Xabier Maceiras: “Recomendo a lectura de Contos mariños de Carballo porque abre camiños ao pasado e á recuperación da memoria”

Entrevista a Xabier Maceiras en Carballo a un paso:
“(…) – Carballo a un paso (C): Como xorde a idea de recoller nun libro as historias dos naufraxios acontecidos na costa carballesa [Contos mariños de Carballo]?
– Xabier Maceiras (XM): A idea xorde a raíz das investigacións levadas a cabo entre os anos 2011 e 2012 para o meu outro libro O mar de Arteixo e os seus naufraxios. Así, na procura de datos para ese traballo foron aparecendo informacións sobre o litoral de Carballo que fun recompilando para un futuro e hipotético libro, informacións que posteriormente, e logo de concretalo co Concello de Carballo, darían pé a estes Contos mariños.
– C: No libro hai unha referencia constante a fontes orais e escritas. Canto tempo durou e como foi o proceso de documentación da obra?
– XM: Como xa che comentaba, as fontes escritas empecei a recollelas en arquivos e hemerotecas para as investigacións de O mar de Arteixo e os seus naufraxios, e posteriormente para De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam. Estas informacións funas recompilando durante anos, e a partir do verán do 2015 comecei a ir polas parroquias costeiras de Carballo para coñecer á xente maior de 70, 80 e 90 anos e conseguir que me contasen eses contos mariños de lareira que escoitaban na súa casa cando eran cativos.
– C: Entre os 35 capítulos que podemos ler, houbo algunha historia que che impresionase en especial?
– XM: Unha das que máis me impactou foi a do sinistro do petroleiro “Andros Patria” acontecido en 1979 e no que, ademais da desfeita medioambiental, houbo un balance final de 19 desaparecidos, 11 mortos e 3 superviventes. Outras historias que tamén me impresionaron foron as traxedias das embarcacións pesqueiras como a catástrofe do “Princesa de Asturias”, acontecida en novembro de 1910 na que afogaron 10 mariñeiros; ou a máis recente dos “Tonechos”, con 9 víctimas afogadas nos Baixos en outubro de 1991. (…)”

Xan Fernández: “As lendas non son cousas de vellos”

Entrevista a Xan Fernández Carrera en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿En que se inspirou para escribir o libro Lendas da Costa da Morte?
– Xan Fernández Carrera (XFC): A historia deste libro xa vén de atrás. En Coristanco faciamos moitos traballos de investigación e de recollida de cultura popular cos rapaces e nesa recollida atopábanse as lendas. Sempre tiven curiosidade por estes relatos porque aparentemente parece que son historias que non teñen moito sentido, pero teñen moita máis profundidade do que parece. A raíz diso, comecei a ler cousas de outras zonas da Costa da Morte, a ler libros de Alonso Romero, que escribe moito sobre as lendas, e outros autores. Funme animando a recompilar as lendas, a entrevistar á xente doutros sitios, recollendo relatos… E logo vin que podía darlle corpo de libro. Hai dous anos que empecei a redactalo e non contaba con que estivese listo para a Praza dos Libros. (…)
– LVG: ¿Que podemos atopar no libro?
– XFC: O libro vai todo sobre lendas. Está clasificado tematicamente en 8 apartados: pedras, augas, montes, furnas, covas e túneles, flora e fauna, restos históricos, lendas haxiográficas e outras lendas. Cada apartado ten unha introdución, onde se vai falando un pouco en que consiste cada tema. Unha vez que se fai esa presentación, vanse redactando as lendas que hai na Costa da Morte referidas a cada apartado. (…)
– LVG: ¿Están todas as lendas recollidas ou pensa en facer outro libro no futuro??
– XFC: Non se fixo un traballo de campo minucioso porque para iso habería que ir parroquia a parroquia. En cada pedra ou fonte pode haber unha lenda. Non están todas recollidas. De Coristanco e de Carballo hai máis e doutros sitios hai menos. Tratei de que todas foran representativas. Os temas están todos recollidos, pero non todas as lendas.
– LVG: ¿Cal é o obxectivo da publicación deste libro?
– XFC: O importante é que esas tradicións non se perdan. Que queden aí recollidas. Colaborar a ese traballo de conservación porque isto vaise coas xeración e vai desaparecendo a tradición oral. Pretendo que os lectores coñezan esta riqueza, que vexan que as lendas non son cousas de vellos. Dánnos unha visión de como era a sociedade antiga. (…)”

Entrevista a Eli Ríos

Desde O recuncho do lector:
“O outro día desprazámonos á Feira do libro de Vigo para ir a sinatura de Eli Ríos quen, ademais de asinar un dos seus libros, respondeunos un par de preguntas.
Aquí tedes o audio da pequena entrevista que fixemos este xoves na feira do libro de Vigo.
Dende aquí agradecer á Libraría Cartabón que nos avisasen e á autora por responder as preguntas e asinar o exemplar que levamos.”

