no ventre da balea. (…)”
Eli Ríos gaña o López Abente cun poemario que pretende ser “unha bomba explosiva”
Artigo
en Sermos Galiza:
“Logo de acadar a finais do ano pasado o Torrente Ballester de novela (o máis suculento dos premios en galego), Eli Ríos acaba de gañar o López Abente de poesía por unanimidade do xurado, un recoñecemento que significa moito para ela porque “é un poemario moi arriscado na forma” e “quere romper coas formalidades que hai hoxe na poesía”.
É máis, explica Ríos, “pretende ser unha bomba explosiva para dinamitar o sistema poético”. E dispara: “Vai contra esa xente que publica versos nas cuncas, versos tipo Paulo Coelho, positivistas, que pretenden vendernos que a poesía é iso. Tamén contra a xente que colle versos das mulleres e os fai propios como se fosen públicos, sen citar. Contra os que queren que a poesía sexa só academicista e dunha elite, contra aquela xente que fai análises de poéticas dos libros de muller como se fosen biografías”. (…)”
Víctor F. Freixanes: “A Galicia fáltalle un proxecto político propio que canalice o seu potencial”
Entrevista
de Xesús Fraga a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como naceu este libro [Unha ducia de galegos]?
– Víctor F. Freixanes (VF): Naceu dunha curiosidade persoal e de grupo, no entorno aquel do Burgo das Nacións, en Santiago, onde estabamos un grupo de amigos e xentes moi variadas, preocupados por Galicia e o futuro do país. Apareceran uns libros de conversas de Pániker e Baltasar Porcel e empezamos a preguntarnos, que pasa, ¿Galicia non existe? Isto que chamamos nós o galeguismo, Galicia, a nación, a lingua e a cultura, Castelao e os exiliados, ¿isto non existe? Pensei que podía facer un libro de xornalismo, no que a través dun diálogo case socrático preguntase quen somos, de onde vimos e a onde queremos ir, ordenando cronoloxicamente o relato a través de diversas figuras, do máis vello, Otero Pedrayo -a memoria do século XIX e os vellos fidalgos-, ata a xeración anterior á nosa, a do 68. Quería viaxar a través da lingua e a cultura, porque entendía que podían ser un denominador común que aglutinase rexistros diferentes: eu procuraba unha polifonía, que todo o mundo non emitise no mesmo rexistro ideolóxico ou vivencial, pero que puidesen ser representativos do que estaba pasando niso que chamamos o galeguismo, que era o que nos interesaba naquel momento.
– LVG: E agora, ¿que se acadou e que quedou polo camiño?
– VF: Teño a sensación de que non conseguimos o soño que queríamos. Non o conseguimos. Uns, porque confundimos os desexos coas realidades, e outros, porque non soubemos facer política. Porque hai xente que confunde a política coa relixión, que cren que a política é crer o que non vemos, cando a política é unha ferramenta para ir transformando pouco a pouco a sociedade, coa sociedade ao lado, contigo, non ti a corenta quilómetros alá arriba e que ninguén sabe quen es. Hai moitas persoas, nas que nós, a nosa xeración, tiñamos moita ilusión nelas e que non foron arriba. Pero non se trata de reprochar nada, porque todos somos responsables do mesmo barco. (…)
As conversas con Otero Pedrayo, Paz-Andrade, Seoane, Blanco Amor, Piñeiro, Celso Emilio, Xaime Isla, Xesús Alonso Montero, Beiras, Ferrín, monseñor Araúxo Iglesias e Carlos Casares, nas que se falaba abertamente da traxectoria do galeguismo e o seu futuro, resoaron naquel tempo, igual que hoxe o seu eco. «O libro tivo un éxito grande de entrada entre os círculos do que podíamos chamar o galeguismo, e despois unha curiosidade enorme na sociedade galega que reclamaba a vida democrática. Había unha especie de demanda social de que isto había que cambialo e ao mesmo tempo había unha fame de información: como o cambiamos, cara a onde o cambiamos, quen van ser os axentes do cambio. Aí había un descoñecemento enorme», rememora Freixanes. (…)”
Cuestionario Proust: Miguel Vázquez Freire
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Miguel Vázquez Freire:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Tratar de atopar sempre o lado positivo das cousas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade, ou sexa, estar aí cando as precisas.
4.– A súa principal eiva?
– Certa inxenuidade ao xulgar intencións e accións.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Sentirme ben comigo mesmo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Asistir impotente á dor de alguén querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– En todo momento, unha boa persoa.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame o país no que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– Non teño.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Teño debilidade polas flores ventureiras que medran soas, desde as margaridas ata as flores dos fiúnchos.
12.– O paxaro que prefire?
– Encántame o voar das pegas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño moitas prosas sagradas e decantarme por unha depende moito do que poida estar lendo ou relendo. Vale sempre a de don Álvaro Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– O mesmo que na prosa, e vale tamén Cunqueiro.
15.– Un libro?
– Se isto é un home de Primo Levi.
16.– Un heroe de ficción?
– Tom Sawyer.
17.– Unha heroína?
– Alicia (do País das Marabillas).
18.– A súa música favorita?
– Depende moito das circunstancias mais en todas as circunstancias gozo con A frauta máxica de Mozart.
19.– Na pintura?
– O xardín das delicias de O Bosco.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Pasteur, Fleming… os sabios e as sabias que puxeron os seus coñecementos a disposición da humanidade.
21.– O seu nome favorito?
– Arno.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Esaxerar os defectos dos outros, negar os propios.
23.– O que máis odia?
– O mesmo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Os feitos militares non me merecen admiración.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber cantar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sendo quen de aceptala cando chegue.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Positivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A torpeza.
30.– Un lema na súa vida?
– Cómpre sempre intentar facer o mellor mesmo sabendo que sempre se poderá mellorar.”