Suso de Toro: “Como autor, son moi existencial. Trato temas moi radicais, con distintas estéticas”

Entrevista de Montse Dopico a Suso de Toro en Praza:
“(…) – Praza (P): En Humildar explicas que a palabra significa tornarse humilde. Moderar a soberbia, aceptando a vida como é.
– Suso de Toro (ST): Francisco Macías editárame hai anos un libro que se chamaba FM. A FM supuxera un cambio tecnolóxico importante: era a radio máis viva, máis dinámica que había naquel momento. O medio de comunicación máis directo. Por iso o título. Así estaba a estética que practiquei nos 80, que mesturaba o mundo no que vivo co desexo de ultrapasalo, de entrar noutra fase da Historia e da miña vida.
Despois houbo outro libro, Parado na tormenta, que falaba do mundo da modernidade construído pola civilización occidental. Era froito da reflexión intelectual e de algo ao que lle dou moito valor, que é a experiencia. Pois iso mesmo é Humildar, e por iso está escrito desde un punto de vista tan persoal. Eu penso que escribir un libro coma este é arriscado, no sentido de que é vulnerable á ironía, aos discursos tópicos da modernidade. Eu dicía, xa desde hai anos, que me gustaría escribir un libro de oracións para agnósticos. E iso tentei facer. A motivación chegou porque había unha xente que quería facer un documental sobre min, e como eu dixera hai 7 anos por Sant Jordi que deixaba a profesión de escritor, precisabamos un libro para que eu volvese a Sant Jordi, como eles querían. Precisaba escribir un libro breve, e púxenme con Humildar. (…)
– P: Cal era o teu proxecto, entón, nos anos 80? Para os que non o lembramos, que eramos pequenos entón.
– ST: Sendo adolescente imaxinei unha figura do autor do século XX, en relación coas estéticas de Joyce, Beckett, Faulkner… En diálogo cos autores da modernidade, sobre todo os anglosaxóns, e tamén coa narrativa francesa da época. Aos 16 anos gañei un concurso literario, e nunha entrevista que me fixeron dixen que eu quería modernizar e actualizar a literatura galega.
Parecíame que había unha contradición entre o mundo daqueles que eran os meus referentes literarios e a literatura galega, -tendo en conta que si había literatura moderna, pois estaba a Nova Narrativa Galega-. Era consciente de que tería un problema para encaixar a miña obra no que se facía normalmente, naquel momento, en galego. Pois non se entende o que fixen despois, tras anos de militancia política, nos anos 80, sen ese proxecto da adolescencia, coa súa arrogancia e o seu ímpeto de xuventude. Xa o decidira 10 anos antes. Pero non sei se debería contar todo isto, que despois sitúate no medio da crítica… (…)
– P: Nunha entrevista sobre Sete palabras dicías que entendías a vida a través da literatura. Toda a vida é literatura, entendida como argumento, comentabas. Por que?
– ST: Ten que ver co que dicías antes da palabra. A palabra é o que nos distingue, como especie, dos nosos irmáns, os simios. A palabra é o que nos separou da natureza, e penso que a literatura pode ser un camiño para religarnos de novo ao mundo. Cando presentabamos Trece badaladas, eu dicíalles aos editores que podiamos presentalo coma un libro relixioso. Pero non se pode facer iso, porque a Igrexa católica perverteu tanto o significado da palabra relixión, que se dis iso veñen os malentendidos. (…)”

Eva Mejuto: “Impactoume o sufrimento das crianzas trans”

Entrevista a Eva Mejuto en Sermos Galiza arredor de 22 segundos:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Ti defendes que a literatura serve para axudarnos a entender a vida. Sen embargo, saíron voces críticas que dicían que na cultura galega hai exceso de literatura de valores e defecto de literatura a secas. Como ex editora e escritora, que opinas?
– Eva Mejuto (EM): A literatura é certo que ten que estar ben contada: personaxes ben construídas, unha acción, unha trama, que sexa crible, etc. Iso é fundamental, pero iso non quere dicir que non poida ter outras características: pode servir para entreter, para evadirse, para inventar mundos que non existen… pero sempre serviu tamén -e para min sempre servirá- para coñecernos primeiramente a nós mesmos e logo o mundo que nos rodea. E para min ese debate é absurdo, porque unha cousa non está ‘reñida’ coa outra. Se unha historia está mal contada non funciona, porque non vai conseguir aquilo que se pretendía. Pero os valores son intrínsecos, ti cando contas unha historia contas tamén unha ideoloxía, uns valores… Estas historias de fantasía, Harry Potter, etc. non están exentas de valores, aínda que non estean tan evidentes. Tamén conlevan comportamentos e roles de xénero. Un libro ten que estar sempre ben construído, ten que ser estimulante, ten que retar á persoa que o le, pero iso non quere dicir que non poida levar consigo ideas, valores e ferramentas que che axuden a ter unha perspectiva crítica da sociedade para que aprendan a pensar por si mesmos.
– SG: Esta é a túa primeira novela xuvenil, pero creo que tes máis proxectos na gaveta, o que quere dicir que chegas para quedar. Que nos podes contar dos teus vindeiros proxectos?
– EM: Si que é certo que teño moitas historias gardadas e teño gana de contalas. A verdade é que hai aí unha historia escrita, só lle faltan unhas voltiñas, e tamén teño un proxecto para público mozo que ten que ver coa recuperación da memoria. Si que me gustaría falarlles aos rapaces de partes do noso pasado que penso que non están contadas de todo, non aparecen nos libros de historia oficial e probablemente eles xa non teñan contacto con xente que o viviu. Estou agora nun proceso de investigación de varias historias que van acontecer en distintas épocas. Basicamente acontecen en distintos momentos da historia do noso país, vai nesa liña do que me apetece escribir. Tamén ten que ver coa tese de doutoramento á que lle dediquei moitos anos, que vai da literatura infantil como ámbito para o testemuño, e supoño que iso me influiu moito á hora de analizar os libros infantís. E resulta que unha das cousas que descubrín nos álbums ilustrados é que había moitos máis libros sobre a II Guerra Mundial que da Guerra Civil. Logo aparecen libros de texto que din que Lorca morreu accidentalmente, así que paréceme importante contar a historia desde distintas perspectivas. Había unha profesora vasca que dicía que ás veces a ficción serve para encher os baleiros da historia oficial, e esa idea gustoume moito. (…)
– SG: Como creadora e ex editora, como ves a industria editorial galega, que parece que non despega?
– EM: Unhas van e outras veñen. Eu veño de estar na pasada fin de semana na Festa dos Libros de Pontevedra e a verdade é que foi fantástico, con moito público, moitos libros, moitas librarías… Se cadra é unha illa, pero cando ves que hai lectorado, libros de calidade…. dá moito ánimo. Pero si que é certo que o sector leva pasando por unha etapa complicada máis tempo do que se debera. Houbo editoras e librarías que quedaron no camiño, e cunhas políticas públicas que non o fan demasiado ben, entón é complicado e duro, así que as editoras teñen que controlar bastante o que editan porque hai que minimizar riscos. Por iso é tan importante a literatura infantil e xuvenil, porque crearmos lectores novos é fundamental. Ou nos aseguramos que temos unha produción que atope un público ou a cousa complicase moito. Eu teño esperanza, pero co realismo de saber que o sector está a sufrir moito. Pero, por outra banda, hai creadores e creadoras fantásticas, un caldo de cultivo interesante e creo que fan falta iniciativas que unan esa produción literaria co público interesado, ademais de formar para que o resto do público se achegue, que hai moito reality na televisión e moita Internet, que ocupa tempo de máis, e esquecemos o importante que son os libros na nosa vida para conformármonos, para formar o noso pensamento e tamén para reflexionar. Hai que pararse neste mundo tan rápido. O tempo de parar, de poñerse a ler, de gozar e de pensar é algo que como sociedade temos que replantexarnos.”